Onte 2018: O legado de Agustín

A Consellaría de Cultura e Turismo anunciou onte que aceptara a doazón do fondo bibliográfico Agustín Fernández Paz. Unha colección de 5.000 volumes que estará dispoñible, na súa maior parte, na Biblioteca de Galicia, mais tamén no Museo Pedagóxico de Galicia e na Biblioteca Pública Municipal de Vilalba. Rematan así os traballos de catalogación dun legado moi valioso, organizado de forma admirable pola tradutora Isabel Soto, que contén unha colección completa das  publicacións de Agustín, tanto literarias como pedagóxicas, tanto nas súas edicions orixinais como nas traducións ás diversas linguas.

Un legado que agardamos contribúa a que a investigación literaria afonde na obra, tanto literaria como pedagóxica de Agustín, unha figura esencial para entender a cultura e a educación en Galicia nas últimas catro décadas. Ás portas da celebración do aniversario do nacemento do autor de Non hai noite tan longa, o vindeiro 29 de maio, aleda comprobar como a súa obra continúa reeditándose e viva no interese do lectorado. Eis os anuncios de Xerais da vixésima edición de Noite de voraces sombras e a vixésimo cuarta de Aire negro, toda unha proeza para o libro galego.

Sen esquecer, tampouco, que está aberta a recepción do orixinais para a 3ª edición do Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade convocado polo IESCHA, o concello de Vilalba e Xerais. Agustín sempre necesario.

É tempo de Entroido

É tempo de entroido! from Xerais on Vimeo.

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo ao tempo de Entroido:

Pasada a alborada do día de Rosalía e o seu caldo de gloria, entramos de cheo no tempo de Entroido, no das máscaras e dos cocidos. Un tempo lardeiro de transgresión e de burla, días para o escarnio verbal e os excesos no comer, horas para o rexoube na representación do mundo cuxas raíces afondan na memoria máis antiga que anuncia a chegada da primavera. O carnaval en Galicia, en palabras de Carlos G. Reigosa, é «unha memorable ocasión para vernos as caras e para escoitarnos, como, como persoas e como pobo, xa que as máscaras din máis do que ocultan».

Entroido, palabra normativa, ou Antroido, como dicimos en Vigo, ou Entroiro, Antroiro, Entruido, Entrudio ou Introido, que son outras variantes galegas para referirse ao Carnaval, á festa popular da liberdade e da creatividade que se celebra ao remate do inverno entre os meses de febreiro ou marzo, cada ano nos días inmediatamente anteriores ao inicio da coresma e da pascua cristiás, cuxa data depende de cando cae o primeiro xoves de lúa chea (xoves santo).

Tempo de Entroido que no Viguiño noso vai dende o venres no que se entroniza Meco e os Merdeiros percorren o Casco Vello até o mércores de cinza no que se queima o Meco e se enterra a sardiña na Porta do Sol. No entanto, nalgúns lugares do sur da provincia de Ourense, o Entroido empeza rematado o Nadal, como en Laza onde o primeiro folión comeza co aninovo ou en Maceda onde os felos saen o primeiro sábado de xaneiro ou en Verín onde os cigarróns percorren as rúas o 17 de xaneiro para celebrar o Santo Antón. Por non falar xa das cinco semanas do calendario de Xinzo e Limia, un dos carnavais máis longos do mundo, que este ano se estende dende o Sábado do Petardazo e Domingo Faraleiro (8 e 9 de febreiro), pasando polos domingos Oleiro (17) e Corredoiro (24) ao Sábado e Domingo de Piñata (9 e 10 de marzo).

