Onte 372: Contrarreforma Wert

A reforma educativa do ministro Wert recentralizará os contidos das ensinanzas mínimas até o 75% do horario escolar, porcentaxe que baixará até o 65 en comunidades como Galicia con lingua oficial, satisfacendo así unha das vellas aspiracións das posicións educativas máis conservadoras. Outrosí sucederá co aval que recibirá o modelo de educación diferenciada (reivindicada polos centros de fomento do Opus Dei), a flexibilización das condicións de traballo do profesorado funcionario, o establecemento de senllas reválidas na Educación Secundaria e o adianto da segregación do alumnado aos 15 anos que conlevará a creación da Formación Profesional Básica. Con semellantes presupostos non é de adiviños agoirar outro fracaso do anceiado Pacto pola Educación. A de Wert é apenas unha contrarreforma carca e centralista. Tempos difíciles para o futuro da educación pública.

Onte 371: The Joy of Books

Tras tres xornadas seguidas do intenso Seminario sobre edición de libro electrónico, impartido por Antón Lado e no que participamos trinta editores galegos, é inevitable para os que gozamos co arrecendo dos libros expresar un aceno de perplexidade, entre unha doce melancolía e un ilusionante entusiasmo. Vivimos un momento de tránsito, onde a pesar das incertezas sobre o modelo da cadea de valor do sector do libro debemos desenvolver un catálogo de lecturas, tanto impresas como electrónicas. No obstante, preparar unha oferta de referencia en lingua galega en formato dixital é hoxe un dos retos principais do sector da edición privada en Galicia. Sen dúbida, o excelente ciclo formativo de Antón Lado moito axudará en impulsala e orientala. O noso maior recoñecemento para el.

Onte 370: Independencia

Tras a grande manifestación da Díada, onte o president da Generalitat comprometeuse a encabezar o proceso que dote a Cataluña das estruturas dun estado de seu. Elegante eufemismo que non agocha o camiño cara a independencia de Cataluña no marco europeo. Outrosí pode suceder no País Vasco, a partir do 21-0, se os partidos soberanistas gañan nos tres territorios forais. Nun caso coma noutro, fóra do díficil encaixe constitucional do proceso e das resistencias políticas que reciba, dúas condicións semellan imprescindibles: o inequívoco e amplo apoio popular, no marco dun referendo; a necesidade do aval da comunidade internacional, un fenómeno inédito para a Unión Europea que nunca se enfrontou á secesión ningunha en parte dos seus estados. Co 11-S catalán, é moi probable que a crise política do modelo de estado en España comparta na axenda pública o protagonismo coa crise económica.

Onte 368: Libro electrónico

Andando ás voltas estes días co traballo sobre os nosos libros electrónicos, ven ao caso esta peza polaca na que se homenaxea o Manifesto  de El Lissitzky 1923, nacido nun momento de tránsito, tamén, como o que hoxe vivimos. Cal é o modelo de libro electrónico que queremos? Serán as posibilidades técnicas, tamén posibilidades creativas?

Onte 367: Ensinantes con xitanos

Os organizadores das XXXII Xornadas de Ensinantes con Xitanos convidáronme a pronunciar unhas palabras en lembranza de Xoán Vázquez, un dos promotores da asociación Chavós. O acto resultou moi interesante. Gustoume escoitar o relato que fixo Ana Veira –mestra de Ferrolterra e secretaria de Chavós até a súa desaparición en 2007– da experiencia de traballo educativo e social deste grupo durante vinte anos, desde o Colexio Público Chavorré Calé até a integración do seu alumnado nos centros ordinarios. Como agradecín que destacase a edición daqueles Materiais para unha práctica intercultural. O traballo da comunidade xitana, unha publicación multisoporte (unidade didáctica impresa, tres vídeos e un cedé interactivo e multilingüe), pioneira no seu tempo, que editamos en Xerais en 1999. Como foi tamén emocionante a intervención de Manolo Vila López, un mestre hoxe xubilado, referente na educación con xitanos no poboado do Carqueixo en Lugo. Vila insistíu na importancia da actitude militante en todo o traballo social e na necesidade de que sexan os xitanos os que asuman o protagonismo da súa historia e do futuro do seu pobo. Tras estas intervencións quedoume claro que, ademais de promover un enfoque global e intercultural do tema educativo xitano, cómpre continuar combatendo os prexuízos existentes sobre esta minoría e o periogoso virus do racismo, tantas veces latente na nosa sociedade. «Vivir o distinto para enriquecernos no común», o lema daquelas Xornadas de Ensinantes con Xitanos celebradas na Coruña en 1995 da man de Xoán Vázquez e o grupo Chavós, continúa sendo necesario.

