Onte 1237: Agustín ao Nóbel

agustin_premio_iberoamericanoChamoume a atención o escaso eco que onte tivo nos medios a candidatura de Agustín Fernández Paz ao premio Nóbel de literatura presentada pola AELG. O nome do autor de Contos por palabras engádese aos de X.L. Méndez Ferrín e Luz Pozo Garza na nómina das candidaturas da literatura galega ao premio que outorga a Academia Sueca cada ano a comezos do mes de outubro. Sen dúbida, Agustín é o noso autor infantil e xuvenil máis coñecido, traducido e premiado internacionalmente, tanto polo número das súas traducións como polo feito de ter recibido o premio Iberoamerciano e ser candidato en numerosas ocasións aos premios Astrid Lindgren e Andersen O feito de que agora sexa presentado tamén como candidato ao Nóbel supón un fito extraordinario na súa traxectoria autoral. En todo caso, sei que alleo a todas estas cuestións, Agustín Fernández Paz continúa traballando arreo na soidade do seu estudio para ofrecer novas e mellores entregas aos seus lectores e lectoras de todo o mundo. A comezos de mes de abril, con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, en Xerais publicaremos na colección Fóra de Xogo A neve interminable, un libro de intriga que coincide co vinte aniversario de Cartas de inverno. Antes do verán está prevista a publicación d’ O misterio da Illa Negra, un volume para a serie de 8 anos en diante da colección Sopa de Libros, no que colabora co seu amigo Miguelanxo Prado, outros dos nosos grandes internacionais. Parabéns a Agustín e gratitude aos responsables da AELG por preparar tan importante candidatura.

Onte 1233: «Escarlatina» na lista de honra do IBBY

ledicia_costasRecibimos con satisfacción a noticia da elección de Escarlatina. A cociñeira defunta de Ledicia Costas para formar parte da Lista de Honra do IBBY do bienio 2015-2016. Recoñécese outra vez un deses textos literarios, que ademais de merecer o premio Merlín 2014 de literatura infantil e o Fervenzas ao mellor libro infantil do ano, está recibindo unha acollida calorosa entre os lectores e lectoras novos, xa que en cinco meses van xa tres edicións e varias ducias de encontros en bibliotecas escolares do país. Xaora, este fulgor de Escarlatina é o propio dunha novela nacida con vontade de clásico infantil contemporáneo, sexa pola orixinalidade da súa proposta temática e estrutura narrativa, onde a cociña e o inframundo teñen grande protagonismo, como pola súa sutileza para abordar a relación da rapazada coa morte e co auténtico valor da vida. Aledámonos do éxito de Ledicia Costas, unha das narradoras máis destacadas e máis versátiles da Xeración da Esperanza, que na primavera publicara en Xerais Narrativa Un animal chamado Néboa. Ogallá teña azos e medios para viaxar en agosto de 2016 a Auckland, nas antípodas, para recoller o diploma do IBBY. Beizóns!!!

Onte 1219: «Ranilda» ou o audiovisual no CEIP A Lama

CEIBE_2013Foi onte Seso Durán quen me abriu os ollos sobre o extraordinario traballo audiovisual que se ven realizando no CEIP A Lama. Abonda con visitar o web da biblioteca escolar, «O recanto do Leo», ou a súa páxina en Vímeo para quedar abraiado e engaiolado polas pezas producidas polo alumnado e profesorado deste centro público situado ao pé da Serra do Suído. Se Ranilda, unha curta de animación en Stop Motion, é impresionante, A escaleira deixounos coa boca aberta. Outro tanto sucedeu coas pezas que forman parte do Proxecto de Documental Integrados, «Ríos e praias en boas mans» ou «Sementa ideas, recolle futuro», nos que todo o centro traballa as competencias básicas contando coa biblioteca escolar como centro de recursos ao servizo do currículo. Un traballo recoñecido con diversos e importantes premios que demostra a potencialidade transformadora da innovación didáctica cando está inserida nun proxecto comunitario. Emocionante saber desta experiencia de escola galega, fachendosa do emprego da lingua de noso, arraizada na terra e na utilización das ferramentas comunicativas do noso tempo. Xaora, enxergando esperanza. A comunidade educativa do CEIP A Lama merece a nosa beizón e gratitude.