Un tempo de Entroido onde as máscaras ancestrais son as protagonistas, cuxa orixinalidade e diversidade sae aos camiños como expresión da auténtica esencia da nosa tribo. Máscaras, con nomes alusivos ao que levan nas súas carautas, traxes ou no seu báculo, caxato ou látego, que conforman unha xeografía visual impactante, recollida agora nunha monografía fotográfica abraiante, Antroidos e máscaras da Galicia Rural (Sermos Galiza 2019), froito de tres décadas de investigación do fotógrafo Alfonso García «Santos», e nun extraordinario álbum, É tempo de Entroido (Xerais 2019), onde o editor Ramón D. Veiga e o ilustrador David Sierra, reinventan e actualizan, apoiados nunha canción de Isabel Fernández Reviriego, para as crianzas galegas do século XXI este catálogo do noso imaxinario.

Desfilan por estes libros imprescindibles, auténticas arcas de marabilla da edición galega impresa, os Cigarróns de Verín, os Boteiros de Viana do Bolo (tamén de Vilariño de Conso, e de Trives), os Peliqueiros de Laza (tamén de Campobecerros), os Volantes de Chantada, as Mázcaras de Manzaneda, Os Troteiros de Bande, os Pantallas de Xinzo, os Felos de Maceda (tamén de Esgos e Garabás), o Oso de Salcedo, os Vergalleiros de Sarreaus (tamén as Vergalleiras das Teixugueiras), as Señoritas e os Labardeiros de Mugares (Toén), os Xenerais e Correos do Ulla, As Madamas e os Galáns de Cobres… Sen esquecer nin a figura do Ravachol de Pontevedra nin a dos Merdeiros (tamén chamados Escabicheiros) de Vigo nin a dos Choqueiros da Coruña. Máscaras de onte, que por ventura se conservan e actualizan nunha tradición que ao longo de todo ano se pode visitar no Museo do Entroido de Xinzo ou nas novas achegas do Museo do Pobo Galego.

Tempo de Entroido no que nas mesas da convivencia de casas, furanchos e restaurantes os cocidos e as froitas de tixola son os grandes protagonistas, nun país onde tamén neste eido hai moito onde escoller. Nas máis está presidido pola cachucha, por colares de toda caste de chourizos, mergullados en cama de patacas e grelos, mais nalgunhas outras polo lacón e polas restras de androllas ou botelo, produtos acompañados polos viños novos que xa comezaron a coller corpo. E na sobremesa non falta todo o que se pode preparar con fariña e ovo: orellas de entroido (tamén bautizadas «de frade»), filloas (marruchos no Val Miñor e freixós e moitos outros lugares), follas de limón, chulas, bandullo, tripón doce, bica e moitas outras tortas.

Tempo de Entroido onde sempre estivo permitida a crítica, razón pola que non podemos rematar o noso alegato entroideiro sen lamentar que o concello de Vigo, outro ano máis, non estea á altura que merece a nosa tradición de cidade escabicheira, escollendo como pregoeira da entronización do Meco á cantante Chenoa, que nada ou moi pouco sabe de quen somos, de onde vimos e cara onde imos. Tanto ten xa que non fai falta ser adiviño para saber quen será o gran protagonista da nosa primeira entroidada. Viva o Entroido galego!

Onte 2012: Rosa Aneiros recibiu o premio Agustín

Resultou onte memorable en Vilalba a cerimonia de entrega a Rosa Aneiros do IIª Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. Emocionantes, moi emocionantes, foron as palabras de aceptación da autora de Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, lembrando as viaxes que compartira co mestre Agustín en Brasil e na FIL de Guadalajara e reivindicando o espírito das Oito doas para San Simón, aquel discurso extraordinario que pronunciara hai unha década na cerimonia dos Premios Xerais. Como tamén foi emotiva a reivindicación da obra de Agustín que fixo alumnado do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba nunha peza audiovisual,  Todas somos Agustín,  que pola súa calidade e eficacia merece ser compartida pola rede de Bibliotecas Escolares de Galicia. Como potentes foron as intervencións de Fran Alonso, director de Xerais, Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, e de Agustín Baamonde, alcalde de Vilalba, en representación das tres entidades promotoras dun premio nacido en man común para pór en valor o legado literario de AFP e activar anualmente o movemento agustinista.

