M.L. Estefanía e a editorial Cíes

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da estrea do documental de José Ballesta, recupero a memoria da editorial Cíes de Eugenio Barrientos «Tetilla».

A estrea da excelente longametraxe documental Marcial Lafuente Estefanía. Galicia máis oeste que nunca de José Ballesta é unha boa oportunidade para lembrar as relacións que con Vigo mantivo o autor máis emblemático do xénero da novela popular do Oeste. Unha relación na que é indispensable recordar ao seu primeiro editor, o vigués Eugenio Barrientos López, o propietario da editorial Cíes, que dende 1941 a 1958 tivo a súa sede na Libraría Tetilla da rúa Elduayen.

«Tetilla», como era coñecido o editor Barrientos, un auténtico xenio da edición, aínda non
abondo recoñecido, foi en 1945 o inventor en España do formato da novela de peto («bolsilibro») e dun curioso sistema de distribución por kioscos, no que tanto se vendían como se prestaban os libros. Axudado polo famoso editor catalán Ramón Sopena, comezara o seu labor editorial publicando novelas policiais e románticas. Cando coñeceu en Portugal as novelas americanas de «pulp fiction», puxo en marcha senllas coleccións de novelas de oeste, «Biblioteca X» (200 títulos), e logo, «Rodeo» (800 títulos), que pasaría á historia como a colección deste tipo por excelencia, nas que publicaron os seus dous principais novelistas: Marcial Lafuente Estefanía (MLE) e Fidel Prado (un letrista notable de cuplés). Sen esquecer a Corín Tellado, a famosísima autora asturiana, que tamén publicou as súas primeiras obras en Cíes, na colección de novela sentimental, na que o propio Estefanía chegaría a publicar algún título baixo pseudónimo feminino.

Os libros de Cíes concebíanse en Vigo, onde MLE viviu e escribiu de 1943 a 1951, as xeitosas portadas a cor preparábanas en Barcelona os ilustradores Moreno e Tomás Porto, eran impresos e encadernados con fío cosido en Bilbao por Artes Gráficas Grijelmo e, finalmente, distribuídos para toda a España dende o almaceniño da editorial en Elduayen onde un encargado e dúas rapazas facían os paquetes que se envían por correos. Un incrible modelo de edición popular periférica en tempos de dura posguerra, que desenvolveu un catálogo de case 1.500 títulos, estimándose que puido chegar a publicar seis millóns de exemplares das súas novelas veloces de xénero romántico e de vaqueiros que formaron como lectores e lectoras a millóns de persoas. Cíes solicitaba escritores en anuncios nos principais xornais de España baixo o lema: «Editorial Cíes. Creadores de rotundos éxitos». Publicou, ademais, libros de literatura xuvenil de rancio sabor franquista, en coleccións de edición acartanoda como «Amenus».

Marcial Lafuente Estefanía foi o autor principal da editorial Cíes. Nacido en Toledo en 1903, fillo dun maxistrado do Tribunal Supremio, enxeñeiro de camiños de profesión, defendeu a República como Comisario General na fronte de Toledo. Rematada a guerra, tras eludir con moita fortuna o pelotón de fusilamento, sufriu o cárcere durante dous anos e medio. Estableceuse en Vigo no ano 1943, grazas as xestións de Eladio, un padre carmelita que fora confesor do seu pai, quen tamén o recomendou a Eugenio Barrientos, a quen lle presentou dúas das primeiras novelas de vaqueiros que, probablemente, escribira no cárcere. Instalado coa súa familia nun segundo piso do edificio Pernas das Travesas, alí comezaría a súa frenética colaboración con «Tetilla», chegando a escribir a man catorce cuartillas diarias, o que supoñía dúas novelas á semana. Estefanía como escritor naceu en Vigo. É probable que as súas primeiras novelas en Cíes fosen La cobardía de Dick (1943), tamén a primeira da «Biblioteca X», a pesar de que fose asinada co alcuño de Williams Grey, ou El crimen perfecto, asinada por Dan Lewis, sendo nese ano a primeira das asinadas co seu nome Temple del Norte. Usou outros alcuños como H. Estol, M.L. Bertel ou Arizona até que se popularizou o M.L. Estefanía como auténtica marca destas novelas das que nos seus momentos de maior apoxeo a editorial Cíes chegou a vender trinta ou corenta e mil exemplares. En pleno éxito, unha oferta imposible de rexeitar de Bruguera levouno a fichar polo editor catalán e instalarse en Madrid en 1951, onde completaría durante tres décadas, coa axuda dos seus fillos e continuadores Francisco e Federico, un catálogo que se estima acadou os tres mil títulos e os 50 millóns de exemplares vendidos. Pola súa banda, en 1958, Barrientos decidiría poñer fin a un proxecto que durante máis dunha década fixo de Vigo a capital editorial da novela popular en castelán.

