Unha lingua para todos

O pronunciamento da Academia Galega sobre o estado da lingua, a pesar de chegar con certo retraso, merece todos os parabéns. A claridade e contundencia do chamamento achega argumentos de autoridade que, canto menos, dificultarán a modificación unilateral do decreto de fomento do galego no ensino prometida polo actual Goberno Galego.  Acerta a Academia cando propón un gran acordo social arredor da lingua, recuperando así o consenso acadado en 2004 co Plan Xeral de Normalización. Acerta, tamén, cando insiste en que a lingua non é propiedade de ninguén e que a política lingüística non pode quedar reducida ás aulas. O documento supón un duro correctivo para as intencións expresadas por Feijoó, a pesar de que deixa unha xanela aberta para o consenso, propoñendo partir do consenso do Plan Xeral de 2004, obviando así o decreto de fomento do galego do Goberno Bipartito (un matiz que non debe pasar desapercibido).

Feijoó non mediu as consecuencias que conlevaría o seu compromiso con Galicia Bilingüe de derrogar o decreto de fomento do galego. Saír deste labirinto estalle hipotecando o primeiro período do mandato, mais aínda, cando xa é consciente que non o poderá facer nin sequera para o vindeiro curso. A necesidade de modificar, tamén, os decretos de currículum das ensinanzas obrigatorias, aos que están enganchados o de fomento do galego, require un trámite longo no que é preceptivo (por poñer só un caso) o ditame do Consello Escolar de Galicia. O mesmo acontece coa cuestión dos libros de texto (o curso que comenza en setembro, incorpóranse novos materiais para 5º e 6º de Educación Primaria), sobre os que Feijoo asumiu outro compromiso, o de modificar o actual sistema de gratuidade mediante préstamo. Se a isto engadimos os custes que suporía outro dos compromisos do PPdeG de acadar ao remate da lexislatura que o 30% dos centros fosen plurilingües, Feijoó ten moi difícil realizar esta cuadratura do círculo.

No entanto, a pesar deste aparente fracaso das prometidas e temibles medidas galegófobas, nestes momentos é máis decisiva ca nunca a voz da sociedade civil, expresada polas súas institucións e entidades, como dende a propia mobilización social. Só así poderemos asegurar o mantemento do actual marco de fomento do galego no sistema educativo. A manifestación do vindeiro domingo debe ser decisiva neste proceso de recuperación dunha grande consenso social arredor deste patrimonio de todos.

5 comentarios
  1. María L
    María L Dice:

    Imprescindible este chamamento da Academia Galega neste momento. Pero hai un par de cousas que non me gustan:

    A utilización dunha linguaxe sexista. A lingua é de todos e de todas. Boto en falta un compromiso da Academia Galega pola linguaxe inclusiva.

    Que pidan o cuatrilingüismo na educación. Paréceme unha petición á lixeira, non baseada nun estudio serio sobre a situación e as necesidades actuais da educación primaria e secundaria en Galiza. Ollo con iso, pois as competencias que ten que acadar o alumnado non son unicamente ligüísticas. Ademais, o modelo que se empezou a aplicar este curso no primeiro ciclo da ESO é o de catro linguas (materias) obrigatorias, non axeitado para todo o alumnado destas idades, e que non está conducindo a unha mellora da competencia lingüística da mocidade.

  2. xm carreira
    xm carreira Dice:

    Non sei se aplaudir ou se chorar. A RAG sempre vai un pouco tarde, coma os dinosauros. Atinou na diagnose, certo, mas cal é a medicación que propón a RAG? Penso sen dúbida que chegou a hora da lusofonía, mais alá de ortografías de mínimos, máximos e demais liortas, pero isto xa se dicía antes de Carvalho Calero.

Trackbacks y pingbacks

  1. […] e as tres forzas parlamentarias, arredor do PXNL. Facendo caso omiso das recomendacións do recente documento da Academia Galega (que reclamaba como un dos principios básicos da súa proposta de acordo social […]

  2. […] ser moi difícil. Tras a moi coidada «Operación Láncara» (na que se fían na mesma secuencia o manifesto da RAG, o nomeamento de Lorenzo e os actos de homenaxe a Piñeiro da RAG e do Goberno Galego), as […]

Los comentarios están desactivados.