Onte 1215: «Birdman»

sq_birdman_ver2O éxito de Birdman ou (a inesperada virtude da ignorancia) e as súas nove nominacións aos Óscar explícase pola súa capacidade para actualizar o debate entre o éxito e o fracaso artístico ou, en termos máis xerais, entre a industria cultural do lecer e as belas artes. Empregando a ollada dunha sátira poética, Iñárritu esculca nese conflito tan vello como o propio cine, o da identidade (alma) do artista. Riggan é un actor veterano que tras a celebridade acadada como protagonista de varios taquillazos de cine de acción asume o reto de dirixir e protagonizar en Broadway unha adaptación teatral dun dos contos de Raymond Carver, «De que falamos cando falamos do amor». Unha empresa moi arriscada, case imposible, tanto dende o punto de vista humano como artístico, xa que na actual sociedade da emulación as redes sociais teñen moito maior influencia ca crítica cultural, sendo capaces de avalar ou enterrar cada un dos proxectos teatrais, cinematográficos ou literarios que tocan.

A intensidade narrativa da primeira parte da película, –baseada en grandes interpretacións dos protagonistas, reforzadas por un único plano secuencia e un ritmo de batería de jazz, ambos os dous moi sedutores para o espectador– vaise esvaecendo na segunda até crebarse nunha resolución fallida e inverosimil, por moi surrealista ou de realismo máxico que o director mexicano pretenda. Xaora, cando vemos ao protagonista voar sobre Nova York é inevitable lembrar Cos pés no aire, a gran novela de Agustín Fernández Paz, o que constitúe unha bafarada de optimismo e fachenda. Con todo, máis alá da impecable factura formal, quizais o mellor de Birdman sexa a ruptura das fronteiras entre traxedia e comedia, o que constitúe un reto interpretativo para o espectador máis curioso.

Onte 1208: «Boyhood», indagación sobre o cine e o tempo

Boyhood_filmQuedei hipnotizado con Boyhood, case tres horas de cine inesquecible, capaz de reinventar o que entendemos por esta expresión contemporánea das belas artes. O tempo como tema, a infancia e a adolescencia como argumento, a familia e a educación como marcos e o work in progress como fórmula de escrita dun guión aberto ao diálogo co seu tempo alicerzan este proxecto narrativo tan singular como memorable. Doce anos tardou Richard Linklater en seguir o nobelo de Mason, dende os inicios da escola primaria até abandonar os tempos da incerteza, ao que non foi alleo o compromiso co proxecto do cadro de actores, tanto dos rapaces como dos seus pais, aos que vemos medrar e envellecer na pantalla mentres dan vida a cadanseu personaxe. Unha historia humilde, sinxela, sen mortes nin perdas, sobre a conquista do cotián, na que se desmitifica a infancia como territorio do perdido, esquecido ou soñado.

En Boyhood o tempo non é memoria nin nostalxia nin sequera saudade. O tempo é apenas a materia prima da vida, fugaz, mutante, esvaradía coma area da praia do Vao entre as nosas mans. O tempo é aquí apenas o espazo de construción da identidade, a do relato que nos define. A vida en si mesma é o grande e único acontecemento que merece ser celebrado. A vida concibida como momentos ganduxados no relato autoconstruído por cada persoa, mais tamén como indagación permanente sobre cales son os límites da verdade e da mentira.

Esta indagación aparece na conversa dos pequenos co pai no coche cando repasan os momentos da semana que merecen ser contados. Secasí, regresa no cuarto escuro do instituto, onde Mason e o seu profesor de arte esculcan os límites do futuro. Cadora na despedida do apartamento da nai, a escena máis conmovedora da metraxe, onde ela con apenas corenta anos lamenta a finitude e o propio sentido da súa vida. E na conversa derradeira enxergando o horizonte do canón, onde Linklater deita, por fin, despois de 160 minutos un aceno lixeiramente optimista. Cine que indaga no tempo. Tempo que reinventa o cine.