Onte 2009: «Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo»

Lin onte dunha sentada a biografía que Héctor Cajaraville preparou de Antonio Fraguas, a figura homenaxeada nas Letras Galegas 2019, que publica Xerais en Merlín. Un retrato biográfico concibido para que os estudantes descubran a figura poliédrica deste galeguista (mestre, historiador, xeógrafo, antropólogo…), primeiro director do Museo do Pobo Galego. Rigorosa na documentación e amena na construción do relato, sobre todo grazas aos textos intercalados en primeira persoa, que achegan a proximidade da voz agarimosa de don Antonio. Acerta de cheo Cajaraville, un mestre da escrita clara e exacta, salientando o caracter de activista de don Antonio, comprometido con todas as causas da lingua e cultura nosas. Máis aínda cando se trata dunha figura que a pesar de contar con trescentas referencias bibliográficas, non ten obra de ficción, o que podería constituír unha dificultade.

Esta é unha biografía referencial que moito axudará ao coñecemento nas escolas e institutos deste bo mestre, mestre bo (un título moi acaído). Recoméndoa moi vivamente e parabenizo ao meu admirado Héctor Cajaraville.

Onte 2008: Fervenzas Literarias 2018

Coñecimos onte os resultados dos mellores libros do 2018 de Fervenzas literarias, a primeira revista dixital literaria e galego. Ábrese así, como ven sucedendo de forma ininterrumpida dende 2007, a xeira de recoñecementos literarios a obra editada no ano anterior, que continuará até a primavera, consolidando unha tradición que moito nos aprace. Unha colleita anual, tanto de libros editados nos diversos xéneros e modalidades como de recoñecemento ás diversas instancias de mediación do noso sistema editorial, creada a partir das votacións de máis de medio millar de persoas, que convirte aos «Fervenzas» en referentes de popularidade, ao tempo que abre unha tendencia de influencia (inevitable) nas escollas posteriores.

Como editor que fun de Xerais non podo estar máis satisfeito e orgulloso pola colleita excepcional de Xerais en 2018, que obtén 7  dos «mellores libros do ano» (de 11 posibles), ademais de moitos outros finalistas, ademais da distinción como «a mellor editorial», o resultado máis destacado na historia destes premios, expresión tamén da excelencia e do rigor do traballo do cadro de profesionais que dirixe Fran Alonso. Como tamén é sempre para min unha honra que «Culturgal» fose considerado «o mellor acontecido de 2018», como sucedeu xa noutras ocasións anteriores, outra proba máis da consolidación desta feira das industrias culturais coa que continúo, como no caso de Xerais, tan afectivamente unido.

Esta colleita dos Fervenzas amosa que 2018, por ventura, foi o ano das escritoras, que ocupan boa parte das posicións máis destacadas, na maioría das modalidades, sendo moi significativo o premio acadado polo colectivo A Sega como «mellor espazo na rede». Xaora estes Fervenzas tamén expresan a diversificación do sector editorial galego no que se consolidan proxectos xeralistas como os de Urco e proxectos de edición especializada como Apiario, Hugin e Munin ou Chan da pólvora.

En todo caso, todas as persoas e entidades premiadas, como todas as finalistas, merecen os nosos parabéns, xa que todas elas están construíndo espazos de excelencia para unha edición en galega que, outro ano máis continúa á intemperie, sostida apenas polo esforzo das profesionais do sector do libro e da lectura e polo apoio dos seus públicos. A fantasía do libro galego continúa. Beizóns!

