Un amigo lembroume un refrán ben acaído para estes días de ballóns e sarabiadas: “Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra”. Tras máis de dous meses rachando o ceo nesta nosa terra anfibia, o meu amigo procuraba animarnos(se) anunciando uns días de tregua despois de tantos outros de chuvieiras e borralladas. Acudín ao “Refraneiro galego básico” de Xesús Ferro Ruibal, un daqueles títulos da Biblioteca Básica da Cultura Galega publicada por Galaxia, para comprobar na biblia da paremioloxía galega a exactitude do prognóstico meteorolóxico popular. Porén, quedei un chisco confundido, xa que alí atopei outros refráns que matizan ou mesmo contradín abertamente o recitado polo meu amigo: “Pola Candeloria, metade do inverno vai fóra: se chora ou venta, inda entra”, como semella pode suceder este ano. “Se a Candeloria vén mal, o inverno está caroal”, outro xeito popular de expresar que á altura do 2 e 3 de febreiro (currusqueiro), datas nas que se celebran as festas de Candelas e Braises, o inverno e os seus rigores están apenas mediados, o que debería constituír motivo abondo de celebración: “Se a Candeloria chora, vai o inverno fóra; se ri, o inverno quere vir; mais cal chorar, cal rir, medio inverno está por vir”.
No entanto, a sabedoría do refraneiro galego lembra outros feitos deste tempo duro no que “a auga fai palleira”. O 2 de febreiro, tamén é popularmente o día de encantamento das cobras: “Santa Candeloria ampárame esta cobra” era a pregaria campesiña para manter lonxe calquera tipo de serpe do eido. Mais tamén, “Pola Candelaria casan os paxariños e vaise a galiñola”, xa que “de Candelaria en diante ningunha ave voa soa”, dous refráns que animan a enxergar xa os primeiros gromos da primavera e a preparar os trouleos do entroido. Luís Amado Carballo versificou fermosamente no seu libro “Proel” (1927) esta profecía popular: “Na catedral do abrente / hoxe casan os paxariños, / con nubes de neve e ouro / está o ceo galanado”.
A da Candeloria é unha festa da relixión católica, pero como tantas outras, ten unha orixe pagá que se remonta a tempos anteriores á romanización. No día da Candeloria os cregos beicen nas igrexas as candeas que os fieis manteñen acesas durante e misa e que logo serán empregadas nos oficios de xoves santo; candeas ás que a tradición atribuía a capacidade de alumar o camiño das almas dos moribundos e que, ao tempo, servían para calmar as máis estrondosas treboadas. A conmemoración cristiá da Candeloria parece que ten a súa orixe nunha festa romana do lume, a dos “Lupercales”, unha procesión de candeas acendidas na noite na que se facían pregarias a Proserpina, a deusa que daba forza ás sementes, procurando a fertilidade dos eidos. Celebración que os romanos quizais tomaron da “Festa da luz” dos pobos celtas, exhaltación de “Brigantia”, o “Candlemas” ou “Imbolc”, festexo do lume sagrado que liberaba a terra, propiciando a fertilidade e o espertar do sol. Xa que logo, na cultura popular galega a da Candeloria é “a festa da luz”, xa que comezan a medrar os días e a estreitarse as noites, o comezo do ciclo dos traballos agrícolas, a festa das mimosas, xa que comezan a abrollar nas beiravías das estradas, e mesmo tamén o “día do amor”, anticipándose o “san Valentín” que nos pretenden vender os centros comerciais.
Este primeiro pulo que supón superar a metade do inverno celébrase na área metropolitana viguesa coas primeiras romaxes do ano. Pasado o 15 de xaneiro co San Mauro de Matamá, a primeiriña de todas elas, Castrelos homenaxeou o 2 de febreiro a Candeloria no seu templo románico, unha das marabillas do patrimonio vigués, e ao viño novo e as larpeiradas do porco. O día seguinte, Bembrive celebrou a Brais de Sebaste, o avogoso armenio das gorxas, patrón da croata cidade de Dubronick, con pasecorredoiras, cocidos e polbadas nos furanchos (algún xa conta con páxina de Facebook) de toda a entidade menor. Outrosí sucedeu co San Brais en Budiño, a parroquia do Porriño, ao pé do pétreo monte Faro, onde ademais das canteiras de granito está “O Catabún”, unha pedra vertical que cando se batía creaba un son grave capaz de escoitarse en todo val da Louriña.
Mais a da Candeloria, chamada no norte de Portugal, “a señora da Luz”, é festa de seu tamén noutras parroquias de Galicia, como en Faramontaos no concello de Carballeda de Avia, en Rivas de Araúxo no concello arraiano de Lobios ou no de Cabanas nas terras do Eume. En Cordeiro, a parroquia do concello de Valga, onde naceu a Bela Otero, realízase unha procesión cos santos da igrexa parroquial e logo unha poxa cos lacóns que os fieis deixaron como exvotos; un costume gastronómico-relixioso que ten a súa orixe no pago dunha ofrenda por unha praga que tivo lugar no século XIX. Moi diversas formas de celebrar que medio inverno e as súas chuviñadas van fóra.