Onte 366: Un ano de «Onte»

Hai xustamente un ano decidín iniciar un dietario dixital, baixo o título de «Onte», onde recollese algunhas reflexións de actualidade política, social e cultural, ao tempo que relatase en primeira persoa os acontecementos públicos nos que participo. A experiencia supuxo para min asumir tanto un reto diario de reflexión como respectar unha disciplina de escrita diaria, ás que nunca me enfrontara. O emprego das utilidades hipertextuais, a brevidade e premura na composición dos textos foron os únicos límites formais da serie. Tras un ano de actividade deste dietario, que hoxe inicia a sua segunda tempada, reitero a miña convicción na importancia do blog como cerna da miña identidade dixital, mesmo a pesar da miña intensa actividade  en Twitter, que concibo como primeira rede informativa, e a presenza en Fb, que entendo como plataforma de conversa e interacción menos formalizada. Fronte a fraxilidade e fugacidade de Twitter e Fb, o blog é hoxe a nosa mellor memoria dixital, permite o arquivo e súa axilidade de consulta retroalimenta a escritura dos hipertextos novos. De cara ao futuro é a miña intención profundizar na brevidade e hipertextualidade de cada unha das anotacións de «Onte». Obrigado quedo cos seus lectores e lectoras.

Onte 365: A narrativa xuvenil

Dentro das actividades do IX Curso de Formación Continua As Literaturas Infantís e Xuvenís Ibéricas presentamos o libro A narrativa xuvenil (2000-2011), coordinado por Blanca Roig, Isabel Soto e Marta Neira. Outra nova achega da Rede Lijmi que consolida unha biblioteca de referencia sobre a LIX ibéricas, tanto no que atinxe aos estudos monográficos como ao valioso banco de textos críticos para axuda de mediadores. Non foi esta unha presentación de trámite dun proxecto felizmente consolidado, a pesar da redución dos escasos apoios recibidos. Tras a excelente presentación do libro que realizou Alexia Dotras, no debate suscitouse a polémica  sobre a conveniencia de reeditar en coleccións literarias para persoas adultas títulos que inicialmente o foron en coleccións xuvenís, como é o caso de Aire negro de Agustín Fernández Paz. Unha polémica moi interesante que, en todo caso, remite ao carácter de fronteira, de idade media, dun xénero que sempre foi moi difícil de definir, ao tempo que o compromiso dos editores coa ampliación do público para os textos dos nosos autores. No debate (moi animado) lembrei a aspereza (un eufemismo) co que no outono de 1994 foron recibidos os nosos primeiros catro títulos da colección Fóra de Xogo pola crítica literaria galega daquela. Hoxe, a pesar da existencia, aínda, dalgúns prexuízos, aquel comportamento seitario é impensable. Nas dúas últimas décadas, a nosa LIX gañou prestixio, visibilidade e milleiro de lectores e lectoras. Un éxito colectivo!

Onte 364: «Mongolia»

Merquei o número de setembro de Mongolia. Formidable, como os catro anteriores, equilibrando no seu xusto punto a ironía, o humor satírico político e esas noticias verdadeiras que a forza de non aparecer nos medios convencionais semellan as máis extravagantes. Unha publicación que é auga de maio entre tanto aburrido conformismo. Confésome fan desta revista satírica que reivindica a textura do papel prensa e do formato tabloide, un xénero de publicacións que coa excepción de Retranca eu non agardaba nos quioscos dende aqueles tempos da Transición na que seguía Hermano Lobo e El Papus. Xenial o editorial desta Mongolia 5 dedicado ao ministro Gallardón e a reportaxe «Monarquía watch» pola que sabemos que encher o depósito do «Fortuna» custa 26.000 euros, máis que o salario medio anual.