Como sucede na autoficción literaria contemporánea, Linklater cunha elegancia e sinxeleza extraordinarias cuestiona os límites de ficción e realidade, sendo a súa narración a que dende as marxes, sen intención ningunha de retrato sociolóxico, ofrece sentido ao relato das vidas comúns, sen acontecementos extraordinarios, desta familia de Texas de comezos do século XXI. Boyhood é unha película sobre as vidas de infancia, como o libro de Manuel Rivas; mais tamén sobre o papel da familia e da educación na procura da autonomía, esa conquista da liberdade da que falaba Paulo Freire.

Mención á parte merece a marabillosa banda sonora, que require unha análise devagariño. No entanto, quedo con «Hero», unha balada de Family of the year, utilizado nunha das escenas máis memorables da película. Poucas veces recomendo máis vivamente acudir o cine e deixarse levar (sen prexuízos) por unha candidata (con aparencia indie) aos Óscar 2015.



Onte 1205: Volven os premios

O calendario do novo ano vai enchéndose amodiño de compromisos. Ademais de ir concretando os actos do primeiro lanzamento de novidades, nos últimos días coñecín o que serán algunhas das datas dos premios literarios 2015. O venres 13 de marzo celebrarase en Pontevedra «A Noite da Edición», na que os membros da Asociación Galega de Editores daremos a coñecer os nosos premios aos mellores libros editados en 2014. O sábado 28 de marzo serán os Irmandade do Libro da Federación de Libreiros. Tamén antes do 31 de marzo, farase público o ditame da XVIIª edición do Premio de Narrativa Ánxel Fole do concello de Lugo. O sábado 6 de xuño, os Premios Xerais, dos que onte publicamos as bases das súas tres modalidades, Merlín de literatura infantil, Jules Verne de literatura xuvenil e Xerais de de novela. E mesmo xa coñecemos que o xantar dos Premios da Crítica Galicia celebrarase desta volta o 7 de novembro e o Culturgal do 4 ao 6 de decembro. Agardemos que sexa un ano de colleita cultural excelente.

A forza dos públicos

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío dos éxitos recentes de produtos culturais galegos e da celebración de Culturgal 2014, reflexiono sobre a importancia dos públicos na industria cultural galega.

Do 23 ao 25 de novembro de 1989, tres noites de estrea no desaparecido cine Fraga mudaron a historia do cine galego e marcaron un fito na cultura e lingua galegas. Foron as de “Sempre Xonxa”, a película do admirado Chano Piñeiro, protagonizada por Uxía Blanco, “Continental” de Xavier Villaverde e “Urxa” de Carlos López Piñeiro. Tres longametraxes que iniciaban a fantasía de contar cunha industria cinematográfica propia, proxecto polo que apostou economicamente a Xunta de Galicia entón presidida por Fernando González Laxe e da que era conselleiro de Cultura Alfredo Conde. Dende aquelas estreas gloriosas que encheron a platea do Fraga producíronse en Galicia 160 longametraxes, sendo o período do máximo fulgor o primeiro lustro, no que se chegaron a estrear case trinta películas, como repasa a exposición “Cinegalicia25”, inaugurada hai poucos días no terceiro andar do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.

PRESENTACIÓN DE "A ESMORGA" EN EL FESTIVAL DE CINE DE OURENSENun contexto moi diferente, mais con idéntico entusiasmo do público, produciuse a semana pasada a estrea comercial da nova película de Ignacio Vilar, “A esmorga”, que adapta o clásico homónimo de Eduardo Blanco Amor. Un éxito rotundo de público para unha película en galego, producida ao cen por cen no país, capaz de convocar (e emocionar) na primeira fin de semana a dez mil persoas nas diferentes salas galegas, o que supuxo fose a segunda con maior recadación media por copia en toda España. Éxito do que goza tamén “Costa da Morte”, a película documental de Lois Patiño, que durante o último ano leva participado en máis de setenta festivais nos cinco continentes, recibindo unha interminable relación de premios, iniciada no Festival de Locarno, e consolidando o fenómeno artístico do “Novo cinema galego”, termo utilizado por revistas como “Cahiers du Cinéma” para referirse á xeración de cineastas á que pertencen Xurxo Chirro, Oliver Laxe, Eloy Enciso, Xacio Baños, Peque Varela, Marcos Nine, Ángel Santos, entre outros.

