Feijoo no labirinto

Tras o seu regreso a Galicia, Feijoo viuse obrigado a mudar de plans. A súa vergonzosa actitude de sumisión diante de Pedro J. e Jiménez Losantos levouno a comprometerse en que ordenaría a Inspección Educativa que enviase de forma inmediata unha circular aos centros educativos coa pretensión de «restaurar os dereitos civís» nas aulas e de respectar a liberdade lingüística de alumnado e profesorado. Sen dúbida, os responsables da Inspección Educativa da Consellaría deberon levarse as mans a cabeza diante de semellante despropósito xurídico e educativo expresado polo presidente que abría a guerra lingüística nas aulas.

Onte, para vestir o mellor posible tan enorme esvarón, Feijoo recuperou o seu perfil de tecnócrata dialogante asegurando que por «prudencia e seguridade xurídica» (o que lle faltou diante de Losantos) os plans de reforma do decreto de uso do galego quedarán para o vindeiro curso, salientado o «carácter demócrata e galeguista do seu goberno». Un compromiso de tregua unilateral, avalado co seu compromiso persoal de que utilizará no Parlamento só o galego (xustificado polo seu dereito a elexir) e que apupará aos deputados do PP renuentes coa nosa lingua a que a perfeccionen, esquecéndoselle citar que consello dará aos seus conselleiros e conselleiras instalados teimosamente no castelán (o 40% do seu goberno).

Non deixa de ser curioso que nestas dúas primeiras semanas do goberno Feijoo fose a cuestión lingüística o seu primeiro e case único afán, empregando argumentos políticos torpes e moi escasamente elaborados, sempre temerosos das críticas de Galicia Bilingüe, a asociación que na entrevista da COPE citou como «asesora do goberno» nos temas de política lingüística, unha afirmación que non debería pasar desapercibida. Como tampouco deixa de ser chocante que non fora nomeada aínda a persoa que se responsabilizará da Secretaría Xeral de Política Lingüística, sen dúbida, encargada de executar de forma inmediata a prometida reforma do decreto e de inventar ese novo modelo de «bilingüismo cordial». 

No entanto, o que non deixa de ser extraño é como Feijoo quedou enleado e paralizado coa cuestión da lingua.Dende aquela suxa campaña electoral, onde para el todo valía, Feijoo deixouse levar polos cantos de serea dos membros de GB que, tras os resultados do 1-M, nun alarde de egotismo esaxerado lle venderon que foron eles os que lle deron a súa sorprendente vitoria. Algo que sabemos é rotundamente falso, xa que, entre outras moitas posibles razóns, foi a síndrome bipolar do bipartito a que upou aos conservadores a San Caetano. Collendo arteiramente polos fíos esa falsidade, os membros deste minoritario grupo galegófobo consideran agora ao novo presidente apenas coma un simple refén que debe executar as súas políticas: hoxe no sistema educativo e nas oposicións á función pública, mañá nos museos, pasadomañá sabe deus en que… Mais o que resulta máis paradóxico e decepcionante  é que Feijoo (moi mal asesorado nesta cuestión, na que teñen obriga de intervir  outras entidades e institucións como a Academia e o Consello da Cultura Galega)  asuma acriticamente esta condición subalterna. Observando con piedade as intervencións contraditorias de Feijoo compréndese que non sabe como saír deste labirinto. Porén, teno ben doado, xa que  hai só dúas posibles portas: atender os chamados razoables da maioría da sociedade galega, que pretende continuar o difícil e complexo proceso de recuperación da lingua galega (e polo tanto o modelo consensuado ao longo do proceso autonómico), ou atender as voces dunha minoría galegófoba que baixo os argumentos da liberdade de elección lingüística abre a porta  da desaparición institucional do noso idioma (e polo tanto fende un consenso de tres décadas da súa promoción institucional). Cun pouco de afouteza Feijoo pode saír canto antes deste labirinto que ameaza hipotecar unha lexislatura que comezou da peor das maneiras posibles. Será quen? Deixarano? Quererá?

12 comentarios
  1. A.C
    A.C Dice:

    Como ben di vostede:” Non deixa de ser curioso que nestas dúas primeiras semanas do goberno Feijoo fose a cuestión lingüística”. E increible k sexa esta a maxima preocupacion tanto do goberno, como da oposicion.
    Eu xa non sei k pensar d este pais. As veces penso k tanto por unha como por outra banda, a cuestion e “despistar” a o ciudadan, con temas, k a o meu humilde entender, non son prioritarios na actualidade, cos milleiros de parados k temos,( e con trazas de ir a peor). Pasmome co politikeo

  2. alema
    alema Dice:

    prudencia, mesura, diálogo, consenso…
    o recomendable sería que o presidente da Xunta se abstivese de facer declaracións en medios ultras que ao final -está demostrado- acaban volvéndose na súa contra
    o que soa a gloria nalgúns foros de Madrid, aquí cheira fatal.

  3. iago
    iago Dice:

    Un dos mellores profesores que tiven no instituto tiña a ben lembrarnos de cando en vez que: “Eu non vos estou a dar clases de galego para salva-la lingua nin flautas desas. Eu estouvos a dar clases de galego porque é o que teño que facer e vos tedes que falar galego na miñas clases porque é o que vos toca”. Eso é o que hai, e por moito que se intente impoñer unha política lingüísitica verde ou unha política lingüísitca rubia, as institucións non teñen nada que facer co futuro da lingua nin para ben nin para mal. Se hai unha ruptura institucional co galego eso non vai cambiar o acento de Ourense que teñen os policías de Vigo “maioritariamente”.