Onte 363: Internet e tv, soportes da campaña

Feijoo está preocupado porque percibe que o PP de Galicia ten escaso peso en internet. Afeito aos parabéns e delicadezas da maior parte da prensa en papel editada no país e aos aloumiños dos medios públicos, recrimina ás Novas Xeracións «a súa escasa implicación na rede a prol dos intereses do seu partido». Alén de semellarme inxusta co papel da mocidade conservadora, está valoración tan choqueira pon en evidencia o prexuízo do presidente de identificar a utilización das redes sociais coa mocidade. O propio Feijoo, quizais por non considerarse un mozo, carece de identidade dixital de seu (onte abriu a súa conta twitter), eiva que comparten o resto dos membros do seu gabinete, algo inconcebible nun político que pretende proxectarse como modelo de modernidade austera. Ben sería que antes de apupar as súas mocidades, Feijoo valorase a importancia que Obama concedeu ao longo de todo o seu mandato a manter unha voz propia e fiable en Twitter e Fb para defender as súas políticas e asegurar a súa reelección. Pola contra, temo que despois de estragar toda a lexislatura, nestas poucas semanas de precampaña moi pouco poderán arranxar os comunity manager do PP e os xefes de prensa das consellarías para artellar unha imaxe dixital sólida dos conservadores galegos e do seu presidente. É probable que se as Autonómicas se dirimisen na rede, Feijoo tería moi difícil recuncar. Porén, como a fenda dixital aínda é considerable en Galicia, o equipo de campaña de Feijoo confía en que sexan os debates televisivos os que axuden a decantar ao seu favor un resultado hoxe moi axustado. Semella que internet e tv serán os dous soportes principais desta campaña.

Onte 362: Por unha nova axenda para o sector do libro

Comparto a preocupación de Joaquín Rodríguez sobre o futuro do sector do libro. Dende hai meses, a crise de consumo comeza a bater de forma desoladora sobre as vendas de edición xeral nas librarías, as devolucións increméntanse (un feito que xa recoñecemos todos os editores e libreiros), aumentando a dependencia de ambos os dous sectores profesionais dos resultados da campaña de libro de texto e das lecturas prescritas polos centros escolares. Se non abondase, as previsións da campaña de Nadal non poden ser moi alentadoras, cando máis de dous millóns de funcionarios, onde está unha parte do mercado de lectores máis comprometidos, quedarán sen paga. Como é un feito incuestionable que o ecosistema de lectura dixital muda os protagonistas na cadea do libro, ao tempo que o mercado da distribución dixital se concentra nun 85 % arredor dos dous xigantes estadounidenses que operan en España (Amazón co 38 % e Apple co 20 % xa hexemonizan o mercado de e-books) e das tres cadeas de librarías (FNAC, Casa del Libro e El Corte Ingles), deixando apenas un 15 % ao resto de plataformas dixitais e iniciativas de editores e libreiros independentes. Neste entorno de mudanza e incerteza, a apelación de Joaquín Rodríguez de procurar unha saída cooperativa para poñer en valor o procomún dos sectores do libro semella debe ser atendida. Neste momento de tránsito imparable as estratexias individuais, como mesmo as sectoriais, amósanse insuficientes para sobrevivir e para facer fronte aos novos retos. O sector do libro no seu conxunto precisa deseñar unha nova axenda (non me gusta iso de «folla de rota»), que vaia máis alá das lexitimas preocupacións sobre a propiedade intelectual ou sobre a necesaria homoxenización da fiscalidade do libro. É o momento de pararse a reflexionar rachando límites coa intención de deseñar unha estratexia intersectorial (edición, libraría, distribución, autoría e mediación) e transversal (iniciativas públicas e privadas) que chante novos alicerces para o futuro de cada un dos sectores e das políticas de lectura.