Onte 1811: A camisola da selección

Camisola_seeccion

A cara de sorpresa de Mariano Rajoy cando recibe de mans de Enda Kenny, o primeiro ministro irlandés, unha camisola da selección galega de fútbol gaélico co seu nome, quedará como unha imaxe para historia. Con certeza que a pesar do seu grande interese pola información deportiva, dificilmente podería agardar Rajoy que a diplomacia irlandesa escollese como agasallo da visita á Moncloa do seu presidente unha camisola da potente selección galega que no Mundial GAA World Games, celebrado o pasado verán en Dublín, obtivo unha excelente clasificación, como gañadora da copa de consolación feminina e como terceiro clasificado na categoría masculina. A sorpresa de Rajoy é comprensible dada a escasa presenza deste deporte,no que Galicia é unha potencia internacional, nos medios informativos españois. Como tamén, probablemente, polo feito de que a Selección Galega de fútbol gaélico é a única do noso país recoñecida de xeito oficial pola súa federación internacional. Un precedente moi a ter en conta. Co seu xesto, Enda Kenny estaba recoñecendo na Moncloa a existencia dun país chamado Galicia, aquel onde naceu Mariano Rajoy. Unha desas coincidencias fortuítas capaces de mover a historia.

Trasacordo na Área Metropolitana

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao novo conflito arredor da creación da Área Metropolitana de Vigo.

area_vigo_r2_c1Temos apelado en diversas ocasións á institución tan galega como a do “trasacordo”, estudada por Marcial Gondar, para tratar de entender decisións políticas que, aparentemente, non teñen xustificación racional ningunha. Se consultamos o Dicionario Xerais da Lingua o trasacordo é “o cambio de opinión con respecto a algo acordado con anterioridade”. Porén, segundo o profesor de Antropoloxía da USC, a esta definición cómprelle engadir un matiz clarificador: o trasacordo supón a revisión dun acordo ou dunha decisión tomada, un volverse atrás no camiño andado, “mais para percorrelo por outro vieiro ou doutra maneira”. O que quere dicir que o trasacordo conleva un cambio de opinión, un botarse atrás do acordado, mais sempre para adoptar unha orientación nova, para a seguir intentar outro novo acordo. Razón pola que entre nós os galegos non estaría mal visto que a pesar de termos decidido unha cousa, mudásemos despois de opinión; abondaría que xustificásemos tal cambio de criterio co argumento de que “tivemos un trasacordo”.

Non hai dúbida que este procedemento do trasacordo dinámico é o que mellor permite explicar os ires e vires, os acordos e posteriores trasacordos políticos continuos da creación da Área Metropolitana de Vigo (AMV) que, despois de dezaoito anos daquela histórica “Declaración de Soutomaior”, documento de espírito fundacional da AMV, asinado o 22 de decembro de 1999 polos alcaldes da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, volveu quedar este pasado fin de ano na encrucillada da incerteza. E alá van case dúas décadas de trasacordos sobre o tema (incluídas varias leis debatidas, dúas delas aprobadas polo Parlamento de Galicia), protagonizados por catro alcaldías viguesas de cores políticas distintas (Castrillo do BNG, Pérez Mariño e Caballero do PSdePSOE e Porro do PPdeG) e por tres presidencias da Xunta de Galicia (Fraga, Touriño e Feijoo). Cinco lexislaturas autonómicas e mandatos municipais onde ambas as dúas partes foron incapaces de pechar de vez un acordo razoable e definitivo que traducise institucionalmente o que dende hai tempo é unha realidade social incuestionable, a existencia dunha comunidade de 600.000 persoas que desenvolven as súas vidas arredor do espazo urbano artellado pola cidade e pola ría de Vigo.

