Onte 181: «Ler hoxe» por Daniel Cassany

Convocados polo CFR da Coruña e moderados por Javier Pintor e Xavier Seoane, participei con Laura Borrás e Daniel Cassany nunha intensa mesa redonda sobre «A lectura no século XXI». Foi unha honra compartir reflexións con estas persoas que levan traballado moito sobre as textualidades dixitais. Laura Borrás fixo unha presentación audiovisual moi fermosa, apoiándose na rede, na que salientou, entre outras, as posibilidades literarias do hipertexto na creación de textos transmedia e na promoción do libro e da lectura. Pola súa banda, Cassany sinalou sete cousas que na súa opinión mudaron coa lectura en Internet. Apunteinas na libreta e comprobei que conforman un diagnóstico preciso da situación da lectura no proceso de tránsito entre os paradigmas da counicación impresa e dixital.

LER HOXE

  1. Ler hoxe é máis importante ca antes. Hai máis cousas que requiren a lectura, un feito que ten que ver co control establecido polos textos escritos. Lemos moito máis.
  2. Hoxe que sabe ler ten máis poder ca antes.  Se tes mellor competencia lectora, podes facer moitas máis cousas.
  3. Ler hoxe é moito máis difícil e complicado ca antes. Ler na rede require domina runha serie de programas e tecnoloxías, ademais de atender a non ser enganado polas moitas mentiras e falsidades que alí se poden atopar. A lectura na rede require doses máis elevadas de comprensión e crítica.
  4. Ler en Internet é máis técnico. Para sacarlle o mellor partido a esta lectura dixital cómpre coñecer instrumentos especializados, como o funcionamento de verificadores ortográficos, dicionarios en liña ou outras ferramentas de busca.
  5. Ler hoxe é moito máis diverso ca antes. En Internet ninguén sabe nin pode lelo todo, razón pola que debemos asumir que todos somos parcialmente analfabetos en algúns eidos. Esta é a razón pola que no sistema educativo debemos facer lectores transitivos.
  6. Ler hoxe está máis vencellado a escribir. En Internet todos somos abellas obreiras colaborando na produción do mel. Na rede valóranse as persoas activas, as que producen contido. Así o libro hoxe pasou de ser unproduto a transformarse nun servizo.
  7. Ler hoxe remata con varios monopolios e preeminencias. Estamos vivindo un tempo no que remata o monopolio da escritura correcta, xa que hai unha parte significativa de escritura pública (como a utilizada nos sms, twitter) que non se atén a todas as convencións ortográficas. Estas formas dixitais non correctas serían variedades dialectais. Vivimos como remata a preeminencia do textual sobre o audiovisual e como a escola e outras institucións educativas xa non son os únicos lugares onde se aprende a lectura e a escritura.

Rematou Cassany afirmando que «A LECTURA HOXE É MÁIS POTENTE. Síntome afortunado de coñecer como foi o mundo antes de Internet e síntome afortunado de poder gozar o mundo de hoxe lendo en Internet.»

Onte 180: Operación Campión

O sumario da Operación Campión, que comezamos a coñecer na noitiña, será unha fonte de bos argumentos para a novela negra galega dos vindeiros anos. Narcotráfico, subvencións fraudulentas, pagamentos de comisións a políticos de cores diversas, actuación de subasteiros ás portas dos xulgados son algúns dos ingredientes que se van desvelando desta trama tóxica tecida polo emprendedor Dorribo. Un capítulo da corrupción en Galicia, ese cancro que corroe a sociedade de forma silenciosa e devastadora. Hai moito para debullar neses 57 tomos da instrución. Alguén pode dubidar que moitas veces a realidade vai por diante da ficción?

