Feijóo equidistante?
/en Goberno Feijoo, Lingua, Polémicas/por bretemasMentres agardamos coñecer o contido do borrador, que será anunciado tras a xuntanza do Consello da Xunta nas instalacións de San Caetano (contraprogramando a protesta de Queremos Galego, algo insólito), non semella difícil facer unha composición de lugar dos termos políticos nos que o Goberno Galego manexará a súa proposta: Feijóo situarase nunha posición centrista (a el e aos membros do seu goberno gustaríalle mesmo que a definísemos como equidistante) entre os que serán definidos como «extremismos lingüísticos», as posicións galegófobas de GB e as castelanófobas dos partidarios da imposición del gallego (un amplo saco onde entramos todos os que defendemos o consenso acadado arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística). Así de sinxelo, como lle presta a quen tan ben manexou a polémica dos audis e das cadeiras de San Caetano.
Comodamente situados nesa posición centrista, Feijóo, Vázquez e (non sabemos, nestes momentos, se tamén) Lorenzo apelarán este serán a acadar un grande consenso, entre todos os sectores non extremistas da sociedade galega (mesmo situándose de forma equidistante entre as diversas posicións do PPdeG), sobre un novo modelo lingüístico baseado na liberdade e na defensa do galego. Deste xeito retórico (moi eficaz politicamente), obviarase o fundamental, o feito de que o novo decreto reducirá por primeira vez na nosa historia (nunha porcentaxe que agora descoñecemos) a presenza da lingua galega na educación obrigatoria e introducirá un modelo perverso de participación dos pais na elección da lingua vehicular (canto menos, polo que coñecimos até agora ) da educación infantil. Deste xeito, todos os sectores que continuemos defendendo o modelo vixente (baseado na procura de igual competencia entre ambas as dúas linguas para todo o alumnado da educación obrigatoria e na responsabilidade dos profesionais da educación na toma das decisións de aula) pasaremos dentro dunhas horas a ser considerados teimosos extremistas que insisten nos modelos de «imposición del gallego» e que non asumiron o resultado das eleccións de marzo. Para acadar esta inequívoca e moi cómoda posición centrista de Feijóo e o seu equipo foi decisiva a inestimable axuda de Gloria Lago, que nun gran movemento mediático insiste estes días por aquí e por acolá no seu «desencanto» polo contido do decreto [que ela denomina] «placebo», a pesar da súa pouco indisimulada satisfacción polo camiño aberto á elección das familias na Educación Infantil. Un magnífico exercicio de hipocrisía política.
Tempo haberá de debullar os contidos do novo decreto e facer un balance rigoroso das perdas que este retroceso supón ao proceso de fomento do galego no ensino. Hoxe abonda alertar sobre o ballón de boas intencións e de propostas de «defensa inequívoca do galego» que nos van caer enriba aos que pretendiamos infrutuosamente non se rachase un consenso forxado ao longo de tres décadas. Haberá quen se pregunte nesta liorta “quen son os extremistas”?
Nota: Convirá ser moi prudente á hora de valorar tecnicamente o novo texto. Non deixa de ser curioso o encaixe legal que vai ter a imposición da utilización como vehicular dunha lingua [como o inglés] que actualmente non ten recoñecemento constitucional. Unha vía xurídica moi interesante a explorar. Acouguemos e celebremos, pois, con esperanza a fin de ano, o traballo deconstrutivo de Feijóo continuará dando moito que falar.
Velaí o solimán do novo decreto do galego
/en Educación, Goberno Feijoo, Lingua, Polémicas/por bretemasSemella que mañán se cumprirán os nosos peores agoiros. O solimán do novo decreto de uso do galego virá no modelo lingúístico escollido para a Educación Infantil, onde se os criterios pedagóxicos non o remedian, será unha votación entre os pais a que determine a lingua vehicular da aula e na que se realizará de forma preferente a aprendizaxe da lectoescritura. De nada servirá o criterio sobre esta cuestión fulcral que manteñamos os profesionais, a quen se nos rouba tan importante decisión pedagóxica, na que interveñen moitos e importantes factores, tanto de contexto sociolingüístico como de carácter estritamente didáctico. Nesta vital decisión sobre o modelo lingüístico da Educación Infantil (onde a escolarización en galego veu gañando terreo nos últimos anos) residirá o cerne deste novo decreto que, polas especulacións da prensa de hoxe, nas etapas obrigatorias reducirá (non sabemos canto, se a un terzo ou a un corenta por cento) a presenza do galego como lingua vehicular.