Unha incapacidade para acadar acordos entre a Xunta de Galicia e os concellos metropolitanos que prexudica, sobre todo, á cidadanía da área viguesa, que sexa por arres ou por xos continúa sen recibir os servizos (singularmente o do transporte metropolitano) xa existentes dende hai tempo noutras rexións urbanas galegas. Un fracaso político que non pode ser xustificado con estrataxemas de procedemento administrativo, como a recente da negativa da inscrición da AMV no Rexistro de Entidades Locais, coa que os responsables da Xunta de Galicia pretenden adiar, outra vez máis, o proceso e intentan desgastar politicamente a Abel Caballero, hoxe a besta negra para o partido de Alberto Núñez Feijoo. Como tampouco leva a ningures que as alcaldías do Partido Popular boicoteasen a constitución da xunta de goberno metropolitano coa pretensión de deslexitimar o seu plan de traballo (entre o que está a tramitación do polémico plan de transporte) e adiar a incorporación dos concellos que amosaron o seu interese en facelo.

Reorientar o proceso de constitución da AMV require de elevadas doses de consenso e xenerosidade, tanto dos responsables dos concellos metropolitanos, singularmente da alcaldía de Vigo, que lidera hoxe a creación do ente, como da Xunta de Galicia e da súa presidencia. Cómpre abandonar a xestión por coxuntura, expresada nos trasacordos do proceso, e transformala nun acordo estratéxico potente capaz de converter a AMV na trabe de ouro do novo modelo territorial galego. Se Feijoo e o seu partido non asumen esta altura de miras, se non apostan con todas as consecuencias polo modelo do Vigo metropolitano, converterán a Abel Caballero nun mártir que se inmolará nas rúas de Vigo, como fixo noutrora con éxito incuestionable coa aldraxe da venda das caixas ou a discriminación ao aeroporto de Peinador. A bóla quedou no tellado do Partido Popular que deberá abandonar a súa estratexia obstrucionista, se non quere no futuro continuar sendo irrelevante no concello de Vigo e, probablemente, en boa parte dos concellos metropolitanos. Dentro dos propósitos do ano novo debería estar o recuperar o tempo e as enerxías perdidas na constitución da AMV e poñela a funcionar a toda máquina.

Camilo, a razón esperanzada

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á figura de Camilo Nogueira.

Homenaxe_a_Camilo_11-11-2016Baixo o lema “A esperanza razonada, a razón esperanzada”, Camilo Nogueira recibiu o pasado venres en Compostela a gran homenaxe que merece. Un serán no que a música de Tundal, Pardal na rúa e Uxía serviu para enfiar o retrato humano e político dun home recoñecido por todo o país pola súa coherencia e honestidade. Unha noite inesquecible onde no escenario do Auditorio de Galicia as doses de emoción mergulláronse coas de reflexión sobre unha terra cantada e construída dende unha tranquila autoconfianza nas propias posibilidades.

As intervencións dos voceiros dos partidos representados no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leicega (PSdeG-PSOE), Ana Pontón (BNG), Pedro Puy (PPdeG) e Luís Villares (En Marea), que recoñeceron as contribucións decisivas do vigués ao desenvolvemento do autogoberno, constituíron un fito que sitúa a Camilo como un referente histórico da Galicia de entre séculos, ao tempo que abre unha xanela de esperanza para recuperar no futuro inmediato consensos e posicións orixinais en temas de país. Unha xusta reciprocidade das forzas parlamentarias con quen ao longo da súa vida política foi un militante do diálogo ilimitado cos seus adversarios, aos que sempre respectou na discrepancia, mais sen renunciar nunca a convencelos das súas posicións.

Na figura deste fillo dos Romanciños, lugar do barrio de Riomao de Lavadores, celebramos as cualidades dunha persoa boa e xenerosa na que identificamos os valores do galeguismo republicano e da esquerda galega, mais tamén na que recoñecemos unha forma singular de estar no mundo, adoptando como posición vital un optimismo construtivo, natural e contaxioso, traducido en afouteza na defensa das súas conviccións tan firme que chegaba a ser considerada como expresión de teimudez.

