Onte 730: Diada en Vilarón

Ao mediodía viaxei con Agustín Fernández Paz até Vilarón, nas terras do concello da Capela, onde Xabier DoCampo nos preparou o xantar. O mestre (narrador e cociñeiro) agasallounos cunha coidada antoloxía das súas especialidades máis sabedeiras, entre as que destacou a súa «pescada ao itálico modo», unha receita, coma outras do autor d’ O libro das cidades imaxinarias, que xa forma parte do canon (aínda non publicado) da cociña galega de entre séculos. Rematou a longa sobremesa de libros, contos, falares e pesares xa na tardiña coa cerimonia da plantación do carballo viaxeiro, unha galla que María Reimóndez entregara no inverno pasado na presentación de En vías de extinción e que para sorpresa de todos prendeu no balcón da miña casa. Foi esta a contribución nosa a celebración da #Diada, unha xornada que seguimos con emoción e esperanza. O carballiño quedou en Vilarón, ben abrigado dos ventos do nordés, para gañar o futuro.

Como se pode ver nas fotos acompañounos na plantación Secundino García Mera, o noso benquerido mestre da Capela, que gardará memoria do sucedido onte en Vilarón.

Onte 702: Gabo en Galicia

Relendo onte pola tarde A Galicia máxica de García Márquez, esa fermosa lección de xornalismo de investigación de Carlos Reigosa, libro que presentamos este mediodía en Compostela, volvín sobre «Viendo llover en Compostela», o artigo memorable que o autor de Cien años de soledad publicou o 11 de maio de 1983 no diario El País. Unha excelente crónica da viaxe de apenas tres días que realizara coa súa muller Mercedes Barcha ao noso país. Un texto iniciado coa confesión de que seguindo o consello  dun amigo («debes ser amable contigo mesmo») se agasallara un dos seus soños máis antigos: «coñecer Galicia». Un «país do que tiña saudades», mesmo «antes de coñecer esta terra», que atribúe á comida da súa avoa panadeira (Tranquilina). Un texto no que Gabo, ademais de volver a xogar coa posibilidade de contar cunha ascendencia galega (probablemente, unha certa impostura literaria), relata o seu periplo galaico, iniciado en Compostela («unha cidade viva» na que «un se atopa a cada paso, como a cousa máis natural do mundo, co milagre das pedras florecidas»), continuado polo «paraíso lacustre da ría de Arousa» (sabemos que se aloxou no Hotel da Toxa) e finalizado pola ría de Vigo e a súa ponte (de Rande) xa camiño de Portugal. Gabanza do noso, que se estende á chuvia e, sobre todo, á cociña  «xa que pasamos 72 horas comendo os únicos mariscos que quedan neste mundo devastado, comendo uns peixes que seguen sendo peixes no prato e unhas ensaladas que seguían medrando na mesa.» Que máis admiración se pode pedir para a gastronomía de noso? Transcorridos trinta anos da publicación daquel artigo, escrito por un premio Nobel, aínda é ben estraño que non fose empregado para promover a nosa autoestima ou promocionar Galicia como destino turístico. Quizais, como remata o propio García Márquez, porque «entre galegos –xa o sabemos– nunca se sabe.»

Nota: Na foto de Ramón Castro (EFE) Gabo aparece acompañado de Domingo García Sabell, daquela presidente da RAG e delegado do Goberno en Galicia, que actuou como «cicerone» en Santiago.

Onte 499: Fina académica

Aledeime da elección de Fina Casalderrey como membro da Real Academia Galega. Unha magnífica noticia para a institución de Tabernas 11 que reforza o seu plenario cunha recoñecidísima escritora do xénero infantil e xuvenil, ao tempo que recupera o número de académicas de 2010, o que debería supoñer tamén o inicio do seu imprescindible proceso de feminización.

