Un niño no xardín
Booktrailer do libro de poemas de Xoán Neira ilustrado por Ánxeles Ferrer. A música orixinal é de Gabriel Prada e a montaxe de Gonzalo Lomba.
Booktrailer do libro de poemas de Xoán Neira ilustrado por Ánxeles Ferrer. A música orixinal é de Gabriel Prada e a montaxe de Gonzalo Lomba.
Presentamos en Cangas, nas instalacións de FECIMO, a última entrega da triloxía do «Universo Dragal». Toda unha proeza de Elena Gallego que en apenas dous anos publicou mil páxinas trepidantes cheas de sorpresas, segredos, poderes e alquimias enfiadas por unha trama engaiolante de realismo fantástico. Con todo, o máis interesante da triloxía é a iconografía de estripe nosa que recupera, amosando que Galicia, dende hai case un milleiro de anos, é un país de dragóns, gárgolas, grifóns, cocas, serpes ou tarascas. Un mito aínda vixente na nosa tradición oral popular que Elena encarna nun rapaz de instituto do século XXI. Eis a clave do éxito de tan valioso «Universo Dragal». Tres novelas de aventuras moi recomendables, non só para lectorado xuvenil.
Levounos case tres horas percorrer entre a babuxa o camiño entre Vigo e Viveiro. Foi un fermoso e moi concorrido serán poético no que presentamos, cunto a Marica Campo, Un niño no xardín, o quinto libro de poemas para nenos de Xoán Neira. Foi emocionante a intervención do autor que confesou ser moi rilkiano xa que «quedei abrazado a infancia para sempre e marcado pola natureza». Neira definiu o seu poemario como «un libro ecolóxico» e recomendou a súa lectura que permite «deterse nas pequenas cousas que a vida diaria non deixa tempo a ollar». A escritora Marica Campo comezou anunciando que «a poesía non debe faltar na equipaxe da vida. É tan necesaria coma o pan de cada día. É un pracer. Contrarresta a violencia e ensínanos a sentir cos outros». Logo defendeu a importancia educativa da poesía xa que «achega claves para entender a realidade, sendo necesaria para a comprensión do mundo e de nós mesmos, sen esquecer que contribúe a aprender a soñar, o obxectivo principal da educación». Marica dedicou a última parte do seu parlamento a glosar Un niño no xardín, unha mostra da mellor poesía infantil arredor dos reinos da natureza. Definiu o libro como «puro ecoloxismo» e abeizoou ao autor polo resultado emocional que provocan os seus poemas.
Foi o serán de onte en San Simón o da babuxa, circunstancia que nos obrigou a facer todo o convivio ao cuberto. A pesar dos malos agoiros do rescate, anunciado por Guindos mentres Marilar Aleixandre remataba o seu discurso e Calveiro recollía o seu Merlín, dende as palabras de apertura de Celia e as pezas de Xurxo Souto, o serán foi emotivo e emocionante, amosando que alí se tecía, tamén, unha comunidade de afectos. Coa aparición de María e Manuel Lorenzo, autores de Tona de laranxa, saltou a grande sorpresa. En San Simón onte reivindicouse o valor tremendo das palabras (na intervención memorable de Calveiro) e a paixón pola literatura expresada pola familia do poeta Eusebio Lorenzo Baleirón. A volta a Cobres, entre unha mesta brétema, fixo aínda máis inesquecible estoutro Xerais.
Iniciamos en Ferrol o periplo anual polas Feiras do Libro de Galicia, unha andaina para min moi traballosa, aínda que imprescindible, coa que dende a editorial intentamos aumentar a visibilidade das nosas novidades editoriais. A primeira presentación da xeira foi un acto moi singular no que Antón Cortizas e Antonio Yáñez Casal, dous autores da Ferrolterra, presentaron cada un o libro do seu veciño. A experiencia resultou extraordinaria. Yáñez debullou de forma moi enxeñosa e irónica Vaia tropa!, o poemario de limericks de Cortizas, salientando que cada unha destas páxinas «era un auténtico fervor», no que estaba moi presente a nosa tradición oral, transformada e anovada polo xogo verbal até outros rexistros. Cortizas sinalou que Vento galerno, a novela de Antonio Yáñez, estaba escrita cun triple cariño: o de ter ganas de escribir unha historia que antes non existía; o Cariño de Ortegal, presente nun libro mariñeiro a tope, escrito por alguén que chantou as súas raíces no mar; o cariño da nai, identificable nas expresións e no fermoso xeito de contar. Cortizas salientou que nesta novela preséntase un mundo no que a vida pode verse doutra maneira, onde hai outros oficios e outra forma de organizarse diferente do da sociedade na que vivimos. A pesar do tremendo ballón, regresamos pola autoestrada moi animados do resultado desta primeira etapa. A vindeira estación será a Feira do Libro de Compostela, que se celebrará do 28 de abril ao 6 de maio.
