Abofé que o premio Merlín do pasado ano deixou unha boa colleita. Tras a Escarlatina de Ledicia Costas, unha obra aclamadísima polo lectorado, os xurados e a crítica, chega a finalista, Rubicundo de María Canosa. Outro libro moi fermoso, unha alfaia para a conquista de lectores e lectoras autónomas. O texto de María Canosa é un prodixio, sutilmente fantástico, escrito con palabras agarimadas liña a liña coa intención de crear a atmosfera dun relato que faga crible a existencia de oficio tan necesario como o dos cosedores de ventos. O traballo de ilustración de Nuria Díaz é memorable, coidando a composición de cada un dos planos e perspectivas, dando auténtica vida ao personaxe de Rubicundo e as súas delicadas ferramentas capaces de utilizar o fio de po de estrelas. Coma Escarlatina foi un dos libros infantís de 2014, aventuro que Rubicundo o será de 2015. Beizóns a María Canosa e Nuria Díaz, as creadoras desta marabilla.
Con Pasolini, Abel Ferrara pretendeu reconstruir as últimas corenta e oito horas do escritor italiano, antes de ser asasinado en Ostia o 2 de novembro de 1975, ademais de filmar algúns anacos dos proxectos que o director de Saló ou os 120 día de Sodoma preparaba para a súa nova película. Unha empresa moi difícil xa que se obriga a suturar na mesma narración materiais moi diferentes tanto polo seu carácter coma pola súa textura. Nese proxecto tan complexo, Ferrara apenas é capaz de salvar o tedio dunha metraxe de apenas 86 coa reconstrución da famosa entrevista que Pasolini concedeu a Furio Colombo, xornalista de La Stampa, na que anticipa de forma profética a fraxilidade do noso tempo («a traxedia é que non hai seres humanos, só máquinas que chocan entre elas«) e coa das escenas ficcionais nas que participa Ninetto Davoli, o actor de Uccellacci e uccellini.
Xaora, no seu proxecto Ferrara queda só a medio camiño. A película é fría, escura, escasamente emotiva. Non consigue deitar luz sobre a decadencia e asasinato dun dos mitos da cultura da esquerda europea, como tampouco, máis alá de reivindicar vagamente o dereito a escandalizar e o pracer de escandalizarse, tampouco afonda como merece sobre a cerna da súa obra creativa. No entanto, agradécese que o director novaiorquino fuxa da haxiografía e do sensacionalismo banal dos biopic ao uso, respectando así a complexidade dun dos poetas malditos de finais do século XX, testemuña de liberdade e compromiso.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/Pasolini-674071338-main.jpg227160bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-05 00:01:562015-04-04 16:57:39Onte 1285: O «Pasolini» de Ferrara
Pedro Feijoo publicou onte unha anotación sobre Sés da que moito gostei. Escrita coa prudencia de quen fixo milleiros de quilómetros na rota de Los Feliz e Lamatumbá e sabe do valor das músicas, Feijoo gaba a maneira «valente, decidida e afouta» de cantar de Sés, «dese xeito, ese preciso xeito, tan e tan necesario neste país…» Esa afouteza e paixón artísticas tan presentes en Tronzar os valos (2015), esoutra marabilla á que levamos enganchados toda esta semana, coa que a coruñesa inicia a súa andaina en Folmúsica, a discográfica de Fernando Luaces. Disco de absoluta madurez, no que Sés consolida os logros de Admirada condición (2011) e Co xenio destrozado (2013) noutra ducia de temas memorables.
