Xosé Fernández Ferreiro contoume que cando sufriu o infarto xa deixara encargado ás súas amizades [Manuel Álvarez Torneiro e Chisco Fernandez Naval] que se lle pasaba algo me fixeran chegar o libro de contos sobre os que viña traballando dende había anos. Por fortuna, Ferreiro saíu daquel trance e aínda publicaría De Xente Nova a Brais Pinto (Xerais 2012), un libro onde fai memoria da súa participación nos dous grupos xeracionais aos que pertenceu na mocidade, o ourensán Xente Nova (1950) e o madrileño Brais Pinto (1957), colectivo que en palabras de X.L. Méndez Ferrín «intentou poñer ao día a cultura galega de vangarda». Tras aquelas memorias breves, sabía que Pepe continuaba traballando no libro de contiños e nalgunha conversa telefónica me adiantara que eran moi breves e que tiñan por fío condutor a Ulcis, unha invención literaria dos tempos de Brais Pinto, referíndose ao libro co título Contos do Sil ou Contos do río Sil, aínda que aseguraba non o tiña moi decidido.
Magoadamente, Ferreiro faleceu o 16 de decembro de 2015 sen entregar o libro de contos en Xerais, aínda que lle dixera ao seu amigo e testamenteiro Chisco Fernández Naval, que o libro estaba feito e pensaba falar comigo [entón o seu editor] para facermo chegar. Analizando os arquivos que Ferreiro deixou no ordenador, Chisco comprobou que existían até catro documentos do orixinal, datados entre 2013 e 2014. Sobre eles traballou con enorme xenerosidade e a meticulosidade e o detalle do editor literario para conformar a recente edición de Ulcis (Xerais 2020), o libro póstumo do narrador e poeta de Espartedo.
Como era de imaxinar, por todas as voltas que Ferreiro deu a estes máis de oitenta textos, a maioría dunha extensión inferior a unha páxina, trátase dun volume fulcral no conxunto da súa obra, xa que aquí están presentes boa parte dos temas das súas quince novelas e as súas preocupacions máis íntimas. Nestas Historias de Ulcis están episodios da infancia na aldea e no territorio íntimo delimitado polo río Sil, o mundo onírico dos contos (a maioría de medo) ao lume da lareira, a violencia entre os mozos, o terror que sufriron os paseados nas gabias, os episodios de zoofilia, os contos de afiadores, mais tamén as querenzas literarias do autor (Valle-Inclán e Lovecraft), o mundo do cinema do que foi experto e amador, a experiencia na UCI tras o infarto, a memoria dos días de entusiasmo en Madrid na cafetería Los Mariscos onde se fundou Brais Pinto, a propia historia deste afiador esmagado por un autobús tras chegar de Rusia…
Con todo, a cerna destas historias radica no seu carácter circular, xa que esta viaxe sen rumbo polos abismos dos sumidoiros máis íntimos do autor, durou sesenta anos, desque creara en 1955 as primeiras referencias no libro de poemas A Noite, publicado por Brais Pinto, até o que corrixiu nos seus últimos días. O de Ulcis é un mundo atolado, escuro, surrealista, alucinado, habitado por seres míticos e máxicos como o propio personaxe e a súa amada, a bruxa Ertí, mais tamén por Iroba, o seu irmán xemelgo, ambos os dous bastardos e inimigos, que máis tarde ou máis cedo acabarán destruíndose. Ulcis como universo e como personaxe sería para Ferreiro algo así como ese substrato escuro que subxace en cadaquén ao que inevitablemente acabaremos enfrontándonos.
Magnífica a edición de Chisco, precedida por un memorable prólogo de X.L. Méndez Ferrín que contextualiza o libro dentro do universo literario do autor e da literatura galega de entre séculos. Un libro referencial, de grande interese.