Un paso adiante, outro atrás

Tras o regreso esperanzado de Compostela da tarde de onte, hoxe volvemos a realidade e comprobamos que a saída ao conflito da derrogación do decreto de fomento do galego vai ser moi difícil. Tras a moi coidada «Operación Láncara» (na que se fían na mesma secuencia o manifesto da RAG, o nomeamento de Lorenzo e os actos de homenaxe a Piñeiro da RAG e do Goberno Galego), as primeiras declaracións do conselleiro de Educación e do Secretario Xeral de Política Lingüística volven a intraquilizarnos moito. A verdade que nos deixan como estabamos antes do nomeamento de Lorenzo. Cos termos e argumentos que utiliza o conselleiro de Educación é imposible, hoxe por hoxe, recuperar o consenso alicerzado sobre o Plan Xeral de Normalización de 2004.  Cantos pasos adiante, cantos atrás?

No entanto, dos importantes acontecementos da fin de semana podemos adiantar tres tendencias para sacarlles punta no debate:

– A importante manifestación (tanto polo número de persoas que convocou, como pola súa pluralidade) amosou que aínda existe un músculo cívico potente no país. Unha nova excelente, que impregna o comezo de lexislatura de forma esperanzadora. 

– Non volveremos a reiterar que a lingua é un patrimonio de todos, sen excepción de clase ningunha; razón pola que a ausencia dos socialistas na manifestación de Compostela foi unha torpeza maiúscula. Como, tamén o é, a defensa “nominal” que do decreto de fomento do galego  fai Mar Barcón empregando o castelán. Se con este xesto os socialistas pretenden visualizar o seu afastamento dos nacionalistas, amosan unha inxenuidade delirante.

– Porén, a posibilidade dun pacto encuberto entre o PPdeG e PSdeG sobre a reforma do decreto, que deixe fóra aos nacionalistas, é unha hipótese que cada vez semella máis verosímil. Eis está ese novo consenso do que se comeza a falar?

Un debate sobre as ameazas para o futuro do idioma

La Opinión da Coruña publica hoxe a transcrición do debate que mantivemos Francisco Fernández Rei, Goretti Sanmartín e mais eu arredor das ameazas que detectamos para o futuro do idioma.

O nomeamento de Anxo Lorenzo

Fago miña a lúcida anotación de Fran Alonso. O nomeamento dunha persoa como Lorenzo,leal defensor do idioma de noso, debe ser entendida como o primeiro froito da mobilización da sociedade civil que conseguiu (polo momento) coutar o paso ás presións galegófobas. A decepción expresada por Galicia Bilingüe é unha mostra do acertado deste nomeamento. Polo ben do futuro idioma, agardamos os maiores éxitos de Lorenzo (aquí as súas primeiras declaracións)no seu dificilísimo traballo. O domingo, e a pesar das moi desafortunadas declaracións dos responsables da Mesa, estaremos en Compostela reafirmando o futuro da lingua de todos. Nestes momentos de enorme incerteza é imprescindible continuar con esta resposta cidadá.

Unha lingua para todos

O pronunciamento da Academia Galega sobre o estado da lingua, a pesar de chegar con certo retraso, merece todos os parabéns. A claridade e contundencia do chamamento achega argumentos de autoridade que, canto menos, dificultarán a modificación unilateral do decreto de fomento do galego no ensino prometida polo actual Goberno Galego.  Acerta a Academia cando propón un gran acordo social arredor da lingua, recuperando así o consenso acadado en 2004 co Plan Xeral de Normalización. Acerta, tamén, cando insiste en que a lingua non é propiedade de ninguén e que a política lingüística non pode quedar reducida ás aulas. O documento supón un duro correctivo para as intencións expresadas por Feijoó, a pesar de que deixa unha xanela aberta para o consenso, propoñendo partir do consenso do Plan Xeral de 2004, obviando así o decreto de fomento do galego do Goberno Bipartito (un matiz que non debe pasar desapercibido).

