Onte 382: Navega en galego


Grazas á renovada e utilísima web de Prolingua, chego a Navega en galego, un blog que axuda a «navegar na web como galegos», que non é outra cousa que utilizar a lingua galega como preferida. Este blog sirve para coñecer a estatísticas do idioma preferido das nosas visitas como para comprobar a configuración da lingua de cada navegador e para galeguizalo, se non se fixera con anterioridade. É importante para potenciar a presenza do galego en Internet (mesmo para solicitar a galeguización de programas e utilidades) que os navegadores que utilicemos estean configurados na nosa lingua. Recomendamos espallar tan boa iniciativa.

Onte 381: As cifras de Twitter

Preparando a miña intervención na Rede de Coñecemento Compartido que a AGE organiza o vindeiro martes sobre «A identidade dixital da editorial», din con algunhas desas cifras desorbitantes (das que descoñezo a súa fiablidade) sobre o uso de Twitter. Pareceume impresionante que sexan xa 500 millóns os usuarios de Twitter no mundo, estimándose que en España xa superan a barreira dos cinco millóns. Botando contas e asumindo a fenda dixital galega, estimo que en Galicia contan con perfil nesta rede informativa entre 200.000 e 250.000 persoas. Xa sei que moitas estarán inactivas ou que o utilizan só para a participación pasiva, mais ninguén pode negar o impacto sobre os nosos hábitos de acceso á información desta lectura dixital, realizada na maior parte das ocasións sobre pantallas de teléfonos móbiles. Unha mudanza dun enorme calado.

Onte 380: Un Rolex

É abondo estraño que despois de case tres días coñezamos tan poucos pormenores do caso Pokemon, sobre todo do contido das imputacións que a xuíza Pilar de Lara realizou a Francisco Rodríguez, o alcalde socialista de Ourense. Semella que a cerna pode estar nun Rolex de ouro que os directivos de Vendex afirman terlle agasallado. Esta imputación é un prexuízo político moi serio para o PSdeG-PSOE, ás portas do inicio da campaña electoral, sendo moi probable a inminente demisión de Rodríguez. Non obstante, o calendario da operación, a espectacularidade das detencións, mesmo o contido (coñecido) das imputacións, a un mes da celebración dunhas eleccións de probable resultado axustado, abren a porta a toda clase de hipóteses. Ourense, sitio distinto.

Onte 379: Twitter en galego

A tradución do Twitter en galego é un éxito da comunidade de persoas que empregamos decote o galego nesta rede informativa. Un esforzo teimoso de varios anos no que se viñeron desenvolvendo as máis diversas iniciativas e nas que nestes meses recentes foi decisiva a solicitude promovida dende o perfil Twiter en galego. Non teño dúbida ningunha que o compromiso dos usuarios e usuarias foi o que colocou (xa en 2009) o galego como a vixesimosegunda lingua máis utilizada en Twitter. Porén, como xa sucedeu no caso de Barreras, doe que a Xunta ao fío da precampaña electoral pretenda colocarse unha medalla que non lle corresponde. Beizóns a todas as persoas que utilizan o twitter en galego e aquelas xenerosas voluntarias que agora o están traducindo. Twitter en galego somos todos nós.

Onte 378: Aid

A pesar das magníficas intervencións de Fran Alonso e María Solar, a estrela da presentación d’ As meigas de Lupa foi Aid. Abondoulle á rapeira viguesa frasear con toda a súa forza e convicción contaxiosa un tema sobre a bretemosa noite da nosa cidade. Os seus rapoemas, nos que adapta aos ritmos da música urbana algúns poemas dos nosos clásicos, como os seus temas propios, expresan unha vibración esperanzadora e un futuro compartido polas novas xeracións para a lingua e literatura galegas. Benvida Aid e a súa disruptiva presenza no noso panorama literario. Merece todas as nosas beizóns.

Onte 377: Barreras

Sempre tiven unha querenza especial por Barreras, onde traballaron o meu padriño, o meu tío e varios curmáns da miña nai. Como o que sucedeu no estaleiro nunca me foi alleo, durante o último ano sentía enorme desacougo e tristeza cando pasaba por diante e comprobaba que a grada de Beiramar continuaba completamente baleira, testemuña da crise dunha empresa punteira do sector que durante a última década semellaba (aparentemente) modelo de emprendemento e renovación tecnolóxica. A noticia de hai dúas semanas, na que se anunciaba a finalización do proceso concursal e unha ampliación de capital de dez millóns de euros, tras unha importantísima quita dos acreedores, aventuraba o inicio dun novo proxecto empresarial, baixo unha nova dirección. Proxecto que se iniciará coa construción do barco hotel para Pemex, probablemente un clon do Edda Fides. Confío no criterio dos novos xestores para reflotar este proxecto industrial clave para o Vigo metropolitano e para toda Galicia. Mágoa que este día de esperanza fose deslucido por esta foto electoral que moito me lembrou estoutra.

