Faleceu Jose Paulo Serralheiro

Magóanos a noticia do falecemento do José Paulo Serralheiro, o director d’ A Página da Educação, dirixente do Sindicato de Professores do Norte, e moi bo amigo do grupo galego de Educadores pola Paz. Profesor e xornalista especializado no eido educativo, tivemos oportunidade de compartir conversa co portuense a raíz da celebración do vinte e cinco aniversario de Educadores pola Paz naquel memorable Serán pola Paz, no que intervira de forma potente e rotunda. Aquel día tivemos, tamén, a oportunidade de agradecerlle a súa participación no libro colectivo, coordinado polo seu bo amigo Suso Jares, Educación e Paz II. Presente e futuro da construción da paz, onde publicou o traballo titulado «O novo ‘poder suave? e os Direitos Humanos». Que a terra lle sexa leve ao bo do Ze Paulo, amigo solidario da paz e das estrelas.

Isabel Allende, gran discurso sobre a muller

Dezaoito minutos dun discurso memorable de Isabel Allende sobre a situación da muller no mundo.

Vía Trafegando ronseis (moitas grazas)

XXIII Encontro Galego-Portugués de Educadores pola Paz

Recibo con alegría o anunció da convocatoria do XXIII Encontro Galego-Portugués de Educadores pola Paz que se celebrará na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo do 24 ao 26 de abril.

Inevitablemente, este Encontro 2009 terá un carácter especial xa que será o primeiro no que se notará a ausencia de Suso Jares, fundador do movemento de Educadores pola Paz e sempre gran animador destes eventos.

O programa, como na edición do pasado ano, volverá xirar sobre a Educación para a cidadanía e os dereitos humanos. Participarán como conferenciantes e animadores  María Rosa Buxarrais i Estrada «Como educar na competencia social e cidadá: ensinando valores«), Ana Sánchez Bello («Cidadanía e xénero») e Juan José Tamayo Acosta («É posible un estado e unha escola laica?». Así mesmo, como é adoito en edicións anteriores, os encontros iniciaranse cunha sesión de xogos cooperativos e pecharanse na tarde do sábado co funcionamento de obradoirosa simultáneos de danzas do mundo, mediación de conflitos, risoteria, confección de monequinos de papel e de xogos cooperativos.

Máis información sobre os Encontros no espazo web de Educadores pola Paz, onde, tamen, se poden descargar as solicitudes de inscrición e aloxamento.

Xesús R. Jares, «A paz, camiño de amor, entrega e esperanza»

Recomendo a lectura da fermosa semblanza de Xesús R. Jares que preparou Gena Borrajo no número de febreiro da Revista Galega do Ensino.
Pode baixarse en pdf dende aquí.

.

Suso Jares, subversión e tenrura

Foto: Alicia Serantes
Moito agradecemos a sensibilidade dos responsables d’ A Nosa Terra que lembraron a Suso Jares no Día Escolar Pola Paz. O precioso e potente artigo da súa compañeira Paz Raña Lama e a oportuna lembranza de Antonio García Teixeiro emocionáronos moito.
Onte, tamén lembraron a Suso en Viana do Bolo, a súa vila natal. Alí acudiron Paz e a súa filla Sira para participar nos actos do Día Escolar pola Paz organizados polos concellos e centros educativos da comarca e na inauguración da placa da «Aula Magna Xesús R. Jares» do IES Carlos Casares de Viana do Bolo.

«Yom HaShoah», Día do Holocausto

Non o esquezamos, hoxe é o «Yom HaShoah«, o «Día da memoria do Holocausto e da prevención dos crimes contra a humanidade», declarado así pola ONU como xornada en recordo das vítimas do exterminio nazi, no que morreron asasinados seis millóns de persoas. Celebramos o sesenta e tres aniversario da liberación por parte do Exército Vermello de Auschwitz-Birkenau, o campo de exterminio, concentración e traballos forzados máis grande construído polos nazis en Polonia durante a Segunda Guerra mundial. Tras o masacre de Gaza, é oportuno aproveitar esta xornada, sobre todo no ámbito educativo, para recordar a todas vítimas dos crimes sobre a humanidade e reafirmar os valores de igualdade, liberdade e dignidade de todos os seres humanos.