Onte 455: Cos Merlín no Porto
Foi intensa a xornada na Escola Superior de Educaçao do Porto participando nos décimo oitavos Encontros Luso-Galaico-Franceses do Livro Infantil e Juvenil. Particular interese para nós tivo a xornada de tarde na que se celebrou un encontro con escritores galegos premiados no Merlín (Fina Casalderrey, Ramón Caride, Antonio García Teijeiro e Marcos Calveiro), senllas sesións arredor de propostas de lectura na aula das novelas xuvenís de Ramón Caride e Agustín Fernández Paz, e un recital poético no que participou Antonio García Teijeiro, xunto a Vergílio Alberto Vieira e Joao Pedro Mésseder. Abríu o encontro cos escritores galegos Fina Casalderrey que comezou a súa intervención situando a colección Merlín como “imprescindible para tomarlle a temperatura a literatura infantil e xuvenil en Galicia”, afirmando despois que “se nalgún sitio me sentín máis libre foi en Xerais, onde as únicas ataduras son a ética e a estética. Calquera tema pode ser tratado a calquera idade. Na colección Merlín cabe o mundo enteiro”. Tras relatar a súa experiencia como gañadora do Merlín en 1991, cando se concedeu no Círculo das Artes de Lugo, rematou expresando a ledicia que lle proporcionaban esas “cartas de amor” que recibe decote dos lectores e defendendo o valor para todos da literatura infantil. Ramón Caride confesou na súa intervención que “foi un soño recibir o Premio Merlín co primeiro libro infantil que escribira”. Atribuíu o éxito da colección Merlín “a un traballo editorial ben feito” e “á renovación e reinvención constante da colección”. Comezou a súa intervención Antonio García Teijeiro reivindicando ao poeta como “roubaversos” para despois relatar que foi a súa muller quen presentou o orixinal, que rematara na casa de Rafael Alberti, ao premio Merlín, “Un premio que ten algo que non teñen os demais, quizais os mellor dos organizados en España”. Rematou as súas palabras apelando ao valor da poesía: “Todos os poetas do mundo fixemos medrar unha gran árbore universal, na que penduramos os nosos poemas, onde cabemos todos. Levo loitando toda a miña vida a prol da poesía. Amade a poesía, non lle teñades medo. Citando ao meu amigo o poeta Fran Alonso ‘a poesía non traba, non morde, sabe a chocolate, sanda as feridas’. Lede poesía”. Por último intervíu Marcos Calveiro que comezou a súa intervención confesando que este ano se presentara ao Marlín “porque xa o perdera noutras ocasións”, “no Merlín está o ADN da lix agalega, coa excepción de Docampo e Martín que non se presentaron”. A continuación explicou as razóns da súa escrita: “escribo para non perder aquel capitán de quince anos que fun, un lector voraz. Todos os meus libros son un exercicio de nostalxia daquel lector de quince anos, cando un libro podía mudarte a vida. Esa sensación nunca a volvín ter, nunca”. Rematou salientando a súa convicción que que “escribir é unha das cousas máis divertidas do mundo. Escribir e ler son dúas dimensións da mesma realidade. Para escribir hai que ser lector”. Pechou o encontro unha breve intervención de Blanca Ana Roig Rechou quen definíu “a literatura infantil e xuvenil como aquela que nos acompaña da nenez á vellez”. A pesar de que na viaxe de regreso choveu os sete choveres, volvimos todos moi satisfeitos, unha xornada literaria que pagou a pena.
As gravacións de cada unha destas cinco intervencións poden escoitarse premendo nos enlaces: Casalderrey, Caride, Teijeiro, Calveiro e Roig.