Isto é Israel

Miguel Anxo Murado enviounos este correo electrónico:
«Penso que mellor que ollar as magoantes imaxes de Gaza é mirar do outro lado, Israel, como é, como sente e se expresa. Decote tédesme preguntado os amigos como son os israelís. Hai de todo, mais o que predomina é isto (como ben se ve nos resultados electorais). Isto é tamén unha pequena mostra da clase de vida que leva un xornalista estranxeiro cobrindo o conflito e a psyque israelí na súa versión habitual (non necesariamente extremista) cando se pon nerviosa.
O que se ve nesta imaxe é un equipo da televisión británica tentando de gravar unhas oliveiras propiedade de palestinos que foron esnaquizadas polos colonos xudeus que viven a carón. Os colonos ven os xornalistas e van aló ameazalos. Atentos ó diálogo subtitulado.»

http://www.evtv1.com/player.aspx?itemnum=6595

Grazas, Miguel!

Gaza: unha lección exemplar

Onte na tertulia d’ A Crónica da Radio Galega, o condutor do programa, Luís Ojea, entrevistou ao escritor Miguel Anxo Murado arredor da invasión de Gaza polo exército israelita. Murado, moi bo coñecedor do conflito, axudounos a comprender os termos reais nos que se está desenvolvendo esta traxedia. “Chamarlle guerra a este conflito é moi esaxerado. É a batalla máis desigual do século XXI. A diferencia do conflito do Libano de 2006, en Gaza non hai retagarda.” Para o autor de Fin de século en Palestina “o goberno israelita, en plena campaña electoral, aspira a dar unha lección exemplar, un castigo colectivo ao pobo palestino. Cando consideren que xa está dada, se retirarán como sucedeu noutras ocasións”. Murado lembrou que o 70% da poboación israelita apoia esta invasión. “O 40% votou a partidos de extrema dereita e o 22% á dereita, a Kadima.” Con respecto aos palestinos, “a diferenza entre Hamás e a OLP é moi pequena. É xeracional e xeográfica. Non esquezamos que Hamás foi apoiada inicialmente por Ariel Sharon que consideraba que polo seu carácter relixioso sería máis conservadora ca OLP”. Rematou a súa intervención Miguel Anxo lembrando as orixes do conflito no 48, cando se produciu a deportación do 80% da poboación palestina, e “o inevitable cambio de posición que adoptará Obama, aínda que non será radical”.
A matanza de hoxe nunha escola da ONU, onde se refuxiaban civís palestinos, demostra, outra vez máis, o cinismo do goberno israelita que unha e outra vez xustifica o seu castigo baixo o peregrino argumento de que “os membros de Hamás se agachan entre os civís”. En todo caso, semella que o pretenden con esta invasión (despois de dez días de durísimos bombardeos), tanto a ministra de Exteriores como o ministro de Defensa, é consolidar o seu castigo antes da toma de posesión de Obama. Así demostrarían firmeza diante do seu electorado. Despois das eleccións de febreiro, abrirase unha nova etapa. Mentres, un millón e medio de palestinos non teñen sequera por onde fuxir. Os interrogantes quedan abertos.


Recomendo seguir a información que dende a Faixa publican os blogs Moments of Gaza (mantido por Natalie Abou Shakra, activista libanesa do Movemento Free Gaza) e In Gaza (aquí pode lerse a tradución portuguesa dunha das anotacións de hoxe), ademais de Electronic Intifada (algúnhas das súas anotacións están traducidas por Amálgama).

