Onte 330: Novos contidos de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos

Non foi unha sorpresa a aprobación dos novos contidos de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos que entrarán en vigor o vindeiro setembro. Unha importante medida educativa escurecida polo recortazo dos 102.000 millóns de euros agochado por Rajoy na súa insólita primeira roda de prensa tras un Consello de Ministros. A preparación dos novos libros de texto de Xerais destas materias de e 4º de ESO, que rematamos a marchas forzadas estes días, deume oportunidade en familiarizarme cun currículum tinguido de espírito neoliberal. Eis un par de exemplos moi significativos para entender por onde van as cousas. En 2º de ESO, máis alá da «inevitable» reforma do bloque referido á socialización, onde cuestión tan controvertida para o PP como a do matrimonio quedou resolta co epígrafe «A familia no marco da Constitución Española», a cerna desta reforma conservadora está no bloque «As sociedades democráticas do século XXI». Aí introdúcense uns epígrafes específicos referidos a «Liberdade política e liberdade económica» e ao «Papel da iniciativa económica privada na xeración de riqueza e o fomento do espírito emprendedor». Porén, non atopamos referencia explícita ningunha ao papel do Estado como compensador de desigualdades e promotor da actividade económica. Apenas hai un epígrafe, sen dúbida imprescindible, dedicado ao «deber de transparencia na xestión pública». Con todo, estes novos contidos de EpC son apenas a primeira pedra da reforma educativa conservadora que se aveciña. Avisados quedamos por onde vai chegar o vento.

Onte 329: «Arraianos», o filme

A nova da premiere mundial, mañá 4 de agosto, no 65º Festival Internacional de Locarno (un dos catro máis importantes e veteranos do cinema europeo) de Arraianos, a película de Eloy Enciso, merece aínda maior atención e agarimo da que está recibindo. A elección de Arraianos como única película española para participar na carreira polo Leopardo de ouro na sección «Cineastas do presente» constitúe outro éxito de Zeitun Films, que participa na produción xunto a Artika films. Tras o premio obtido en Cannes 2010 por Oliver Laxe con Todos vós sodes capitáns, estoutro éxito constitúe un importante aliciente para o arriscado traballo dunha produtora como Zeitun que «aposta por un cinema comprometido co cinema». Baseada nunha peza de Jenaro Marinhas del Valle e localizada nos espazos de fronteira da raia seca, Arraianos preséntase «como unha fábula sobre o mundo rural e a súa obstinada resistencia a desaparecer». Entre as intencións expresadas por Enciso están as de «abordar a relación entre a realidade e o que está máis alá desta realidade», traballando na fronteira, tamén, dos xéneros «a dualidade entre o real e o onírico». Agardamos co maior interese a estrea en Galicia de Arraianos. Ten toda a aparencia de ser outras das proezas do noso cinema.

Onte 328: Novela da vida

Empezou forte a Feira do Libro da Coruña. Ao mediodía na inauguración xa foi magnífico o pregón de Cesáreo Sánchez iglesias defendendo a Coruña literaria e o carácter variable do seu verán atlántico. Pola tarde comezou o bulir de milleiros de visitantes e durante o serán os primeiros actos literarios desbordaron o aforo da carpa, tanto a presentación do Peizoque Roque de Dores Tembras e Xosé Tomás de Galaxia como a lectura de Manuel Rivas preparada por Xerais. Non agocho o meu entusiasmo polo novo éxito da convocatoria de Rivas. Ao longo de cincuenta minutos, o autor d’ Os libros arden mal leu catro pezas de diversos xéneros: «O misterio de Uz», un dos relatos inéditos d’ O máis estraño; o segundo capítulo de Todo é silencio, o protagonizado por Lucho Malpica, o pai de Fins, xa un clásico nestas lecturas; e dous relatos d’ As voces baixas, o libro que aparecerá en outubro, «O mestre e o boxeador» e «A guerra, a vaca e o primeiro avión» (publicado por Xerais en separata como avance editorial e agasallado a todos os participantes na lectura). Rivas comezou definindo As voces baixas como «a novela da vida entre o primeiro medo e o primeiro amor». «Un libro escrito entre o eu e o nós, que fala do presente no pasado recordado. Un libro da memoria, un libro de murmurios. Cando se abre a boca da literatura na xente corrente a memoria maniféstase como murmurios, como interferencias, como deconstrucións do tempo pasado.» Rivas insistiu nesta idea literaria, tamén un dos temas centrais do seu discurso de ingreso na RAG: «A boca da literatura adoita estar na das persoas de mesteres humildes; hai que estar á espreita dos murmurios da vida, no momento que se manifestan como linguaxes. A memoria non é un arquivo intacto, ten que sincronizarse cos latexos que nos moven, con esa dínamo que pon en marcha as pulsións. A memoria é esa viaxe que leveda, existe cando somos capaces de activala». Tras a lectura, comezou a sesión de asinaturas, que se prolongou até o peche da xornada. Alí tivemos a oportunidade de coñecer a Klara, unha rapaza da República Checa participante no curso de galego para estranxeiros que estes días se imparte nas aulas da Universidade da Coruña. Os dous Manolos quedamos engaiolados coa súa fala fluidísima e polo entusiasmo e coñecemento co que defendía a lingua galega. Este murmurio que veu de lonxe encheunos de esperanza.