Feijoó non mediu as consecuencias que conlevaría o seu compromiso con Galicia Bilingüe de derrogar o decreto de fomento do galego. Saír deste labirinto estalle hipotecando o primeiro período do mandato, mais aínda, cando xa é consciente que non o poderá facer nin sequera para o vindeiro curso. A necesidade de modificar, tamén, os decretos de currículum das ensinanzas obrigatorias, aos que están enganchados o de fomento do galego, require un trámite longo no que é preceptivo (por poñer só un caso) o ditame do Consello Escolar de Galicia. O mesmo acontece coa cuestión dos libros de texto (o curso que comenza en setembro, incorpóranse novos materiais para 5º e 6º de Educación Primaria), sobre os que Feijoo asumiu outro compromiso, o de modificar o actual sistema de gratuidade mediante préstamo. Se a isto engadimos os custes que suporía outro dos compromisos do PPdeG de acadar ao remate da lexislatura que o 30% dos centros fosen plurilingües, Feijoó ten moi difícil realizar esta cuadratura do círculo.

No entanto, a pesar deste aparente fracaso das prometidas e temibles medidas galegófobas, nestes momentos é máis decisiva ca nunca a voz da sociedade civil, expresada polas súas institucións e entidades, como dende a propia mobilización social. Só así poderemos asegurar o mantemento do actual marco de fomento do galego no sistema educativo. A manifestación do vindeiro domingo debe ser decisiva neste proceso de recuperación dunha grande consenso social arredor deste patrimonio de todos.

Vertebrar Galicia

No artigo da semana volvo sobre a necesidade de abordar a organización territorial como requisito para poder modernizar as administracións locais e crear as áreas metropolitanas. Sen solucionar ese debate estratéxico para a construción da nación, témome que nos fartaremos de participar en  enleadas localistas. Contaremos con esa estratexia de país?

Comezo do Vigo metropolitano

No artigo da semana valoro como positiva a noticia da creación da delegación da Xunta de Galicia en Vigo, ao tempo que reitero a necesidade dun acordo nacional arredor da organización do territorio. Rachar por vez primeira na nosa historia contemporánea a estrutura provincial da administración constitúe un feito moi significativo.

Feijoo no labirinto

Tras o seu regreso a Galicia, Feijoo viuse obrigado a mudar de plans. A súa vergonzosa actitude de sumisión diante de Pedro J. e Jiménez Losantos levouno a comprometerse en que ordenaría a Inspección Educativa que enviase de forma inmediata unha circular aos centros educativos coa pretensión de «restaurar os dereitos civís» nas aulas e de respectar a liberdade lingüística de alumnado e profesorado. Sen dúbida, os responsables da Inspección Educativa da Consellaría deberon levarse as mans a cabeza diante de semellante despropósito xurídico e educativo expresado polo presidente que abría a guerra lingüística nas aulas.

Onte, para vestir o mellor posible tan enorme esvarón, Feijoo recuperou o seu perfil de tecnócrata dialogante asegurando que por «prudencia e seguridade xurídica» (o que lle faltou diante de Losantos) os plans de reforma do decreto de uso do galego quedarán para o vindeiro curso, salientado o «carácter demócrata e galeguista do seu goberno». Un compromiso de tregua unilateral, avalado co seu compromiso persoal de que utilizará no Parlamento só o galego (xustificado polo seu dereito a elexir) e que apupará aos deputados do PP renuentes coa nosa lingua a que a perfeccionen, esquecéndoselle citar que consello dará aos seus conselleiros e conselleiras instalados teimosamente no castelán (o 40% do seu goberno).

Non deixa de ser curioso que nestas dúas primeiras semanas do goberno Feijoo fose a cuestión lingüística o seu primeiro e case único afán, empregando argumentos políticos torpes e moi escasamente elaborados, sempre temerosos das críticas de Galicia Bilingüe, a asociación que na entrevista da COPE citou como «asesora do goberno» nos temas de política lingüística, unha afirmación que non debería pasar desapercibida. Como tampouco deixa de ser chocante que non fora nomeada aínda a persoa que se responsabilizará da Secretaría Xeral de Política Lingüística, sen dúbida, encargada de executar de forma inmediata a prometida reforma do decreto e de inventar ese novo modelo de «bilingüismo cordial». 