A cuestión da galeguización da Educación Infantil non é menor. No decreto Fraga do 95, establecíase que na Educación infantil e no Primeiro Ciclo de Primaria empregaríase «a lingua materna predominante entre o alumnado», deixando esta decisión en mans do profesorado de aula (que a recollía na súa programación de aula) e do claustro e do consello escolar (que a recollían no Proxecto Curricular de Etapa e no Proxecto Educativo de Centro). No decreto de 2007, tras a aprobación consensuada do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004, introducíanse un importante matiz á redacción do texto do 95, xa que no caso de entorno castelanfalantes «o uso do galego será como mínimo igual a do castelán», correspondendo ao profesorado de aula e de etapa artellar esta presenza do galego na actividade educativa cotián, compromiso que debía ser recollido, entre outros documentos técnicos, no Proxecto Lingüístico de Centro.
Neste contexto conflitivo, é doado agoirar como na elección aula por aula van actuar os potentes prexuízos lingüísticos existentes en Galicia sobre o uso e o valor das linguas cooficiais, un contexto no que o galego sempre sae moi prexudicado. Non é difícil agoirar que empregando este sistema de elección por parte das familias (de moi dubidosa constitucionalidade, na medida que pode conculcar dereitos individuais), asistiremos despois de tres décadas á liquidación do uso do galego nalgunhas aulas de infantil. Se finalmente se concreta esta elección de lingua vehicular na E.I. por votación entre as familias, un modelo do que non coñecemos precedentes, o veleno da confrontación lingüística espallarase por todos os centros educativos, o que constitúe unha incrible irresponsabilidade educativa e política.
Sabiamos que a Feijóo non lle ía ser doado contentar aos sectores galegófobos, que retoricamente continúan reclamando medidas que quedan claramente fóra da actual orde constitucional. No obstante, a última oferta destes sectores propoñendo a elección por parte das familias das «materiais troncais» (un termo inexistente nos actuais documentos curriculares) constituía un indicio de que algo se estaba cocendo en San Caetano coa intención de darlle unha saída política a estes sectores amigos e rematar así con «la imposición del gallego» (un «compromiso» do seu programa electoral). Haberá que agardar a coñecer a redacción do borrador na que, sen dúbida, aparecerán algunha sutilezas valiosas, acenos galeguistas cos que se pretenderá acadar a aceptación do documento por parte da CCG e da RAG como a conformidade dalgúns sectores do propio PPdeG. No entanto, polo publicado até agora, o panorama non pode ser máis desacougante: o uso do galego retrocederá nas etapas educativas obrigatorias e pode quedar seriamente eivado por votación das familias na Educación Infantil. Este é o consenso que nos van propoñer mañán Feijóo, Vázquez e Lorenzo?
Remítome ao expresado na anotación de hai dous días, non é este o momento nin para o ditirambo nin para o desánimo, a situación de emerxencia reclama defender coa maior intelixencia os nosos argumentos para impedir que, tras tres décadas de pulo, o galego na escola retroceda. Falemos galego!
«Falemos galego» e «Galego na escola»
/en Educación, Goberno Feijoo, Lingua/por bretemasCamilo Nogueira, cando era presidente da Asociación Cultural de Vigo, mandou imprimir dúas mil pegatinas de cor azul que rezaban «Falemos galego». Impresas na Serigrafía Galega de Álvaro Álvarez Blázquez, aqueles autocolantes foron un vehículo privilexiado para promover o uso do galego entre a mocidade urbana a comezos dos anos setenta. A boa acollida da iniciativa levou a Camilo a custear do seu peto outras tantas pegatinas de cor vermella que desta volta rezaban «Galego na escola». Lembro o primeiro curso de galego ao que asistín, nunhas calorosas tardes de agosto de 1975, nas aulas do Instituto Politécnico de Torrecedeira. Carmen Panero, a nosa profesora, que utilizaba Galego 1 –o primeiro manual de alfabetización pra persoas adultas que publicou o Instituto da Lingua Galega– soubo comunicarnos un interese e un agarimo polo noso idioma que marcaron dende entón o meu comportamento lingüístico.
