Onte 834: «La cara oculta de la edición»

Temos comentado en anotacións anteriores novidades da magnífica colección «Tipos móviles» de Trama Editorial dedicada a abordar temas de edición, libro e lectura. Como sucedera co libro sobre os almacéns de Amazon, chega tamén de Francia, o país no que máis se debate e reflexiona sobre o futuro do libro, La cara oculta de la edición, un ensaio de Martine Prosper, traballadora de Castermen e secretaria xeral de CFDT Livre-Edition, principal sindicato francés do sector. Prosper presenta un completo informe (pechado en 2011) sobre a situación do sector da edición en Francia (edición, distribución e libraría), salientando a situación de precariedade dos seus traballadores e traballadoras.

Un ensaio que asume a crise do libro como «doenza crónica», inmortal para un sector sempre laioso que nestes momentos, ademais, sofre unha importante modificación tanto dos seus procesos de traballo como da súa cadea de valor. Con todo, para Prosper, a verdadeira crise actual do libro, tras vinte anos de triunfo da lóxica financeira sobre calquera outra (baseada na contabilidade analítica de cada libro, de cada materia e de cada liña de edición, mais tamén na concentración da distribución libreira e da industrialización da loxística), residiría na «aceleración dun modelo económico à bout de souffle, que estrangula lenta pero infaliblemente o obxecto ao que supostamente dá vida». Noutras palabras, a crise verdadeira do libro prodúcese non pola disrupción da dixitalización,  se non cando perde a súa dimensión de ben cultural, quedando a mercede do comercio coma simple mercadoría.

A pesar de estudar só o caso francés, o libro identifica os principais problemas da edición actual en todo o mundo, tanto os dos grandes grupos trasnacionais como os que sofren as denominadas editoras independentes. Destaca pola súa claridade e contundencia, o capítulo dedicado á «Chegada da era dixital», no que a autora realiza unha defensa coherente do labor do editor e do dereito de autor, como unha dimensión patrimonial e moral. Outrosí sucede coa necesidade nese contexto de mudanza de recoñecer os dereitos de todos os traballadores e traballadoras do sector, tanto dos que forman parte dos cadros das empresas coma daqueloutros que fan tarefas externalizadas. Non perder a dimensión do libro como ben cultural e recuperar o discurso humanista do editor, tamén no ámbito social das súas empresas, serían para Prosper novos vieiros que axudarían a consolidar unha edición futura que aventura híbrida e diversa. Un libro que todos os editores e libreiros debemos ter moi presente. Útil para a tan necesaria reflexión intersectorial. Parabéns, outras vez máis, a Manuel Ortuño e Txetxu Barandiaran responsables de tan interesante colección.

Onte 833: «La Tierra de Ana»

Aproveitei os días de nadal para ler La Tierra de Ana, a novela máis recente de Jostein Gaarder, un dos meus autores preferidos da chamada literatura infantil e xuvenil. Desque no nadal de 1996 lera El enigma y el espejo quedei unido para sempre con este narrador noruegués capaz de propoñer en cada novo libro (xa van dezanove publicados no catálogo de Siruela) unha ollada crítica e reflexiva sobre a realidade contemporánea, mais tamén sobre o que agocha detrás do espello, o mundo dos soños e da imaxinación. En La Tierra de Ana, Gaarder ofrece unha fábula sobre os desafíos medioambientais do planeta, ao fío do cambio climático orixinado polo quecemento global e polo consumo de combustibles fósiles.

Como e adoito nas novelas de Gaarder, o relato está protagonizado por unha heroína adolescente. Ana, unha rapaza a piques de cumprir os dezaseis anos, comeza a facerse preguntas esenciais (eis a conquista da madurez) sobre que é o mundo, que cómpre facer para mudalo, cal será o futuro do planeta en 2082, cando ela poida ser bisavoa. Gaarder ofrece unha narración híbrida, entre a intriga dunha crónica realista sobre a desaparición dunha cooperante norueguesa en Somalia, a fantasía dos contos das mil e unha noite (con anel de rubí incluído) e a distopía propia do xénero da ficción científica.