Xaora, en Camilo admiramos a un cidadán comprometido coa súa xente e o seu país, mais ao que ningunha causa ou problema do seu tempo lle resultou allea. Na homenaxe as palabras de agarimo e admiración dos seus compañeiros e compañeira dos Verdes / Alianza Libre Europea, grupo do que formou parte no Parlamento Europeo de 1999 a 2004, expresaron a súa valiosa achega na construción do proxecto da Europa sen fronteiras, hoxe máis necesario ca nunca, cando semella que a utopía europeísta comeza a ser derrubada pola xenofobia populista.

Xunto a outros membros da súa xeración, Camilo comprometeuse no proxecto, aínda inconcluso, de reconstrución do nacionalismo galego, liderando os partidos vinculados ao pensamento do socialismo nacionalista (Galicia Socialista, POG, Esquerda Galega e PSG-EG). Dende cada unha destas formacións, Nogueira contribuíu á modernización do proxecto nacionalista, desenvolvendo un programa global e sectorial capaz de construír Galicia como auténtica nación política, aceptando a responsabilidade de valerse fiscalmente, na interdependencia doutras nacións europeas, e promovendo un desenvolvemento autocentrado dos diversos sectores da economía.

Dende estas formacións políticas, ás que podemos denominar de “Esquerda Galega”, Camilo ofreceu unha proposta organizativa, comunicativa e programática para o conxunto do nacionalismo galego que, quizais, anticipou varias décadas a bautizada agora como “nova política”. Un nacionalismo que non é nin credo nin relixión senón apenas unha proposta de autoorganización que procura o autogoberno para Galicia e as maiores cotas de benestar e igualdade para toda a súa cidadanía. Ademais, Camilo dedicou moito tempo da súa vida a estudar e divulgar de forma teimosa a historia de Galicia para denunciar así a ideoloxía españolista e a marxinación inxusta á que foi sometida durante os últimos dous séculos. Afondou tamén nas raíces do galego, que concibiu sempre como lingua universal, vinculada ao mundo da lusofonía e das culturas atlánticas, un xeito de pensar o mundo dende Galicia en constante diálogo co noso tempo.

En definitiva, como sinalou Manuel Rivas na homenaxe, “Camilo encarna todo aquilo no que se pode confiar”, ou como expresou Suso de Toro, “Camilo representa o mellor de nós, a aposta de toda unha vida para que a nosa sociedade galega sexa capaz de solucionar os seus problemas por ela mesma”. Camilo é o modelo de home coherente e honesto, práctico e apaixonado, épico e lírico, reflexivo e soñador, curioso e rigoroso, velocista e maratoniano, atacante e defensa. Nogueira representa a esperanza razonada dunha Galicia con futuro no marco da Europa dos pobos, unha Galicia construída dende unha razón esperanzada por xeracións chantadas nas raíces da autoestima do presente. Contra tantos prexuízos existentes, a figura de Nogueira demostra que en política aínda hai persoas boas e honradas, servidores públicos que merecen o noso agarimo e recoñecemento. Beizón, Camilo!

Onte 1778: Feijoo inicia a despedida

Feijoo-Real-Banda-Gaitas-Ourense_EDIIMA20161104_0844_19

Comeza a terceira lexislatura de Alberto Núñez Feijoo como presidente da Xunta coa paradóxica estabilidade do seu goberno e coa mudanza completa da oposición tanto na composición os seus grupos como nos seus liderados. Unha situación cómoda para un Feijoo feliz e pletórico que xa emula a Manuel Fraga identificando as propostas do seu partido cos intereses xerais de Galicia e que, probablemente, o levará a ofrecer consensos e acordos á oposición en cuestións como o financiamento autonómico e a cuestión demográfica.