Vigo como cidade de novela e capital editorial de Galicia debe honrar a memoria de Marcial Lafuente Estefanía e Eugenio Barrientos, dous heroes da novela popular, o celme lector de varias xeracións. Únome á proposta cívica de lembralos co nome dunha rúa ou dun espazo público. O seu labor pola lectura ben o merece.

Onte 240: «transmuta» e «Iria»

Pechamos a participación de Xerais na Feira do Libro de Compostela cunha sesión continúa na que presentamos senllas obras extraordinarias, transmuta, o libro de poemas de poemas de Xabier Cordal e Iria a novela de Anxo Angueira. Un excelente serán, dúas intensas horas de grandes discursos literarios sobre dous libros definidos polos presentadores como «extraordinarios». Comezou a sesión Oriana Méndez cunha boísima intervención sobre transmuta, libro que para ela «escapa da duración», definíndo como «un acontecemento, verdadeira vida», «un bloque de palabras, resistencia», «unha porta azul que se abre, manifesto de palabras contra a morte», «o íntimo e o público sen fronteiras, asumindo o amor como unha posición política». Logo interveu Arturo Casas que, primeiro, repasou a traxectoria de poética de Xabier Cordal, para despois glosar transmuta: «un libro que remite a idea de cambio, de dinamismo, de dialéctica», »unha obra que pretende se runha reflexión sobre a historia, sobre os discursos da historia do noso tempo». Salientou Casas unha idea do libro que lle pareceu fulcral: «a memoria ten como misión fundamental entender, non tanto lembrar», «a historia debería ocuparse da continxencia, como momento copresencial; cada continxencia é unha encrucillada onde temos dereito a elixir sobre o futuro inmediato». Reclamou aos numerosos académicos presentes no acto que incorporasen ao dicionario da RAG a palabra «ferranchina» utilizada no barrio de Monte Alto do que proceden tanto el coma Cordal, «que nin sequera atopei no Gran Xerais e caracteriza moi ben este libro de Xabier». Rematou a primeira sesión coa intervención de Cordal, expresando a súa gratitude («O único sentido do poema é a vida»), e a lectura dunha escolma de textos de trasnmuta por parte da actriz Mónica Camaño.

A segunda sesión protagonizouna Iria, a obra coa que Anxo Angueira continuou o ronsel iniciado en 1999 por Pensa nao. Iniciou unha intervención excepcional, Méndez Ferrín parabenizando a autor por publicar esta novela, xa que «Pensa nao pedía a súa continuación noutro texto e Iria xa pide unha terceira, até entón non nos sentiremos plenamente satisfeitos». Debullou logo os temas principais dunha obra que considerou «o noso Don apacible»: «Aquí está o regadío, unha construción inútil, que representaba os proxectos de colonización do franquismo. Aquí está o galeón, as últimas embarcacións de cabotaxe nas Rías Baixas que atracaron cos seus fretes nas docas de Pontevedra e nos peiraos de Vigo. Aquí está incorporada a historia negada da UPG, o acontecemento que supuxo a colocación o 25 de xullo de 1968, aquí na Alameda de Compostela, dunha pancarta que rezaba ‘Galicia ceibe e socialista’». Ferrín gabou o carácter musical da novela, «unha auténtica suite, con repeticións, anáforas, cadencias, con personaxes que se esvaen nunha permanente variación musical. Anxo Angueira compón como faría Antonio Lobo Antunes, o mellor narrador portugués contemporáneo». Rematou Ferrín o discurso abordando a vivencia da paisaxe das Terras de Iria e o carácter da novela como «mosaico de textos» xa que «estamos diante dun autor sumamente culto, que coñece moi ben a literatura galega, sen do o mellor coñecedor de Rosalía de Castro, a figura principal de Iria».

