Onte 1534: Nadal con libros, en Islandia

islandia-ritos-funerariosEn Librópatas lin onte unha anotación magnífica de Raquel C. Pico sobre a tradición islandesa de recibir e agasallar un libro por Nadal. Como en boa parte das sociedades europeas de tradición cristiana, en noiteboa os islandeses e islandesas intercambian os agasallos, entre os que nunca faltan os libros, que todos e todas reciben e agasallan, para logo pasar lendo esa noite. Na anotación reparei nun feito que me pareceu moi salientable dentro do jólabókaflóð, a tempada previa de lanzamentos editoriais, a do Bókatíðindi, un catálogo no que aparecen todos libros publicados no ano, que se recibe en todas as casas, supoño que semellante aos de xoguetes e aparellos electrónicos chegados ás nosas. En Islandia os libros son parte das tradicións de Nadal, o que non resulta raro na sociedade (probablemente) máis lectora e con actividade literaria máis intensa das europeas. Admiro un país que é capaz de definirse pola súa literatura e no que cada un dos seus habitantes merca unha media de 8 libros por ano.

Onte 1391: Sobre as festas de Vigo

julieta-venegasPolo que adiantou onte Faro, o programa de concertos de Castrelos deste verán será moi austero: polo momento están confirmados os madrileños Los Enemigos e a mexicana Julieta Venegas, aos que o 25 de xullo na explanada do Verbum se adiantarán, Hombres G. Vaia elenco! Outro ano máis, Vigo será a cidade galega coas festas máis rotineiras e discretas, onde apenas salienta a celebración do 7 ao 9 de agosto do Marisquiño, que se consolida con quince edicións como un evento de referencia internacional de deportes e cultura urbana. Como sucedeu coa Feira do Libro de Vigo, onde nin sequera compareceu ningún dos 17 membros do equipo do goberno, é moi difícil entender o desinterese de Abel Caballero sobre a organización das festas. Non quero pensar que diría con semellante programa se estivesen en mans doutro partido.

Onte 1278: Os valores da Reconquista

É innegable o éxito popular da festa da Reconquista que onte levou a milleiros de persoas a ruar a empurróns polo Casco Vello entre os postos do mercadiño de artesanía e os de bocatas de chourizo frito. A Reconquista viguesa homológase así a outras festas como a Arribada ou a Feira Franca onde unha parte das participantes vesten con fachenda «roupas de época» e interpretan música de foliada, mentres outras persoas comparten na rúa petiscos e bebidas. A pesar do éxito de participación, que leva a que festa se derrame dende o Berbés á Porta do Sol, na fase actual de consolidación desta nova tradición viguesa, non está de máis preguntarse sobre o seu sentido histórico, coma onte facía o escritor Pedro Feijoo no seu formidable artigo no xornal electrónico Vigo é. Efectivamente, eu tamén son dos que pensan que os vigueses e as viguesas quizais nos equivocamos de bando naquel enfrontamento que hai douscentos anos se librou no Val do Fragoso entre os valores republicáns (liberdade, igualdade e fraternidade) e a intolerancia do absolutismo monárquico. Xaora, Abel Caballero, por se tiñamos algunha dúbida, inaugurando na noite de onte a súa rotonda de Coia aclarou quen representa hoxe cada unha das posicións. En todo caso, é unha beizón que milleiros de persoas compartan no Casco Vello os acordes da foliada e o espírito xenuíno do Vigo popular, onde está a nosa identidade.

Onte 1238: Os merdeiros consolídanse

merdeirosMoi lonxe da parvada de Mario Vaquerizo da man de Abel Caballeropregoeiros sen pregón diante de centos de persoas, o mellor do Entroido de Vigo deste ano é a consolidación da figura tradicional do merdeiro (ou escabicheiro) ruando polo Casco Vello. Tras a reivindicación desta máscara viguesa, citada por Xoaquín Lorenzo «Xocas» e Federico Cocho no seu libro O carnaval en Galicia, que fixemos hai catorce anos nas páxinas de Faro de Vigo, o merdeiro foi amodiño recuperando o seu espazo até converterse nunha figura recoñecible por todos. Na miña biblioteca conservo enmarcada unha fotografía dun dos primeiros merdeiros recuperados pola Asociación A Revolta, un agasallo que me fixeron os meus sobriños Isabel e Canis. Un pequeno tesouro etnográfico. Por ventura esta máscara viguesa prendeu no espírito do entroido popular, constituíndo unha tradición en proceso de aberta recuperación. Peliqueiros de Laza, cigarróns de Verín, pantallas de Xinzo, boteiros de Viana, troteiros de Bande, felos de Maceda, merdeiros de Vigo… Bo entroido!

