Onte 1813: a colleita das Fervenzas Literarias 2016

Fervenzas-1024x775

Seguin por twitter ao longo do día de onte o anuncio dos resultados das votacións dos premios Fervenzas Literarias que escolle os mellores libros, iniciativas e persoas máis destacadas de 2016 no eido da literatura e do sector editorial en lingua galega. Non podo máis que agradecer a Nacho Alonso, o promotor desta revista literaria pioneira, a súa teimosía en continuar organizando, xa dende hai unha década, estas votacións nas que participan case medio milleiro de internautas. Referentes no noso calendario literario, os “Fervenzas” abren a rolda de premios anuais á obra editada e sabemos que, en boa medida, sinalan as tendencias das escollas posteriores.

No que atinxe ao noso traballo quedamos ben satisfeitos coas escollas destas Fervenzas 2016, tanto polo número moi elevado de finalistas en todas as modalidades, como polas catro títulos considerados como “mellor libro de ano” na modalidade infantil, Esmeraldina, a pequena defunta de Ledicia Costas; na xuvenil, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas, que obtén un dobrete; en poesía, Os fillos da fame de Isaac Ramos; e en ensaio-investigación, Historia das historias de Galicia, obra colectiva dirixida  por Isidro Dubert. Como tamén é unha gran satisfacción que Diego Giráldez fose escollido como “mellor autor do ano“, e que o seu libro de relatos Galería de saldos obtivese a segunda posición na modalidade de Narrativa, detrás d’ A ferida do vento do noso admirado Antón Riveiro Coello. Escollas que amosan o peso importante que dentro do noso sistema comezan a ter os membros da Xeración da Esperanza, como Ledicia, Ismael ou Diego, que está achegando azos renovados a nosa literatura. Unha noticia a celebrar.

Tamén foron ledicias nosas, os premios ás dúas mellores capas do ano, tanto a que obtivo na modalidade de LIX Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, preparada por Andrés Meixide, como a de Galería de saldos, deseñada por Antonio Seijas, na modalidade de adultos. Como foi unha satisfacción que Culturgal fose considerado como “o mellor acontecido de 2016“, como sucedera tamén o ano anterior, o que sei constitúe un aliciente para o equipo dirixido por Xosé Aldea e para todos os setores da industria cultural que animamos á asociación Culturgal. Como tamén, desculpas polo autobombo, constitúe para min unha fachenda que estas Brétemas, a pesar dos doce anos transcorridos, continuasen sendo valoradas nas votacións, a pesar de non ser estritamente un blog literario.

Todos os premiados e todos os finalistas destas Fervenzas 2016, os autores (só foi unha autora premiada, se ben en dúas modalidades), os ilustradores, os tradutores, os críticos, os editores, os blogueiros, os libreiros, os xornalistas, os medios, todos merecen os nosos parabéns pola excelencia do seu traballo e pola súa achega a conformar un espazo de seu para o libro, a lectura e a literatura galega, cada vez máis vizoso, orixinal e diverso. A pesar de vivirmos á intemperie, a excelente colleita destas Fervenzas 2016 expresa a vitalidade do libro galego e a vontade de ampliar os seus públicos.

Onte 1812: Marilar termando da paisaxe galega

C2JBx34UsAAadM2

Foi moi emocionante para nós a cerimonia de ingreso de Marilar Aleixandre na Real Academia Galega. O texto do seu discurso, Voces termando da paisaxe galega, é unha síntese das preocupacións e da ollada da escritora e científica nacida galega en Vigo, na primavera dos caraveis.

Foi o seu un texto para a acción, no que Marilar propuxo unha estratexia de resistencia activa confiada ao valor das palabras, abrazada ao abruñeiro que como a lingua galega resiste nas rúas. Un discurso poético con fonda carga científica que reivindica o papel das mulleres na creación literaria e no valor do feminismo que cuestiona a idelizaciónda paisaxe. Un texto para a esperanza, no que se confía nos programas de educación ambiental dos centros educativos, mais que tamén asume a corresponsabilidade individual e colectiva na defensa de cada unha das paisaxes, tamén as humanas, as da memoria, as esquecidas e agochadas. En definitiva, unha peza memorable que merece unha lectura demorada.

Como tamén merece lerse devagariño a resposta de Fina Casalderrey que retratou de forma moi certeira a esta ovella descarreirada que “decotío sacou os pés do prato”, a “exploradora e aventureira para a que os mapas son material altamente subversivo”.

Beizóns para Marilar por semellante discurso que orgulla a todos os que compartimos con ela afectos dende hai case catro décadas.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1806: Aniversario de Celso Emilio Ferreiro

Celebramos onte o 105 aniversario do nacemento do poeta Celso Emilio Ferreiro. Unha data na que cada ano facemos balance das actividades de difusión dunha obra que por ventura se mantén viva e actualizada no interese dos lectores e lectoras e, sobre todo, dos músicos. Así quedou demostrado na altísima participación no concurso de poemas musicados, organizado pola Fundación Celso Emilio Ferreiro, que gañou Licalaterna coa súa versión de “Mensaxe dende o silenzo”, un dos poemas d’ O soño sulagado.

Como tamén foron moi significativas as referencias a Celso con motivo do pasamento de Bibiano, sobre todo pola súa inesquecible “Samba pra mocidade”, un auténtico himno da Xeración do 68 e dos que nos incorporamos á política á morte de Franco, no que o vigués musicou “Prá mocedade”, un dos poemas máis celebrados de Viaxe ao país dos ananos (1968).