No entanto, o que non deixa de ser extraño é como Feijoo quedou enleado e paralizado coa cuestión da lingua.Dende aquela suxa campaña electoral, onde para el todo valía, Feijoo deixouse levar polos cantos de serea dos membros de GB que, tras os resultados do 1-M, nun alarde de egotismo esaxerado lle venderon que foron eles os que lle deron a súa sorprendente vitoria. Algo que sabemos é rotundamente falso, xa que, entre outras moitas posibles razóns, foi a síndrome bipolar do bipartito a que upou aos conservadores a San Caetano. Collendo arteiramente polos fíos esa falsidade, os membros deste minoritario grupo galegófobo consideran agora ao novo presidente apenas coma un simple refén que debe executar as súas políticas: hoxe no sistema educativo e nas oposicións á función pública, mañá nos museos, pasadomañá sabe deus en que… Mais o que resulta máis paradóxico e decepcionante  é que Feijoo (moi mal asesorado nesta cuestión, na que teñen obriga de intervir  outras entidades e institucións como a Academia e o Consello da Cultura Galega)  asuma acriticamente esta condición subalterna. Observando con piedade as intervencións contraditorias de Feijoo compréndese que non sabe como saír deste labirinto. Porén, teno ben doado, xa que  hai só dúas posibles portas: atender os chamados razoables da maioría da sociedade galega, que pretende continuar o difícil e complexo proceso de recuperación da lingua galega (e polo tanto o modelo consensuado ao longo do proceso autonómico), ou atender as voces dunha minoría galegófoba que baixo os argumentos da liberdade de elección lingüística abre a porta  da desaparición institucional do noso idioma (e polo tanto fende un consenso de tres décadas da súa promoción institucional). Cun pouco de afouteza Feijoo pode saír canto antes deste labirinto que ameaza hipotecar unha lexislatura que comezou da peor das maneiras posibles. Será quen? Deixarano? Quererá?

Feijoo confésase con Jiménez Losantos

Moitos non o creran, pero o novo presidente da Xunta foi onte á cadea COPE a confesar o que serán as súas primeiras medidas. Nin no Parlamento Galego nin nos medios de comunicación galegos, nin públicos  nin privados, Feijoo escolleu facelo en Madrid con Jiménez Losantos e Pedro J. Ramírez.  Aquí pode escoitarse esta entrevista (45 minutos) onde se realizou un anuncio importante sobre o futuro do galego na escola, especulouse sobre a posibilidade de privatizar os medios de comunicación públicos («unha decisión procedente», aínda que non semella prioritaria para Feijoo, que considera debe darse no marco da decisión doutras comunidades autónomas con lingua propia), anunciouse un novo plan de litoral…

Feijoo declara a guerra lingüística nos centros educativos

Esta noticia, publicada hoxe por Faro de Vigo, confirma os nosos peores agoiros: o presidente Feijoo declara a guerra lingüística por medio dunha circular que será enviada a todos os centros educativos non universitarios de forma inmediata. Esta circular, que parte dunha orde enviada polo propio presidente á Inspección Educativa (u-las competencias do conselleiro de Educación?, un feito inédito, do que descoñecemos precedentes),  proporcionará instrucións para asegurar a «liberdade para elixir o idioma tanto aos profesorado como ao alumnado». A medida foi anunciada por Feijoo nunha entrevista á cadea COPE (outro feito relevante), o que constitúe unha mostra moi clara de que a súa pretensión coiuntural é conformar aos sectores  máis conservadores do seu partido e dos sectores galegófobos que o apoiaron durante a campaña electoral. A circular constitúe un xesto político de urxencia que anuncia a determinación do presidente Feijoo por derrogar o decreto de fomento do galego para o vindeiro curso. Magoadamente, a de hoxe será primeira medida institucional que ao longo de todo o período autonómico supoña un  retroceso para o estatus do idioma galego no sistema educativo. En canto coñezamos os contidos da circular poderemos valorar as consecuencias que terá no funcionamento dos centros e nas competencias do profesorado. Unha noticia transcente que nos entristece e moito nos magoa.