Onte 980: Vintage Sargadelos

sargadelos-coleccion-vintageCoñecín onte o lanzamento dunha colección de xogos de café de Sargadelos, bautizada como «Vintage», unha reedición de tres modelos deseñados hai cincuenta anos por Díaz Pardo para Cerámica do Castro, as series Bimio, Cardos e Cactus. É unha magnífica noticia que Sargadelos, tras varios anos de parálise crítica, volva realizar o lanzamento dun novo produto con motivo do Día das Letras Galegas. Agardemos que tras esta noticia esperanzadora, as fábricas de Sargadelos do Castro e Cervo volvan recuperar a actividade doutrora. Sargadelos é máis ca unha empresa de louza, é un dos sinais de identidade da cultura galega da segunda metade do século XX.

Onte 978: Na Romaría das Letras do Barbanza no pazo de Goiáns

Romaria_Letras_Barbanza_17-05-2014

Participamos onte na presentación d’ A voz do vento, a novela de Pemón Bouzas, que se celebrou na Romaría das Letras do Barbanza organizada cada ano no Pazo de Goiáns de Boiro pola asociación cultural Barbantia. Gustei moito do modelo de festa popular desta romaría literaria, na que ao longo do día participan máis de dúas mil persoas, cun protagonismo moi claro para as letras, a música e a exaltación da cultura popular. Gustei do concerto de Najla Shami, unha marabilla a súa incoporación á nosa lingua e cultura. Porén, lamentei o estado de abandono do magnífico pazo de Goiáns, rescatado como espazo público polo goberno municipal anterior de Boiro, mais que agarda unha urxente intervención dos poderes públicos para evitar a súa ruína.

O modelo de Barbantia de romaría das letras, como o Festiletras de Ponteceso, é o que maior futuro ten para refundar o Día das Letras Galegas. O 17 de maio debe ser unha xornada de festa popular dos libros, do teatro, da música e cinema galegos, cun protagonismo inequívoco para a lingua galega e para os seus creadores, na que ningún autor ou autora, editor ou editora, libreiro ou libreira, actor ou actriz, nin persoa relacionada coa música galega ou co noso cinema pode estar desocupada. Para superar a tan criticada ritualización do 17 de maio é imprescindible esta mobilización expansiva do noso asociacionismo e tecido cultural cultural. O traballo xeneroso de onte dos membros da asociación cultural Barbantia no pazo de Goiáns demostra que é perfectamente posible. Beizóns para eles.

Onte 976: Agustín en Cronopios

Pedreira_AFP_Cronopios_15-05-2014

Gran entrevista a que a xornalista de Onda Cero Susana Pedreira mantivo no serán de onte con Agustín Fernández Paz. Unha auténtica conversa literaria, fluidísima, amena, humanamente relevante, arredor d’ A viaxe de Gagarin. Unha hora de xornalismo cultural de calidade na que se convidou ás lectoras, que encheron na libraría Cronopios de Pontevedra, a mergullarse na novela e no blog de documentación que autor publica a xeito de edición extendida.

XG00201101O primeiro tema abordado foi do papel do escritor, para Agustín «unha persoa que conta», «o que me gusta é contar historias», «en todas as vidas quedan fíos sen tecer». Logo abordouse o paralelismo entre a historia da carreira espacial e a de Miguel Mendiguren, o protagonista d’ A viaxe de Gagarin. «Quería falar dos anos sesenta, enlazando con Non hai noite tan longa, cando a miña xeración foi nova, quixen facer un axuste de contas con aquel tempo. A viaxe espacial sempre me interesou moito. Na noval está sinalada por dous fitos, a viaxe do cosmonauta Iuri Gagarin, a primeira dun ser humano ao espazo, e a chegada a lúa dos astronautas americanos». Relatou Agustín unha anécdota propia, o feito de que o primeiro texto propio que lembra foi unha redacción sobre o Sputnik, acompañada dun debuxo a cor, coa que gañou un concurso na escola de Vilalba. «O que escribín afunda nos documentos, mais tamén nos fíos da vida, o que nos pasou, o que limos, o que vimos, de aí foi saíndo a novela.