Mais o do cinema non é o único caso de éxito da produción cultural galega actual. O grupo Chévere obtivo esta semana o premio nacional de teatro, o máximo galardón do Ministerio de Cultura, recoñecendo así a súa traxectoria na que ofreceron unha proposta artística potente de creación colaborativa, innovadora e crítica, na que tanto os seus espectáculos na sala Nasa como os máis recentes en distribución, como “Citizen” ou “Eurozone” (que o venres agotou as entradas no Auditorio do concello de Vigo), sempre contaron co apoio do público. O mesmo sucede coas funcións doutras compañías teatrais galegas como Voadora ou Abapalabra creacións escénicas, a promotora da celebradísima “As do peixe”, ou dos monólogos de Cándido Pazo, Celso Sanmartín e Carlos Blanco, acompañado por Luís Davila, o creador do Bichero de “Faro”, debuxando en directo, que triunfan por Galicia adiante. Outrosí sucede nas presentacións das últimas novidades literarias, como as de Fina Casalderrey, Ledicia Costas, María Reimóndez, Suso de Toro, Diego Ameixeiras, Francisco Castro ou Pedro Feijóo, que convocan o interese de centos de persoas, ou os concertos de música infantil de Magín Blanco, Paco Nogueiras, María Fumaça ou Mamá Cabra, esoutro fenómeno creativo no que a industria cultural galega abre novos vieiros. Sen esquecer a potencialidade da creación de produtos dixitais como “creAPPcuentos”, unha aplicación para android e ios que permite aos pequenos a creación de contos e historias de forma intuitiva, desenvolvida por unha empresa tecnolóxica viguesa e recoñecida internacionalmente. Nin por suposto a vizosa diversidade da actual produción musical galega, que nas últimas décadas abriu públicos máis alá da música tradicional, con propostas recentes tan interesantes como as do Taller Atlántico Contemporáneo, Germán Díaz, Caxade, Guadi Galego ou a dos compositores Fernando Buíde e Juan Eiras…

Espectáculos, artistas e produtos que por ventura contan co apoio dos seus públicos (nuns casos máis amplos ca noutros) nun tempo moi adverso no que, a pesar da importancia económica e o elevado nivel de emprego do sector cultural, practicamente se derrubaron as políticas públicas de apoio á creación e difusión desenvolvidas ao longo do período autonómico. Neste entorno de ruína das políticas públicas e de tránsito entre os soportes da distribución dos contidos, o futuro da industria cultural galega xógase na súa capacidade en gañar espazos de visibilidade e prestixio e na de fidelizar de forma corresponsable aos seus públicos. Eis a importancia de eventos potentes como Culturgal, a feira das industrias culturais, que se celebrará nesta fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde se atoparan creadores, produtores, distribuidores e os públicos diversos da nosa industria cultural.

Onte 1158: Chévere, premio nacional

1417011375_588648_1417036975_noticia_normalA noticia da concesión a Chévere do premio nacional de teatro é magnífica, sobresaliente. Recoñécese a creatividade, capacidade de innovación e risco dunha compañía teatral en lingua galega capaz de resistir cunha proposta artística potente, creada en man común, no entorno da crise e da anemia brutal das políticas públicas no eido das artes escénicas. Os seus traballos máis recentes, o espectáculo Citizen, polo que gañaron o Premio da Crítica Galicia 2011, como Eurozone, polo que foron finalistas este ano, amosan a súa capacidade para conectar co público, probablemente acuñada nas numerosas representacións que realizaban na Sala Nasa, a que fora pechada pola miopía reaccionaria daquel alcalde de Compostela, que por ventura ninguén bota en falta. Este nacional tamén é dalgunha maneira un premio, unha luzada para todo o sector do teatro profesional galego, dende as súas compañías aos actores, actrices e persoal técnico, que nestes anos están vivindo os seus momentos máis críticos. Parabéns, Chévere, polo voso talento e compromiso!!!