Onte 179: Kodak deixa de fabricar película de diapositivas

Coñezo por Microsiervos a noticia de que Kodak deixa de fabricar as películas de Ektachrome E 100, as súas derradeiras películas de diapositivas. Kodak estima que tardarán seis meses en agotar os stocks dispoñibles. Rematará así a vida comercial dun produto analóxico moi exitoso que hai tres décadas, cando comezamos a tirar as primeiras fotos coa Pentax, representaba para nós o modelo de innovación didáctica e de eficacia comunicativa. Daquela a nosa teima era fotografar todo en diapositiva para logo poder proxectalo na aula. Non podo evitar expresar un aceno de saudade, cando vexo no estudio onde escribo as ducias de arquivadores de diapositivas, alí están as nosas primeiras viaxes longas, uns días felices ao ritmo de kodachrome.

Onte 178: Idus de marzo

A pasada tempada o Celta perdeu as súas posibilidades de ascenso directo cando foi vencido polos efectos dos idus de marzo, unha xeira horrible de derrotas que o afastaron, primeiro, do liderado e, despois, o relegaron á crueldade da promoción. Durante o partido do serán de onte en Pucela tivemos moi presente aquela desfeita. Porén, a pesar que se notou moito a ausencia de Oubiña, o Celta demostrou que non é o do ano anterior. Soubo aguantar o trebón e remontou con paciencia e un chisco de fortuna. A velocidade de Orellana, que elaborou os dous contragolpes de gol, e o traballo extenuante dunha defensa moi dinámica foron as claves dunha vitoria épica conseguida no derradeiro minuto. Cómpre lembrar que estes tres puntos foron máis cos sumados a tempada pasada ao longo daquel fatídico mes. Un Celta ilusionante afronta con maior optimismo e fortaleza os, aínda, temibles idus de marzo.

Onte 177: Tras da Corda

Presentamos en Couceiro Tras da Corda, o volume no que Carlos G. Reigosa recolle todos os relatos da súa Comala literaria, o berce de Intramundi no que vivían os Homes de Tras da Corda nas Pucharcas da lembranza. Na editorial concibimos, ademais, esta edición para celebrar o trinta aniversario do narrador de Abeleira, un dos escritores galegos máis populares e queridos polos lectores do noso tempo. Reigosa, sempre luminoso e brillante, confesou sen pudor que lle doeu a relectura destes relatos pola súa crueldade, algo no que non se reparaba hai tres dácadas, cando foron acollidos de forma máis xenerosa ca que se reciben os libros galegos agora por  personalidades como Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro («chorei esta noite lendo a vinganza da madriña», lembrou que lle dixera unha mañá tomando café no Dakar, fronte a Correos) ou Antón Santamarina, que na presentación de Lugo os cualificou como «antropolóxicos».  Reigosa insistiu nunha idea semellante: «O libro conta de onde vimos. Nestas historias de Tras da Corda, un topónimo que non atoparades no nomenclator, queda reflectida a identidade que se correspondía co rural galego que xa non existe». No caderno apuntei dúas das cifras que logo achegou Reigosa para a reflexión: «Na Pastoriza hoxe somos 3.500 persoas e 23.000 vacas, hai sesenta anos, o tempo dos relatos, eramos 7.500 habitantes». Recomendo  Tras da Corda, un dos fitos do catálogo narrativo de  Xerais.

