Onte 332: Serán na casa

Dediquei a tarde na que Vigo quedou ocupado a gozar do atletismo e da lectura dun orixinal engaiolante. A procesión do Cristo  é unha mobilización popular potente que non é doado interpretar. Os sectores conservadores e neoconservadores utilízana como unha manifestación do seu respaldo social. Despois de cinco décadas, preferimos non cabrearnos, coma nos sucede todos os anos, e quedar sen a nosa camiñada ao solpor. Outro domingo será!

Rivas fala de «As voces baixas»

Magnífica a reportaxe-entrevista de «Coruña en directo» da lectura de Manuel Rivas na primeira xornada da Feira do Libro da Coruña. Rivas fala d’ As voces baixas.

[Manuel Rivas na Feira do Libro da Coruña, 01-08-2012]

A memoria non é un arquivo intacto, ten que sincronizarse cos latexos que nos moven, con esa dínamo que pon en marcha as pulsións. A memoria é esa viaxe que leveda, existe cando somos capaces de activala.

Onte 328: Novela da vida

Empezou forte a Feira do Libro da Coruña. Ao mediodía na inauguración xa foi magnífico o pregón de Cesáreo Sánchez iglesias defendendo a Coruña literaria e o carácter variable do seu verán atlántico. Pola tarde comezou o bulir de milleiros de visitantes e durante o serán os primeiros actos literarios desbordaron o aforo da carpa, tanto a presentación do Peizoque Roque de Dores Tembras e Xosé Tomás de Galaxia como a lectura de Manuel Rivas preparada por Xerais. Non agocho o meu entusiasmo polo novo éxito da convocatoria de Rivas. Ao longo de cincuenta minutos, o autor d’ Os libros arden mal leu catro pezas de diversos xéneros: «O misterio de Uz», un dos relatos inéditos d’ O máis estraño; o segundo capítulo de Todo é silencio, o protagonizado por Lucho Malpica, o pai de Fins, xa un clásico nestas lecturas; e dous relatos d’ As voces baixas, o libro que aparecerá en outubro, «O mestre e o boxeador» e «A guerra, a vaca e o primeiro avión» (publicado por Xerais en separata como avance editorial e agasallado a todos os participantes na lectura). Rivas comezou definindo As voces baixas como «a novela da vida entre o primeiro medo e o primeiro amor». «Un libro escrito entre o eu e o nós, que fala do presente no pasado recordado. Un libro da memoria, un libro de murmurios. Cando se abre a boca da literatura na xente corrente a memoria maniféstase como murmurios, como interferencias, como deconstrucións do tempo pasado.» Rivas insistiu nesta idea literaria, tamén un dos temas centrais do seu discurso de ingreso na RAG: «A boca da literatura adoita estar na das persoas de mesteres humildes; hai que estar á espreita dos murmurios da vida, no momento que se manifestan como linguaxes. A memoria non é un arquivo intacto, ten que sincronizarse cos latexos que nos moven, con esa dínamo que pon en marcha as pulsións. A memoria é esa viaxe que leveda, existe cando somos capaces de activala». Tras a lectura, comezou a sesión de asinaturas, que se prolongou até o peche da xornada. Alí tivemos a oportunidade de coñecer a Klara, unha rapaza da República Checa participante no curso de galego para estranxeiros que estes días se imparte nas aulas da Universidade da Coruña. Os dous Manolos quedamos engaiolados coa súa fala fluidísima e polo entusiasmo e coñecemento co que defendía a lingua galega. Este murmurio que veu de lonxe encheunos de esperanza.

Onte 316: O premio Biblos 2012, deserto

Magoa que o serán tan fermoso e sereno como o que gozamos na Casa Grande do Bachao quedase un chisco ensombrecido polo deserto do Premio Biblos 2012. Unha sorpresa para o centenar de convidados xustificada pola escritora María Xosé Queizán, presidenta do xurado, pola baixísima participación neste certame de novela galega para menores de vinte e cinco anos. Tucho Calvo, creador e teimudo promotor de Biblos, recoñeceu que isto poñía en evidencia a existencia de importantes problemas de comunicación coa mocidade, mais que a existencia dunha anemia de creatividade ou unha falta de interese da mocidade pola literatura galega. O deserto deste Biblos, até agora un ventureira canteira para a narrativa de noso, é un síntoma preocupante dunha eiva na conexión do sector editorial coa mocidade literaria galega, como tamén da necesidade de actualizar as fórmulas de promoción da creación (premios, bolsas, edicións, soportes de publicacións…). Este deserto constitúe unha chamada de atención, que debemos ter moi en conta, mais tamén un aliciente para non deitarse nos brazos do conformismo.