A loucura en «Dark butterfly»

«Narración intensa, doída, radical» Armando Requeixo.

««Dura, triste, abrumadora.» Rosa Enríquez.

«A loucura é a redución do mundo á metáfora, fai desaparecer o caos empregando a lingua na súa máxima literariedade, destruíndo a significativade. A linguaxe da loucura é iluminadora. Intentei achegarme a ese fulgar». Rexina Vega na presentación de Dark butterfly na Feira do Libro de Santiago.

Onte 232: Dark butterfly

Librouro quedou moi pequena para acoller a performance de presentación de Dark butterfly, a novela de Rexina Vega. Unha intervención artística magnífica de seis mulleres (Begoña Outeiro, Paz Raña, Lucía Riveiros Vázquez, Iolanda Zúñiga, Rosa Enríquez e a propia narradora), que conforman comunidade no Facebook galego, para visibilizar unha obra tan pavorosa como heroica. O documental de Manuel Forcadela achegounos a ese territorio da fraxilidade, unha experiencia humana dolorosa, onde as palabras teñen un papel curativo. Dark butterfly mestura fíos de vida con referencias literarias nun exercicio de escrita catártico, case terapéutico. Unha expresión das posibilidades da literatura como forma de coñecemento, mais tamén como denuncia da estigmatización que a sociedade actual realiza desta enfermidade, a esquizofrenia, sexa nas institucións psiquiátricas ou nas terapias farmacolóxicas. Unha novela que supón a confirmación literaria dunha autora afouta capaz de explorar as caras agochdas da condición humana.

Onte 226: «Non hai noite tan longa»

Non hai noite tan longa, a novela de Agustín Fernández Paz, recibíu dos premios no mesmo día, o Lousada Diéguez á mellor obra de ficción de 2011, e o Irmandade do Libro ao mellor libro de 2011. Un feito inédito que nos encheu de ledicia. Con estes recoñecementos, que se unen aos da AGE, Fervenzas literarias e Redelibros, é difícil discutir que esta primeira novela de Agustín en Xerais Narrativa é a mellor valorada das publicadas en galego o pasado ano. Con esta novela xeracional, o autor de Cartas de inverno foi capaz con de gañar novos lectores e lectoras, derrubando así fronteiras e superando prexuízos, como fixera Rosa Parks, o que constitúe outro feito moi alentador para a normalización da literatura de noso e do seu sistema editorial. O seu discurso maxistral en Lalín, reflexivo e esperanzador, cando recolleu o premio da Federación de Libreiros, apelou a responsabilidade do narrador para ofrecer relatos que importen aos lectores. Unha demostración máis da madurez dun autor principal das letras do noso tempo. Nas vindeiras semanas aparecerá en Xerais Narrativa unha edición revisada e definitiva de Aire negro, outras das súas xeniais novelas.

Onte 223: Somos relato

Magnífica e divertida foi a presentación en Librouro d’ Os fillos do mar, a sorprendente novela viguesa coa que debuta Pedro Feijoo. A actuación xenial de Sergio Zearreta no papel de Simón Varela, o protagonista da novela, deu pé a Marcos Calveiro a salientar o papel da ficción nas nosas vidas: «somos relato, todos nós somos relato. A realidade non existe, todos somos personaxes de ficción. As liñas das nosas vidas son escritas por outros» dixo o autor de Festina lente. Con anterioridade reivindicara o entretemento para a narrativa galega e o pracer que para o narrador supón contar unha historia. Calveiro recomendou Os fillos do mar porque «é unha desas novelas que se pode ler no vitrasa; porque engancha e con ela volvemos ser os rapaces que lían ás agochadas á luz da lanterna; porque ten unha trama construída coa precisión dun reloxo suízo, onde toda a engrenaxe funciona de marabilla cando lle damos corda; porque ten uns personaxes, como Simón Varela, cos que axiña empatiza o lector; e porque ten un topos, un lugar onde recoñcernos, a cidade de Vigo». Unha presentación moi entretida e retranqueira coma unha novela que está sendo a primeira grande sorpresa da tempada literaria. As vindeiras presentacións da novela de Pedro Feijoo están previstas para o 3 de maio na Feira do Libro de Compostela con Suso de Toro, o 4 na Libraría Libraida de Gondomar da man de Fran Alonso e o 10 no Café Auriense de Ourense con Diego Ameixeiras.

