Onte 544: O galego, materia troncal

Por moito que lamentemos o inicio dos trámites por parte da Xunta de Galicia para recorrer diante do Tribunal Supremo a sentenza do TSXG sobre o decreto de plurilingüismo, non podemos esquecer o risco que supón que no anteproxecto da LOMCE a lingua e literatura galega non sexa considerada como materia troncal no currículum da ESO e do Bacharelato. Na última versión da chamada «Lei Wert», presentada a ditame do Consello de Estado, as linguas cooficiais na Educación Secundaria quedan incluídas dentro do bloque de «asignaturas de libre configuración autonómica», perdendo a súa condición de materia troncal, que pola contra conservan a lingua castelá e a primeira lingua estranxeira. De non modificarse no trámite parlamentario esta consideración, podería ter importantes consecuencias á hora da realización das reválidas ao remate da ESO e do Bacharelato, onde para o alumnado só sería obrigatorio examinarse das materias troncais, contando con posibilidades de elección entre o resto das materias específicas e optativas. Non hai dúbida de que a lingua e literatura galega debe formar parte do núcleo de materias obrigatorias nestas probas finais de etapa. O contrario, a pesar de contar coas mesmas horas lectivas ca o castelán, provocaría outro gravísimo retroceso no estatus educativo da lingua galega.

Publicado en Galicia Confidencial.

Onte 541: #QueSeLixeATroika

As grandes manifestacións de onte en Portugal amosan a indignación dunha maioría social farta da política de austeridade imposta pola Troika e polo goberno de Passo Coelho. Convocados apenas por internet –utilizando  un blog, Fb e Twitter, baixo o hastag #QueSeLixeATroika e os lemas «Queremos as nossas Vidas» e «O povo é quem máis ordena»–, o millón e medio de persoas que ocuparon as rúas das cidades portuguesas, probablemente nas máis importantes manifestacións da súa historia recente, aprobaron unha Moción de Censura Popular, un chamamento á romper coas políticas nefastas de devaluación interna que empobrecen aínda máis aos humildes e remata coa democracia. O que sucedeu onte en Portugal amosa, ademais, a crise da lexitimidade dos partidos de goberno que minten á cidadanía e incumpren sistematicamente o que prometeron. Neste triste proceso, Portugal vai un ano por diante nosa. Aconsello reparar nas fotos e nos vídeos, identificando os textos das pancartiñas, onde non aparecen (ou polo menos eu non os vin) emblemas e insignias dos partidos de esquerda tamén presentes na convocatoriaEmociona escoitar outra volta  «Grândola vila morena» no Terreiro do Paço. Dá moito que pensar, un pobo que non se resigna.


Onte 538: Temperanza

Tras a tempestade provocada polo anuncio da demisión de Ferrín, e a súa inevitable xeira de artigos e declaracións interpretativas e algúns disparates galegófobos, urxe recuperar a temperanza, ben como «capacidade ou virtude de moderar os instintos, desexos ou paixóns» ou como «equilibrio na forma de actuar». Sexa entendida como moderación ou como equilibrio, esta actitude é indispensable para os membros da Academia á hora de reorientar e modernizar en profundidade o seu modelo organizacional, mais tamén para todas as persoas que opinamos sobre o acontecido (con máis ou menos criterio e fundamento). Os numerarios da RAG teñen a responsabilidade e a obriga moral de continuar construíndo este proxecto da nación a partir dos numerosos logros de Ferrín e do seu equipo directivo, dende o compromiso inequívoco co idioma, a consecución dun financiamento xusto á altura doutras entidades semellantes até a actualización da institución ao paradigma da comunicación dixital e a súa interlocución interxeracional coa sociedade. Non esquezamos que estes días está en xogo o prestixio e credibilidade dunha das nosas primeiras institucións nacionais.

Onte 534: Madrid 2003

Alguén esqueceu aquel 23-F de 2003 cando viaxamos a Madrid? Aquela manifestación do Prestige marcounos xeracionalmente. No caso noso, a foto do grupo dos compañeiros e compañeiras de Xerais coas súas familias termando da pancarta co palíndromo de Gonzalo Navaza («Sós no mar do dramón, só nós sós») é o único documento que se mantivo permanentemente no taboleiro contra vento e marea durante toda a década. Como a bandeirola plástica de Nunca máis continúa no frontal da porta de entrada testemuñando o noso compromiso coa verdade. A lembranza daquel esforzo de dignidade aínda alampea, nunca o veremos morto.