Onte 1156: Pontevedra premiada en Dubai por ONU-Habitat

543e9861e2-aereas-pontevedra-_097O modelo urbano de Pontevedra foi recoñecido co Premio Internacional Dubai polas súas boas prácticas en materia de mobilidade e accesabilidade. Este recoñecemento outorgado pola capitalidade dos Emiratos Árabes, en colaboración con ONU-Habitat, considera que a transformación da cidade pontevedresa na última década e media, promovidos pola alcaldía de Miguel Anxo Fernández Lores do BNG, é un modelo para facer «unha cidade centrada nas persoas». A peonalización do centro histórico, a limitación da velocidade na cidade a 30 km/h, a creación de sendas peonís e ciclistas ou o saneamento do/a río/a son algunhas das medidas agora recoñecidas, sendo ese premio dos seis outorgados o único obtido por unha cidade europea. Os responsables desta pacífica revolución urbana, que o noso admirado Francesco Tonucci definiu como «a de facer a cidade para a infancia», merece todos os parabéns. Pontevedra boa vila, si señor!

Onte 1153: Construír Culturgal

Culturgal_21-11-2014

Presentamos onte diante dos medios o programa de Culturgal 2014. 70 expositores, 150 actividades literarias, musicais, teatrais, artísticas e formativas destinadas a públicos diversos artellan o eixo do programa de tres xornadas moi intensas nas instalacións do Pazo da Cultura, Auditorio e recinto feiral de Pontevedra. Un programa concibido coa intención de ampliar o perímetro de Culturgal dende a corresponsabilidade dos diversos sectores das nosas industrias culturais e do patrocinio das administracións públicas e entidades privadas.

Entre as novidades do programa dunha feira, sempre con vontade de sorprender e innovar, saliento as dúas grandes exposicións de artes plásticas e visuais (Do papel ao xesto e XX anos de Bravú), o deseño dunha programación específica para bebés e dun espazo para lactancia, a introdución de actividades de gastrocultura, a potenciación da programación cinematográfica, as ceas temáticas no recinto feiral, o vermú cultural do domingo (ao que convidamos a 26 asociacións profesionais dos diversos eidos da cultura do país), emisión de programas do Diario Cultural da Radio Galega (premio do público) e Discópolis de Radio 3 en directo, o concerto de Caxade, a presentación dos novos discos de Magín Blanco, Guadi Galego, María Fumaça, Cantares do Brión, Maghua, o concerto da banda dos cueiros, a presentación da App Contacontos, o foro de Crowdfunding e Coworking, os encontros de editores con bibliotecarios e profesorado, ou as conversas literarias con Helena Miguélez, María Reimóndez, Suso de Toro, Xurxo Souto, Alberto Ramos, Fran Alonso, entre outros autores e autoras.

Un programa que iremos debullando con maior detalle nos vindeiros días, concibido para públicos e audiencias específicas, mais tamén moi vencellado ás novidades que os expositores ofrecerán nos seus stands. Culturgal como un espazo de todos e todas, interxeracional e transversal, horas de ledicia e entusiasmo para compartir sintagmas de simpatía e afecto para a nosa lingua e para as nosas artes. Propoñemos construír Culturgal para reforzar o papel e a independencia das industrias culturais propias. Un Culturgal alicerzado sobre a forza dos seus públicos e sectores profesionais. Convido a compartir o programa e solicito axuda para difundir na rede esta convocatoria. Culturgal no pazo da Cultura de Pontevedra do 5 ao 7 de decembro.