Agustín referiuse ás mudanzas que se produciron na década dos sesenta, especialmente «á chegada dos electrodomésticos, unha revolución decisiva nas casas, onde chegaron antes as lavadoras e neveiras cas televisións». Detívose en falar do TOP, o Tribunal de Orde Pública, sobre o que non había apenas información, lembrando que un libro magnífico publicado en 2001 por Planeta fora retirado aos poucos meses pola propia editorial. Mesmo hai persoas novas que descoñecen que o TOP se transformou en 1978 na Audiencia Nacional, ou que a Brigada Política Social fose a Stassi española, «abráiame que haxa cousas que non se saiban». «As feridas esquécense cando están limpas e curadas», afirmou Agustín, para recomendar, despois, A caixa de música de Costa Gavras, unha película que explica o papel vivificador da memoria.

Falouse tamén da libraría da nai do protagonista, «unha libraría humilde do barrio coruñés da Falperra», e do primeiro amor que para Agustín «e esencial, non se esquece nunca, deixa unha pegada profunda». «Sería insoportable vivir se o paso do tempo non matizase as dores e as grandes ledicias da vida. Mais hai momentos positivos ou negativos de condensación, que nos axudan a madurecer». «Despois de tantas dificultades da vida, o único que quedan son os afectos e os cariños».

Susana e Agustín dedicaron os minutos finais da conversa a falar de Twitter e do blog documental da novela. «Gústame ser útil en Twitter, realizar enlaces que leven a unha páxina interesante». «Creo que é a primeira vez que se fixo un blog no que se recolle toda a documentación utilizada na redacción da novela. A través de cada post pretendo que se viva o contexto que viviu o protagonista. Creo que así quedará ainda máis clara a novela». Rematou Agustín falando do papel decisivo dos mediadores, mestres, libreiros, bibliotecarios, profesorado, pais e nais, «sen todos eles os escritores non seriamos nada, son esenciais para crear canles entre os libros e os potenciais lectores. Non tería lectores sen estes mediadores». Pechou Susana Pedreira afirmando que «presentar A viaxe de Gagarin na radio e nunha libraría rozaba a perfección». Non lle faltou razón, memorable presentación e conversa a conservar.

A conversa será emitida por Onda Cero de Pontevedra.

 

Onte 975: Madrigalegos letra e terraferidos

Ana_Acuña_14-05-2014

O salón de actos da Casa das Campás quedou moi pequeno para acoller a todas as persoas que quixeron seguir a presentación. organizada polo Atemeo de Pontevedra. de Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), o ensaio máis recente de Ana Acuña. Ventura foi contar coa intervención do sociólogo Daniel Pino, unhas das 54 testemuñas do libro, que cualificou a obra como moi interesante e de lectura atractiva, tanto polo seu contido coma pola metodoloxía utilizada, que combina o método documental e o cualitativo, «o que permite ler un poema sinfónico, onde os executantes realizan as súas variacións baixo a firme dirección da autora». Citou Pino os cinco grupos de madrigalegos ou focos de irradiación de cultura galega en Madrid durante a segunda metade do século XX estudados por Acuña na obra: a Mocedade Universitaria Castelao (1952-1954), o grupo Brais Pinto (1958-1961); o Seminario de Cultura Galega do Club de Amigos da Unesco (1965-1969), o Grupo Lóstrego, Irmandade Galega (1971-1986) e, finalmente, o Grupo Bilbao (1996-2000). Referiuse ao territorio do Madrid que coñecera a comezos dos anos sesenta, que contaba apenas con dous millóns de habitantes e se transformaba en cidade cindustrial por mor dunha decisión burocrática». Leu un texto de Alexandre Cribeiro, incluído no libro, no que se relataba unha visita ao Pozo do Tío Raimundo e outros porpios da súa experiencia daquel tempo. «Lonxe da terra adquírese conciencia, aínda que podemos confundir a conciencia». rematou cun poema do seu libro Leme de lembranzas.

XG00198501Falou a seguir o profesor Xesús Alonso Montero, prologuista da obra e director da tese de doutoramento sobre a que se editou. Comezou lembrando o número dedicado a Galicia en 1966 de Signo, publicación mensual de Acción Católica, onde Novoneyra publicou un poema no que citaba a Daniel Pino e a outros rapaces que estaban na cadea. Referiuse despois ao título do libro de Acuña, baseado na tese que dirixiu, «Facer literatura galega en Madrid», cuxo espiñazo son «os cinco grupos que aparecen na diaspora protagonizados en Madrid por galegos letra e terraferidos dende 1950 a 2000, literatura galega en Madrid con acento cívico chantado no país». Gabou o traballo de Ana Acuña en Madrygal, revista de filoloxía centrada na sletras galegas da que se levan publicados dezaseis números. «Ana Acuña é unha traballadora rigorosa, formiga intelixente, meticulosa. Falou cos 54 protagonistas da obra, personalmente ou por medio de correo. A información reunida por ela nestas historias de vida é extraordinaria».