Onte 327: Un concepto sinxelo de edición

Agradezo a Xabier P. Igrexas que tuitease unha clarificadora definición do concepto actual de edición. Efectivamente, neste período de tránsito, se falamos de ficción, o produto da edición é a «historia» («relato» tamén valería); e, se falamos en termos xerais, acoutando a definición de Bob Mayer, o produto da edición é o contido (o texto ou hipertexto de lectura). O contido. Non o libro en papel, nin o electrónico, nin o audiolibro. O contido. O consumidor da edición é o lectorado. Non as librarías nin as as plataformas nin os distribuidores nin os departamentos comerciais. O lectorado. Os autores e autoras producen o contido. O lectorado consume o contido. Quen se coloca entre os autores e autoras e o lectorado ten obriga de engadir algún valor nesa intermediación. Eis o papel do editor.

Onte 326: A lección de Feijoo

A redución do número de membros do Parlamento de Galicia, que pretende impoñer Feijoo, non ten que ver só coas políticas de austericidade das que tan amigo é o presidente da Xunta. Abonda con ler hoxe a información de Atlántico para comprobar que só o gasto en asesores para o seu gabinete (2,3 millóns de euros) duplica o aforro que supoñeria contar con catorce postos menos nas bancadas do Hórreo. Non, non é cuestión só de «aforro». Esta xibarización parlamentaria forma parte da estratexia de rexionalización de Galicia que Feijoo e  Rueda levan desenvolvemento dende inicio da lexislatura. Aí cadra a ofensiva obsesiva para modificar o estatus do galego no sistema educativo non universitario e eliminar as seleccións deportivas galegas, dúas medidas moi políticas que non foron nin moito menos inocentes. Aí cadra a devaluación do Parlamento, institución primeira do noso autogoberno, á que Feijoo e o seu goberno conceden moi escasa relevancia. Ademais de contribuír á rexionalización do estado das autonomías –un proceso no que Feijoo se atreve a desputar (dende posicións «temperadas») o liderado a Esperanza Aguirre–, esta xibarización axudaría ao PPdeG a gañar as Autonómicas, máis aínda cando as enquisas, a pesar das dificultades da oposición de articular unha alternativa verosímil, comezan a non serlles tan favorables aos conservadores. Se a isto engadimos que unha redución deste tipo sempre concita simpatías entre os sectores do electorado que «critican» a política, o movemento de Feijoo non pode ser máis eficaz para os seus intereses. Recentralizar, desprestixiar o valor da participación política e expresar liderado entre os baróns de Rajoy serían, pois, os verbos principais utilizados por Feijoo nestoutra das súas leccións de pragmatismo, ditada sen escrúpulos nin morais nin ideolóxicos. Así é o personaxe.

Onte 325: Primeiro contacto con Kindle

Dinme por vencido. Onte estreei o Kindle Touch que merquei. Abandono o meu primeiro e-reader e o seu antipático sistema. Non nego que a experiencia de compra de Amazon é moito máis satisfactoria ca das librarías electrónicas que viña utilizando. O wifi funciona, a descarga de cada libro é directa ao aparello e dura menos dun minuto. Na experiencia lectora notei menos diferenza, xa que depende da calidade de edición dos e-books. Con todo, sorprendeume a facilidade de integración de documentos propios, aínda que a lectura de PDFs resultoume moi incómoda.