  4. Cesare
    Cesare Dice:

    Un dos problemas da vitoria de Feijoo é que o seu programa político era bastante escaso, como así o foi o do bipartito catro anos atrás. As únicas cousas que sabiamos que ía facer era derrogar o decreto do galego, suprimir consellerías e mercar un Citröen. O que nos aprendeu Zapatero é que esas pequenas cousas dan aire durante dous anos e garanten unha seguridade. Claro que saír de Irak ou reformar o código civil pra aceptar o matrimonio homosexual non son medidas coa mesma altura política ca mercar un Citröen.
    Os problemas empezan a partir de agora.

  5. luloni
    luloni Dice:

    Aínda dando por certos os erros do bipartito, hai que recoñecer que o señor Feijóo soubo gañar as eleccións. Foi quen de acertar coa fórmula correcta.
    Do que non estou tan certo é de que saiba gobernar este país, de que teña ideas e capacidade para semellante tarefa.
    Cada vez enléanos máis nun sarillo de agravios, medra a sensación de inxusticia e resentimento nos que vemos como as pequenas conquistas no terreo linguístico dos últimos anos van ficar en nada. E todo por unha estratexia electoral!
    Iso, para min, é xogar con lume e non lle arrendo a ganancia, especialmente se pensa pasar á historia deste país con algúnha dignidade ou como o enterrador dun idioma tan antigo como o noso.
    Ningún dos que atentaron contra o idioma e a cultura de Galicia quedou no corazón e na memoria das xentes, máis ben todo o contrario.

    Un gobernante debería buscar, antes que nada e por riba de todo, a paz social, e non ser o principal favorecedor da crispación e do enfrentamento entre grupos.
    Que, por riba, o presidente veña a dicir que a partir de agora aquí vai haber un “bilingüísmo cordial” semella querer insistir no escarnio, na mofa e en agrandar o problema.
    A sensación de inxusticia en importantes capas da sociedade, medra.
    Non hai nada máis irritante que esa sensación.
    Non sei se o presidente é consciente de que este non é simplesmente un tema electoral!
    É un asunto central do país. Forma parte da súa esencia. Non pode estar a mercede do vento que sopre. Ata Fraga parecía entendelo!!!

    E certo que na actualidade hai outros problemas que a todos nos afectan e que todos sufrimos ( nomeadamente, a crise económica) pero o problema da lingua é unha ferida que nos acompaña dende hai moitos anos, da que non nos podemos desprender tan doadamente e que di moito de nós e da nosa dignidade.

  6. Ricardo
    Ricardo Dice:

    Despois de coñecer os datos do mapa sociolinguístico publicado estes días penso que os galegos resistentes contra a desaparición do noso idioma han ser máis intelixentes e cautos que o inimigo. É evidente que día tras día se racha a cadea xeracional do noso idioma, é evidente que a transmisión da nosa lingua no ámbito familiar desaparece, e é evidente que na campaña electoral o nacionalismo non gozou de mellores cabezas para explicar, sinxelamente, que os galegofalantes menores de trinta e cinco anos non pasan do once por cento. E que este once por cento son os únicos, hoxendia, bilingues do noso país. Mais para a evidencia non houbo palabras nen estratexias. Por iso a asemblea de maio é tan importante. Porque, desgraciadamente, alguén dubida de que a supervivencia do galego depende da supervivencia do nacionalismo?

  7. Anxo
    Anxo Dice:

    Moi boa anotación, Manolo, parabéns! Témome que os seus asesores/as lle están vendendo ao presidente Feijoo a idea de que manter tensionado o asunto lingüístico lle serve para marcar diferenzas co bipartito e, sobre todo, establecer un discurso diferente do que os do PP consideran ‘políticas nacionalistas’: para o PP, e tamén para a súa base sociolóxica, a política lingüística é unha ‘política nacionalista’.

  8. Nélida
    Nélida Dice:

    Eu dubido, Ricardo, claro que dubido. ¿Alguén dubida de que os platexamentos nacionalistas tamén fixeron bastante mal á nosa lingua e agora, por poñer un único exemplo, hai xentes que ós galegofalantes nos toman por nacionalistas aínda que non o sexamos? O nacionalismo apropiouse do símbolo língua, ó nacionalismo de enfronte gustoulle a idea para meterlle o dente tendo por vítima unha lingua (que non vota) e aí andamos, os que non temos nada que ver co nacionalismo, sentíndonos fóra do mundo dos uns e dos outros por falar a lingua que falamos.

    E, se cadra, vai facer máis por salvar a língua o sector da boina do pepé que o mesmísimo nacionalismo galego enleado en disputas que lembran moito ás de “A vida de Brian”. Ou máis nos vale.

  9. Boedense
    Boedense Dice:

    Quixera insistir no papel desempeñado pola Real Academia Galega (RAG): paréceme patético que a Academia non se manifestase en contra dunha política lingüística lesiva para o galego. Señor Barreiro, síntome moi decepcionado con vostede.

Trackbacks y pingbacks

  1. […] compañeiro Juan Blanco Valdés que resumen moi ben o meu xeito de entender o meu oficio. En maio, «Feijoo no labirinto», longa anotación que abría esa longa serie dedicada ao seguimento do conflito da lingua, a nosa […]

  2. […] o seu compromiso con Galicia Bilingüe de derrogar o decreto de fomento do galego. Saír deste labirinto estalle hipotecando o primeiro período do mandato, mais aínda, cando xa é consciente que non o […]

Los comentarios están desactivados.