A teima do noso pobo máis humilde, que mantivo viva a súa forma de expresar o mundo, e o esforzo dos galeguistas dende 1850, permitiu o recoñecemento do idioma como oficial e a súa entrada na escola en 1980, un fito histórico, xa que dende entón son varias as xeracións que foron alfabetizadas na nosa lingua. Contamos con dúas canles públicas de televisión e outras tres de radio que, madia leva!, emiten integramente en galego, e con milleiros de funcionarios alfabetizados no noso idioma que, a pesar das dificultades e resistencias do sectores galegófobos, abriron fendas valiosas para o seu uso nas administracións locais, na xustiza e na propia policía e garda civil.
A pesar destes avances, que constitúen un auténtico éxito colectivo (e non debemos minusvalorar), é indubidable que o galego perdeu creto como lingua de instalación entre a mocidade, como amosan os datos dos diversos estudos sociolingüísticos. Velaí unha das encrucilladas da nosa lingua, as nosas xeracións alfabetizadas en galego, as máis competentes da nosa historia no seu uso culto (tanto na lectura coma na escritura), porén, non o empregan adoito na súa comunicación oral. Mesmo os rapaces e as rapazas que o falan poden ser considerados entre os seus iguais como auténticos alieníxenas, bechos raros cun comportamento lingüístico extravagante. Se a iso engadimos que nos últimos anos, a pesar do consenso acadado arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística, produciuse unha falta de implicación no uso social do idioma, nos eidos político-institucionais (tanto por parte de amplos sectores do PPdeG como do PSdeG), empresariais, sindicais, eclesiásticos (onde o galego case desapareceu), como na presencia nalgúns medios de comunicación privados, que segue sendo dependente das axudas públicas, todas as alarmas sobre o futuro incerto do noso idioma están acesas.
Neste difícil contexto e a poucos días do anuncio do borrador do novo decreto de uso do galego como lingua vehicular no ensino non universitario que, polo adiantado a pasada semana polo propio presidente da Xunta no Parlamento, supoñerá un serio retroceso para o soño normalizador iniciado hai tres décadas, cómpre recuperar as actitudes de entusiasmo militante acuñadas pola xeración de Camilo Nogueira, Ferrín, Beiras e María Xosé Queizán, os nosos referentes morais e políticos no nacionalismo galego. Se a nosa hipótese máis desfavorable se verifica, propoño como primeira medida que dende a sociedade civil nos defendamos pacificamente amparados con novos autocolantes de «Falemos galego» ou de «Galego na escola» (agora en soporte dixital e analóxico), serán o noso primeiro dique de dignidade para comezar un novo e longo proceso de recuperación para o noso idioma. Non é o momento nin para o ditirambo nin para o desánimo. A nosa causa vén de lonxe, non imos desistir. «Un paso adiante, outro atrás, Galicia tecendo a túa tea…»
Imaxe de L.Bugallo [Moitas grazas]
Prehistoria da edición de recursos educativos en galego
/en Descargas, Educación, Libro de texto, Lingua/por bretemas«A edición de recursos educativos en galego. Achega a unha prehistoria» é o título da intervención que mañá farei no seo das II Xornadas «Os recursos educativos en galego», que organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago.
Galegos de etiqueta
/en Artigos Faro de Vigo, Iniciativas, Lingua, Publicidade, Recurso_didáctico/por bretemasNo artigo da semana (desta volta publicado en luns) apoio a campaña «Consumo gusto» promovida polo Foro Enrique Peinador. A etiquetaxe e a publicidade en galego son as dúas grandes vías de promoción do uso da lingua no eido empresarial e comercial.
Imaxe compartida da páxina que sobre a etiquetaxe preparou a profesora Mª Fernanda Padín Ogando (un recurso didáctico interesante).
O caso de Alcorcón, negro sobre branco
/en Goberno Feijoo, Lingua, Polémicas/por bretemasFaro de Vigo publica hoxe unha carta ao director moi clarificadora sobre «o caso Alcorcón». Un texto asinado por Manuel López Rodríguez que contesta a outra carta ao director do pasado 27 de novembro na que o doutor Pedro Larrauri aproveita un meu artigo dominical (do 22 de novembro) para atacar a nosa lingua. A verdade é que anoxa esta actitude tan pouco construtiva dos negacionistas, aos que moi pouco parece importarlles o respecto á veracidade dos feitos e o rigor á hora de enxuizalos. Reproduzo o texto de Manuel López Rodríguez, o voceiro da familia, que pon negro sobre branco sobre a situación do caso Alcorcón. A partir de aí que cadaquén valore.