A coidadosa utilización de diversas fontes de información por parte da parella de protagonistas adolescentes –textos moi ben escollidos entre recortes de prensa impresa e dixital, informes científicos, transcricións de conferencias radiofónicas e escolares sobre a catástrofe medioambiental que vivimos–, así como a exploración do mundo dos soños (Ana posúe unha capacidade extraordinaria de lembrar todo o soñado), son compoñentes esenciais desta apelación a abandonar o consumo de petróleo e a intervir no devalo dun planeta que sofre un quecemento global. «Estamos destruíndo o noso planeta. Estámolo facendo nós e o estamos facendo agora.» Mais a pesar de diagnóstico tan contundente e desolador, Gaarder ofrece nas páxinas finais unha raiola de esperanza. Non está todo perdido, se somos capaces de comprometernos dende agora co futuro do planeta; se cada xeración asume a responsabilidade da súa memoria e entrega a seguinte o planeta en mellores condicións que o recibiu. Un libro moi propositivo, que formula moitas preguntas e promove unha reflexión radical sobre a cuestión medioambiental no entorno da crise económica. A lectura ofrece unha gran oportunidade de aproveitamento didáctico.

Onte 832: Coppini

Impresionoume a noticia do pasamento de Germán Coppini, un membro destacadísimo da nosa viguesa Xeración Polycommander. Germán foi a primeira voz desta xeración de mozos e mozas que, a finais dos setenta, enxergamos o futuro nas rúas daquel Vigo revolcado de Soto, do escalestri e das batallas da primeira reconversión naval. A participación de Coppini, xunto a Costas e Julián, foi decisiva para a creación de Siniestro Total, aínda que sería en Golpes Bajos, a carón de Teo Cardalda e Pablo Novoa, onde comezou a desenvolver o seu concepto artesán da música elegante, que co paso dos anos o definiu como un incómodo resistente. Sempre identifiquei na  ollada, nas letras e, sobre todo, na voz de Coppini un aceno de tristeza intelixente, unha alerta para permanecer sempre á espreita, nese territorio tan difícil de construír entre a melancolía e a esperanza. Aí o lembraremos nesta noiteboa, na que se marchou con discreción moumeando «non mires aos ollos da xente, dáme medo, menten sempre», o retrouso dun dos himnos da nosa xeración. Con todos os abrazos para os seus, especialmente para Pablo.

Onte 831: Galerna

Unha das maiores mudanzas do noso tempo é o da información meteorolóxica, capaz de realizar predicións moi fiables, utilizadas polos servizos de emerxencia e protección civil. Entre estas fontes confeso a miña clara preferencia polas publicadas polo equipo de 4gotas. Co espírito didáctico que o caracteriza onte explicou a transformación que se produciría da borrasca Dirk nunha cicloxénese explosiva, ou bomboxénese, o fenómeno que provocou unha tremenda ventada e ballóns moi considerables en todo o país noso. En palabras que utilizabamos na nosa infancia, o que soportamos onte e hoxe é unha tremenda galerna, un grande temporal no mar, acompañado dunha borrasca cun forte descenso da presión, acompañado de caídas da luz en máis de 70.000 fogares galegos (todo un clásico nestes casos). Un fermoso día, cen por cen galego.

Onte 830: Choven cartos

Non tocou nin unha pedrea na lotaría, ese pequeno consolo concibido como mecanismo fidelizador dos xogos de azar. A falta de chuvia de cartos, contentámonos con celebrar a vida e en desexar moita saúde e agarimo para todas as persoas queridas. E, tamén, botar unhas risas, que é un xeito estupendo de coidar o corazón.

Onte 829: Anova

O conflito que sofre Anova amosa a dificultade de construír unha cultura política alternativa no funcionamento interno das organizacións e na súa comunicación coa sociedade. As demisións de Martiño Noriega e outros membros da comisión permanente de Anova supoñen, probablemente, a derradeira  oportunidade para refundar unha organización cuxo discurso inicial abriu unha xanela de esperanza para a renovación profunda da esquerda e do nacionalismo galego. Outra vez o debate entre o novo e as rotinas do vello. As 200.000 persoas que votaron AGE non merecen o lamentable espectáculo que a coalición e os seus dous partidos principais están ofrecendo.