Casalderrey ten méritos de máis para asumir a súa condición académica. Nas dúas últimas décadas, nas que tiven a grande fortuna de colaborar con ela como editor, desenvolveu un catálogo narrativo para lectores de todas as idades nas que aborda temas esenciais da condición humana, nalgúns casos moi pouco frecuentados pola literatura infantil. A morte, a soidade, a emigración, a exclusión, a diferenza, a vellez, a doenza son algunhas das cuestións abordadas por Fina en libros inesquecibles como O estanque dos parrulos pobres (unha das miñas obras preferidas) ou Eu son eu, pequenas alfaias da narrativa galega. Fíxoo, ademais, empregando procedementos narrativos complexos e unha prosa de coidadosa sinxeleza, consciente de que con eles contribuía á formar un criterio literario nos seus lectores e lectoras novas. Mestra comprometida coa galeguización educativa, formidable narradora oral, ocupouse tamén da escrita de textos dramáticos, que nun principio preparou para representar cos seu alumnado de Moraña, e máis recentemente do guión e da dirección cinematográfica. Sen esquecer que durante este período traballou co seu compañeiro Mariano García na investigación da gastronomía popular galega, recollida en volumes como O libro da empanada ou Repostería en Galicia, por citar os máis veces reeditados.

Fina achegará á Academia o seu talento como ficcionista todo terreo e a súa actitude agarimeira e integradora, a súa defensa inquebrantable da lingua e o seu coñecemento profundo da escola galega e da infancia, o seu traballo educativo renovador e o seu talento didáctico capaz de conectar con todo tipo de públicos. Parabéns á Academia por tan oportuna elección. Beizóns a nosa benquerida e admirada Fina.

Onte 466: “Abecedario das mantenzas”, lembrando a Fausto Galdo

Na sede da Real Academia Galega celebramos a presentación do Abecedario das mantenzas. O acto constituíu unha intensa e emocionante homenaxe a Fausto Galdo, o seu autor, falecido o pasado mes de novembro cando a edición do libro estaba comezando a ser encadernada. Médico reumatólogo queridísimo, Galdo pertenceu a esa xeración de médicos humanistas coruñeses, irrepetible, que consideran o ser humano na súa integridade. Así foi lembrado na presentación por Cristino Álvarez, que encadrou esta enciclopedia gastronómica na estirpe das obras clásicas publicadas por Alexandre Dumas, Ángel Muro ou nos diversos dicionarios gastronómicos de Larousse.

Xosé Ramón Barreiro Fernández lembrou con emoción a Fausto salientado que “a pesar de non chegar a tempo para a presentación, estaba presente no acto”. Valorou, despois, “esta enciclopedia gastronómica galega como o auténtico testamento intelectual de Galdo. Aquí aparece todo o que ten que ver coa mantenza, toda a súa sabedoría. Faino de forma asequible, integrando con enorme xenerosidade os nomes de todos os que en Galicia escribiron sobre temas gastronómicos”. O profesor Barreiro insistíu na importancia do libro: “Isto é cultura galega. Non só por estar escrita en lingua galega. A cultura no seu fondo é a forma que a comunidade galega tivo de dar resposta as súas necesidades en forma de beleza. A forma que ten un pobo de comer é cultura. Con este gran libro Fausto Galdo fixo patria”.

Pechou as intervencións Faxildo Galdo, un dos fillos de Fausto, autor da ilustración de cuberta, realizando unha fermosa e moi emocionante biografía gastronómica do seu pai. Faxildo definíu o Abecedario das mantenzas como un “libro de gastrosofía”, lembrando ao seu pai como un “grande discutidor e escoitante”, no que o interese pola cultura das mantenzas, a pesar de que cociñaba pouco, foi un continuo na súa vida. Unha presentación inesquecible, na que o salón da RAG quedou pequeno.

El Ideal Gallego publica unha ampla crónica do acto e os xornais La opinión da Coruña e Faro de Vigo publican hoxe na súa última páxina unha ampla reportaxe sobre o libro.

