«Resurrección» de Lea Tobery, tamén en galego
/en Literatura infantil e xuvenil, Novidades, Vídeos, Xerais/por bretemas
O mes de marzo nas librarías galegas, Resurrección de Lea Tobery.
«Simsim», libros infantís e xuvenís para asomarse ao mundo árabe
/en Educación, Educación_para_a_Paz, Lectura, Literatura infantil e xuvenil, Recurso_didáctico/por bretemas
Hoxe que é un día de festa para o pobo exipcio que conquistou a súa liberdade, pode ser tamén unha oportunidade para que nos interesemos polo mundo árabe. Recomendo descargar Simsim, un completísimo catálogo de publicacións infantís e xuvenis que nos permiten asomarnos ao mundo árabe. Repasar este catálogo desmonta moitos prexuízos que xustifican a opresión de occidente ao mundo árabe por medio das ideas que conforman o conglomerado do medo (dende o terrorismo ao islam) pasando por esoutra suposta incompatibilidade, como atinadamente salentaba noxe o Funambulista, destas sociedades coa democracia. Este catálogo, elaborado por Casa Árabe coa colaboración de A mano Cultura, inclúe tamén numerosas publicacións en galego: Ás de bolboreta de Rosa Aneiros, Cartas de amor de Fran Alonso, Irmán do vento de Manuel Lourenzo González, Sari, soñador de mares de Marcos Calveiro, O xardín de media lúa de Rosa Aneiros… Unha oportunidade para volver a nosa ollada sobre a diversidade do mundo árabe a través dos libros e valorar un universo cultural tan próximo como descoñecido.
«É mentira», XII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
/en Eventos, Lectura, Literatura infantil e xuvenil, Recurso_didáctico/por bretemas
Hoxe abriu as portas o XII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Os organizadores escolleron como tema do salón o tratamento da mentira na literatura infantil e nas propostas plásticas. Entre as actividades, que se desenvolverán ao longo de mes e medio no Pazo da Cultura de Pontevedra, destaca a intervención de Quico Cadaval («A mentira: modo de emprego») e a homenaxe a Gloria Sánchez, a autora á que se lle renderán homenaxe pola súa vizosa traxectoria.
2 de abril, Día internacional do libro infantil
/en Bibliotecas, Ilustración, Imaxes, Librarías, Literatura infantil e xuvenil, Recurso_didáctico/por bretemas
Pareceume moi interesante e oportuna a iniciativa da OEPLI de celebrar o 2 de abril, día internacional do libro infantil e xuvenil en librarías e bibliotecas. Nesta edición o cartel é do ilustrador Jüri Mildeberg e o texto do manifesto da escritora Aino Pervik da sección do IBBY de Estonia.
A edición galega participa no lanzamento mundial de «Reckless» de Cornelia Funke
/en Literatura infantil e xuvenil, Presentacións, Promoción do libro, Xerais/por bretemas
O día 14 de setembro foi o día elixido por Cornelia Funke para a aparición simultánea da edición orixinal en alemán de Reckless. Carne de pedra e das súas traducións ao galego, ao inglés, ao francés, ao castelán, ao catalán e a outras linguas (até unha ducia) que comparten un lanzamento mundial de máis dun millón de exemplares. Non podemos agochar a nosa satisfacción por termos participado neste feito pioneiro (froito en grande medida da convicción e do esforzo extraordinario realizado pola tradutora María Xesús Bello Rivas, as nosas maiores beizóns para ela) que sitúa á edición galega á altura das máis importantes do mundo.
Como estaba previsto a novela foi presentada hoxe en Nova York e o acto puido ser seguido en directo en todo o mundo dende a páxina de fans da grande escritora alemá que respondeu as preguntas que lle foron chegando dende en Internet. Un modelo de presentación mundial que nos pareceu moi interesante e atractivo, tanto pola coidadosa posta en escena da lectura, polo vestiario da autora como, e sobre todo, polo elaborado do discurso literario. Agardamos que a edición desta obra (o inicio dunha triloxía que, previsiblemente, contará con versións cinematográficas), axude a ampliar o lectorado en galego. Teño moita fe nesta estratexia.
No blog de Xerais poden baixarse os dous primeiros capítulos en pdf da nosa edición.
«Un éxito da LIX galega»
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Autores, Eventos, Literatura infantil e xuvenil, Promoción do libro/por bretemasNo artigo da semana en Faro de Vigo relexiono sobre o devir do soño da LIX galega, ao fío da celebración do Congreso IBBY 2010 e do próximo vindeiro cincuenta aniversario de Memorias dun neno labrego, o libro fundacional do xénero en galego.