Detívose o presidente da RAG en explicar que «non todo o que está feito en Madrid por galegos ten dereito a estar neste libro». «É o caso de Valente, que viviu en Madrid durante un tempo, mais que non estivo relacionado cos galegos, non nos procuraba». O profesor relatou como coñecera a Ben Cho Sey e a súa participación na tertulia do Lyon D’Or, que presidía Ramón Cabanillas. Rematou insistindo en que non pode facerse a historia da literatura galega sen ter en conta a diáspora, «hai unha diáspora tamén próxima, a de Barcelona, que está por escribir».

Onte 974: Máis e-books de Xerais

dixital-656x403

Continuamos incorporando novos títulos ao catáogo de libro dixital de edición xeral de Xerais. Onte publicamos Eu, pel, a primeira novela de Teresa González Costa, coa que incrementamos a nosa oferta (aínda pequena) de libro dixital para o lectorado dixital máis novo. Con todo, no último ano e medio levamos publicado máis dun cento de títulos en formato e-pub, distribuídos polas librarías dixitais de referencia, un catálogo ao que incorporamos tanto a maioría das novidades literarias (publicadas en papel) como recuperacións dixitais dalgúns dos nosos long sellers. Ademais de incrementar de forma significativa este oferta, a curto prazo os retos principais son crear espazos de visibilidade na rede para o libro dixital en galego (apenas unha pinguiña nun océano), aí como consolidar un modelo sectorial para o seu préstamo na rede das bibliotecas públicas galegas. O proceso de hibridación actual do secgor editorial obriga (polo seu carácter disruptivo) a ensaiar solucións para problemas que até agora descoñeciamos sequera que existisen. Crear unha oferta de e-books en galego suficiente, atractiva para os públicos polo seu prezo, diversidade e calidade, así como desenvolvela e consolidada como un mercado sostible (o que non semella doado), son obxectivos polos que traballamos.

Onte: 971 Balbordo en Pontevedra

Pontevedra_10-05-2014

Tiñamos previsto realizar onte na Feira do Libro de Pontevedra dous actos que tivemos que cancelar. A celebración dun festival musical organizado por Cáritas e Mans Unidas, na mesma praza da Ferrería onde está instalada a feira, provocou un balbordo tremendo que impediu desenvolver as actividades literarias previstas. Nun serán con elevada presenza de visitantes na feira, apenas puideron celebrarse as asinaturas programadas nas librarías, xa que con semellante boureo era imposible desenvolver calquera conversa. Indignación, desolación, desacougo, tristeza, impotencia na que debería ser a tarde maior da feira do libro pontevedresa.

O máis inexplicable do caso é que ambas as dúas actividades contaban coa autorización do concello de Pontevedra e ambas as dúas foron anunciadas con antelación. Resulta incrible que ningún responsable municipal reparase na coincidencia e solucionase semellante erro de coordinación. En moitas ocasións temos gabado o excelente traballo do concello de Pontevedra a prol do fomento da lectura e do sector do libro, como o seu proxecto de rexeneración urbana que transformou as prazas pontevedreses en espazos de encontro xeracional gozoso. Porén, onte en Pontevedra asistimos a unha indignante falta de respecto co sector do libro, cos libreiros organizadores da feira, cos lectores e lectoras que alí acudiron a participar nos actos programados, obrigados todos a renunciar ao uso do espazo público que lexitimamente lle correspondía. Os organizadores da Feira do Libro de Pontevedra, as autoras e os autores dos actos cancelados merecen unha desculpa por parte dos responsables de semellante balbordo.

Onte 970: «Liña azul» de David Pobra

Liña_azul_ribeira_09-05-2014JPG

Presentamos onte no salón de plenos do concello de Ribeira Liña azul, a obra de David Pobra gañadora da IVª edición do «Premio de novela cidade centenaria». Creo que o de Ribeira é xa un certame de noveliña (entre os 80.000 e os 140.000 caracteres) consolidado grazas aos excelentes textos de Begoña Paz, Ignacio Silva, Goretti Fariña e David Pobra, todos os catro membros da xeración de narradoras e narradores do novo século. Onte asinamos tamén a continuidade da colaboración entre o concello de Ribeira e Xerais para a quinta edición, xa convocada, que se ditaminará na primavera de 2015 e editará na de 2016.