Onte 314: «A punta de pistola» de Fran Alonso, premio «La Voz de Galicia»

Aledoume moito acompañar a Fran Alonso na noite na que recolleu o premio «La Voz de Galicia de novela por entregas 2012». Tiven a fortuna de ler hai meses a obra gañadora, A punta de pistola, unha trepidante novela de estrada, axustada ás convencións requiridas polo certame (trinta e uns capítulos autoconclusivos e menos de catro mil caracteres), na que Fran coa súa habitual mestría e potencia narrativa retrata un episodio do tempo contemporáneo. Unha parella de mozos marxinais, O Varas e a Rica, rescatan a punta de pistola a Dixie e Pixie, os seus fillos de apenas oito anos internados polos servizos sociais nun centro de menores. A partir desa situación extrema, na que en palabras de Fran «a realidade pode ser máis inverosímil ca ficción», a familia emprenderá unha fuxida a velocidade de vertixe que a levará, primeiro, aos labirintos do centro comercial, e máis tarde polos vieiros da rexión metropolitana viguesa. Como é adoito nos textos narrativos de Fran Alonso, un feito real, neste caso denunciado por el nun artigo de opinón en 2006, constitúe o xérmolo dunha ficción na que se cruzan os camiños doutras historias, relatadas en ton máis acougado, como a protagonizada por unha camioneira blogueira de formación universitaria e por Celia Rivas, a primeira muller camioneira de Galicia. Unha novela de lectura enguedellante na que se aborda unha reflexión de profundo calado educativo, ao tempo que se deita unha olla desprexuizada sobre a infancia, a familia e desestruturación da sociedade en tempos de crise. Parabéns para o grande Fran, si señor!

Onte 313: Celso Emilio Ferreiro narrador

Participei nunha das mesas redondas do Encontro «Celso Emilio Ferreiro. Ética e Poética» organizado pola UIMP en Celanova. Todos os tres ponentes (acompañei a Alfredo Conde e Ramón Pernas) reivindicamos a Celso Emilio como narrador, unha dimensión, quizais inxustamente, ensombrecida polo seu carácter de poeta total. Ambos os tres defendimos o interese e actualidade dos seus libros de relatos, da súa biografía de Curros Enriquez como de «La jaula de los pájaros raros», a serie de artigos literarios publicada en Faro de Vigo de 1950 a 1953. Alfredo Conde definiu a Ferreiro como  «un narrador contracorrente que publica uns relatos dende uns presupostos antropolóxicos e etnográficos que non entraban nos da narrativa galega do seu tempo, xa que a maioría dos títulos publicados eran contos para nenos, sobre a infancia ou sobre a vila natal do autor». Para Conde «a aconfensionalidade ética da prosa de Celso Emilio Ferreiro resiste a súa relectura no século XXI. É un autor cunha prosa que paga a pena ler hoxe». Ramón Pernas reivindicou a Celso Emilio como relatista e lembrou con emoción a entrevista de cinco páxinas que publicou en Triunfo á volta de Celso da emigración venezolana. Dende o público houbo diversas intervencións a salientar. Luciano Rodríguez foi rotundo na vindicación de Celso Emilio como narrador: «A fronteira infinda é un libro de literatura hispanoamericana escrito en galego». Vicente Araguas lembrou a súa gratitude a Ferreiro, xa que lle presentou en Sargadelos de Madrid, xunto a Manuel Rivas e Antonio de Santiago, Paisaxe de Glasgow, o seu primeiro libro de poemas. Carlos Reigosa gabou a xenerosidade sen límite de Celso Emilio con quen mantivo amizade no seu período madrileño. José María Paz Gago, director do Encontro, amosou a súa satisfacción pola achega das sesións a un «novo coñecemento de Celso Emilio». Á saída do debate, parolamos diante da pintada «ADIANTE SEMANARIO» testemuña daquel tempo de entusiasmo que partillaron Celso Emilio e Xosé Velo na súa mocidade.

Onte 310: «La librería ambulante» de Christopher Morley

Agradezo a un amigo libreiro bilbaíno a recomendación de La librería ambulante de Christopher Morley, unha pioneira novela de estrada polos vieiros rurais dos Estados Unidos de hai un século, cando os primeiros automóbiles convivían cos vellos carromatos. Unha solteirona decide romper a súa rotina de ama de casa e inicia unha aventura na que descubrirá o amor da man da cultura dos libros. Unha novela optimista, unha afervoada (ás veces inxenua) reivindicación do valor do libro e da utilidade da lectura e da literatura. Ademais, ten particular interese e actualidade a homenaxe ao papel do libreiro, a quen se identifica con aquel profesional que predica «o evanxeo dos bos libros». O texto convida a subliñar algúns excelentes parágrafos sobre o compromiso do bo libreiro:

Cando vendes un libro a alguén non só lle estás vendendo doce onzas de papel, tinta e pegamento. Estaslle vendendo unha vida totalmente nova. Amor, amizade e humor e barcos qe navegan na noite. Nun libro cabe todo, o ceo e a terra, nun libro de verdade quero dicir.
Pensei que o se o meu propósito era vender libros tamén era necesario que me divertise facéndoo.