A toma de posesión no Obradoiro do pasado sábado, coa presenza de Mariano Rajoy e de bandas de gaitas, visualiza esta nova fase, a da lexislatura da despedida de Feijoo, un político chamado a desempeñar en Madrid as máis altas responsabilidades. Porén, a súa marcha non dependerá xa do seu desempeño en Galicia, se non da marxe de gobernabilidade que a Rajoy lle ofrezan os que mandan hoxe no PSOE. Razón pola que non semella descartable que en Galicia, tras a mudanza inminente da actual xestora do PSdeG-PSOE, se ensaie un proceso de colaboración entre as dúas formacións estatais.

Tras o inicio da lexislatura, Xoaquín Fernández Leiceaga non ten doado sequera liderar o seu grupo, como Luís Villares e Ana Pontón deben decidir se diante de semellante fortaleza conservadora apostan por unha estratexia na que privilexien a colaboración ou a competencia entre as súas formacións. A recomposición dunha alternativa de gobernabilidade viable é un reto para todos os tres, xusto cando Feijoo inicia a despedida.

Balaídos é municipal

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á polémica sobre a proposta de privatización do estadio de Balaídos.

Novo_BalaidosComo adiantabamos hai un mes nestas páxinas xenerosas de “Faro de Vigo”, cando comentabamos os ruxerruxes relativos á venda do Celta a capital estranxeiro, a cerna desta deboura que tanto inqueda ao celtismo estaría na interpretación do convenio asinado hai sete anos entre o Real Club Celta de Vigo S.A.D. e o concello de Vigo (sendo alcalde Abel Caballero e concelleiro de deportes Santiago Domínguez), que regulaba até 2034 o uso polo club do estadio de Balaídos, do campo de Barreiro e do complexo de Madroa, todas as tres instalacións de propiedade municipal. Un convenio de colaboración, que na maior parte das cláusulas prorrogaba o asinado en 1992 entre as mesmas entidades, cando o club afrontou o difícil proceso da súa constitución como Sociedade Anónima Deportiva, mais que en 2009, durante a preparación do proceso concursal, garantía a supervivencia do club, xa que contemplaba a posibilidade de activar na súa contabilidade estas instalacións municipais como parte do seu patrimonio, o que lle permitiu pechar un dos seus acordos con Facenda.

Un convenio que establecía como responsabilidade do Celta o mantemento de todas as instalacións e o pagamento dos seus consumos de auga e electricidade, contemplando como contrapartidas que lle correspondería o aproveitamento publicitario e comercial de fachadas, locais e cantinas. Os asinantes, o alcalde Abel Caballero e o presidente Carlos Mouriño, ademais de acordar diversas medidas de apoio ao fútbol base vigués (algunhas incumpridas daquela maneira) asumiron unha cláusula de garantía pola cal o concello podería de forma motivada deixar sen efecto este convenio se o R.C.Celta de Vigo S.A.D. deixase de ser o equipo representativo da cidade de Vigo, por traslado a outro termo municipal, ou se producise unha modificación significativa do actual réxime de propiedade da S.A.D., que implique unha alteración substancial dos poderes de control da xestión do club, salvo que sexa autorizada pola administración municipal. En definitiva, grazas a esta salvagarda o concello de Vigo conserva na súa man unha opción de ouro que lle permitiría in extremis, en condicións tan extraordinarias como as previstas, recuperar o uso do estadio de Balaídos e do resto das instalacións municipais cedidas ao R.C. Celta S.A.D. sen contraprestación económica ningunha.

A polémica actual sobre Balaídos lembra a alarma vivida en 1941 por unha presunta venda do estadio que, como relata Fernando Gallego na súa “Historia del Celta. 90 años de pasión por Vigo” (Faro de Vigo, 2013), se produciría cinco anos despois, cando Balaídos pasou a ser propiedade municipal, tras unha complexa operación financeira deseñada polo alcalde Suárez-Llanos e avalada pola Caja de Ahorros. O campo de fútbol e os seus terreos circundantes, valorados en 865.000 pesetas (unha millonada!), propiedade até entón dunha sociedade privada, pasaron a ser municipais, grazas a unha achega anual do concello de 70.000 pesetas. Setenta anos despois, coincidindo co comezo da reforma completa do estadio e co anuncio do accionista maioritario do club de presentar unha oferta de compra a prezo de auténtica ganga e sen desembolso de cantidade ningunha, o alcalde Abel Caballero constituíuse en garante de que o novo Balaídos continúe sendo un espazo público de propiedade municipal, posición que sabemos unánime na corporación.

