Onte 412: LIBROX

Continúan chegando as novidades de fin de ano. Onte anunciamos a comercialización de «LibroX», a nova colección que presentamos para «facilitar o acceso á lectura en tempos de crise». Deseñada e preparada na súa totalidade polo departamento de edición de Xerais, tanto os interiores como as magníficas cubertas do xenial Miguel Vigo, foi concibida coa intención de que ofrecer unha serie versátil, flexible, dinámica e de libros con prezos asequibles (entre os 7,50 € e os 12,50 €). En definitiva, libros con vocación de conectar cun lectorado amplo. Libros xeitosos de non ficción que pretenden abrir ocos, temas e enfoques atrevidos para divertir, para reflexionar, para consultar, para cociñar, para mellorar o emprego da lingua, para incitar á lectura… Ese é o espírito que acreditan os dous primeiros títulos. Do G ao Z de Manuel Veiga, un breve dicionario humorístico e indignado, un novo xeito de presentar o ensaio con vontade inequivocamente popular. Outrosí sucede con Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez de Carlos Callón, outro libro de vontade eminentemente práctica destinado a mellorar a nosa calidade lingüística e a superar algúns prexuízos sobre o emprego do galego. Agardamos con expectación as opinións e a acollida do público. Mentres preparamos dous novos títulos para final do inverno.

Onte 409: Solidariedade cos procesados do 8-F

Pareceume oportuno o comunicado que onte publicou a Plataforma Prolingua amosando a súa solidariedade cos procesados do 8-F. Doce participantes na denuncia activa da manipulación e a expresión de odio que supoñía a manifestación en contra do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 afrontan unha petición fiscal de 45 anos de cadea, acusados de desordes públicas e resistencia á autoridade. Como atinadamente sinala Prolingua, poderiamos preguntarnos de que estamos a falar cunha petición coma esta?, «De sete anos de cadea por defender a lingua galega dun ataque extremista? De procesados por berrar contra os que vulneran as normas de convivencia das que nos dotamos as galegas e os galegos..?» A fiscalía ben faría en retirar os cargos aos procesados do 8-F xa que «o seu delito» non foi outro que defender a lingua de todos e todas (tamén dos que a aldraxan, menosprezan e pretenden a súa desaparición efectiva). Se a sociedade galega quere un futuro digno para a súa lingua propia, un obxectivo a recuperar despois da clara vitoria electoral do PP, debe ser capaz de recuperar os consensos arredor do seu estatus e da súa promoción.

Nin lingua nin liberdade, é o poder

Enlazamos o artigo publicado en Faro de Vigo por Alejandro Tobar, como voceiro da Cerna da plataforma Prolingua, en resposta a outro anterior de Ignacio López-Chaves, vicesecretario do PP de Vigo. Esta de Tobar é unha peza esencial para desmontar as falacias dos argumentarios da «liberdade lingüística», acuñados para si polos membros do Partido Popular nesta campaña das Autonómicas 2012.

Onte 397 Jorquera / Vázquez

A tertulia que mantiveron Jorquera e Vázquez servíu para visualizar que existe unha alternativa ao goberno de Feijoo. Un encontro sereno, tamén inevitablemente máis aburrido co do luns, que permitíu que cada un dos candidatos presentase de xeito tranquilo as liñas principais do seu programa. Vázquez foi máis condescendiente xa que se presentaba como aspirante a presidente dun goberno progresista, mentres Jorquera tratou de poñer en evidencia algunhas das diferencias que os separan. Con todo, ambos os dous amosaron que hai coincidencias abondas para acadar un acordo nos temas principais: un novo sistema de financiamento, aumento da fiscalidade ás rendas altas, desenvolvemento pleno do autogoberno e mantemento das políticas sociais. Como na noite anterior, Pachi soubo utilizar unha linguaxe máis achegada á da cidadanía, aproveitando o espazo para lembrarlle a Feijoo a ocultación do desvío de 400 millóns do orzamento de 2010 para o de 2011. Francisco Jorquera amosou que é un político diesel, fiable, rigoroso e documentado, aínda que como menos reprís que o socialista. Gustoume moito a oportunísima referencia do nacionalista á lingua, vencellándoa ás industrias culturais consideradas como un factor produtivo. Onte enxergouse unha raioliña de esperanza.

Onte 396: Feijoo / Vázquez

Pachi Vázquez superou ao presidente. O aspirante gañou cada un dos tres treitos do debate (emprego, benestar, autogoberno) tanto pola súa actitude ofensiva como por manexar unha axenda pública máis próxima ás preocupacións da cidadanía. Coa excepción da enleada sobre a existencia dos contratos de Pemex -onde teño a convicción que o presidente leva a razón-, Vázquez soubo poñer en evidencia a frouxa xestión do goberno Feijoo, mesmo nas políticas de austeridade e redución do déficit, como hoxe demostra a edición de El País Galicia. Gustei que Vázquez agardase ao derradeiro treito para sacar con moita elegancia e claridade a necesidade de recuperar os consensos forxados nas décadas anteriores arredor da lingua e o seu compromiso de derrogar o decreto de Plurilingüismo. As apelacións de Feijoo á “Galicia libre e bilingüe” e ao que despois denominou “bilingüismo cordial” foron decepcionantes, como patética a súa despedida en castelán. Mágoa que nin o presidente nin o aspirante fixesen algunha propostas programática de certa entidade para afrontar a saída da crise. Con todo, o primeiro debate na televisión e radio pública galegas serviu para amosar que non hai tanta distancia entre Vázquez e Feijoo como expresan as sondaxes.