Dor sobre Gaza

Recomendo moi vivamente a lectura desta extraordinaria anotación recompilatoria de Eifonso Lagares sobre os desastres de Gaza. Proporciona varios vieiros alternativos na rede. Este é o caso da noticia sobre o blog conxunto que publican dous blogueiros, «Peace Man» dende Gaza e «Hope Man» dende Sderot. Publícase, tamén, un enlace cun estremecedor vídeo dunha explosión nun mercado que en todo caso, como nos informa Carlos Callón, non corresponde con este conflito. Outra anotación interesante é esta dos Futuros do libro sobre o seguimento do conflito na rede por parte de blogs palestinos e israelitas.
Diante de todas estas informacións sobre a invasión, semella que para o exército israelita –que, por certo, ao mesmo tempo que continúa pechando a entrada a Gaza aos xornalistas occidentais, abriu unha canle en you tube e un espazo en Facebook e outro en Myspace para difundir a súa visión da súa durísima invasión, como informa Juan Varela– a súa estratexia é infrinxir a maior dose de dor sobre a poboación de Gaza. Non hai dúbida que o poderoso exército israelita controlará a Faixa de Gaza (non sabemos en cantos días,) máis co seu proceder sementa as raíces do odio na poboación palestina durante moito tempo. Para romper esta espiral de dor insuperable (e dunha impresionante traxedia humanitaria), só vexo a posibilidade de que a Comunidade Internacional (os EE.UU., a Unión Europea, o Consello de Segueridade das Nacións Unidas) impoña decontado a súa autoridade sobre o goberno de Israel. Desgraciadamente, non vemos por ningures esta determinación para coutar este desastre.

Anel solidario contra o masacre de Gaza

Afortunadamente son múltiples as iniciativas que dende a rede se están promovendo para denunciar o masacre de Gaza que continúa realizando o goberno de Israel e expresar a solidariedade co pobo palestino. Adherímonos ao manifesto do anel solidario de blogs, ao de AVAAZ, ás iniciativas Ilumina Gaza e a de Amnistía Internacional. Recomendamos visitar espazos como as «Crónicas desde o corazón do levantamento palestino», a entrevista de Galiciae con Alberto Arce (o cooperante asturiano de Free Gaza), o blog solidario «Lápices para la paz», onde se poden ler e ver documentos moi interesantes. Fronte á propaganda do goberno de Israel, podemos dende a rede promover esta solidariedade informativa co pobo palestino.

Carta dende Gaza

Moito recomendo a lectura da carta que Khalil, habitante da Faixa de Gaza, envía ao seu amigo Moncho Iglesias e que publica hoxe Vieiros xunto cuns vídeos gravados dende a súa casa. Documentos de interese para saber o que realmente está sucedendo alí.