«Como Eu Canto», «Humanamente», «2000 anos máis», «Tronzar os valos», «Iconoclasta», «Un pensamento», «Baixo o cemento», temas nos que se festexa a canción popular galega, o rock, o blues e as diferentes formas da canción popular latina. Textos claros e contundentes, músicas penetrantres, cancións que son centraminas de enerxía e autoestima, doses de talento tan precisas para vencer o devalo da nosa lingua e cultura. Unha ducia de cancións insurxentes e rebeldes, avalando entre a tenrura e a bravura, entre a dozura e a dor. Unha transfusión de entusiasmo galego contra o conformismo paralizante. Tronzar os valos é unha afirmación ética e musical extraordinarias. Recoméndoa moi vivamente. Marabilla de Sés.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/tronzar_os_valos.jpg500500bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-04 15:34:482015-04-04 15:58:22Onte 1284: «Tronzar os valos», a nova marabilla de Sés
Sempre baixo o título d’ A canción de Manuel, Olga e Seso foron construíndo unha achega musical e educativa moi valiosa para desfacer prexuízos e achegar visibilidade sobre este trastorno que afecta a un de cada 150 nenos, con especial incidencia sobre os varóns, catro de cada cinco diagnosticados. Seso e Olga expresan nas palabras limiares do primeiro tema (A canción de Manuel I, 2012) que «a percepción do mundo [do seu fillo] non é coma nosa, mais ten todo o sentido»; que «convivir co autismo é subir unha montaña invisible cada día, unha montaña que nos axudan a subir mans expertas e que nos dan alento cando fai falta.» «Ás veces parece que o autismo é unha man que aperta moi forte o meu corazón, e non me deixa vivir, entón chega Manuel, colle a man que me aflixe e a fai desaparecer co seu sorriso» confesa Olga no limiar do segundo (A canción de Manuel II. Alí estarei, 2013). O recitado de números como conquista da linguaxe e da memoria, mais tamén como aloumiño do aire, centrou o terceiro (A canción de Manuel III, O oito, 2014). «Somos refuxio e somos desvelo e somos as mans pegadas. Quen vai ir da túa man, un día? Quen vai ir contigo?» pregúntanse Olga e Seso na cuarta entrega, ao fío dos momentos tan duros vividos cando coñeceron o diágnóstico de Manuel (A canción de Manuel IV. Son o teu medo, 2015). Catro cancións preciosas, escritas con inequívoca caligrafía azul, esta tinta da sensibilidade imprescindible para coñecer, comprender e difundir que «o esencial é invisible».
Dende o proxecto d’ A canción de Manuel, como dende o espazo de Fb Alto como unha montaña, apélase á responsabilidade e compromiso das autoridades educativas e sanitarias para mellorar e implementar un modelo de atención integral para as persoas con diversidade funcional, respectándoas como cidadáns de pleno dereito. A nosa maior admiración para todas as familias, profesionais e asociacions que traballan na escuridade deste territorio de esperanza.
Recomendo ler esta anotación do blog de Seso Durán na que explica a poética da canción deste ano, na que o propio Manuel, cunha cámara colocada na súa fronte, deitaba a súa ollada sobre o seu arredor, durante un paseo por Vigo. Como tamén estoutra do blog de Olga Lalín na que se contextualiza esta reclamación para a abordaxe integral do TEA no marco dos dereitos da infancia. Moi interesantes e clarificadoras as dúas.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/a_cancion_de_manuel.jpeg168300bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-03 00:01:342015-04-04 15:40:48Onte 1283: A canción de Manuel
Pride forma parte desa bendita tradición do cine británico de comedias sociais, como Billy Elliot ou Full Monty, dirixidas a todos os públicos. O que se presenta coma unha reconstrución ficcional dun «caso real», o do apoio dun grupo de gays e lesbianas á folga mineira de 1984 de Gales e Yorkshire, grazas a unha moi notable interpretación coral e a unha memorable banda sonora, convértese nunha película digna e interesante. A pesar de que transcorridas tres décadas non cuestiona os alicerces daquela sociedade sometida a onda neoliberalizadora de Margaret Thacher, Pride acada momentos moi emocionantes nos que é capaz de contaxiar o valor da solidariedade. Situacións que Matthew Warchus, veterano director de musicais, manexa as mil marabillas cando utiliza tres grandes himnos do movemento obreiro para convencer ao espectador: «Solidariy for ever», interpretada por Pete Seeger ao comezo; «Bread and roses» no cénit emotivo do film, interpretada polo galesa Bronwen Lewis; e «There is power in a union», interpretada por Billy Bragg, xa no seu remate. Tres escenas memorables que abondan para recomendar unha película capaz tanto de facer rir como axudar a desfacer prexuízos homófobos.