Neste 2017 temos prevista en Xerais a edición dun libro que recolle poemas inéditos en castelán (unha obra interesante) e reedicións de varios dos seus poemarios en lingua galega. O traballo teimoso e discreto da Fundación Celso Emilio Ferreiro aviva o lume que alampea na obra de Celso, que (por fortuna) xamais o veremos morto.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1782: “Mensaxe dende o silenzo” de Licalaterna

LicalaternaA poesía de Celso Emilio Ferreiro continúa sendo fonte orixinal para a música galega. Comprobeino, outra vez, como membro do xurado do 1º Premio Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados, unha iniciativa con certa semellanza á que Lluis Llach tivo coa obra do poeta Miquel i Marti Pol, no que participaron trinta e dúas cancións, moi diversas nos xéneros e estilos musicais, mais en xeral dun excelente nivel de calidade. Entre todas elas resultou gañadora a presentada polo grupo Licalaterna, formado por Andrea Souto e Óscar Iglesias, que traballou sobre “Mensaxe dende o silenzo“, un dos poemas d’ O soño sulagado. Este premio promovido dende a iniciativa privada pola FUNCEF, dotado con 3.000 euros, será entregado no Culturgal o sábado 3 de decembro, ás 11:30.

Parabéns a Licalaterna por tan magnifica proposta musical e audiovisual e a FUNCEF polo seu teimoso labor de promoción da obra de Celso Emilio Ferreiro.

Onte 1777: Chus Pato académica

A elección de Chus Pato como membro da Real Academia Galega recoñece a extraordinaria traxectoria literaria da poeta ourensá, contribuíndo ademais ao proceso de normalización da institución. A incorporación da autora de Hordas de escritura e Charentón, unida á recente de Marilar Aleixandre, debería abrir definitivamente a porta da Galega a outras autoras, entre as que non debe faltar a de María Xosé Queizán, ao tempo que de certa maneira reequilibra o peso dos grupos de afinidade existentes en Tabernas. A entrada de Chus Pato, autora probablemente dun dos proxectos poéticos máis renovadores, singulares e transgresores do período de entre séculos, poeta traducida e premiada, achegará un discurso novo e anticonformista que moito precisa hoxe a RAG. Ás portas da finalización na vindeira priemavera do mandato na presidencia de Xesús Alonso Montero, aventuro que podería ser substituído por unha das académicas, o que afondaría nas mudanzas esperanzadoras que as incorporacións de Pato e Aleixandre expresan. Beizón a Chus Pato, por tan merecente elección!

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1765: «Cousas de Papá», concerto presentación en Ourense

Cousas_de_Papá_Espazo_Lector_Ourense_15-10-2016

XG00256601Onte ao mediodía participamos na libraría Espazo Lector Nobel de Ourense na presentación do libro disco de poesía infantil Cousas de Papá. Un acto no que participaron activamente moitos picariños que cantaron e bailaron coas cancións que compuxo e interpretou Héctor Lorenzo, sobre os poemas moi imaxinativos e visuais de Raúl Pato. Un libro disco, ilustrado por Blanca Barrio, que ten por fío condutor a figura dun pai algo toliño «capaz de soñar soños soñados nunha noite de vento ventado» ou que contan «como se peiteaba unha serea nas augas do Miño». Tras as palabras de Raúl e Blanca, Héctor interpretou oito dos dez temas do disco, debullando os ritmos da bossa nova, o rock ou o swing galego. Corenta minutos divertidos e emocionantes protagonizados pola música e a poesía para os máis novos.

Onte 1758: Homenaxe a Manuel Lueiro Rey en Vigo

Homenaxe_Lueiro_Rei_Vigo_06-10-2016 (2)

XG00259301A presentación onte en Cartabón de dous libros de Manuel Lueiro Rey, Non debían medrar editado por Xerais e Novas crónicas dunha transición intransixente por Laiovento, constituíu unha humilde homenaxe viguesa ao centenario do autor nacido en Fornelos de Montes e afincado no Grove. Un serán no que lembramos a edición de Vigo en tres paisajes, coidada por Lueiro días antes do seu falecemento en 1990, na que recolleu os Sonetos a la ciudad de Vigo, polos que obtivera en 1960 o primeiro premio dos “Juegos Florales” vigueses. Ramón Nicolás, o editor literario das dúas obras e incansable motor da Causa Lueiro,sinalou que estes trece poemas eran “os mellores sonetos escritos á cidade de Vigo” e salientou a importante vinculación do seu autor con Vigo, esa cidade “punxente, coa fronte erguida”, convertida “hoxe na abella da ribeira”.Escritor humanista, esixente na defensa das súas conviccións democráticas, Lueiro comprendeu os alentos e esperanzas dunha cidade “dos traballadores do martelo, da roda e da máquina”.

Poema de hoxe 206: “Cabalos de Vento, Curros de Pedra” de Xosé Guillermo

O sol apaixonado despídese con ceos ardentes
da máxica serra onde nacen os cabalos de vento.

Xosé Guillermo, Cabalos de Vento, Curros de Pedra (Xerais, 2009)

Poema de hoxe 205: «Noiturno do adolescente morto» de Federico García Lorca

O vento deixaba camelias de soma
na lumieira murcha da súa triste boca.

Federico García Lorca, Seis poemas galegos (1935)

Poema de hoxe 204: “Pillou a lúa ao lombo” de Manuel Luís Acuña

O sol estraño e fero! Bola de pan manela,
aperta da parenta e bicos dos miniños.

Manuel Luís Acuña, Fírgoas (1933)