Gaza, abrir camiños para a paz

Mentres as bombas continúan caendo sobre Gaza, probablemente antes de que remate o ano, a infantaría xudía ocupará este territorio de 365 km2, pouco máis de tres veces o da cidade de Vigo, no que tras un duro bloqueo, imposto polo estado de Israel dende hai dezasete meses, malviven millón e medio de persoas con escasos alimentos, medicinas e combustible. Corenta e un anos despois daquela «Guerra dos seis días», na que os israelitas ocuparon por vez primeira Gaza, Cisxordania e os Altos do Golam, o conflito xudeu-palestino volve ao seu punto de inicio. As escasas posibilidades de resucitar o proceso de paz, iniciado en Annapolis o pasado ano, esvaéronse estes días como a area do deserto entre os dedos.
Antes dos brutais bombardeos desta pasada fin de semana, a estratexia do goberno israelita diante da vitoria de Hamás en 2006, baseárase na chamada «desconexión de Gaza», un bloqueo militar dos seis puntos fronteirizos existentes na Faixa de Gaza con Israel e Exipto, que impedía tanto o movemento de mercadorías básicas como o de persoas. Xustificado como resposta aos ataques palestinos con foguetes ‘qassam’ sobre a cidade israelita de Sderot, este bloqueo por terra, mar e aire –destinado, tamén, a afondar no conflito civil palestino entre Hamás (o partido islamista, claro gañador das últimas eleccións) e Al Fatah (o partido laico, que ostenta de forma moi precaria a presidencia da Autoridade Palestina, co apoio estadounidense e da Unión Europea)– provocou unha auténtica emerxencia humanitaria na Faixa, diante do silencio dunha comunidade internacional que, coa excepción do traballo dalgunhas organizacións de cooperación e dereitos humanos, permaneceu totalmente allea a este inxusto castigo colectivo que o estado de Israel infrinxe sobre toda unha poboación civil.
Desgraciadamente, a tregua de apenas seis meses asinada, coa mediación exipcia, por Hamás e Israel, non serviu nin para aliviar este cerco nin para diminuír o nivel de pobreza e desemprego da poboación civil de Gaza. A ninguén pode sorprender que unha vez finalizado o prazo acordado (nin sequera houbo intencións moi convincentes para renovala), volvesen os lanzamentos desesperados de foguetes artesanais por parte das milicias palestinas e que, outra vez, a política da «lexítima defensa» lles servise ás autoridades xudías –xa en aberta competencia preelectoral entre as dúas forzas da súa extrema dereita (Likud e Kalima)– como magnífica escusa para lanzar un ataque feroz e absolutamente desproporcionado sobre os responsables de Hamás e o seus enclaves máis emblemáticos. No entanto, non esquezamos que informacións dispoñibles de Nacións Unidas, a pesar do escandaloso peche informativo ditado por Israel que impide a entrada aos xornalistas occidentais, falan de medio cento de vítimas civís, entre elas algúns nenos e nenas.
Aínda que pareza terrible, a actual situación favorece tanto os intereses de Hamás como os do actual goberno da estrema dereita xudía. Con este masacre sobre Gaza, consolídase o liderado de Hamás sobre o conxunto do pobo palestino e a súa estratexia de resistencia (mesmo de lanzamento dunha terceira intifada) fronte á demostrada ineficacia da estratexia negociadora da Autoridade Nacional Palestina. Outrosí, sucede co actual goberno xudeu que coa súa posición de firmeza consegue vender á Comunidade Internacional (se por isto entendemos aos EE.UU. e aos gobernos máis influíntes da Unión Europea) que estas operacións militares son a súa lexítima contribución á guerra contra o terrorismo internacional (do que Hamás formaría parte), ao tempo que disuadiría a Barack Obama sobre as dificultades que para el supoñería mudar este esquema de interpretación sobre o denominado «conflito de Oriente Medio».
Só será posible abrir os camiños para a paz, cando a Comunidade Internacional teña vontade de romper este esquema tan coidadosamente deseñado polos diversos gobernos israelitas e impoñer unha nova lóxica baseada nos principios da legalidade internacional. Os camiños da paz abriranse só cando os responsables do goberno de Israel acepten que para manter a súa seguridade deberán entregar territorios e recoñecer ao estado palestino soberano e aos representantes dos que este lexitimamente se dote. Hoxe, cos tanques ás portas de Gaza, semella unha utopía.
(Xornal de Galicia, edición electrónica)

Israel continúa os seus ataques

A pesar do chamamento do Consello de Seguridade da ONU, o goberno israelí continuou durante esta noite os seus ataques aéreos indiscriminados sobre a poboación civil da franxa de Gaza. Semella que son intereses electoriais os que están detrás deste ataque brutal que, para algúns analistas, constitúe un erro estratéxico de vulto.
O que nunca entenderei é a reacción dese grupo de persoas que apoian en Galicia cegamente as accións militares do goberno israelí e que onte publicaron os seus comentarios ao pé da nosa anotación. É posible xustificar tan friamente o asasinato de case trescentas persoas? Non hai posibilidade de atopar, sequera nalgunhas das súas palabras, algunha esperanza de que isto pode ter unha solución política (baseada na legalidade internacional)? Verdadeiramente desacougante.

Masacre en Gaza. Que noxo!


O brutal ataque israelí de hoxe sobre os territorios da franxa de Gaza sáldase con douscentos mortos e varios centenares de feridos. A acción de guerra israelí máis cruenta das dúas últimas décadas. Por moito que os sionistas queiran xustificar que se trata da lexítima resposta dun estado democrático para defender a súa poboación civil dos ataques de Hamás, e que se fora necesario «será proseguida, extendida e intensificada canto faga falta», non estamos mais que diante doutra falconada asasina dun goberno que sabe non vai ser corrixido pola comunidade internacional. Que noxo! É posible que a Unión Europea, máis alá da condea protocolaria de Sarkozy (igualando con enorme desfachatez as accións de guerra dos dous bandos), permaneza de brazos cruzados diante deste Guernica do século XXI? As mudanzas na presidencia estadounidense axudarán a parar esta infamia? É posible que o pobo xudeu, máis alá dos seus gobernos, non contemple ningunha outra saída para poñerlle couto a esta barbarie contra o pobo palestino?