Onte 2006: Premios Xerais 2019

Co inicio do ano a puntual convocatoria dos Premios Xerais abre o ano literario galego. Premios que chegan á trixésimo sexta edición na súa modalidade de novela, á trixésimo cuarta na de literatura infantil e á  undécima na de literatura xuvenil. Non hai apenas modificacións nas bases con respecto a edicións anteriores dunha convocatoria que pecha a admisión dos orixinais o 5 de abril de 2019 e dará a coñecer o ditame das obras gañadoras o 7 de xuño.

Hipertextos 008/2019: Reto lector «12 meses, 12 libros»

Co comezo do ano nas redes sociais publícanse propostas de retos lectores, a maior parte deles baixo a fórmula de «12 meses, 12 libros». A verdade é que os criterios para a escolla das lecturas son moi diversos e nalgúns casos un chisco arbitrarios, mais todos procuran a fidelización ho hábito lector na diversidade de xéneros e temas, ao tempo que deixan a cadaquén a maior liberdade para para satisfacelos. Retos no que o lectora ou a lectora asume a diversidade da oferta libreira ou bibliotecaria como unha nova oportunidade para deixarse sorprender.

En todo caso, propostas como as que fai a Axencia de Lectura do Concello de san Sadurniño e o seu reto lector para 2019 constitúen un aliciente para o fomento da lectura que merecen ser compartidos.

Reto lector 2019 para lectoras adultas

A biblioteca pública lánzanos un reto que nos volva enganchar á lectura en papel. No caso das persoas adultas a proposta que fai é a de ler alomenos 14 libros entre xaneiro e decembro de 2019. Danos liberdade de elección, pero pon algunhas condicións á hora de facela.

  • un dos libros ha de ser unha novidade da biblioteca;
  • outro será de non ficción;
  • o terceiro deberá ter recibido un premio literario galego;
  • tamén teremos que ler algunha obra protagonizada por unha muller;
  • obrigatorio tamén ler algún autor ou autora que gañase o Nobel;
  • hai que ler unha obra de poesía;
  • en sexto lugar pide que leamos un álbum ilustrado ou novela gráfica;
  • un clásico;
  • o libro favorito en galego dunha amizade ou familiar;
  • algunha obra dun ou dunha homenaxeada polas Letras Galegas;
  • ler tamén algo escrito por nomes da literatura hispanoamericana;
  • un libro que fose levado ao cine;
  • unha novela histórica
  • e, por último, unha obra de teatro.

Reto lector 2019 para a rapazada

  • unha novidade;
  • un que narre episodios da vida real;
  • outro de misterio ou medo;
  • un cómic;
  • unha obra protagonizada por un animal;
  • un libro de aventuras;
  • unha obra con premio literario galego
  • e outra con premio literario infantil;
  • un conto clásico;
  • un libro de fantasía;
  • outro de poesía
  • e, como remate da lista, unha obra relacionada con calquera aspecto científico.

Onte 2001: «A chave das noces» de Xabier P. DoCampo

Despois de trinta anos onte relín A chave das noces, a novela negra de Xabier P. DoCampo, felizmente recuperada hai unhas semanas por Xerais para a  colección Fóra de Xogo. E abofé que a novela negra do mestre Xabier non perdeu nin unha miga da súa frescura nin sequera a actualidade dunha trama oitenteira localizada nunha cidade portuaria (non é difícil imaxinar que se trata da Coruña), na que os contrabandistas de medio pelo comezaban a mudar o tabaco de batea pola heroína e a trata de mulleres estranxeiras  nos clubes de alterne dos arrabaldes constituía unha forma de escravitude. Actualizado apenas á normativa ortográfica vixente (en decembro de 1987 fora editado por Vía Láctea na de «mínimos»), o trepidante relato protagonizado por Mauro, o mociño motorista que traballa para a axencia de detectives «Nacho», mesmo a pesar da súa esaxerada facilidade para resolver as diferenzas a labazadas, flúe nas mans do lector coma a auga para beber, anunciando na súa traballada facilidade o que sería unha das marcas do narrador chairego.