No que atinxe ao acto literario, David Pobra (nome literario de David Pérez González) confesou ao comezo da súa intervención que unha das ideas de Liña azul fora «animar a escribir, non só a ler, unha intencionalidade recollida nas páxinas da propia obra cando se di “senta o cu e ponte a escribir”». Confesou que o maior piropo que se lle pode facer á novela é considerala «un texto inspirador», como foi cualificada por unha das súas lectoras amigas antes de publicala. David relatou as orixes da obra remontándose a súa estancia en Barcelona hai oito anos, cando estudara alí Filoloxía Galega cunha bolsa Séneca. Lembrou as súas primeiras colaboracións con Vieiros Barcelona onde publicou os seus primeiros relatos e a súa experiencia como viaxeiro da liña azul do metro barcelonés. «Creei “Historias da liña azul”, unha sección semanal na que solicitaba aos lectores ideas para o inicio do próximo relato. Aí apareceu un detective. Publicáronse vinte e un relatos, tantos coma paradas da liña».

XG00225301Intervín no acto como editor e membro do xurado para gabar esta metanovela. Unha noveliña sobre os límites e os compoñentes da novela que constitúe unha ficción sobre a xénese da ficción. Mais que tamén podería ser definida como unha obra de ficción radical sobre o proceso de escrita dunha obra narrativa na que se mesturan as fronteiras dos xéneros até confundirse. Narrativa ou ensaio? Novela negra, de intriga, de ideas, novela literaria, novela humorística? Insistín na importancia do diálogo inicial entre o autor e o seu personaxe, un detective sen nome, de quen saberemos moito máis tarde ten a súa orixe en Palmeira. Un investigador que non ten moi claro o obxecto do seu caso, mais si os límites do seu espazo, o percorrido pola liña azul do metro de Barcelona. Un diálogo entre entre autor e personaxe ampliado, logo, á participación dunha lectora que forma parte do Club de Lectores A Serpe, e despois, ás propias veces narrativas, a primeira e a terceira, que se van mesturando como os diversos rexistros normativos da lingua galega.

Rematei a miña intervención salientando que na miña opinión un dos grandes acertos de Liña azul é colocar aos personaxes na situación de abandonar a ficción e cobraren vida de seu. Esta é unha novela na que as persoas lectoras cobran corporeidade, pasando de ser espectadoras a personaxes ficcionais. Por último, interpretei o título de liña azul, seguindo o fío azul de Gustavo Martín Garzo, como unha metáfora do texto literario. Liña azul é unha obra metaliteraria provocadora, que interroga, que propón incorporarnos ao mundo da escritura, iso é percorrer as estacións da liña azul a velocidade de vertixe. Por último, expresei as melloras intencións para unha noveliña que deixa ao lectora pendurado da liña azul do texto literario. Excelente novela para un premio xa de referencia e para un autor novo que debuta na narrativa galega cunha obra importante.

Onte 969: Con Teresa González Costa no Grove

Virginia_Bersabe_Carlos_Besada_Teresa-Gonzalez_08-05-2014

Magnífica presentación a do serán de onte na Galería Besada do Grove d’ Os santos nunca dormen, a novela máis recente de Teresa González Costa. Coincidindo tamén coa inauguración de «Almas de cántaro», unha impresionante exposición da pintora sevillana Virginia Bersabé, Teresa regresou ao seu Grove natal para reivindicar «que esta novela desenvólvese nun lugar que me habitou dende hai moito, unha vila sen nome onde o tempo fica parado, no Atlántis, ventre de balea, un casa de hóspedes onde se aloxan persoas extravagantes, magníficas, capaces de vivir poeticamente, personaxes libertarios, conscientes que na vida todo flúe coma a balea branca».

Citou despois Teresa algúns dos temas da novela: a angustia, as perdas persoais, como a guerra civil que deixou pegadas. «Quixen escribir unha traxedia. non un drama, onde non faltase a presenza do humor. A obra fala do odio e as súas consecuencias». «Na novela hai reflexións profundas e varias intrigas persoais que se cruzan». «Abordei a memoria como reparación e conciliación». «Na novela as fronteiras entre o real, o fantástico e onírico están esvaídas. Jeremías, restaurador de imaxes, aquí de seres humanos tamén, entra nun mundo de dimensións inesperadas, a través de “vivencias atlánticas”. Restaura e será restaurado. Os santos nunca dormen fala da vida coa intención de que o corazón da balea volva bater. A vida existe para ser vivida».

