23-F

Onte cadaquén contou a súa experiencia daquela noitiña de infamia. De todos os relatos que lin o que máis me gustou foi o de sihomesi, tanto pola súa interpretación do acontecemento (unha parodia) como pola publicación completa da famosa lista.
Falar en primeira persoa do que aconteceu hai vinte e cinco anos demostra que para ninguén é doado facer este exercicio de memoria. Inevitablemente, queirámolo ou non, todos imos construíndo o relato das nosas vidas e facemos casar as pezas (os recordos) para que o conto sexa verosímil. Esta é a razón pola que algunhas persoas se expresan con maior discreción e obxectividade ca outras. Alá elas. Os lectores e lectoras xa valorarán.
Eu fixei na memoria aquela noitiña co recordo da dignidade de dúas persoas: o sociólogo Carlos Lerena e o meu amigo Camilo Nogueira.
O conto foi que os alumnos de quinto de Pedagoxía organizamos do 23 ao 27 de febreiro de 1981 a Primeira Semana de Educación, un conxunto de conferencias e debates arredor da Renovación Pedagóxica. Para iniciala, o luns 23, convidamos ao sociólogo da educación (falecido en 1983 nun accidente de tráfico), primeiro, a participar na facultade nun debate con Herminio Barreiro, sobre “Educación e loita de clases”, e, logo, a pronunciar unha conferencia no auditorio da Caixa de Aforros sobre “O oficio de mestre”. Cando estaba a punto de rematar o debate, un bedel da facultade veu nervioso a contar que no Congreso entrarán un grupo de gardas civís. A pesar do rebumbio que suscitou a noticia, os organizadores (ben aconsellados polo profesor Antón Costa) e o propio Lerena acordamos que non deberiamos mudar os nosos plans e marchamos para a Carreira do Conde onde, a partir das oito e pico, escoitamos a maxistral intervención de Lerena (logo publicada en galego no derradeiro número d’ As Roladas 2). O certo é que algúns dos meus colegas estaban escoitando a radio e cando anunciaron que Miláns del Bosch sacara en Valencia os tanques a rúa, a conferencia rematou en poucos minutos, sen espazo para pregunta ningunha.
Logo, fomos con Antón Costa ao local do noso partido, onde atopamos, nunha pequena oficina, a Carlos Vázquez e a Camilo Nogueira contactando coa nosa xente en diferentes localidades. Eles dous quedaron alí toda a noite e nós marchamos, bastante preocupados, para casa a escoitar a radio. Ao día seguinte, pola tarde, acordamos reanudar as actividades da Semana de Educación, na que tamén participaron Federico Martín Nebras, Pilar Benejam e Fabricio Caivano, todos os tres figuras destacadas da escola das pombas, causa que, dende entón, non abandonamos. Meses despois, topeime co 23-F en Colmenar, mais iso xa son historias de ardor guerreiro que non paga a pena nin lembrar.

5 comentarios
  1. breoxende
    breoxende Dice:

    Só unha reflexión sobre o que tiña preparada unha mochila para fuxir a Portugal ¿Sería que daquela pasaba pola etapa esa de que aos 18 anos eres revolucionario?
    Gostaríame coñecer a resposta; ao mellor pásalle o que a moitos que evolucionaron e están onde están ou merecen estar.

  2. marcos valcárcel
    marcos valcárcel Dice:

    Mágoa que ninguén preparase aínda unha achega ao 23F desde unha perspectiva galega: qué pasou aquí (tamén nas unidades militares) e como reaccionaron forzas políticas e institucións
    Fóra do rexistro xornalístico (e dos blogs) creo que ninguén fixo ningún estudo a fondo de todo isto, con acentos galegos. Hai un ano había unha iniciativa editorial ao respecto, pero logo botáronse atrás.
    Que alguén se anime, sequera para o 30 aniversario…

  3. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Aquí houbo moitos líderes políticos de gran e mediana responsabilidade que, aquel día, tiveron tanto medo que non dubidaron en facer deixación de responsabilidades até uns extremos considerables. Para moitos era o sálvese quen poida!

    Humanamente é comprensible, politicamente é impresentable.

Los comentarios están desactivados.