Na feira do libro de Boloña anunciouse onte o título do que será o triséximo sexto álbum de Astérix, O papiro de César, que aparecerá en todo o mundo o 22 de outubro de 2015 e será publicado en galego por Xerais. Coma xa sucedera co álbum anterior, Astérix e os pictos, publicado en outubro de 2013, os autores serán o guionista Jean-Ives Ferri e o debuxante Didier Conrad, que adiantaron en Boloña que a acción da nova entrega se desenvolverá na Galia e «coma sempre sucede en Astérix haberá batallas, novos personaxes, un moi perigoso e zoinamoina, romanos a labazadas e se abordará un tema característico da sociedade moderna.» Antes da publicación desta nova aventura, a comezos do mes de maio estarán dispoñibles nas librarías as novas edicións en galego da terceira e cuarta entrega da serie de René Goscinny e Albert Uderzo , Astérix e os godos e Astérix gladiador, traducidas por Xavier Senín e Isabel Soto. Sen dúbida, 2015 será un gran ano para os seareiros galegos de Astérix e Obélix.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/04/asterix_papyrus_cesar.jpg584630bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-04-01 11:10:132015-04-01 12:31:28Onte 1281: Novos títulos de Astérix en galego
Tras a publicación onte da clarificadora e rigorosa análise de ProlIngua e da documentadísima anotación de Alba Nobueira sobre a sentenza do Tribunal Supremo ao recurso presentado pola RAG ao Decreto de Plurilingüismo saco tres conclusións. Primeira: o Supremo fixo máis unha valoración política ca unha análise xurídica, xa que ignora tanto os contidos da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias como a actual situación regresiva do galego. Segunda: por máis que lle doa aos responsables da política educativa e lingüística da Xunta de Galicia, a sentenza do Supremo ratifica a anulación de dous artigos do decreto, os referidos a enquisa entre as familias de Educación Infantil e o emprego na aula por parte do alumnado da lingua da súa preferencia. E terceira: hoxe a defensa do galego pasa tanto pola continuidade do preito da RAG diante do Tribunal Supremo e, se fose necesario, nos tribunais europeos, como se comprometeu o seu presidente, como pola substitución do Decreto de Plurilingüismo por un novo marco normativo capaz de garantir a supervivencia da nosa lingua.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/03/2683f7c249f8121df148b097a13c8278.jpg450297bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-03-31 09:40:182015-03-31 09:40:18Onte 1280: Sentenza do Supremo
Pareceume un acerto a iniciativa da Real Academia Galega de Belas Artes, que preside o pintor Manuel Quintana Martelo, de instituír dende este ano o «Día das Artes Galegas» coa intención de exaltar, divulgar e promover a creación artística en Galicia. Como tamén o foi o de escoller para esta efeméride a data do primeiro de abril, en lembranza da mesma xornada do ano 1188, coa que se certifica nas limeiras do Pórtico da Gloria aquel como obra do Mestre Mateo. Comézase así unha nova institución da nosa cultura exaltando ao Mestre Mateo, o xenio renovador da arquitectura e escultura románicas, retratado para a ocasión con todo o xenio de Miguelanxo Prado.
Sobre a figura de Mateo, o mestre de obras da Catedral de Compostela dende 1168, non se ten investigado abondo na nosa cultura. Coa intención de saber máis sobre a súa figura recorrín onte á erudición de Xosé Filgueira Valverde no seu traballo, «Datos y Conjeturas sobre la biografía del Maestro Mateo«, publicado no seu libro Historias de Compostela (Bibliofilos Gallegos, 1970; Xerais, 1982), onde aos datos achegados pola historiografía romántica, o polígrafo pontevedrés apenas engade a posibilidade de que o pai de Mateo fose o arquitecto da ponte de Salime, sobre o río Navia. Moito queda aínda por afondar, coñecer e poñer en valor de quen foi un dos piares da cultura de noso.