O pasado día 29 de novembro na sección de cartas ó director deste mesmo xornal, publicouse unha resposta de D. Pedro M. Larrauri titulado “Os erros sobre a lingua” a un artigo de opinión de Manuel Bragado titulado “Os dilemas de Feijóo sobre a lingua”.
Nesa carta tócase dun xeito moi desafortunado e errático respeto ó recente caso do auto o cal ameaza a unha nai galega de retirar a custodia por –entre outras cousas “senrazóns”– escolarizar as súas fillas en colexios públicos en Vigo en detrimento da anterior escolarización en centros privados en Madrid con inmersión lingüística en galego, lingua sen ningunha utilidade práctica alén das nosas fronteiras.
Pois ben, acumula vostede unha caterva de erros cando se refire a que es nenas levan un ano a estudar en Vigo e que a sentenza non nega a custodia nin obriga as nenas a irse de Vigo, pois teño que supoñer que sexa só a falla de información o que lle leva a vostede a afirmar iso.
Analizando polo miúdo dito parágrafo non ten desperdizo, en primeiro lugar, é certo que a nena mais vella (17 anos) leva un ano en Vigo para o cal e após a resolución xudicial, tivo que remitir unha queixa formal perante o valedor do menor en Madrid solicitando ficar en Vigo para non interromper os seus estudos xa iniciados, e que tamén a súa irmá menor e nai así o puideran facer, outro conto moi diferente foi o que lle aconteceu: a nai e a nena mais nova que tiveron que retornar a Alcorcón despois do primeiro trimestre, sen entrar en razón o xuíz polo apoio da propia fiscalía e a nai, falando dos riscos académicos e persoais que carrexaría a volta a esas alturas do curso e contra os informes emitidos polos dous colexios informando da perfecta integración das dúas nenas tanto a nivel académico como persoal, por certo en lingua galega tamén. Como resultado a nai tivo que voltar a Madrid en circunstancias moi dolosas para ela mesma e a nena, vivindo en condicións lamentábeis durante 6 meses.
Refírese vostede a “sentenza”, mire vostede que nin nesa acerta -non é unha sentenza, é un auto que non é o mesmo, digo isto porque na súa carta é evidente o seu ar de suficiencia corrixindo os supostos erros do señor Manuel Bragado, de xustiza e que vostede esté debidamente informado do que fala, di vostede que a “sentenza” non obriga a nai a voltar a Madrid, pois ben, non sei moi ben como interpreeta a parte dispositiva o propio auto:
1. …se acuerda la atribución de la guardia y custodia provisional de las hijas menores de ambos litigantes, al padre… que deberá ser efectiva del comienzo del próximo trimestre escolar. Del día 8 de enero de 2009 salvo que concurran las circunstancias que se contemplan en el ordinal siguiente fijando en el régimen de visitas que anteriormente disfrutaba el padre.
2. No obstante lo anterior, tal cambio provisional en la guardia y custodia, podrá quedar sin efecto en la fecha fijada, a condición de que al actual progenitora custodia disponga de forma inmediata, el restablecimiento de la de la residencia en aquella localidad (Alcorcón).
Pídolle que non cause a esta familia mais dor cos seus comentarios, xa sendo suficiente cos actuais circunstancias, o agardar cada mañá a chegada de un telegrama que obrigue o cumprimento do auto coa conseguente retirada de custodia de non voltar a Alcorcón. Agardo que non sexa preciso un avogado para a interpretación do citado anteriormente se o precisara o que escribe retao a que lea o auto na súa integridade e saque as conclusións que se axusten a realidade e non os seus desexos.
Respeito tamén a súa declaración de que o deputado D. Bieito Lobeira adícase a poñer frases falseadas na boca de xuíz, non entendo moi ben esta lectura, pois o que fai señor Bieito é ler textualmente entre outros o parágrafo do auto que fede a racismo lingüístico, vostede saberá porqué o di. Prexuízos tamén?