Onte 324: A cerimonia de London 2012

Non puiden ver en directo a cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos, mais onte tiven a oportunidade de recuperar na rede a gravación das súas catro horas (recomendo buscala no sistema de TVE á carta). Unha marabilla concibida para televisión! Alí atopei ese cen por cen british que eu tanto admiro, un compendio de creatividade, tradición, modernidade, elegancia, popularidade, interxeracionalidade, rigor, humor, tinguido dos valores deportivos de «fair play» e afouteza. Mais e sobre todo, gustoume a exaltación visual que Danny Boyle fixo do que el entende representa a identidade británica dende a revolución industrial, o movemento sufraxista e o sistema público de saúde, pasando pola música pop e rock (na que UK é, sen discusión, a primeira potencia mundial), até a literatura infantil e ao emprego da súa irónica retranca. Sen deitarse nos perigosos brazos do chauvinismo, presentar e compartir coa humanidade a identidade propia, e facelo con elegancia e fachenda, constitúe un modelo a seguir. Non teño dúbida que os Xogos Olímpicos de London serán extraordinarios, xa que o público deportivo británico é o mellor do mundo. Durante as dúas próximas semanas terei alí todas as miñas saudades.

Onte 322: Os silencios de don Julio no Congreso dos Deputados

A comparecencia de don Julio Gayoso produciume indignación. Quen mandou na caixa durante seis décadas, quen decidía sobre todo o que alí sucedía, quen forzou a modificación da Lei de Caixas para manterse na presidencia da entidade presentouse diante dos deputados como un xubilado sen poderes executivos ningúns que nada podía aclarar sobre o proceso de fusión nin sobre as razóns e condicións da emisión das participacións preferentes nin sequera sobre as xubilacións millonarias dos seus directivos. Un exercicio de incrible hipocresía que suscitou a repulsa unánime de todos os grupos parlamentarios. Con todo, ten moita miga o comentario de don Julio sobre o seu descoñecemento do contido da auditoria due dilligence, encargada pola Xunta a KPMG, que «avalou» as condicións da fusión. Tras ese comentario, aparentemente inocente, como tras o realizado pola exministra Salgado na súa comparencencia da tarde, aumentan as dúbidas sobre o sucedido, razón pola que é imprescindible que o Parlamento Galego abra dunha vez unha investigación a tumba aberta sobre o proceso de fusión das caixas. A cidadanía ten dereito a coñecer cal era a situación de solvencia de cada unha das entidades antes da fusión, cal foi o papel da Xunta de Galicia e do Banco de España, como a posición dos membros de ambos os dous consellos de administración neste proceso. A tomadura de pelo de don Julio forma parte dunha trama de silencio que debe ser desvelada. Dificilmente os responsables de Novagalicia Banco poderán recuperar a credibilidade coa súa clientela (o seu principal activo) sen solucionar tanto o engano das preferentes como sen que se poña en claro este confuso proceso de fusión.

Onte 321: Día da Patria Galega

Non foi o mellor 25 de xullo dos últimos anos. O BNG demostrou a súa indubidable fortaleza organizativa cunha das maiores manifestacións recentes. Pola súa banda, Anova e Compromiso expresaron o seu entusiasmo e determinación para renovar o discurso e a fórmula organizativa do nacionalismo galego. Todos os tres superaron cadanseu exame, a pesar de que onte o contido da materia era ben diferente para cada un deles. Porén, percibín nas rúas de Compostela que somos algúns os nacionalistas que consideramos esta mostra de desunión como un síntoma da incapacidade actual do nacionalismo galego para artellar unha alternativa verosímil á recentralización autonómica en marcha e aos recortes promovidos polo Partido Popular, unha situación de auténtica emerxencia. Tras este 25 de xullo, sigo crendo que recuperar a unidade nacionalista para participar nas Autonómicas, como mínimo baixo a fórmula dunha coalición electoral, é imprescindible para evitar outro novo retroceso. O teito do 5%, difícil de acadar para Anova e Compromiso (mesmo se concorren xuntos) e, sobre todo, a prevista baixada a 61 do número de membros do Parlamento (unha arteirada propia dun goberno trampulleiro) constitúen acicates para que ambas as tres forzas nacionalistas, a pesar das feridas abertas e das apreciables diferenzas dos seus proxectos, recuperen a unidade de acción electoral. Onte, a pesar de que tanto a manifestación como as concentracións foron concorridas (se ben cunha notabílisma diferenza a prol da do BNG), identifiquei rostros de tristeza en todas as tres. Volvín de Compostela preocupado sobre o futuro do nacionalismo galego.

A fotos son de Praza pública.

Onte 320: Festigal12

Aledoume comprobar que o Festigal non decae. O número de expositores mantense e o programa de actividades aumenta sobre edicións anteriores. No serán preparatorio a presenza do público foi importante. A pesar da decepcionante desunión nacionalista deste 25 de xullo, o máis importante encontro da cultura nacionalista mantén o seu pulo. Parabéns aos organizadores deste Festigal12 pola proeza.