Xaora, o anuncio do degoiro de Carlos Mouriño de mercar Balaídos, a pesar de que ten escaso percorrido, abriu unha polémica sobre as posibilidades da súa privatización. Unha controversia que lle permite ao presidente recabar apoios dalgúns sectores celtistas cos que non contaba e afastar o foco sobre a venda da S.A.D., na que o concello de Vigo, grazas a súa opción de ouro, tamén terá algo que dicir sobre a continuidade do convenio. Un momento de confusión (interesada) onde para evitar mesturar allos con bugallos convén lembrar algunhas obviedades. O R.C.Celta de Vigo S.A.D. é unha empresa privada con ánimo de lucro, cuxa decisións corresponden só aos seus accionistas. O estadio de Balaídos, o campo de Barreiro e o complexo da Madroa son espazos publicos pertencentes ao patrimonio do concello de Vigo. O celtismo constitúe un sentimento de pertenza interxeracional compartido por milleiros de persoas, sexan ou non abonados do club, vivan no concello de Vigo ou en calquera outra parte do planeta. Como non está de máis reiterar que non hai razóns obxectivas nin de interese xeral ningunhas para que Balaídos deixe de ser un estadio municipal. No entanto, se o R.C.Celta de Vigo S.A.D. muda de propiedade, por que así o deciden os seus accionistas, parece lóxico que os compradores renegocien co concello (que defende os intereses da cidadanía viguesa) as condicións de uso do novo Balaídos.

Onte 1768: Beiras presentou en Compostela «O encargo do señor Castelao»

O_encargo_do_señor_Castelao_19-10-2016Xosé Manuel Beiras presentou onte no Airas Nunes de Santiago O encargo do señor Castelao, a novela de Luís Rei Núñez. Foi un fermoso serán literario no que, ademais das intervencións literarias, Susana Recouso e Delia Corujo leron fragmentos da obra e os músicos Luís Soto e Santiago Cribeiro interpretaron o «Alalá das Mariñas» e «Lela». Comezou o seu discurso Beiras expresando «a súa declaración de amor por esta obra de Luís Rei», para argumentar, despois, que «a vinganza é o tema deste novela, un fío que se mantén ao longo de toda a narración». «Este relato, que non sei en que medida se pode chamar novela, supón a reconstrución da vida de Castelao coa intención de propoñer unha reflexión: “en que medida persoas da talla moral e ética de Castelao e Bóvieda se prantexaban que a viganza fose lexítima”.» «Esta novela fíxome pensar nos Cadernos da ira de Cáccamo e nos textos que Xosé María leu en actos pola memoria histórica, nos que a única forma de xustiza para as vítimas era recuperar os seus nomes».

Continuou Beiras salientando o carácter de contrapunto da novela, onde ademais do fío condutor da vida de Castelao, baseado nun traballo moi exhaustivo de documentación, o autor colle o de Gayoso, un dos maquis. Castelao e Gayoso foron dúas figuras distintas, ainda que estaban en conexión, ambos os dous foron represaliados no 34, os dous estiveorn nos remuíños do século XX, fose en Moscova, Nova York ou Bos Aires, algo enormemente esquecido.» Rematou Xose Manuel Beiras reflexionando sobre a situación política actual: «Estamos hoxe na mesma posición dilemática doutrora. Vivimos no único páis de Europa onde un golpe de estado fascista e unha guerra civil aínda non rematou, como proba que esteamos padecendo un golpe de estado parlamentario.»