Xaora, este Día das Artes Galegas da Academia de Belas Artes, como a proposta que hai varios anos xa fixera a viguesa asociación A Nave das Ideas, homenaxeando ao pintor Urbano Lugrís, á actriz María Casres e ao músico Xesús Bal y Gay, supón unha ollada transversal, modernizadora e vivificadora da cultura galega, aínda moi ancorada nos límites do fenómeno literario. Celebrar a nosa creación artística no seu conxunto, sexa a literaria, a musical, plástica, dramática, cinematográfica ou transmedia, supón unha oportunidade para que a cultura galega recupere azos e alento en tempos moi difíciles como os que vivimos.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/03/CARTAZ-DÍA-DAS-ARTES-GALEGAS.jpg29532067bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-03-30 19:40:072015-03-30 19:43:36Onte 1279: Día das Artes Galegas
É innegable o éxito popular da festa da Reconquista que onte levou a milleiros de persoas a ruar a empurróns polo Casco Vello entre os postos do mercadiño de artesanía e os de bocatas de chourizo frito. A Reconquista viguesa homológase así a outras festas como a Arribada ou a Feira Franca onde unha parte das participantes vesten con fachenda «roupas de época» e interpretan música de foliada, mentres outras persoas comparten na rúa petiscos e bebidas. A pesar do éxito de participación, que leva a que festa se derrame dende o Berbés á Porta do Sol, na fase actual de consolidación desta nova tradición viguesa, non está de máis preguntarse sobre o seu sentido histórico, coma onte facía o escritor Pedro Feijoo no seu formidable artigo no xornal electrónico Vigo é. Efectivamente, eu tamén son dos que pensan que os vigueses e as viguesas quizais nos equivocamos de bando naquel enfrontamento que hai douscentos anos se librou no Val do Fragoso entre os valores republicáns (liberdade, igualdade e fraternidade) e a intolerancia do absolutismo monárquico. Xaora, Abel Caballero, por se tiñamos algunha dúbida, inaugurando na noite de onte a súa rotonda de Coia aclarou quen representa hoxe cada unha das posicións. En todo caso, é unha beizón que milleiros de persoas compartan no Casco Vello os acordes da foliada e o espírito xenuíno do Vigo popular, onde está a nosa identidade.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/03/reconquista_2015-e1427640408661.jpg478240bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-03-29 16:49:112015-03-29 16:53:52Onte 1278: Os valores da Reconquista
Foi onte un día importante para a consolidación do novo modelo do premio Ánxel Fole de narración curta, organizado polo concello de Lugo e editado por Xerais. Pola tarde reunímonos os membros do xurado da XVII edición, formado tamén por Cristina Corral Soilán e Pedro Feijoo, que despois de darlle moitas voltas e viravoltas decidimos por unanimidade outorgar, entre as 41 obras presentadas, á titulada Tempos de bebidas isotónicas e fast-food, presentada baixo o lema «Historias mínimas», que unha vez aberta a plica por Darío Xohán Cabana, secretario do xurado e coordinador de publicacións do concello de Lugo, resultou ser de Alexandre Alonso Alonso, que asina co nome literario de Álex López. Foron as outras dúas magníficas obras finalistas as presentadas cos lemas «Inger Nilsson» e «Ex oblivione», que agardo reciban no futuro o recoñecemento que tamén merecen. A de Álex Alonso foi toda unha estupenda sorpresa, xa que supón a incorporación dun novo narrador ao noso catálogo. Celebrouse despois no Salón de Plenos do concello, coa participación do alcalde Orozco, a presentación institucional de Funambulistas, a obra de Mercedes Leobalde, gañadora da edición anterior. Un acto literario no que se anunciou o ditame do xurado e no que Leobalde expresou a súa ledicia polo feito que fose premiado Álex Alonso, «unha persoa xenial, sei que as súas ocorrencias son xenialidades e as súas historias moi conmovedoras e cinematográficas.»
Tempos de bebidas isotónicas e fast-food é un monllo de trinta relatos que deitan unha ollada, unhas veces de gran angular, outras de teleobxectivo, que retrata as contradicións e o devalo da sociedade galega do noso tempo. A utilización preferente da primeira persoa como voz narradora testemuñal, axustada en cada peza ao rexistro do personaxe, confire unha rotundidade e credibilidade brutal a cada unha destas historias mínimas. Un humor de marabilla, sutilmente retranqueiro, e un coidado rexistro lingüístico coloquial, impregnado cos aromas dos viguismos e das variantes da fala popular das Rías Baixas, tiran dunha lectura tan engaiolante coma acedamente divertida. Dende o memorable «O curso de novas tecnoloxías, que abre o libro a gargalladas, pasando pola versión bífida de «By Glory Lake» ou polo o emotivo «Non me chames terrorista», até o estremecedor «Vitrasas», Álex Alonso debulla algunhas das causas e prexuízos da desigualdade e precariedade da Galicia actual. Un libro que mantén lazos e fíos formais e temáticos cos Funambulistas de Mercedes Leobalde, autora coa que Álex Alonso comparte a súa profesión de lingüista da Administración de Xustiza.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2015/03/alex_alonso.jpg395220bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2015-03-28 13:16:022015-04-01 14:00:00Onte 1277: Álex Alonso premio Ánxel Fole 2015