Ou estoutra de reivindicación do lector:

É mellor ler un bo libro ca escribir un malo e pobre.

Con todo, a maior descuberta foi comprobar que nesta novela, publicada en 1917, Bradbury atopou a fonte dunha das súas frases máis célebres en Fahrenheit 451. Escribe Morley:

Que é un bo libro? […] Un bo libro debe ser simple. E coma Eva, debe provir dalgún lugar entre a segunda e terceira costela: debe haber un corazón latendo no seu interior. Unha historia que é só cerebro non vale moito.

La librería ambulante é un dese tipo de libros, nas súas páxinas late o corazón dos libreiros que predican o evanxeo dos bos libros.

Onte 309: «El niño perdido» de Thomas Wolfe

No último mes merquei dous libros da colección «Largo recorrido» da editorial Periférica: El niño perdido de Thomas Wolfe e La librería ambulante de Christopher Morley. Dúas novelas que me fascinaron de senllos autores norteamericanos (descoñecidos para min) da primeira metade do século XX. Dous libros aparecidos nos últimos meses, máis xa ambos os dous na terza edición, un éxito conseguido, probablemente, grazas á complicidade de libreiros curiosos, crítica e lectores xenerosos que utilizando a«técnica do rumor» («novelas que paga a pena ler») as foron compartindo e dacendo visibles. A miña experiencia de lectura da noveliña (apenas 96 páxinas de Wolfe) foi moi gratificante. El niño perdido está moi preto da perfección literaria (se é que iso existe). Wolfe relata a morte do seu irmán de doce anos dende catro puntos de vista. Constrúe así un prisma fascinante onde escintila a emoción polo agromar da vida nos territorios fráxiles da adolescencia (para Grover o protagonista, apenas a praza e as tendas do seu barrio), mais tamén unha reflexión moi intelixente sobre a complexa construción da memoria familiar e sobre a fugacidade do «estraño e amargo milagre do Tempo» (representado por Wolfe con maiúscula). O equilibrio entre emoción e razón, entre o narrativo e o poético, entre as catro voces diferenciadas do relato, mesmo entre a progresión dunha trama moi liviá e a fondura da introspección fan desta noveliña unha peza dunha beleza moi infrecuente. O remate da súa lectura quedamos suspendidos nunha fragrancia que convida a relela, algo semellante a ese «retrogusto» dos viños máis longos. Parabéns aos editores de Periférica. Demostran que tamén dende Cáceres é posible desenvolver, neste difícil tempo de tránsito, un proxecto literario orixinal e de calidade capaz de facerse viable polo apoio da sociedade lectora. Eis o camiño que están explorando selos da chamada «nova edición española» (Nórdica, Impedimenta, Periférica, Libros del Asteroide, entre os que eu máis frecuento). Recomendo vivamente a lectura de El niño perdido e visitar o catálogo de Periférica, onde hai outros textos que pagan moito a pena. De La librería ambulante haberá tempo de falar devagariño.

Onte 298: En vías de extinción

Na dobre sesión do primeiro serán da Feira do Libro de Vigo presentamos En vías de extinción, a máis recente novela de María Reimóndez. Un texto escrito cos fíos da vida, aínda que, como sinalou a autora, «non ten un carácter biográfico». Protagonizada por Gaia, unha profesional da tradución e interpretación cun sistema de valores desaxustado ás convencións vixentes, a novela constitúe unha procura da identidade, unha exaltación da singularidade e da diferenza. Sete especies de árbores (toxo, abeleira, uz, carballo, acivro, pradairo e castiñeiro), diferenciando en cada unha delas as vetas e a cerna (onde reside a memoria e a lingua da infancia e da familia), achegan esoutro conflito, o existente entre a sociedade urbana e un mundo que semella en vías ou perigo de extinción, o das formas de vida e cultura tradicional da montaña lucense, onde naceu a protagonista; un debate, en definitiva, sobre a biodiversidade e o futuro ecolóxico que nos agarda. Materiais textuais de diversa tipoloxía e procedencia, polifonia de linguas, variantes dialectais da lingua nosa, numerosas referencias literarias (especialmente aos Cantares gallegos de Rosalía) son elementos formais destacados dunha obra de prosa e estrutura moi coidadas. Na súa intervención, a autora definiu En vías de extinción como «un libro de raíz», o primeiro dun universo literario no que leva traballando e que terá continuidade: «Pretendín escribir unha obra sobre a diversidade cultural, sexual, lingüística e das formas de vida». María Reimóndez, leu tres fragmentos da novela, finalizando con aquel no que Gaia, a protagonista, confesa que «as persoas podemos ser tamén axentes ecolóxicos, temos formas sinxelas de erosionar, facendo a propia roupa ou cultivando o propio alimento, fuxindo deses lugares infernais de cemento, que axiña han ser ruinas sen nada que ofrecer». Unha novela interesantísima que recomendo moi vivamente.