Onte 1754: Camiño da pasokización

Tras a demolición da executiva de Pedro Sánchez, unha operación deseñada polo poderoso entramado mediático, empresarial e político internacional de Felipe González, o goberno de Mariano Rajoy está ás portas, xa que os que mandan dende onte no PSOE non queren nin goberno alternativo con Podemos  (meigas fóra!) nin novas eleccións. A partir de hoxe mesmo asistiremos á segunda fase da operación, a teatralización desta abstención do PSOE e á da recuperación do consenso entre as dúas sensibilidades enfrontadas de «forma apaixonada», que os medios afíns disfrazarán co argumentario das duras condicións esixidas a Rajoy polos socialistas (adiamento da LOMCE, lei mordaza, suba do salario mínimo…) como pola súa altura de miras para comprender as «razóns de estado», que non son outras que eses 15.000 millóns de euros (de recortes) esixidos polos acredores ao Reino de España.

Xaora, non é descartable que Mariano Rajoy, diante do éxito da súa estratexia de deixar que se desfagan os seus adversarios a lume lento, pretenda alongala outro mesiño forzando así a convocatoria dunhas terceiras Xerais ás portas de Nadal. Non fai falta ser adiviño para prognosticar daquela unha probable maioría absoluta dos populares e unha catástrofe histórica dos socialistas, reducidos a un partido nacionalista andaluz, que pagarían a prezo de ouro o capricho de Felipe e da súa raíña Susana. Proceso de pasokización que se completaría co inevitable ascenso de Podemos, como primeiro partido da oposición ( o soño de Iglesias), e o ascenso dos partidos nacionalistas cataláns, vascos e (desta volta, tamén) galegos, unidos pola estratexia do dereito a decidir.

Un proceso de dereitización do PSOE que non é difícil agoirar se reproducirá decontado no PSdeG-PSOE, onde probablemente reaparecerán as figuras do pasado (o eurodeputado José Blanco xa deu sinais de vida), dispostas a demoler a xestora de Pilar Cancela, o liderado parlamentario de Leiceaga e a «colaboración» cos gobernos municipais das Mareas. Un inicio de lexislatura magnífico para un Alberto Núñez Feijoo feliz, preparando as súas opcións para substituír a Rajoy cando fixese falta.

Onte viviuse un episodio dunha estratexia de alcance, a de evitar a posibilidade de conformar gobernos alternativos aos do núcleo duro conservador, no caso español o Partido Popular, ou de non houber outro remedio, dunha grand coalition con socialistas e liberais. Do que se trataba onte en Ferraz, en definitiva, era de derrubar sen piedade aos que defendían a doutrina perversa do «Non é non». Traballo feito.

O Celta cara oriente

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á venda do Celta e as súas relaciós co concello de Vigo:

Non podo agochar o meu desagrado pola chamada que recibín como socio de Río Alto dándome 48 horas para pasar polas oficinas de Balaídos e mudar os tres asentos do noso abono familiar. Despois de dúas décadas nas mesmas localidades, o Celta obríganos a un cento de abonados a procurar outras localidades para instalar nas que até agora nos foran asignadas uns palcos novos de prensa. E o noso desgusto non é tanto pola perda dun lugar no que nos sentiamos cómodos como pola falta de sensibilidade do club, que diante das nosas lexítimas queixas ofrece como alternativa devolvernos os cartos dos nosos abonos, renovados en xullo, cando xa se coñecían o plan de obras e os requirimentos da Liga e da UEFA, que obriga ao traslado forzoso nos partidos da Europa League de 500 abonados das gradas de Río.

Unha desconsideración absoluta do Celta cos seus abonados aos que, se non aceptamos este traslado, se nos sinala a porta de saída do clube. Nada que poida estrañarnos despois de como os responsables do Celta resolveron a tempada pasada de forma vergonzosa o conflito cun abonado ao que se lle retirou a súa tarxeta de acceso e a súa vella bufanda ou como nesta se incrementaron os prezos de abonos e entradas dos días do club, o que afecta sobre todo ás economías humildes dos abonados máis mozos.