Onte 1235: Froitas de tixola

flores_de_entroido_de_matilde_felpeto_13-02-2015Matilde Felpeto agasallou onte ao cadro da editorial unha fonte das súas flores de entroido. Unha marabilla larpeira preparada pola que sabemos é unha das sabias da cultura gastronómica de noso, ao tempo que gran cociñeira e reposteira galega. Un privilexio para comezar pola porta grande unha fin de semana de previsibles excesos, sobre todo na mesa. As flores forman parte desas froitas de tixola, como as crocantes orellas de frade, as follas de limón ou as filloas (na casa preferimos chamalas «marruchos»), protagonistas das sobremesas destes días tan farturentos. As flores son hoxe quizais as menos populares das froitas de tixola, aínda que forman parte da memoria inesquecible dos nosos sabores da infancia. Sei que se preparan cun ferro en forma de flor que a cociñeira molla nun amoado (leite, fariña, ovo e reladura de limón) que somerxe logo en aceite quente, onde a pasta fritida e unha vez desprendida e bautizada con azucre e canela conservará a fermosa xeometría da flor de ferro. Froitas de tixola, flores, orellas e marruchos, doces de entroido que saben a gloria.

Onte 1225: San Brais

FARO CHAPELAPoucas festas expresan mellor que o San Brais de Bembrive o carácter popular do Vigo en bisbarra. Entre os milleiros de romeiros, onte acudiron alí os candidatos á alcaldía para ser fotografados entre bombos, tazas, chourizos e cacheiras. Non faltou Elena Muñoz, que recoñeceu saber da importancia da festa, nin o alcalde Caballero que noutro alarde do seu fachendoso viguismo declarou que acudía a San Brais «dende hai máis de vinte anos». Veteranía. Ben sei que semellante entusiasmo polo patrón dos otorrinos, celebrado cada 3 de febreiro, dende o século XVII nesta parroquia do Fragoso, coincidindo cando medio inverno xa vai fóra, increméntase notablemente en ano electoral, cando as gorxas dos políticos están máis castigadas. Mágoa dos que quedamos a traballar en Vigo e non puidemos gozar nos furanchos da xoldra e das enchentes larpeiras de cocidos e orellas. Outro san Braís será!

Límites da cidade bonsai

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o modelo de cidade ornamental presentado pola alcaldía viguesa coa intención de renovar o seu mandato.

alcaldiaO éxito popular do arranxo urbano deste Nadal levou ao concello a decidir prolongar algúns dos seus elementos lumínicos máis espectaculares, como paraugas e arcos de lucería, até a celebración dos desfiles do Entroido da metade do vindeiro mes de febreiro. Outrosí sucederá, neste caso de forma definitiva, coas xardineiras da porta do Sol e da praza da farola de Urzaiz e as colocadas en Príncipe, diante do Marco, coa intención “de mitigar o predominio das losetas”, a pesar de que a humanización destes espazos urbanos é recente. Con estas medidas, anunciadas cando se inauguraron de forma imprevista as escaleiras mecánicas da rúa da Segunda República (a pesar de non estar rematada a totalidade da obra proxectada), a alcaldía profundiza no seu modelo de cidade bonsai, esa cidade fermosa e ornamental, que a súa comunicación popularizou como a das “humanizacións”, durante os seus dous mandatos en minoría. Modelo co que levado a súa máxima expresión pretende recuncar un terceiro e mesmo un cuarto con maioría absoluta.

Coma se de Campos de Jordão se tratase, a cidade bonsai da Serra da Mantiqueira no estado de São Paulo, chamada a capital da Suíza brasileira, en Vigo estendemos sen problema ningún a celebración lumínica das festas de inverno case outros dous meses, alleos a austeridades e estreiteces deste tempo de devalo no que moito se ampliaron as desigualdades. E o peor do caso non é o dispendio que a continuidade da lumareira vai ocasionar, que aposto será defendido polos seus promotores coma un “importante” aforro, nin os efectos contaminantes provocados por este consumo enerxético, que aventuro serán considerados como marxinais, se non, e sobre todo, o pobre exemplo que, ás portas das eleccións municipais de maio, supón para a cidadanía viguesa o modelo político deste conformismo dominante.