Onte 530: A confesión do electricista

A confesión que José Manuel Fernández Castiñeiras, “Manoliño do Rego”, o electricista acusado de roubar o Códice Calixtino, escrita da súa propia man e presentada diante do xulgado de instrución de Santiago, é un relato tremendo, impresionante sobre o que “víu e vivíu” na catedral de Santiago, para el “unha areíña” do moito que coñeceu alí ao longo de máis de tres décadas. Tras a súa caligrafía vacilante, Castiñeiras relata os amores, os odios, os ciúmes e as chantaxes que el coñeceu no entorno catedralicio, un relato moito máis audaz co da sorprendente novela publicada hai un par de semanas por Vázquez Taín, o xuíz instrutor do caso. Rematada a traballosa lectura da confesión, entendín que este axuste de contas do electricista co deán e a denuncia de que “roubaban diñeiro todos” na catedral non achega novidades substanciais no caso, aínda que axude a entender motivacións e comportamentos dos seus protagonistas. A realidade e a ficción facendo cambadelas. Quedei parvo.

Onte 529: Trasacordo afortunado

Un equipo de fútbol profesional crea un espazo simbólico facilitador dos soños e afáns dos seus seareiros. Mais tamén é unha comunidade de convivencia de milleiros de persoas que, por riba das súas preferencias ideolóxicas e diferenzas xeracionais, asumen anceios compartidos. Aí, quizais, radica o celme da identidade de cada equipo que «sempre é máis ca un club».

Menos mal que o Celta trasacordou sobre a marcha, no mediodía de onte, e Salva Ballesta non acompañará a Abel Resino como segundo adestrador. Un alivio!, xa que a presenza no banco de Balaídos dun individuo tan intolerante e de ideoloxía antidemocrática só agoiraría moitos conflitos e o deterioro do proxecto social e comunitario do noso club. Sería incomprensible para unha afección tan pacífica e lírica coma a celeste que despois de prescindir dunha persoa entrañable e acolledora, como foi Paco Herrera, ocupase o banco do Fragoso un fanático de extrema dereita (de quen non se sabe que o queiran noutro equipo) disposto a darnos cumpridas leccións da súa «españolidade» fetén.

En todo caso, tras o trasacordo afortunado, ao que non foi alleo a rápida mobilización dos seareiros nas redes sociais, dá noxo que boa parte dos medios da vila e corte («dos milagres») ataque de forma feroz ao Celta pola súa decisión lexítima, coma se o noso club non tivese o pleno dereito de escoller a súa identidade e reclutar con plena liberdade aos seus colaboradores. Agardo que Abel Resino teña moita sorte, a pesar dun comezo na súa andaina tan pouco prometedor.

Onte 524: «Chamamento polo galego»

Asinei o «Chamamento polo galego» solicitando que a Xunta acate as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o decreto de plurilingüismo de 2010.  O anuncio de iniciar os trámites para presentar recurso de casación diante do Supremo (un tribunal alleo a Galicia, que xulgaría unha materia de competencia exclusiva da nosa autonomía) é un xesto inadmisible de inequívoca intencionalidade política por parte dos responsables da Xunta de Galicia. De chegar a facelo, Feijoo amosaría a súa vontade partidista de non rectificar un decreto contestado pola cidadanía e que non foi avalado polo TSXG. Como sinala o «Chamamento polo galego», un texto plural e apartidario, apoiado inicialmente por case dous centos de cidadáns,  «o que ao idioma galego lle cómpre son políticas activas de apoio e promoción no ensino e nos demais ámbitos, políticas que deben fundarse nun amplo consenso político e social, como o plasmado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004».

Onte 523: A tristeza de Beiras

Grazas a You tube puiden ver á noite algunhas das intervencións do pleno do Parlamento galego en xornada pouco axeitada como a dun martes de entroido. Os dous discursos de Beiras, senllas pezas oratorias tan amargas coma luminosas, expresaron o seu profundo desacougo polo que denomina «dexeneración do Parlamento de Galiza». E polo visto e lido sobre o que ocorreu onte na cámara hai razóns abondas para a preocupación expresada polo líder de Anova.

A expulsión dun parlamentario de AGE na sesión da mañá, como hai quince días foi o intento de impedir a presenza na bancada dos convidados dos grupos da oposición, como o rigor extremo da presidencia na interpretación do regulamento con respecto aos deputados da oposición, son síntomas dun clima parlamentario áspero, froito da preocupación dos responsables populares da Mesa (como entendo do propio Goberno Galego) pola presenza e protagonismo na cámara dos grupos nacionalistas, especialmente de Beiras e dos seus «descoñecidos» deputados E non lles falta razón aos conservadores, xa que por moito que pese ao BNG e PSdeG-PSOE, nesta lexislatura a entrada dos membros de AGE activou no hemiciclo unha axenda e unha linguaxe política máis achegada ás preocupación cidadás, onde (como puidemos ver onte) se emprega con sutileza a sátira e a ironía e as cousas se chaman polo seu nome. Un gran acerto, unha nova atmosfera que abre horizontes para o traballo de toda a oposición.