Torpezas do Real Club Celta S.A.D, que non son alleas á crise institucional aberta polo seu propietario cando anunciou este mes a posibilidade da venda do club a unha sociedade oriental de capital risco por unha cantidade estimada por algúns medios nos cen millóns de euros, cifra inasumible para calquera capital galego. Ás portas do seu centenario, o empeño acuñado por Handicap, Baliño e Bar, baixo o nome tan significativo para a comunidade nosa de “Celta”, pode quedar reducido a un apunte contable dunha sociedade foránea, tal como xa lles sucedeu ao Valencia, Granada, Español ou Málaga, propiedade hoxe de sociedades invisíbeis ou de magnates chegados de Oriente. Nada que sexa ilexítimo mais que nos enfronta coa realidade do fútbol actual, un formidable tinglado económico da industria internacional audiovisual e do negocio das apostas deportivas, que nada xa ten que ver con aqueles valores do “fair play” dos fundadores cosmopolitas do primeiro equipo galego.

Unha venda, quizais inminente, que evidencia que lonxe de calquera afán altruísta o seu propietario concibe o Celta como un magnífico negocio capaz de achegarlle un lucro moi suculento, tanto agora (15 millóns de euros foron os beneficios da S.A.D. no último exercicio aprobado) como no momento da súa venda. Cifras elevadas, froito da boa xestión deportiva e económica dos responsables do club, considerado como o oitavo con mellor saúde financeira de Europa, mais tamén (non o esquezamos) do esforzo dos vinte mil celtistas (entre accionistas, socios, peñistas e membros da Fundación Celta) que acudimos decote a Balaídos e, sobre todo, dos milleiros de persoas con corazón celeste espalladas polo mundo enteiro que converteron ao noso equipo nunha das insignias máis prezadas e recoñecibles coas que conta Galicia.

Nesta mudanza copernicana e acelerada do fútbol globalizado, que afecta as principais ligas europeas, os espectadores que acudimos aos estadios, neste caso os celtistas a Balaídos, fomos convertidos en figurantes imprescindibles dun espectáculo audiovisual planetario que lle reportará esta tempada europea ao Celta case 50 millóns de euros ou en consumidores que adquiren produtos (camisolas, partidos de televisión…) dunha sociedade que no caso de ser vendida procuraría aínda con maior empeño a recuperación da millonada pagada por ela.

balaidos

Cifras elevadas, moi pouco frecuentes en calquera outro sector de actividade, que no caso do Celta contan, a maiores, coas achegas do concello de Vigo que adquire cada tempada 1.600 cadeiras de Fondo (valoradas en 150.000 euros), para repartir entre centros educativos e colectivos sociais, cede de forma gratuíta as instalacións dos campos de Balaídos e de Barreiro e soporta os gastos de iluminación e electricidade. Achega máis decisiva cando o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra asumen no convenio que asinaron co clube boa parte dos case trinta millóns de euros nos que está orzamentada a reconstrución do vello Balaídos, que permitirá ao Celta utilizalo nas próximas décadas.

No marco actual deste fútbol mercantilizado de propietarios invisibles o concello de Vigo debería abandonar o paternalismo e reconsiderar os termos da súa relación de colaboración co Celta, unha sociedade privada con ánimo de lucro, que por importante que sexa para a proxección da cidade non pode continuar recibindo un trato de semellante privilexio. Parece xusto que se as regras que rexen o mundo do fútbol mudaron de orientación, por un principio de equidade o faga tamén o concello de Vigo na súa relación co R.C.Celta S.A.D..

Onte 1750: Galicia conformista

Nas galegas de onte Feijoo volveu esmagar á esquerda co seu modelo da Galicia conformista. Ocupando o espazo de Ciudadanos e aproveitando a fondo a mobilización do corpo electoral (a participación aumentou nun 8,84% con respecto a 2012), Feijoo obtén o seu mellor resultado e presenta a súa candidatura a relevar a Mariano Rajoy.