Onte 218: Cita no mar de Lira

Foi en Portocubelo, no local da Confraría Mar de Lira, onde acudimos con Xabier Díaz e Luís Rei Núñez para presentar Cita en Fisterra. O acto foi precioso. Tras as palabras agarimosas de acollida de Milucho, Xabier Díaz abriu cunha cantiga mariñeira de Lira, acoutando así o territorio atlántico do libro, unha viaxe de sete xornadas de Monte Louro a Caión, un relato no que se mesturan varios xéneros (a novela, a crónica, o dietario) e se desenvolve un exercicio de memoria individual e colectiva. No seu parlamento Luís Rei Núñez reivindicou para a literatura galega o xénero da viaxe, até agora pouco frecuentado, a pesar do fenómeno da emigración. Lembrando a frase de Pessoa, «para viaxar basta con vivir», reclamou a experiencia e a ollada do escritor viaxeiro sobre a súa propia terra, a pesar de poder ser acudado de localismo, xa que, citando a Miguel Torga,  «o universal é o local cando lle quitamos as paredes». Insistiu que o seu modelo para esta viaxe foi o que puido seguir Josep Plá polo Empordá, o dunha persoa coas antenas postas e cunha curiosidade infinita polas persoas, por observalas, por escoitalas: «Este libro é unha declaración de amor a unha Terra e a un tempo histórico desta Terra». Luís rematou lendo «Abecedario do Pindo», un poema escrito para acadar o maior nivel de protección para o Monte do Pindo. Logo, Xabier Díaz puxo cabo o serán  con dúas pezas memorables a muiñeira de Santa María de Arou e o alalá de Muxía.

Onte 205: Novela sen palabras

Un bo amigo agasalloume un libro marabilloso, La ciudad de Frans Masereel. Esta novela sen palabras do xilógrafo belga, publicada por vez primeira en 1925, realizada con gravados en madeira, constitúe un extraordinario precedente do que hoxe cualificamos como novela gráfica. O contraste entre a escuridade das escenas cotiáns dos barrios obreiros da cidade e a luminosidade daquelas da burguesía do centro constitúen as dúas caras dunha auténtica obra mestra que Thomas Mann considerou que é «desas tan ricas en ideas que nunca se cansa un de miralas». Esta edición é un acerto rotundo de Nórdica, unha das editoras máis interesantes de hoxe. Outrosí a realización do booktrailer, un modelo de presentación dun libro ilustrado. Unha obra que recomendo moi vivamente.

Onte 200: Afirma Tabucchi

Souben da morte de Antonio Tabucchi xantando con bos amigos no Nuevo Derby de Urzaiz, o noso particular Café da Orquídea. Na casa procurei na biblioteca os seus libros. Unha ducia, a maior parte deles moi anotados. Mantívenlle lei a Tabucchi dende Dama de Porto Pim, unha viaxe aos Azores que lin no oitenta e sete, deica as nove historias de El tiempo envejece de prisa, que lin nunha viaxe a Madrid do marzo de hai dous anos. Sempre gustei de Tabucchi a abordaxe que fixo do tempo que se vai esvaendo nos territorios imprecisos da memoria, asumindo que aquilo que imaxinamos convértese en recordo. Mestre indiscutible do conto, a obra que máis me impresionou foi Se está haciendo cada vez más tarde (2002), unha novela en forma de cartas nas que escolle o amor como punto de fuga para conducir ao lector cara ás zonas máis agochadas da alma. Unha novela fermosísima escrita dende o compromiso do narrador de procurar un sentido a vida, enxergando o futuro como un banco de néboa. Tiven a fortuna de coñecelo nunha das súas viaxes a Galicia, cando participou nunhas xornadas didácticas. Lémbroo agora con saudade, esa nostalxia agarimosa, nas páxinas de Tristano morre, a súa derradeira novela, na que se interroga sobre os compoñentes esenciais da vida e as posibilidades de relatala. Ese compromiso coa vida e o seu relato guiou o seu oficio de escritor ao que se dedicou tan xerosamente.