Onte 1063: Taboleiro de lectura
A lectura é unha actividade que singulariza ao ser humano. Na lectura está o ADN que nos define fronte a outros seres vivos. Hai tempo que esa singularidade tratou de ser recollida nas artes plásticas. Son milleiros e milleiros as composicións pictóricas ou fotográficas do lector ou da lectora enfrontándose en soidade ao libro, nos espazos máis diversoas, nas situacións máis orixinais, nas posturas máis complexas. Como tamén son moi numerosos os esforzos por definir esta actividade coa maior precisición e beleza ou promovela publicitariamente na sociedade por medio de carteis e outros reclamos como un hábito saudable para o conxunto da cidadanía. Eis as razóns que me levaron, emulando o gran traballo da pinterista Pilar Ponte, a comezar a reunir algunhas destas pezas dispersas pola rede adiante. Un afán para o que os taboleiros de Pinterest son moi útiles pola súa facilidade para buscar tematicamente e para compartir con outros coleccionistas, sen esquecer a súa grande utilidade como recurso didáctico dixital. Onte foi unha boa amiga, tamén grande pinterista, a que me agasallou cunha desas imaxes marabillosas, o que me levou inevitablemente a aquelar un chisco máis o meu taboleiro de lectura. Unha angueira que continuaremos.