A Comunidade Educativa rexeita o borrador do Decreto de Plurilingüismo

Por moito que se esforcen os seus promotores en agochar o claro rexeitamento que o Consello Escolar de Galicia realizou onte do borrador do Decreto de Plurilingüismo, esta situación constitúe un feito absolutamente inédito na nosa historia educativa. Ningún Goberno ousou modificar aspectos fundamentais referidos ao funcionamento do sistema sen contar co apoio do Consello Escolar de Galicia, a institución que lexitimamente representa ao conxunto da Comunidade Educativa Galega (administración educativa, profesorado, pais e nais, e institucións locais). Ben é certo que esta emenda a totalidade non é vinculante, mais a partir de onte, se o o Goberno Galego continúa teimando en modificar a normativa sobre o uso e fomento do galego no sistema educativo non universitario en base ao borrador de decreto rexeitado polo Consello Escolar de Galicia, será aínda máis difícil restaurar á convivencia lingüística nas nosas aulas. O PPdeG debería reflexionar con serenidade e altura de miras, como solicitou o ex-conselleiro Daniel Barata, sobre ónde e cómo queren situar a civilidade galega e o futuro do idioma de todos. Darlle unha derradeira oportunidade á racionalidade para reconducir esta lea, por difícil que semelle, aínda é perfectamente posible.

1 comentario

Los comentarios están desactivados.