Onte 531: Biografía de referencia

Na presentación en Couceiro, a crítica Chus Nogueira cualificou Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro como «un libro excepcional, a biografía de referencia sobre Celso Emilio Ferreiro». Para Nogueira no libro de Ramón Nicolás «sorprenden a magnitude, a amplitude e rigor dun traballo que o converten nun libro de referencia». “Que hai de extraordinario nesta biografía?” preguntouse Nogueira. «Paixón, honestidade, elegancia e delicadeza para abordar cuestións biográficas, vontade de estilo e unha estrutura coral, polifónica na que tanto podemos ler a voz do investigador, do propio Celso, as voces autorizadas convocadas e a voz dun narrador que se vai interpolando e que nos achega ao que poderiamos considerar como “unha biografía novelada” moi atractiva». Concluíu Nogueira salientando que eran estes «textos moi fermosos que levan a un man a man entre o biógrafo e o biografado, entre o investigador e o narrador, reforzando a inmersión no universo Celso Emilio, harmonizando dúas técnicas do relato biográfico aparentemente enfrontadas». Foi a de Chus Nogueira unha presentación magnífica, modélica pola súa claridade didáctica e profundidade crítica!

Onte 495: Gonzalo Canedo

Noticia moi triste foi a do falecemento do editor galego Gonzalo Canedo. Coñecino no Liber de 2009, moi pouco antes de que aparecesen os primeiros títulos de Libros del Silencio, a editorial que agarimou dende entón. Contoume entusiasmado que despois dunha longa vida profesional como comercial dalgunhas das máis grandes editoras radicadas en Barcelona –traballou en Círculo de Lectores e como director comercial doutras editoras do grupo Berstelman– decidira arriscar creando unha editora independente onde publicar textos de calidade. Nacido en Cerceda en 1955, pretendía que no seu proxecto editorial tivese presenza destacada a tradución ao castelán da mellor literatura galega contemporánea. Interesáballe publicar a poesía de Ferrín, a narrativa de Casares e doutros narradores galegos novos. Pretendía incluílos nun catálogo literario selecto (faloume de quince títulos por ano) no que se mesturasen con novos talentos e coa recuperacións de autores internacionais inéditos en castelán.

Canedo conseguiu materializar o seu soño en apenas tres anos nos que publicou medio centenar de títulos convertindo a Libros del Silencio nunha das editoras independentes mellor valoradas e visibles, tanto polo interese do seu catálogo como pola súa moi coidada edición, tanto no tratamento dos interiores como dunhas cubertas soberbias. No que atinxe a literatura galega publicou a edición bilingüe (galega e castelá) da obra completa de Lois Pereiro en coidada edición de Daniel Salgado, así como A poesía última de amor e enfermidade do poeta monfortino; o magnífico Elisa e Marcela de Narciso de Gabriel, prologado por Manuel Rivas; e, hai apenas uns meses, a Narrativa breve completa de Carlos Casares, con prologo de Juan Cruz. Magnífico catálogo!

Canedo foi un editor comprometido cos seus libros. Consideraba que «a edición tiña algo de deporte extremo» e advertía que aqueles editores que esquecesen ese principio «corrían o risco de se converter en tristes burócratas». Sempre me impactou o lema que acuñou para a súa editorial, unha frase de Pascal Quignard: «Un libro é un fragmento de silencio en mans do lector. Aquel que escribe cala. Aquel que le non rompe o silencio». O editor Gonzalo Canedo déixanos un silencio fecundo no seu coidado catálogo de lecturas. A nosa gratitude pola súa amizade e a nosa saudade tras o seu pasamento.

Onte 461: O lume que alampea

Ao mediodía de onte milleiros de estudantes galegos de todo o país recitaron a Celso Emilio Ferreiro, unha das iniciativas máis intensas deste inesquecible ano en lembranza do poeta da esperanza. Á noite vivimos a vitoria colosal e moi traballada do Celta diante do Real Madrid, un deses milagres da providencia laica que amosan o valor do fútbol como grande teatro do mundo. A intelixencia táctica, o traballo compartido, o esforzo ilimitado dos humildes galegos dobregaron devagariño á sombra fachendosa do xigante madrileño, que non exento de fortuna conseguíu in extremis o seu gadoupazo. Porén, o resultado non conformou á caverna que ouvea indignada contra “eses paletos nacionalistas”, que se deberan ter rendido antes de iniciar o partido. As palabras do noso Celso continúan vixentes: “mais o lume que alampea xamais o veredes morto”.