Mais non nos enganemos, no Vigo de 2015 non existe outra primacía política que non sexa a establecida pola alcaldía. Hai tempo que Abel Caballero carece de oposición, abandonándose no Campo de Granada o diálogo, a concertación e a planificación estratéxica como criterios para o arranxo dos asuntos do común. Razón pola que pouco importa contradicir o calendario gregoriano, trasacordar os costumes do noso ciclo anual de festas ou esquecer o carácter austero e laborioso dunha cidade atlántica industrial nacida coma abella da ribeira.

Sempre tan antipáticos, os datos sobre a situación económica e social de Vigo e a súa área metropolitana ao remate de 2014 non son para botar máis foguetes que os imprescindibles nos votos de esperanza do aninovo. A pesar do seu descenso, as taxas de desemprego mantéñense moi por riba do 20 %, o que supón máis de 31.000 persoas inscritas en Vigo nos servizos públicos de emprego, cerca de 45.000 nos concellos da área metropolitana, e das que practicamente a metade non reciben ningún tipo de prestación. Co agravante de que se ven reducindo tamén a poboación activa, mesmo a pesar da (aínda) lixeira reactivación do sector naval e do anuncio do novo modelo da furgoneta de Citröen, que obrigará a unha diminución dos costes sociais da factoría matriz e das empresas do sector da automoción, coas consecuencias que iso suporá para os salarios dos seus traballadores.

Coma tampouco son para facer grandes alardes os datos publicados polo Ministerio de Facenda sobre os gastos en servizos públicos básicos que con 371,5 euros por veciño sitúan ao concello de Vigo na posición 2.212 do ránking estatal (por detrás dos da Coruña e Pontevedra) ou sobre o gasto en protección social por habitante que con 66,8 euros o sitúan no posto 2.945 (por detrás da Coruña). Nin tampouco o tan cativo desenvolvemento do planeamento de vivenda social e equipamento público previsto no PXOM nin as cifras de viaxeiros de Peinador que medraron un pouco no último ano, mais que continúan deixando a nosa terminal como a pechacancelas das tres galegas.

Datos todos que obrigan a recoñecer a fraxilidade, cando non precariedade, económica e social na que se atopan tanto a cidade, como a súa área metropolitana, esoutro proxecto estratéxico varado en mar de ningures pola incapacidade dos responsables do concello e da Xunta de chegar a un acordo institucional, sequera para poñer en marcha o imprescindible servizo de transporte metropolitano.

Sei que nas próximas municipais a cerna do debate xirará arredor do engado do modelo de cidade bonsai presentado con fita de agasallo pola alcaldía. Xaora, non estaría de máis darlle unha volta de torca e lembrar se non sería viable unha cidade fermosa nas súas beirarrúas e espazos públicos, mais tamén inclusiva nas políticas sociais, educativas e culturais, capaz de artellar o seu entorno metropolitano como cidade industrial atlántica. Pagaría a pena ampliar os límites da cidade bonsai.

Onte 1184: «Do voltar», nadaliña cinematográfica

«Do voltar» é o título desta magnífica nadaliña cinematográfica que Víctor Hugo Seoane preparou para o blog «Acto de primavera». Lembremos que o pasado ano a nadaliña foi esta peza de Carla Andrade, en 2012  a de Eloy Domínguez Serén e no 2011 a de Xurxo Chirro. Parabéns a Martín Pawley, Xurxo González e José Manuel Sande, responsables do blog, por poñer en valor a creación audiovisual neste eido, algo aínda pouco frecuente na cultura galega.

Onte 1060: Vaia Panorama!

panoramaTras as informacións publicadas onte semella que Espectáculos Lito, o axente das famosas Panorama e París de Noia, e doutras 80 orquestras, utiliza métodos moi «agresivos» para conseguir os seus contratos. É un feito recoñecido polos responsables da empresa a súa práctica de condicionar a contratación da Panorama a contar co resto da programación festeira; como tamén semella probado, cando non son contratados, o seu costume de contraprogramar en localidades próximas a moito mellor prezo. Negarse a aceptar estas prácticas de intención monopolizadora, como xa fixeron os concellos de Compostela e Monforte, merece ser salientado. Sei que para as administracións públicas non é doado ir contracorrente, máis aínda cando os espectáculos da Panorama reúnen a milleiros de seguidores entusiastas. No entanto, debería ser posible que a programación das festas populares, onde van destinados tantos cartos públicos e esforzos privados do eido da cultura, sexa diversa e plural, como a súa contratación pública e transparente.