«Unha literatura infantil e xuvenil sen temas vetados»
/en Age, Edición, Editores, Entrevistas, Literatura infantil e xuvenil, Persoal, Xerais/por bretemasEstes días do Congreso do IBBY no que andamos provocaron que me fixeran varias entrevistas sobre a Literatura Infantil e Xuvenil. Sabrina Rodríguez preparou esta para a axencia EFE baixo este chamativo título: «Manuel Bragado defiende una literatura infantil y juvenil “sin temas vetados”». Agradezo á xornalista o seu esforzo por resumir unha conversa na que abordamos moitos temas arredor da situación da LIX en Galicia. O meu agradecemento para ela.
O Congreso do IBBY en Compostela inaugúrase hoxe
/en Eventos, Literatura infantil e xuvenil, Promoción do libro/por bretemas
Hoxe é o día. Ás sete do serán realizarase o acto de inauguración do 32º Congreso do IBBY de Santiago de Compostela, un evento no que participarán seiscentas persoas de todo o mundo que traballan no eido da creación, edición e difusión da literatura infantil e xuvenil. Polo completísimo programa que se desenvolverá até o domingo á noite e pola fasquía das exposicións que xa puidemos ver montadas onte a tarde, este Congreso IBBY vai quedar moi atractivo.
Ademais das conferencias, táboas redondas e obradoiros que integran o programa do IBBY 2010, o recinto expositivo acolle diversos stands entre os que está o da Asociación Galega de Editores (AGE). Nel amosaranse as máis recentes publicacións para nenos publicadas por un total de 16 editoriais asociadas: Kalandraka Editora; Editorial Everest Galicia; Rodeira; Baía Edicións; OQO Editora; Edicións Xerais de Galicia; Nova Galicia Edicións; El Patito Editorial; Sotelo Blanco Edicións; Edicións Tambre; Biblos Clube de Lectores; Edicións Obradoiro; Editorial Galaxia; Edicións Embora; Ir Indo Edicións e Nigra Trea. Colabora coa organización deste espazo o Clúster da Edición, Librarías e Comercialización de Galicia. Ademais, no mesmo stand poderase contemplar a mostra «A literatura infantil e xuvenil Galega e as minorías». Trátase dunha escolma cos 40 libros de literatura galega que mellor reflicten temáticas relacionadas coas minorías.
Así mesmo será de grande interese para o coñecemento, visibilización e proxección da nosa Literatura Infantil e Xuvenil a exposición «50 anos de literatura infantil-xuvenil galega», un percorrido polos libros fulcrais do xénero en galego, dende Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas de 1961 a O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz de 2007.
Congreso do IBBY en Compostela, 8 ao 12 de setembro
/en Eventos, Literatura infantil e xuvenil, Promoción do libro/por bretemasAo longo da tarde de onte realizamos unha nova xuntanza do Comité Executivo do 32º Congreso do IBBY que se celebrará no Pazo de Congresos de Compostela do 8 ao 12 de setembro. Tras as múltiples dificultades que houbo que superar para organizar con dignidade e humildade –en tempos de crise e recurtes orzamentarios que afectan tanto a todas as administracións públicas coma aos patrocinios das empresas privadas– un evento internacional tan grande e importante coma este, non teño dúbida que o de Compostela será un magnífico Congreso IBBY. Chamadas polo tema «A forza das minorías», participarán case seiscentas persoas, chegadas dos cinco continentes, o que supón que será a cita literaria internacional máis numerosa e diversa do ano e o congreso literario máis importante dos celebrados en Galicia. Dentro do apretadísimo programa (aquí un adianto case completo en pdf) dispúxéronse polas mañás as conferencias (entre elas a esperadísima de Manuel Rivas: «A literatura infantil e xuvenil dende (como) inxurxencia poética», o domingo 12), mesas redondas e obradoiros, deixando as tardes para a presentación das comunicacións e as actividades do IBBY. Outros ponentes galegos serán Miguelanxo Prado, Fina Casalderrey, Marcos Calveiro, María Reimóndez, Eva Mejuto, Blanca Ana Roig, Víctor Freixanes, Montserrat Pena Presas e Gonzalo Moure. Durante o congreso entregaranse os diplomas da Lista de Honra do IBBY (onde estarán os galegos Agustín Fernández Paz e Nacho Chao), os Premios IBBY-Asahi de Promoción da Lectura 2010 e os Premios Andersen 2010. Ademais haberá case unha ducia de exposicións e outras actividades para os congresistas (dende un concerto de Mercedes Peón ata varios roteiros literarios e históricos pola cidade de pedra). Agardamos que durante os cinco intensos días do Congreso todo vaia o mellor posible e que os nosos convidados e convidadas conserven para sempre unha lembranza inesquecible de Compostela, Galicia e a súa cultura.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
A Bilbatúa familia mártir17 de Febreiro de 2026 - 9:19 a.m.
O Profesor13 de Febreiro de 2026 - 8:47 a.m.
O faro cultural de Vigo13 de Febreiro de 2026 - 8:44 a.m.
A represión franquista en Vigo10 de Febreiro de 2026 - 9:17 a.m.
Noite de dioivo8 de Febreiro de 2026 - 11:28 a.m.






