Gaza, resume da situación
Hoxe non entramos en interpretacións. Recollemos este seguimento infográfico que Moiz actualiza, a partir dos datos que proporciona a cobertura da BBC. Un estremecedor resume da situación.
Hoxe non entramos en interpretacións. Recollemos este seguimento infográfico que Moiz actualiza, a partir dos datos que proporciona a cobertura da BBC. Un estremecedor resume da situación.
Robert Fisk, o lendario correspondente en Oriente Medio de The Independent, radicado no Líbano dende hai vinte e cinco anos, acusa hoxe o goberno israelita de mentir para xustificar as súas atrocidades na invasión de Gaza. Anacos deste texto demoledor están traducidos aquí. Fisk recorda que a tregua, a pesar do que diga a propaganda sionista, «foi rota por Israel o pasado 4 de novembro, cando bombardeou e matou a seis palestinos e logo, outra vez, o 17 de novembro, cando outra vez bombardeou e matou a catro palestinos». Risk escribe no texto que «reportei as desculpas que o exército de Israel ten ofrecido ao mundo, xa varias veces, despois de cada chacina. Dado que probablemente serán requentadas nas próximas horas, adianto algunhas delas: que os palestinos mataron refuxiados palestinos; que os palestinos desenterran cadáveres para pólos nas ruínas e ser fotografados; que a culpa é dos palestinos, por teren apoiado un grupo terrorista; ou porque os palestinos usan refuxiados inocentes como escudos humanos». Seguir as crónicas e os artigos de Fisk é moi clarificador. A paz nunca pode pasar polo masacre nin pola mentira.
«Penso que mellor que ollar as magoantes imaxes de Gaza é mirar do outro lado, Israel, como é, como sente e se expresa. Decote tédesme preguntado os amigos como son os israelís. Hai de todo, mais o que predomina é isto (como ben se ve nos resultados electorais). Isto é tamén unha pequena mostra da clase de vida que leva un xornalista estranxeiro cobrindo o conflito e a psyque israelí na súa versión habitual (non necesariamente extremista) cando se pon nerviosa.
O que se ve nesta imaxe é un equipo da televisión británica tentando de gravar unhas oliveiras propiedade de palestinos que foron esnaquizadas polos colonos xudeus que viven a carón. Os colonos ven os xornalistas e van aló ameazalos. Atentos ó diálogo subtitulado.»
Grazas, Miguel!
Onte na tertulia d’ A Crónica da Radio Galega, o condutor do programa, Luís Ojea, entrevistou ao escritor Miguel Anxo Murado arredor da invasión de Gaza polo exército israelita. Murado, moi bo coñecedor do conflito, axudounos a comprender os termos reais nos que se está desenvolvendo esta traxedia. “Chamarlle guerra a este conflito é moi esaxerado. É a batalla máis desigual do século XXI. A diferencia do conflito do Libano de 2006, en Gaza non hai retagarda.” Para o autor de Fin de século en Palestina “o goberno israelita, en plena campaña electoral, aspira a dar unha lección exemplar, un castigo colectivo ao pobo palestino. Cando consideren que xa está dada, se retirarán como sucedeu noutras ocasións”. Murado lembrou que o 70% da poboación israelita apoia esta invasión. “O 40% votou a partidos de extrema dereita e o 22% á dereita, a Kadima.” Con respecto aos palestinos, “a diferenza entre Hamás e a OLP é moi pequena. É xeracional e xeográfica. Non esquezamos que Hamás foi apoiada inicialmente por Ariel Sharon que consideraba que polo seu carácter relixioso sería máis conservadora ca OLP”. Rematou a súa intervención Miguel Anxo lembrando as orixes do conflito no 48, cando se produciu a deportación do 80% da poboación palestina, e “o inevitable cambio de posición que adoptará Obama, aínda que non será radical”.
Recomendo moi vivamente a lectura desta extraordinaria anotación recompilatoria de Eifonso Lagares sobre os desastres de Gaza. Proporciona varios vieiros alternativos na rede. Este é o caso da noticia sobre o blog conxunto que publican dous blogueiros, «Peace Man» dende Gaza e «Hope Man» dende Sderot. Publícase, tamén, un enlace cun estremecedor vídeo dunha explosión nun mercado que en todo caso, como nos informa Carlos Callón, non corresponde con este conflito. Outra anotación interesante é esta dos Futuros do libro sobre o seguimento do conflito na rede por parte de blogs palestinos e israelitas.
Afortunadamente son múltiples as iniciativas que dende a rede se están promovendo para denunciar o masacre de Gaza que continúa realizando o goberno de Israel e expresar a solidariedade co pobo palestino. Adherímonos ao manifesto do anel solidario de blogs, ao de AVAAZ, ás iniciativas Ilumina Gaza e a de Amnistía Internacional. Recomendamos visitar espazos como as «Crónicas desde o corazón do levantamento palestino», a entrevista de Galiciae con Alberto Arce (o cooperante asturiano de Free Gaza), o blog solidario «Lápices para la paz», onde se poden ler e ver documentos moi interesantes. Fronte á propaganda do goberno de Israel, podemos dende a rede promover esta solidariedade informativa co pobo palestino.
A pesar do chamamento do Consello de Seguridade da ONU, o goberno israelí continuou durante esta noite os seus ataques aéreos indiscriminados sobre a poboación civil da franxa de Gaza. Semella que son intereses electoriais os que están detrás deste ataque brutal que, para algúns analistas, constitúe un erro estratéxico de vulto.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