Fala tamén de que as nenas, se cumprira o artigo nº 13 da LNL, non terían agora case que ningún tipo de problema pedagóxico por causa da lingua galega. Mire vostede, estas nenas dende o seu nacemento teñen escoitado con total naturalidade galego por moi estrano e obsceno que a vostede lle pareza, tanto pola súa familia materna nomeadamente os seus tíos, avós e a súa nai cando estaba en Galicia, como por parte paterna, tamén de ascendencia galega e debido a que pasaban entre catro e seis semanas nunha vila da provincia da Coruña, vila na que afortunadamente aínda se fala moito galego, non tiveron nin teñen ningún tipo de problema de adaptación, aínda que non existira este contact lingüístico, ten vostede en moi pouca estima a capacidade de aprendizaxe propia da condición humana e aínda máis a dos nenos e adolescentes.
Eu mesmo falo aparte do galego tres linguas máis, e isto nunca supuso un trauma para min senón todo o contrario, é un san e gratificante reto de esforzo/recompensa.
É evidente que vostede partilla dos argumentos do xuíz, e supoño que tamén o faría do interrogatorio á que foi sometida a nena mais vella preguntando éste unha e outra vez se entendía o galego, non xa como unha lingua no contexto académico, senón tamén como se a lingua propia e orixinaria da nosa comunidade autónoma fose unha infección a evitar.
Xa para rematar, na solución perante este caso que vostede aporta, saiba vostede que no escenario que no sistema educativo galego se dera ese lamentábel apartheid lingüístico que vostede preconiza, predica e desexa, esta familia galega desexaría que as nenas acadaran competencia lingüística na lingua propia de Galicia e serían outra vez penalizadas do mesmo xeito por un xuíz con tantos prexuízos respeito ó galego como vostede. Manuel López Rodríguez
Os dilemas de Feijoo sobre a lingua
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Goberno Feijoo, Lingua/por bretemasNo artigo da semana abordo o que entendo é o dilema de Feijóo sobre a lingua: apoiar o negacionismo ou recuperar o espazo de consenso forxado arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística.
O Supremo nega que o sistema educativo galego discrimine ao castelán
/en Educación, Goberno Feijoo, Lingua/por bretemasA sentenza do Tribunal Supremo do 24 de outubro de 2009, da que soubemos esta mañá por Faro de Vigo e La Opinión da Coruña, debe axudar a recuperar o consenso arredor da utilización do galego como lingua vehicular no ensino non universitario . Particularmente importante resulta que este fallo negue que o sistema educativo galego discrimine ao castelán, desbotando os falaces argumentos da imposición lingüística utilizados polo PPdeG e polos sectores galegófobos cada vez máis nerviosos e decepcionados polo comportamento do presidente da Xunta, como se pode comprobar nesta carta ao director publicada tamén hoxe. Agardemos como retrucan os sectores galegófobos organizados diante desta sentenza do Supremo que nega dúas das súas principais aspiracións: a posibilidade de separación do alumnado por razón de lingua e a posibilidade de que as familias escollan os contidos do currículum que cursen os seus fillos. Unha sentenza que convirá estudar devagariño.
O texto da sentenza pode baixarse en pdf aquí (seis folios).
Recomendamos a lectura das valoracións de GPH e Prolingua sobre esta sentenza.
Lingua de liberdade, acto cívico, 14 de novembro
/en Goberno Feijoo, Iniciativas, Lingua/por bretemasGalego Patrimonio da Humanidade convoca Lingua de liberdade, un acto cívico a prol da lingua galega o vindeiro sábado 14 de novembro, a partir das 12 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
No acto, que estará conducido por Candido Pazó. intervirán representantes de colectivos sociais, os secretarios xerais de UXT, José Antonio Gómez, e CCOO, José Manuel Sánchez Aguión, ademais de Laura Sánchez Piñón, Pablo González Mariñas, Henrique Monteagudo e Fermín Bouza.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- A estrela dos afectos24 de Decembro de 2024 - 10:56 a.m.
- Solsticio celta23 de Decembro de 2024 - 9:44 a.m.
- Os Baltar18 de Decembro de 2024 - 4:17 p.m.
- AVE polo Miño17 de Decembro de 2024 - 7:05 a.m.
- Doutrina 79/201011 de Decembro de 2024 - 9:04 p.m.