Non imaxinaba que no día da República rendiría homenaxe a Elmer, o noso elefante preferido. Cando en 1997 publicamos en galego en Xerais o primeiro álbum de David Mckee presentabamos ao simpático elefante de cores como a expresión da diversidade e a mellor gabanza da diferenza para os lectores máis noviños. «Elmer vive na manda de elefantes pero síntese diferente porque é de retallos: é amarelo, laranxa, vermello, rosa, lila, azul, verde, negro e branco, pero, Elmer, non era da cor do elefante». Hai catro anos, recuperabamos Elmer con Negros e brancos, un libro que constitúe un alegato plenamente vixente en contra da guerra, a prol da educación para a paz e a convivencia entre persoas e mundos diferentes. Onte, tras coñecer a patética cazaría de El-Rei en Botsuana, sabemos que o elefantiño Elmer, coma mesmo Dumbo o torpón de Disney, expresa, ademais, a dignidade dos valores republicáns de igualdade, liberdade e fraternidade. Sempre Elmer!!!
Co Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil iníciase abril, o mes dos libros por excelencia. Unha efeméride na que adoito tomamos o pulso a saúde a un dos subsectores de edición en Galicia máis dinámicos. A pesar dos efectos inevitables da crise, a nosa edición infantil e xuvenil presenta datos ben esperanzadores. Segundo o estudo do Comercio Interior do Libro da Federación de Gremios de Editores de España, en 2010 editáronse en Galicia 491 títulos (23,2% do total do sector); imprimíronse 705.100 exemplares (21%) e vendéronse no mercado interior 5,62 millóns de euros (18%). Confórmase así un catálogo de 3.858 títulos (29,1% do total dispoñible nas editoras privadas galegas), o maior da nosa historia. A edición de LIX, ademais, é a máis dinámica no noso comercio exterior do libro grazas, sobre todo, ao traballo de selos que nesta última década acadaron prestixio internacional, como Kalandraka e OQO editora, capaces de editar os seus álbums de forma simultánea en máis de dez linguas. Un fito a engadir ás edicións internacionais dos ilustradores galegos e ás numerosas traducións e premios internacionais obtidos polos nosos autores e autoras. O sector do libro e da lectura infantil e xuvenil en Galicia é un dos nosos potenciais, unha grande oportunidade.
Había tempo que non celebraba nun centro educativo o Día Escolar da non Violencia e a Paz, unha efeméride para min moi querida. O claustro de profesoras do CEI A Pastora de Cambados convidoume a que acompañase a Ramón Caride e Pepe Carreiro na presentación d’ A pomba dona Paz que se celebraría diante de máis dun centenar de cidadáns entre os tres e os cinco anos. Sabiamos que nos enfrontabamos a unha experiencia comunicativa moi díficil e, como agardabamos, o público puxo a proba coas súas preguntas todas as nosas habilidades oratorias. Ademais, aproveitei un anaco das dúas horas e media que compartimos neste magnífico centro de educación infantil público, para satisfacer algunhas saudades. Non puiden evitar demorarme na visita ás aulas organizadas por recunchos de traballo (o da biblioteca, o das computadoras, o do xogo simbólico…), coma sempre concibín a construción das aprendizaxes nesta etapa. Unha marabilla! Tras a presentación, no patio cuberto as seis aulas bailaron a canción da paz e soltaron media ducia de pombas que saíron coma foguetes a gañar o ceo do Salnés. Tiña moita razón Ramón Caride cando na dedicatoria deste magnífico álbum que presentamos escribiu: «A todos os nenos e nenas do mundo, para que a paz sexa o seu verdadeiro futuro.»
Foi un acerto achegarse ao Auditorio Luís Tobío de Gondomar para asistir á función de «Cama e conto» que ofreceu Teatro Babaluva. Baseada no texto homónimo de Gonzalo Moure, que publicamos na colección Sopa de Libros, esta versión para marionetas de Larraitz Urruzola e Mirari Urruzola explora con grande orixinalidade o mundo dos contos como a chave para acceder ao dos soños. Malva e a súa nai conversan en voz baixa, ao longo de tres cuartos de hora, sobre a súa experiencia como contadoras, mesturando os fíos da vida cotián da infancia cos das historias do leñador e os animais do bosque. Unha marabilla de sutileza para abordar en escena cuestión tan complexa como a de rescatar ese acto íntimo de nai e filla na hora do conto. Outra marabilla é o a construción do espazo escénico e o das propias marionetas, todas elas recicladas de obxectos da casa. A luz, a música e un ritmo moi sereno nas transicións crean no escenario unha atmosfera capaz de contaxiar un silencio cómplice nos espectadores, mesmo nos máis novos. Os meus parabéns para Larraitz, Mirari e Santi Prego, o director do espectáculo, por esta marabilla de humilde teatro de títeres capaz de contaxiar tanto calor.
Babaluva colabora en cada unha das súas funcións co Proxecto Bubisher. Destina o beneficio da venda dos libros de Cama e conto para esta iniciativa destinada a contar cun bibliobús que leve libros ás escolas dos campamentos de refuxiados do Sahara.
Ilustración de Noemí López para Trece noites, trece lúas.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