Onte 828: Indígname

Indígname a lei de Gallardón liquidando o aborto como dereito. Indigname esta lei machista que controla a vida das mulleres. Indígname que as mulleres, coa excepción de se son violadas, non teñan dereito a decidir sobre o seu propio corpo e sobre como orientar as súas vidas. Indígname que médicos e xuristas poidan obrigar a unha muller a ser nai contra a súa vontade. Indígname a hipocresía dos membros deste goberno que impoñen a súa moral ao conxunto dunha sociedade que saben diversa e plural. Indígname que o PP renuncie a gobernar para a maioría social ofrecendo á xerarquía da igrexa católica e aos sectores máis conservadores do seu partido as mulleres como moeda de cambio que oculte a súa xestión económica catastrófica. Indigname que as rapazas máis humildes se expoñan os perigos dos abortos clandestinos. Indigname que outras se vexan obrigadas a saír ao estranxeiro para abortar. Indigname que se criminalice o aborto cando se retiran as axudas a dependencia. Indígname este retroceso social de décadas provocado por unha dereita tan egoísta e hipócrita. Indígname.

Onte 827: A fin de NGB

A venda de NGB a Banesco supón a liquidación definitiva das caixas de aforros galegas, unha derrota do aforro popular galego sen posibilidade de retorno nin revancha posible. Con todo, foi a perda do carácter sistémico de Novagalicia banco, a pesar de que o FROB puxo nove mil millóns de euros, a decisión fulcral dun proceso político, tutelado por Rajoy e Feijoo, que deixa ao país noso sen instrumento financeiro de seu. Máis alá das primeiras declaracións dos novos donos, sempre optimistas e esperanzadas, haberá que agardar a coñecer as condicións de compra, a letra pequena da oferta de Banesco, para poder valorar unha adquisición coa que o banco venezuelano chanta ambos os dous pés no mercado financeiro galego, español e europeo.

Onte 826: Homenaxe a Cameselle

A presentación do libro Cameselle. Crónica fotográfica de Vigo (1975-2005) no Club Faro de Vigo constituíu unha homenaxe moi emocionante ao fotográfo Guillermo Cameselle. Gustoume o retrato humano que do fotógrafo de Lavadores perfilou o seu compañeiro o xornalista Luis Piñero, que revelou o carácter aprensivo de Guillermo, con quen compartiu reportaxes inesquecibles. Foi moi oportuna a reclamación de Piñero para que o concello de Vigo incluíse no seu rueiro o nome de «Fotógrafo Guillermo Cameselle». Pola súa banda Ceferino de Blas, director e responsable de Faro de Vigo durante máis de dúas décadas, encadrou a Cameselle como o cabezaleiro da terceira xeración de fotógrafos de Faro de Vigo. «Cameselle foi fotógrafo e fotógrafo de Faro de Vigo, con todo o qu eiso supón de continuidade e legado. Tras a primeira xeración de fotógrafos do xornal, á que vai de 1920 ao final da guerra, formada por Gil, Ksado, Pacheco, Llanos (pai), Sarabia e Pintos; despois da segunda, comprendido entre 1940 e 1970, da que formaron parte Llanos (fillo), Tomás Siorty, Bene e Magar, Cameselle iniciou na década de 1970 a terceira». «Cameselle foi un fotoxornalista integral, o fotógrafo dos luns ao sol, o que se ocupou do proceso de reconversión industrial». Pechou a quenda de intervencións, Fernando Cameselle, o fillo máis novo de Guillermo, que fixo un retrato moi emocionante do seu pai. Pechou o acto a proxección dun centenar das fotos publicadas no libro e uns minutos da gravación da cerimonia de entrega do Premio Galicia Comunicación que recibiu Cameslle en 2005. Gran Cameslle!!!

Onte 825: No Salón Do Libro Infantil e Juvenil de Madrid

Convidados por Sara Moreno, presidenta de Consejo del Libro Infantil y Juvenil viaxamos a Madrid para participar no «Día de Galicia» do Salón do Libro Infantil y Juvenil de Madrid. Pola mañá Agustín Fernández Paz e Xabier DoCampo en calidade de autores; Xosé Cobas, Xan López Domínguez e Marina Seoane como ilustradores e eu mesmo coma editor participamos nun encontro interesantísimo con alumnado de Bacharelato e de Deseño Gráfico. Pola tarde, xa diante dun público diverso, os autores e os ilustradores presentaron o seu traballo como creadores e a experiencia do seu traballo compartido. Moito pagou a pena compartir esta viaxe, moito.