Dedicou Teresa unha parte da súa intervención a expresar a gratitude cos autores aos que debe moito esta obra: Melville, Nicolas Bouvier, Dionisio Pereira, Mark Twain e algúns autores franceses. Tamén ás conversas con Alfonso Abel, Loli Virulegio, Arximiro Fernández e coa súa visaboa da que tirei o título, «os santos nunca dormen». lembrou ao señor Jorge, un artesán compostelán co que falou toda unha mañá, que lle ensinou o anxo con lentes, fotografado na cuberta.

Para rematar leu o poema «O tempo» que escribiu para esta presentación.

 

O Tempo

Hai quen di
que o tempo
o pon todo
no seu sitio
pero tamén
é certo
que ás veces
hai que axudalo
porque o Tempo
vai ás présas
e non sempre
se decata
dos detalles.
Outras veces
parece
que chega tarde,
o Tempo
purga o tempo
toma o seu tempo
co seu chapeu
repleto de distracións,
e entón a demora
pode durar
demasiado
para quen agarda.
Hai que axudalo,
ao Tempo
e escribirlle cousas,
pequenos ou grandes
recordatorios
para a súa
libraría persoal,
poemas
historias
grandes ou pequenas
debuxos
para que o tempo
tome o seu tempo
da contemplación.
Hai que ofrecerlle un sorriso
e un intre
de xenerosidade
e de sinceridade.
Ás veces
o Tempo
o pon todo
no seu sitio,
pero outras
veces non.
É entón
cando hai que botarlle
un cabo
como se di
aínda que só
sexa
para non ter
a sensación
de perder
o verdadeiro Tempo.

O Grove 8, maio, 2014

 

 

Onte 965: «A viaxe de Gagarin», primeira crítica

XG00201101Martin Pawley publicou onte a primeira crítica d’ A viaxe de Gagarin, a novela máis recente de Agustín Fernández Paz. Unha peza crítica magnífica dunha novela que Pawley considera «non só como a mellor e máis emocionante» das do autor senón tamén como «un claro final de etapa», aquela que dedicou a facer unha revisión crítica do pasado, o das súas novelas da memoria, Noite de voraces sombras (2002), Corredores de sombra (2006) e Non hai noite tan longa (2011). Cualificada como opera summa, A viaxe de Gagarin é un relato de iniciación, máis tamén «un apaixonante retrato da España franquista (e sobre todo da España antifranquista), nun arco temporal definido por dous fitos da carreira espacial, a saída ao espacio de Iuri Gagarin e a chegada de Aldrin e Amstrong á Lúa». Novela sobre a transmision da memoria, documentada con meticulosidade de cirurxián, de escrita esencial e depurada, propia dun mestre da narración. Cun epílogo memorable e brillante que, como Pawley salienta, é »un aloumiño esperanzador de redención».

Onte 963: Pedro Feijoo en Bueu

presentacion-fillos

Ben interesante resultou o acto organizado en Bueu pola Librería Miranda na que Pedro Feijoo conversou con Salvador Rodríguez arredor das súas dúas novelas, O fillos do mar e A memoria da choiva. Tras a lembranza da figura de Manuel de la Fuente, avó de Pedro Feijoo, e a súa sección «Postales de Vigo» en Faro de Vigo, Salvador preguntoulle se era posible reconstruír a rota d’ Os fillos do mar de Bueu, tal coma xa se fixera coa Vigo. Feijoo confesou que a súa estreita relación con Bueu non era allea ao Aturuxo onde tocara moitas veces  nin a un amor grande que tivera no Morrazo. Contou as súas visitas á illa (de Ons), como se documentara sobre o Burato do Inferno, «onde existe unha auténtica catedral», ou como o personaxe de Iago Ray, tan decisivo na resolución da novela, tiña relación coa vila morracense. Feijoo contestou a numerosas cuestións relacionadas cos figura de Rosalía de Castro e o proceso de documentación tan minucioso realizado para A memoria da choiva. Recoñeceu que para el deste traballo documental emerxe a trama, nun diálogo permanente, emprendendo un camiño en paralelo. Un acto literario magnífico.