100% CEF

100% CEF. Trailer from asombraproducions on Vimeo.

Mañá 12/12/2012, gran xornada do Ano Celso Emilio Ferreiro. Ademais do concerto expansivo as 12 horas, na noite estrea na TVG do documental 100% CEF de Aser Álvarez.

Onte 413: Na Casa dos Poetas

Dixo Celso Emilio Ferreiro que «Celanova ten a dimensión exacta para ser andada». No serán chuvoso de onte puidémolo comprobar, antes de participar na presentación do libro de Ramón Nicolás Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro na Casa dos Poetas da Fundación Curros Enríquez. Antonio Piñeiro foi o agarimeiro anfitrión co que percorremos as salas todas dunha das casas museo máis xeitosas, dinámicas e visitadas do país. Ademais dos tesouros currosianos alí expostos, coroa poética incluída, a Casa dos Poetas garda no seu segundo andar, onde está instalada a biblioteca, outras pezas de enorme interese. Na galería está unha instalación espectacular que ningún visitante debe perder: «Redes Escarlata contra Maquieiro» de María Estarán, Xoaquina Silva, Xosé Carlos de Dios e Oriana Méndez. Nestes meses é tamén obrigada a visita ás saliñas de homenaxe ao celanovés César Moreiras («Spock» ou «Cesarito»), un dos fundadores do Frente Comixario e un dos pioneiros da banda deseñada galega. Falecido apenas aos vinte e nove anos, Moreiras foi un polifacético artistas urbanos dos oitenta, músico (membro de «Última adevertencia»), xornalista (correspondente en Celanova de La Región), fancineiro e comiqueiro. Gustáronme moito as súas planas axedrezadas e xeométricas, case sempre en branco en negro, como as da da súa particular homenaxe a Longa noite de pedra, o libro publicado por Celso Emilio no mesmo ano que naceu Moreiras. Eis as coincidencias da providencia laica. Esta humilde exposición de Moreiras merece ser divulgada e coñecida.

Imaxe destacada: «Redes Escarlata contra Maquieiro» de María Estarán, Xoaquina Silva, Xosé Carlos de Dios e Oriana Méndez

Onte 378: Aid

A pesar das magníficas intervencións de Fran Alonso e María Solar, a estrela da presentación d’ As meigas de Lupa foi Aid. Abondoulle á rapeira viguesa frasear con toda a súa forza e convicción contaxiosa un tema sobre a bretemosa noite da nosa cidade. Os seus rapoemas, nos que adapta aos ritmos da música urbana algúns poemas dos nosos clásicos, como os seus temas propios, expresan unha vibración esperanzadora e un futuro compartido polas novas xeracións para a lingua e literatura galegas. Benvida Aid e a súa disruptiva presenza no noso panorama literario. Merece todas as nosas beizóns.

Onte 349:«Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro»