Onte 176: Xesús Couceiro

Na reunión da Xunta Directiva da Asociación Galega de Editores acordamos por unanimidade outorgar o Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano 2012 ao libreiro e editor Xesús Couceiro. Este galardón co que os editores pretendemos cada ano recoñecer o labor realizado por unha persoa a prol da cultura do libro serálle entregado en Compostela o vindeiro venres, 9 de marzo, no transcurso d’ A Noite da Edición na que tamén daremos a coñecer os premios que outorga o sector editorial ás mellores obras de 2011. Nacido na parroquia de Albixoi do concello de Mesía, Suso Couceiro pasou de traballar como xerente dunha empresa de electrodomésticos a fundar en 1969 a súa primeira libraría na compostelá rúa de San Pedro. Dende entón, ao longo de catro intensas décadas, Couceiro desenvolveu de forma modélica e teimosa o seu noble oficio nas librarías de Xeneral Pardiñas, o Hórreo e agora no edificio recuperado da praza de Cervantes que xa xestionan os seus fillos Pablo e María. Fundador e primeiro presidente da Federación de Libreiros de Galicia (1977), co-fundador de Edicións Laiovento (1991), ven de poñer en valor Edicións do Cerne, selo creado por Luís Mariño, dedicándoo á edición de facsímiles de primeiras edicións de autores galegos libres de dereitos de autor. Sexa como libreiro, como bibliófilo, como editor, Xesús Couceiro dedicou a súa vida enteira á promoción do libro galego e á cultura da libraría como espazo cultural. Un recoñecemento merecidísimo.

Onte 175: Benvido «Dioivo»!

É outra beizón contar cun novo xornal dixital en galego, Dioivo, «un medio concibido para contar e contrariar». É moi prometedora a súa declaración de intencións de facer «xornalismo para o país da chuvia», un sintagma que interpretamos como unha orballada, que vai enchoupando conciencias, mais tamén con esoutro ballón teimoso, que pode chegar a modificar vontades. Polo que poidemos ver e ler nesta súa primeira xornada o deseño e a navegación son limpos e eficaces, a axenda de temas moi ampla e prometedora, os enfoques orixinais. Unha excelente saída. Parabéns ao equipo de nove xornalistas composteláns promotores e ao seu amplo equipo de colaboradores. Longa, moi longa, vida baixo a choiva tan esperanzadora!

Onte 174: Vivimos a correr

Aledoume ler a entrevista a Luís Eduardo Aute que publica o Faro de Vigo con motivo da súa presenza en Pontevedra, onde o venres inaugurará o ciclo poético do Ateneo «Imán de palabras» e o sábado dará un concerto. Aute, entre outras moitas cousas de interese, alerta: «vivimos a correr, madrugando antes por se amence máis cedo». Agradezo esta chamada de atención de quen é un dos pioneiros desa «cultura slowly». Todos precisamos un chisquiño de acougo xa que só así poderemos desenvolver a xeito o noso traballo e gozar das cousas nas que andamos e das persoas coas que compartimos a vida. «Máis lentitude, menos velocidade», outra das reivindicacións ás que me apunto.

Onte 173: 8,51

Cristobal Montoro desvelou a cifra do déficit: 8,51%. Unha desviación moi elevada que agoira as maiores dificultades para un futuro inmediato que non sabemos canto durará. No entorno da crise as cifras funcionan como o máis frío eufemismo estatístico, incuestionable, que non merece nin análise nin contradición posible. Hai só uns días o formidable Isaac Rosa adiantaba na súa columna en Público as súas previsións económicas para este 2012: «a cousa pinta mal, os parados poden agardar sentados e o resto preparase por se os despiden; non se venderá unha vasoira porque non hai quen a merque; a fin de mes adiantarase outra semana; haberá máis xente sen casa; traballaremos máis e cobraremos menos; seremos máis pobres e desiguais». Máis claro non se pode dicir o que se agocha tras ese frío 8,51.

Onte 172: Outro paso

A declaración do Kursaal é outro paso da esquerda abertzale para asumir a súa incorporación ao proceso democrático. O feito de «amosar o profundo pesar pola dor causada por ETA» e de recoñecer que aos seus membros faltoulles «cara unhas vítimas a sensibilidade amosada con outras» son afirmacións que deben ser acollidas e valoradas de forma moi positiva xa que supoñen admitir o seu erro e o seu compromiso para convivir en igualdade con aquelas persoas que non pensan coma eles. Outro paso no proceso, agardamos que irreversible, da fin da violencia en Euskadi. Tócalle agora mover ficha a ETA que quedou emprazada pola declaración «a desfacer as súas estruturas militares e por as armas fóra de uso». Semella que hai motivos para a esperanza.