Onte 425: Fausto Galdo

O doutor Fausto Galdo morreu unhas horas antes de que rematase a encadernación do seu Abecedario das mantenzas, o extraordinario e fermoso libro no que compilou con elevadas doses de humor e erudición boa parte do seu amplísimo coñecemento da cultura gastronómica de noso. Por ventura, a pasada semana aínda tivo a satisfacción de ter nas súas mans o miolo impreso da obra, o que nós chamamos “capillas”, recén saído do prelo. Hai poucos días preparabamos para finais deste mes de novembro a presentación do libro na Coruña e nas súas terras nativas de Viveiro, as dúas cidades que tanto amou. Xeneroso, entusiasta, agarimeiro, simpático, cultísimo, galeguista de raíz, sempre didáctico, Fausto Galdo pertenceu a esa xeración coruñesa de médicos humanistas que tanto admiramos. Onte foi grande o noso pesar polo seu pasamento. Con todos os abrazos para a súa compañeira Fernanda e para todos os seus.”Voso e da terra” foi a súa despedida preferida.

Retrato de Xurxo Lobato.

Onte 282: Martín Codax

A visita á Bodega Martín Codax, que nos agasallou cun moi sabedeiro xantar para celebrar os 35 anos dos Premios da Critica Galicia, demostroume o excelente papel social e cultural desta empresa cooperativa dedicada á produción e comercial de viños. A diversificación e calidade dos seus produtos, a inequívoca modernización dos seus procesos, como a súa estratexia de comercialización internacional en cincuenta países, son compatibles co compromiso de continuar un xeneroso labor de patrocinio á cultura galega, un dos sinais de identidade da empresa dende a súa fundación. A renovada estratexia de utilización das súas extraordinarias instalacións para organizar actividades culturais (o ciclo de música galega deste verán será soberbio), a promoción de produtos culturais galegos ou as novas iniciativas como o Club de Poesía Martín Codax ou o apoio aos creadores residentes son fenómenos de transferencia social que merecen ser abeizoados.

Onte 115: Contraaparede

Despedimos o ano ruín gozando dunhas botellas de Contraaparede 2007, a alfaia da coroa dos nosos amigos da Adega Eidos de Padriñán. Procedente dunha plantación familiar serodia, o eido granítico chamado de «Vento», o segredo deste viño marabilloso é permanecer durante máis de tres anos envellecendo en aceiro inoxidable. Contraaparede é un albariño singular, inédito –non lembra a ningún outro–, tanto polo súa cor dourada como polo seu sabor e aroma de grande intensidade. Un viño elegante, preciso, potente. Unha desas marabillas do país, insuficientemente coñecida (apenas 2.000 botellas). Etiquetado en galego, foi bautizado co nome que en Sanxenxo reciben os mellores viños, os que se colocan contraaparede. Recoméndoo.

Onte 23: Merenda en Madarro

Cando viaxo a Lugo para presentar no serán algunha das nosas novidades procuro chegar con media hora de antelación para tomar un café con leite, acompañado dalgunha lambetada, na Confitaría Madarro. Adquirín este costume da merenda lucense tras acompañar en varias ocasións ao profesor Alonso Montero para quen a visita ao salón de té da rúa da Raíña asegura afrontar con éxito o desenvolvemento do seu parladoiro. Gosto da centenaria pastelaría lucense («Proveedora de la Real Casa» dende 1904) polos seus humildes bolos de leite, nos que atopo saudades do sabor daqueles que traía a avoa Filo da Confitaría Buen Gusto da rúa Elduayen, ou quizais pola sobriedade do seu mobiliario branco, dende as vitrinas, pasando polas cadeiras de vimbio, paredes, e teitos, até as mesas de mármore, como aqueloutras das Tres Luces de Urzaiz ou da Confitaría Ramos do meu barrio vigués. Unha impresionante colección de botellas de coñac, que probablemente levan nos andeis catro ou cinco décadas sen que ninguén chame por elas, testemuña a pegada do tempo. Cando saín, reparei nas larpeiradas do escaparate. Unha marabilla!: torta de améndoa, torta dinamarquesa, tellas e varias porcións de marmelo (a 12 euros!). É o tempo dos marmelos, chegou de novo o San Froilán.

Millo Corvo e Biodiversidade

No artigo da semana en Faro de Vigo apupo a experiencia de artesanía agroalimentaria de recuperación do Millo Corvo promovida pola Asociación Cultural Meiro de Bueu. Un enfoque transversal moi interesante na abordaxe da Biodiversidade, un concepto que, aínda que en Galicia non o pareza, a ONU celebra en 2010 ano da Biodiversidade).