Pola contra, a esquerda galega no seu conxunto non consegue incrementar os seus apoios (644.952) con respecto a hai catro anos, limitándose a intercambialos entres as súas tres opcións: En Marea gaña 70.590 con respecto aos que obtivo AGE en 2012; PSdeG-PSOE perde 43.032 e o BNG 27.045, cifras que expresan tanto este intercambio como a incapacidade das tres candidaturas que se presentaban como alternativa para entrar nas fronteiras do terreo conformista. Un mal resultado que cada unha das opcións veste o mellor que pode, En Marea salientando o seu sorpasiño fronte a un PSdeG-PSOE, dividido e enfeblecido polos liderados locais, sobre todo en Vigo e Ourense; e o BNG, fachendoso da súa remontada e de desmentir os prognósticos que lle agoiraban a perda do grupo parlamentario.

Con estes pobres resultados, a esquerda e o nacionalismo galego moito teñen que mudar para artellar unha alternativa para 2020 capaz de substituír á fortaleza do partido conformista. Xaora, o máis esperanzador é, canto menos, a remuda xeracional das tres candidaturas, o que suporá unha profunda renovación dos grupos parlamentarios e dos seus liderados. Nunha lexislatura que, previsiblemente, non rematará Feijoo, é imprescindible que dende o inicio a alternativa visualice os seus liderados e a súa proposta programática. O reto, pois, é substituír a dóce melancolía dos sempre derrotados polo entusiasmo dos que pretenden acuñar un tempo novo.

Onte 1746: Feijoo mete a lingua en campaña

jpgNon debeu saír moi convencido Feijoo do debate a cinco cando decidiu introducir decontado na campaña o tema da lingua, reclamando a liberdade lingüística. Nesta ocasión aproveitou un decreto que regula a atención da cidadanía por parte da administración para –coa intención de «protexer os dereitos dos castelanfalantes» (sic)– deixar de utilizar o galego dunha forma normal na atención cidadá.

Unha medida absolutamente innecesaria que suporá outro abandono da Xunta de Galicia das accións proactivas para o galego que lle corresponden ás administracións públicas contempladas no Plan Xeral de Normalización da Lingua consensuado en 2004, como tamén do principio de progresividade das accións normalizadoras amparado pola Lei de Normalización Lingüística de 1983. Outro grave retroceso para o emprego do galego por parte da administración autonómica, que perde a súa condición de lingua preferente ou utilizada por defecto na relación da administración coa cidadanía.

Outro retroceso que en termos políticos expresa o temor de Feijoo a pagar a peaxe (cada vez máis elevada) que Ciudadanos obrigaría a pagarlles, no caso (improbable) de que fose necesaria a súa participación para construír unha maioría de dereita. Xaora, enfiando unha segunda semana de campaña moi igualada, Feijoo probablemente quedou xa convencido da inutilidade en Galicia desta marca branca conservadora e prefire disputarlle directamente o seu electorado potencial utilizando o discurso (tan reseso) da liberdade lingüística, o lugar común  de Albert Rivera e as súas seguidoras.

En definitiva, Feijoo volve sacrificar a responsabilidade da Xunta de Galicia na promoción e no fomento da lingua galega para protexer os seus intereses electorais. Nada doutro xoves, ainda que esta manobra, tan exitosa para o seu partido hai sete anos, exprese hoxe máis febleza política ca firmeza moral. No marco dunha situación tan carencial do galego, despois do dano causado polo decreto de plurilingüismo e do retroceso do seu uso vehicular na escola, cando o galego precisa do agarimo e do compromiso de todos e todas, volver introducir na axenda electoral esta polémica coa intención de afondar a ferida da lingua constitúe un erro táctico e un comportamento pouco edificante.