Onte 237: «O silencio» de Mario Regueira
Comezamos a xeira de presentacións da Feira do Libro de Compostela co libro de Mario Regueira O silencio. Foi o profesor Arturo Casas quen nunha intervención moi ben enfiada debullou un libro que cualificou de «extraordinario». Unha achega que culmina unha maneira de entender a escrita deixando todas as posibilidades abertas e pechando o conxunto de tres volumes de base poética común que o autor iniciou con Tanxerina (2006), continuou en Blues da crecente (2009) e pechou con este O silencio (2012). Para Casas, «Regueira, como outros poetas nosos, hoxe á vangarda do que é a poesía no mundo, conciben que a poesía ten que ser a do seu tempo presente». E como tal, «a poesía de Mario é política, observa a realidade e intenta modificala.» «Mario é de Ferrol. É, quizais por iso, un poeta moi racional. Non hai nada na súa obra que non estea reflexionado.» Continuou Casas salientando que a poesía do noso tempo deixou de ter o labor de encomio: «A mellor poesía actual é a que pensa e ensina a pensar, é a que entrou no xénero deliberativo, a que pensa sobre o noso presente, sobre que futuro queremos construír, que patria, que idea de nación.» A pesar disto, na obra de Regueira non hai mención ningunha dese territorio chamado Galicia: «é un poeta de cartografías moi amplas, de extensións bastas. En Tanxerina visitou o Norte de África, no segundo libro visitou Luisiana e algunhas illas do Caribe, no Silencio fala de Europa, fala da guerra, máis sen pasar de Occitania para abaixo.» Logo, o profesor Casas abordou a relación entre identidade e alteridade na obra de Regueira: «Mario fai unha poesía apostrófica dirixida diante do que fala. Non aposta por unha poética do eu ou do ti. Aposta por unha poética, en termos deleuzianos ou de Bowles, que poderiamos chamar ‘nómade’, unha identidade que se vai constituíndo en base a encontros e desencontros.» Para pechar o seu parlamento, Casas referíuse O silencio: «Este é un libro sobre a guerra, sobre os seus efectos, sobre os seus relatos, sobre guerras presentes nos libros de historia e sobre outras ocultas, sobre todas as formas de violencia.» «Regueira non pretende constituír heroes senón reflexionar sobre os efectos da guerra, sobre momentos de ruído enxordecedor e de silencio, os máis difíciles de informar de todas batallas. Este é un libro que vixía a retagarda. Aquí está o esquecemento, a intelixencia que intenta descifrar os códigos do inimigo, a destrución, as pontes, están Alan Turing e Coltrane, a música deste libro, está a transición do bebop ao modern jazz…» Arturo Casas pechou o seu discurso definindo «a guerra como a continuación das transaccións por outras vías» e reiterando o carácter de «extraordinario» para O silencio. Pola súa banda, Mario Regueira comezou as súas palabras comparando a escritura coa pesca da rocha, «a pesar de que custa, gustános facela.» «Este é un libro sobre as guerras como símbolo global. Tenta aludir as batallas históricas, mais tamén as guerras invisibilizadas. Vivimos tempos de guerra, de agresións, non fai falta que o noso tempo sexa outro Guernika», rematou.