Unha ponencia da Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia traballa sobre a proposición de lei de iniciativa lexislativa popular Valentín Paz-Andrade, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. Apoiada por máis de 17.000 asinaturas, esta iniciativa foi presentada a consideración do pleno polo empresario vigués Xosé Carlos Morell González o pasado 14 de maio, sendo aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos, coa participación na votación de todos os membros da cámara, o que constituíu un consenso inédito nas dúas últimas lexislaturas.
Redactada en apenas tres breves artigos, a proposición de lei pretende poñer en valor o que Valentín Paz-Andrade denominaba no seu ensaio “Galicia como tarea” (1959) potencial global “dunha lingua coa que os galegos e galegas podemos entendérmonos con millóns e millóns de persoas, aínda que a falen con distinto acento ou escriban de forma diferente certo número de palabras”. A da lingua portuguesa é unha comunidade formada por 254 millóns de persoas, un 3,6 % da poboación mundial, que alén da súa diversidade cultural, representa un considerable potencial económico. Segundo un estudo recente da oficina de estudos do Banco Espirito Santo supón o 4,6 % do PIB mundial e o 2 % do comercio internacional planetario. Se activamos esas potencialidades de comunicación lingüística que posuímos os galegos e galegas, poderemos con facilidade ser os cidadáns europeos máis capacitados para acadar o maior progreso no menor tempo nunha lingua internacional de referencia, hoxe a quinta máis falada no mundo, máis tamén a terceira máis utilizada nas redes sociais e a primeira máis falada no hemisferio sur do planeta. Unha oportunidade competitiva, sobre todo no eido económico, que non deberiamos estragar no contexto da crise económica, xa que algúns dos países desta comunidade lusófona presentan elevadísimas taxas de crecemento anual como Angola (17 %); mais sobre todo polas oportunidades de negocio e traballo ofrecidas por Brasil, un dos cinco países “brics”, chamados a revolucionar a xeoeconomía do século XXI. Sen esquececer a diáspora portuguesa polo mundo (cinco millóns de persoas) ou as pequenas comunidades como Macao, onde o portugués é lingua oficial xunto ao chinés, na que se están realizando grandes investimentos no eido da educación universitaria, sendo unha porta de acceso á China continental.
O primeiro artigo da iniciativa incorpora a aprendizaxe da lingua portuguesa en todos os niveis do ensino regrado. Ábrese así a posibilidade de aumentar de forma significativa o número de alumnos e alumnas galegas con competencia elevada en comunicación e expresión oral e escrita en portugués. Un obxectivo acadado xa por Estremadura, comunidade que (para a vergonza galega) posúe a sede do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, na que estudan portugués como segunda lingua máis de dez mil estudantes de Secundaria. Unha incorporación do portugués ao currículum que debería facerse coincidir coa implantación máis que probable dos novos currículums LOMCE no vindeiro curso 2014-15. O segundo dos artigos propón que será un obxectivo estratéxico do Goberno galego a relación a todos o niveis (económico, cultural, deportivo, ambiental…) cos países de lingua portuguesa. Este achegamento institucional suporía unha ollada galega cara o sur, primeiro con Portugal, con quen, como tantas veces sinalou o noso amigo o editor Nelson de Matos, “sempre vivimos tan preto, mais tan virados de costas”. Ollada que cómpre prolongar alén mar, cara os países africanos de lingua portuguesa e cara Brasil, país de oportunidades e horizontes abertos, onde Galicia é recibida con menos prexuízos ca en Lisboa. Por último, o terceiro artigo, propón lograr a recepción aberta en territorio galego das emisións de radio e televisión portuguesas. Unha medida (aparentemente) técnica que abriría por fin a derradeira fronteira con Portugal, a informativa, cultural e deportiva, esoutra barreira invisible que tras dúas décadas cos pasos fronteirizos abertos en Tui, Pontebarxas, no Xerés ou en Feces aínda non foi posible derrubar.
A máis que probable aprobación por parte do Parlamento Galego desta lei para o aproveitamento da lingua portuguesa debería supoñer o inicio dun proceso de achegamento efectivo, inclusivo e recíproco de Galicia con Portugal, Brasil e o resto dos países da lusofonía. Será o momento de recuperar con coraxe iniciativas políticas, económicas e culturais como as do Eixo Atlántico (hoxe moi diminuído na súa actividade) ou a decisiva presenza de Galicia como Observador Asociado da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP). Unha magnífica oportunidade para Galicia.