Talantes e talentos
Diante de semellantes comportamentos e doutras barbaridades peores, os responsables da campaña do PP están tratando de reducir o mínimo as súas intervencións (apenas uns poucos minutos en cada mitin) e as dos seus escudeiros, en detrimento do protagonismo abrumador de Rajoy e de Núñez Feijoó (o auténtico primeiro candidato, presente en todos os foros e moi duro de roer). É un feito inédito que Fraga presentase nesta campaña un ton moi baixo e unha anemia de entusiasmo, que non lle era propia. A súa foi unha presenza patética (demacrado e triste) que amosa, mellor cos seus enfados, un retroceso político xa, dificilmente, evitable. O músico e o Gladiador (sexan cales fosen as coalicións nas que pretendan participar) erraron o seu cálculo, tan presuntamente arteiro, vencellando o seu futuro con quen vai ser despedido pola cidadanía.
O mellor desta campaña foi, sen dúbida, o talento de Quin. Discreto, elegante, rigoroso, prudente, sincero amosou vontade e capacidade suficiente para abrir un tempo novo. Convenceume. Votareino.