Case coincidindo co cincuenta aniversario da publicación de Longa noite de pedra, chegaron os exemplares de control de calidade da agardadísima biografía de Celso Emilio Ferreiro preparada por Ramón Nicolás. Probablemente esta biografía monumental, froito dun traballo de investigación moi concienciudo e demorado, constitúa un dos maiores acontecementos do exitoso Ano Celso Emilio. Do excelente traballo do meu admirado Moncho Nicolás, do que sei se falará devagariño nas vindeiras semanas quixera adiantar e salientar neste adral apenas tres cuestións. Primeira: a amplitude do relato e a diversidade dos milleiros de fontes documentais e orais consultadas debuxan un perfil moi completo do autor de Onde o mundo se chama Celanova. Esta será, sen dúbida, durante moito tempo a biografía de referencia sobre Celso Emilio. Segunda: a integración de parte do epistolario de Ferreiro, até agora completamente inédito, achega numerosas novidades biográficas escritas en primeira persoa, ao tempo que clarifica episodios até agora polémicos. Terceira: o magnífico pulo narrativo de Ramón Nicolás, mesmo a súa vontade de estilo inequívoca, tanto nos capítulos de investigación como naqueloutros «ficcionados», fan engaiolante e amenísima a lectura dun libro que supera as seiscentas páxinas. Esta biografía literaria de Nicolás, como a de Barreiro sobre Murguía ou a de Rodríguez sobre Rosalía, amosan o pulo, tamén en galego, dun dos xéneros narrativos preferidos hoxe entre o lectorado literario. Recomendo todas as tres moi vivamente.

«Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro», o booktrailer

Parabéns a Ramón Nicolás e Iago Nicolás polo excelente booktrailer de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro.

Onte 323: «O meu primeiro Celso Emilio» en concerto

Memorable foi o concerto no Auditorio Municipal de Teo de presentación do librodisco O meu primeiro Celso Emilio. Unha gozada escoitar oito poemas de Celso Emilio interpretados por unha ducia de músicos extraordinarios. Unha ocasión única que sabemos será moi difícil repetir. Abriu María Manuela –tamén formidable ilustradora do libro– con «Erguerémo-la espranza», un dos poemas civicos de Longa noite de pedra. Fermoso o seu diálogo con Manolo Dopico, apoiado na firmeza das cordas da guitarra de Xurxo Varela e o violín de Nuria Lestegás. «Saúde a todos, compañeiros!» foi o retrouso que deu inicio a un concerto no que a emoción e a complicidade do público foron en incremento. Continuaron Xiana e Mero cun dúo inédito con «Eu en ti», un intenso poema de amor d’ O soño sulagado, musicado polo propio Mero. A interpretación de Xiana de «María Soliña» foi un dos momentos máis inesquecibles do serán; o arranxo de Xurxo Varela da versión de A. Paz Valverde é marabilloso. Outrosí sucede cos «Cantares» de María Manuela, un tema que ela arranxou ao xeito tradicional de Onde o mundo se chama Celanova, cun acompañamento de José L. do Pico á zanfona. A versión potentísima de «Irmaus», probablemente a peza estrela disco, marcou outro momento de máxima emoción. O centenar de asistentes quedamos abraiados pola interpretación coral do himno de Mini, un dos temas esenciais na formación sentimental da nosa xeración de nacionalistas galegos. De bagoar. A seguir, «Moraima», versión de Suso Vaamonde do poema «Xaneiro 1972,II», recuperou a voz do íntimo doutro poema de amor de beleza desbordada. Xiana deixounos pampos coa súa versión de «Agardarei», con arranxos jazzísticos de Nani García, mellorando de lonxe a que fixera Batallán. Quedará para a nosa memoria a saída de Xosé Lastra para acompañar (fachendoso) a Xiana no escenario. Todo o elenco no escenario bailou cos aires caribeños do derradeiro tema, «A mulata de Coromoto», outro dos temas de Miguel Varela, o músico ferrolán ao que se lembrou en varias ocasións ao longo do concerto. Pagou moito a pena editar este traballo musical e literario no centenario de Ferreiro, cheo de matices e sutilezas. Un modelo do que entendemos é a edición estendida que precisa un momento como o actual. Se o público así o entende, pretendemos que teña continuidade o vindeiro ano con «A miña primeira Rosalía», con motivo da celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. Luís Ferreiro e máis eu baixamos cantando pola autoestrada máis contentos ca cucos. O de Teo foi moito. A próxima presentación d’ O meu primeiro Celso Emilio será o xoves, 9 de agosto, ás 21:15 horas, na Feira do Libro da Coruña. Avisados quedamos.

[Ramon Pernas no «Encontro Celso Emilio Ferreiro Poética e Ética», Celanova, 17 de xullo de 2012]

A poesía de Celso Emilio non envelleceu, envellece o pobo con ela.