A intervención de Beiras sobre as preferentes e subordinadas testemuña esta proximidade fraterna dun político humanista capaz de conmover e mobilizar coas súas palabras en sede parlamentaria. A coda da peza oratoria, apelando á corresponsabilidade cidadá para erradicar a corrupción de banqueiros e poderosos («a corrupción non está na política, está na sociedade», enfatizou Beiras alporizado), amosou a tristeza e sabia indignación de quen nestes momentos encabeza de facto a oposición parlamentaria e social en Galicia. Admirable Beiras!!!

Publicado en Galicia Confidencial.

Onte 522: A renuncia de Ratzinger

A renuncia de Bieito XVI é unha decisión honesta e coherente para evitar aquel espectáculo lamentable que foi a agonía pública de Wojtyla. Co histórico «xa non teño forzas, recoñezo a miña incapacidade para desenvolver o meu ministerio», Ratzinger asumíu a súa finitude, a súa condición de ser humano que xa non está nas condicións óptimas para desenvolver o labor para o que foi elixido. Un comportamento moi infrecuente, contracorrente, moralmente valioso, que agardo chegue a marcar tendencia.

Instalado na soidade vaticana e nas intrigas políticas da vaticalia e do seu vatileaks, o alemán intentou, ao longo do seu mandato, limpar a imaxe luxada da igrexa, tras medio século de abusos a menores, e mesmo chegou a recoñecer «os pecados e os delitos» cometidos por esta causa. Non tivo moita fortuna para facelo xa que debeu lidiar coas presións á contra dos poderosos movementos ultras (Lexionarios, Opus e Comunión e Liberación) incapaces de asumir esa lacra, grupos que se fixeron fortes na curia e no seu entorno durante o papado de Xoán Paulo II. A súa alma tridentina tampouco o axudou, levouno a un comportamento escasamente ecuménico, pechando vías de diálogo con outras igrexas, impedindo calquera avance sobre o papel das mulleres na igrexa (e na propia sociedade) ou mesmo a vacilar na negación do Holocausto coma un crime contra a humanidade.

Comentario á parte desta renuncia merece o feito de que esta primicia mundial saltase grazas ao coñecemento do latín de Giovanna Chirri, unha xornalista vaticanista da axencia italiana Ansa, demostrando canto axuda o coñecemento de linguas (aínda que sexan mortas) no xornalismo (e na vida).

Onte 521: «Como salir de esta»

Aproveitando a fin de semana, completei a lectura de Como salir de esta, o magnífico ensaio sobre a crise económica en España do xornalista José Luis Gómez, editado por Actualia, un selo da editorial coruñesa Netbiblo do editor Carlos Iglesias. Aprendín unha barbaridade con este libro de divulgación económica escrito con prosa xornalística e espírito didáctico da mellor escola. Máis de duascentas páxinas trepidantes nas que se radiografía con claridade esta crise de débeda (sobre todo privada) á que se lle impuxo como mellor receita unha devaluación interna baseada nos tres principios da axenda alemá para España: «impostos máis altos, salarios máis baixos e moito desemprego».

O diagnóstico de Gómez afonda sobre os efectos das políticas de consolidación fiscal (o eufemismo técnico dos «recortes» dos servizos públicos, definidos aquí como «austericidade»)  que están provocando un aumento da desigualdade e da pobreza até os límites da exclusión social que ameaza a máis de once millóns de persoas. Crise que para o autor chantou raíces no modelo produtivo da burbulla inmobiliaria dos anos noventa do século pasado e nas dificultades actuais de crecemento, competitividade e produtividade do conxunto da economía española. A pesar de que Gómez non é un gurú nin falta que lle fai, arrisca enxergando unha saída para a crise baseada na corresponsabilidade, na equidade social e no rigor das politicas fiscais. Consciente que coa austeridade non abonda, propón políticas de crecemento inseridas nun plan de reformas en profundidade e ao longo prazo, no que é indispensable a implicación dos axentes sociais, destinadas a potenciar a produtividade e aumentar a competitividade. Para saír da crise precísase producir e exportar máis, realizando unha aposta decidida pola economía produtiva como camiño de creación de emprego. Gómez aposta, ademais, por un reforma profunda das administracións públicas e por unha nova política fiscal que grave as transacións financeiras, aplique máis impostos aos máis ricos e, sobre todo, combata a economía somerxida.

Mención á parte merece a coidada escrita dun texto concibido coma un complexo mosaico informativo, capaz de integrar datos, gráficos, reflexións e testemuñas moi diversas de economistas, xornalístas e políticos, ademais das moi escollidas citas literarias coas que o autor adoita pechar algúns dos parágrafos máis argumentativos e cada un dos capítulos. Un acerto! Un libro que aproveitei moito e recomendo vivamente. Parabéns para o autor e para os editores.