Sei da querenza que Xabier conservaba por esta novela valente, que acordaramos recuperar hai varios anos, na que afondaba nas convencións do xénero negro, desde a aparición dun cádaver no porto, que interrompe as investigacións rotineiras dun detective privado canalla, pasando pola súa disposición a repartir e recibir, se fose inevitable, uns cantos lapotes de máis, até a súa intención de denunciar a dor das vítimas de tantos abusos machistas e violencias varias. Unha novela pioneira na narrativa galega dos oitenta, cando esta intentaba ampliar os seus públicos frecuentando os xéneros da literatura popular e de intriga. Un proxecto de novela negra en galego iniciado por Xosé Fernández Ferreiro con Corrupción e morte de Brigitte Bardot (Xerais, 1981) e por  Carlos G. Reigosa con Crime en Compostela (1983), que DoCampo moderniza de forma moi consciente con A chave das noces, tentando abrir unha xanela no interese do público mozo, como pouco máis tarde farían tamén Ramiro Fonte, Manuel Forcadela, Román Raña, Bieito Iglesias ou Aníbal Malvar, autores destacados da novela negra galega de fin de século. Recomendo moi vivamente A chave das noces, novela que sei moito vai sorprender ás novas xeracións de lectores e lectoras do noso xénero policial pola súa axilidade e pola contundencia da súa denuncia social. Parabéns a Xerais por esta edición, que abre unha nova etapa na veteran colección Fóra de Xogo, que renova de forma mi atractiva deseño de cuberta e interiores.

Onte 2000: «Música no faiado»

Agradecín a Miguel Ángel Alonso Diz que me convidase a presentar Música no faiado, a súa primeira novela, publicada en Xerais Merlín e ilustrada por Laura Tova. E mereceu moito a pena o mediodía literario e musical na libraría Andel, na que tivemos o privilexio de escoitar a Patricia Moon e David Zarandon, dous mestres da Escola DZ de Vigo. Un acto no que se falou da memoria e da música como os dous ingredientes desta novela de indagación sobre o pasado de tres xeracións dunha familia de guitarristas. As vidas de músicos como «Bessie» Smith, Robert Jonhson, Elvis Presley e, sobre todo, de Yoko Ono e John Lennon (e a súa misteriosa visita a Galicia de 1974), estiveron moi presentes no relatorio. Así como a homenaxe que na figura da avoa Carme o autor rendeu a todas as mulleres invisibilizadas da nosa historia. Un libro valioso dun dos nos mellores activistas da lectura. Parabéns, Miguel Ángel!

Onte 1997: Lembranza de Xabier DoCampo en Lume

Viaxamos onte á Coruña para participar na homenaxe a Xabier DoCampo organizada pola Libraría Lume. Durante case dúas horas, ao mediodía, á mesma hora na que se celebraba a tertulia á que acudiu Xabier durante dúas décadas, máis de medio cento de amigos e amigas recordamos unha figura humana irrepetible, que non pode ser esquecida, e unha obra literaria que con certeza merece ser recuperada na súa totalidade para o lectorado do futuro e máis estudada polas nosas institucións académicas.

As marabillosas e emotivas intervencións da tradutora e crítica María Xesús Fernández e do ilustrador Xosé Cobas, irmaos e cómplices profesionais e creativos, trazaron a figura humana dun comunicador oral extraordinario, que posuía un sentido do humor capaz que quitarlle dramatismo ás situacións máis problemáticas. Como tamén foron emocionantes as lectura que fixemos de textos do Xabier como a do fragmento testamentario que nos deixou «E serei unha cerdeira (panfleto)», con motivo do Premios Xerais de 2013, ou do divertido «Numerosísimos», o relato que dedicara a Pancho Fontela, na voz de Fina Mosquera, a terceira integrante daquel grupo Negamates dos anos oitenta. Grande Xabier!

Paga a pena como documento este vídeo que publicou Manuel Rodríguez en Twitter.