Onte 391: Liber e Frankfurt

A Xunta de Galicia e a AGE non contarán este ano con estand nin no Liber de Barcelona nin na Feira Internacional do Libro de Frankfurt. Rómpese así unha tradición de máis de dúas décadas de participación institucional conxunta da administración galega e do sector editorial privado nestas dúas citas, que até hoxe semellaban ineludibles. Outro efecto desolador dos recortes sobre as políticas públicas de lectura que amosa, ademais, a inexistencia dunha política estratéxica de promoción do libro e da lingua galega no mundo. O sector editorial privado galego estará presente en ambas as dúas feiras por medio dos editores que contrataron os seus propios espazos e pola viaxe comercial, organizada pola Cámara de Comercio, que a vindeira semana se realizará a Frankfurt. Agardamos que o vindeiro ano, o sector privado e a Xunta de Galicia recuperemos a colaboración no marco dun desenvolvemento estratéxico para o sector do libro que pasa neste eido pola creación dunha Oficina de promoción da literatura e do libro galego no mundo. Unha entidade pública privada que se responsabilizaría da difusión das axudas á tradución de obras publicadas en galego a outras linguas, de organizar a presenza institucional nas feiras internacionais do libro e da información web sobre o libro e a literatura galega. Agardo que vivamos tempos mellores.

Onte 387: Día da Tradución

Na mesa redonda que AGPTI organizou no Kunsthalle de Compostela con motivo do Día Internacional da Tradución insistiuse na necesidade de ampliar a base de lectorado en galego e de promover as políticas públicas de fomento da lectura que faciliten a visibilización da oferta editorial e permitan vencer os prexuízos existentes sobre a lectura na nosa lingua. A diminución das axudas públicas á tradución, a desaparición dos patrocinios das caixas e a inexistencia dun plan de tradución de clásicos universais para o galego (previsto na Lei do Libro e da Lectura de 2006, aínda vixente) foron outras cuestións que se puxeron sobre a mesa. Gustei da atmosfera que se respiraba neste foro profesional no que a pesar das incertezas provocadas pola crise agromaron faíscas contaxiosas do optimismo da vontade. A miña gratitude ás organizadoras polo convite.

Onte 382: Navega en galego


Grazas á renovada e utilísima web de Prolingua, chego a Navega en galego, un blog que axuda a «navegar na web como galegos», que non é outra cousa que utilizar a lingua galega como preferida. Este blog sirve para coñecer a estatísticas do idioma preferido das nosas visitas como para comprobar a configuración da lingua de cada navegador e para galeguizalo, se non se fixera con anterioridade. É importante para potenciar a presenza do galego en Internet (mesmo para solicitar a galeguización de programas e utilidades) que os navegadores que utilicemos estean configurados na nosa lingua. Recomendamos espallar tan boa iniciativa.

Onte 379: Twitter en galego

A tradución do Twitter en galego é un éxito da comunidade de persoas que empregamos decote o galego nesta rede informativa. Un esforzo teimoso de varios anos no que se viñeron desenvolvendo as máis diversas iniciativas e nas que nestes meses recentes foi decisiva a solicitude promovida dende o perfil Twiter en galego. Non teño dúbida ningunha que o compromiso dos usuarios e usuarias foi o que colocou (xa en 2009) o galego como a vixesimosegunda lingua máis utilizada en Twitter. Porén, como xa sucedeu no caso de Barreras, doe que a Xunta ao fío da precampaña electoral pretenda colocarse unha medalla que non lle corresponde. Beizóns a todas as persoas que utilizan o twitter en galego e aquelas xenerosas voluntarias que agora o están traducindo. Twitter en galego somos todos nós.

Onte 378: Aid

A pesar das magníficas intervencións de Fran Alonso e María Solar, a estrela da presentación d’ As meigas de Lupa foi Aid. Abondoulle á rapeira viguesa frasear con toda a súa forza e convicción contaxiosa un tema sobre a bretemosa noite da nosa cidade. Os seus rapoemas, nos que adapta aos ritmos da música urbana algúns poemas dos nosos clásicos, como os seus temas propios, expresan unha vibración esperanzadora e un futuro compartido polas novas xeracións para a lingua e literatura galegas. Benvida Aid e a súa disruptiva presenza no noso panorama literario. Merece todas as nosas beizóns.