Onte 376: «As voces baixas» de Manuel Rivas

Traballamos toda a tarde con Manuel Rivas pechando a edición d’ As voces baixas. Quedamos moi satisfeitos da fixación do texto desta auténtica novela da vida que como lectores nos fixo tanto rir coma chorar. Sei que estamos diante dunha obra moi singular, na que o humor e a dor, a memoria persoal e a colectiva se entremesturan con tremenda facilidade, dun xeito natural, grazas a fluidez dunha escrita intencionadamente moi literaria de beleza desbordada (onde pesa cada palabra, onde se mide cada frase e cada oración). Os primeiros exemplares da novela chegarán a comezos de outubro e o primeiro acto de lectura (dunha serie que percorrerá algunhas cidades galegas durantes varios meses) celebrarase o día 16 de outubro na Coruña.

Onte 375: Proyecta

Sabiamos dende hai tempo da xestación da Plataforma Proyecta, unha iniciativa de educación dixital promovida pola Fundación Amancio Ortega Gaona. Onte foi o día no que comezou o lanzamento deste proxecto concibido para que o profesorado non universitario poida compartir obxectos e contidos educativos dixitais, ademais de contar con ferramentas para crealos e de espazos e materiais formativos sobre o proceso de dixitalización educativa e da utilización das TICS nas aulas. A pesar do pouco que puidemos navegar, a primeira ollada á plataforma aventura que Proyecta pode converterse axiña nun espazo de referencia no proceso de tránsito cara ao paradigma da educación hipertextual. Beizóns para o seu equipo de profesionais e longa e ventureira andaina!

Onte 374: Galicia emigrante

Esta magnífica anotación de Cadernos de Comunicación publicada en Praza amosa con claridade meridiana o repunte do fenómeno emigratorio en Galicia. O pasado ano 2011 foron 29.880 os cidadáns galegos que decidiron buscar o seu futuro fóra do territorio do país, 20.653 noutras comunidades españolas e 9.357 no estranxeiro. Unha barbaridade! Pola contra a chegada de inmigrantes e retornados acadou o seu nivel máis baixo desde hai unha década. Os datos son teimudos: coincidindo coa lexislatura presidida por Alberto Núñez Feijoo acentuouse a emigración e aumentou o paro en Galicia até o seu nivel máis alto da historia, case duplicando o existente ao seu comezo. Galicia xa non é país de grandes oportunidades, sobre todo para aquelas persoas con máis elevada formación. Ben sería que na axenda pública da precampaña se introducise o debate sobre estas cifras, detrás das que hai milleiros de persoas que sofren. Non todo vai ser guindar os balóns fóra do campo.

Onte 373: Chamamento de Prolingua

A segunda Asemblea de Prolingua, ademais de elixir unha nova Cerna directiva e aprobar un programa de actuación para os dous vindeiros anos, aprobou un importante chamamento aos partidos e organización políticas con motivo do 21-O. Un texto que inclúe un decálogo referido ao fomento e defensa da lingua galega no que ben sería reparasen todos os partidos sen excepción:

1. Asunción por parte dos cargos públicos do seu deber, no exercicio do seu cargo, de empregar o galego e potenciar a súa utilización nos diversos ámbitos sociais.

2. Esixencia do coñecemento da lingua galega (mínimo, CELGA 3) por parte de todos os cargos públicos.

3. Substitución do chamado Decreto de Ensino Plurilingüe por outra normativa que dea resposta ao mandato básico da LNL (garantir a adquisición da dobre competencia nas dúas linguas oficiais), que elimine prohibicións absurdas como a de impartir matemáticas e outras materias científicas en galego, e que desenvolva as liñas consensuadas pola totalidade do Parlamento de Galicia, presentes no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (promovido por un goberno do PP e aprobado durante o seu mandato).

4. Esixencia do coñecemento da lingua galega a todo o funcionariado, especialmente a aqueles sectores que exercen o seu labor en contacto coa cidadanía (SERGAS, Administración de Xustiza, representantes e axentes culturais etc.). Paralelamente, dotación a estes sectores das ferramentas precisas (programas informáticos, cursos periódicos de formación) para facilitar o desempeño do traballo en galego.

5. De existiren as axudas públicas aos medios de comunicación, condicionalas a un incremento significativo no emprego da lingua propia de Galicia.

6. Deseño dun programa específico de actuacións públicas que busquen desmontar os prexuízos sobre a lingua e fomenten as actitudes positivas. Nese programa incluirase o recoñecemento dos danos causados ao galego como consecuencia das mentiras difundidas desde o goberno e da falta de celo coa que se xestionou a política lingüística.

7. Políticas públicas de apoio e promoción ás industrias culturais que empregan o galego como vehículo de comunicación (industria editorial, musical, teatro, audiovisual…) por seren, ademais dun importante sector económico, esenciais para a presenza e promoción internacional de Galicia.

8. Medidas para garantir o uso normal da lingua en calquera ámbito ou situación, con especial atención ao mundo laboral.

9. Elaboración dunha norma/lei de uso do galego no comercio que poña a lingua galega en situación de igualdade co castelán na sinalética, etiquetaxe e toda a información comercial escrita.

10. Aprobación dunha norma/lei que obrigue a industria e o comercio que ten implantación en Galicia a respectaren a toponomia vixente.

Prolingua pon o dedo na chaga reclamando aos partidos e organización políticas a recuperación do consenso perdido arredor do Plan de Normalización Lingüística de 2004, ao tempo que esixindo un maior compromiso de todos na defensa e promoción efectiva do galego. Unha iniciativa cívica que merece ser difundida.