Mariano Fernández Enguita en Vigo
/en Educación, Eventos, Vigo/por bretemas
O sociólogo da educación Mariano Fernández Enguita participará, xunto cos profesores Jurjo Torres Santomé e Jordi Adell, na Xornada “Innovación, Educación e Sociedade no Século XXI”, que se celebrará en Vigo durante toda a tarde do vindeiro día 4 de outubro. Un programa moi atractivo (con tres grandes conferenciantes) para reflexionar, dende a perspectiva da pedagoxía crítica, sobre a situación e os retos da educación.
Escándalo nas oposicións
/en Educación/por bretemasSabemos que hai noticias que corren no ruxe-ruxe dos cafés e dificilmente chegan aos medios (coa excepción dalgún blog). O escándalo das oposicións do profesorado de Secundaria deste pasado verán foi unha delas. Sabiamos que os interinos foron claramente beneficiados pola Administración educativa. Sabiamos que opositores con exames extraordinarios, quedaron á porta sen posibilidade ningunha, mentres interinos con probas penosas, aprobaban. Sabiámolo e todos calamos coma petos. Foron estas oposicións “restrinxidas” (aínda que non aparecesen como tales, por que a Lei da Función Pública impide esta figura) un sistema de acceso á función pública baseado nos principios constitucionais de “igualdade, mérito e capacidade”?
Afortunadamente hai algunha persoa afouta que hoxe no Faro levanta a voz da dignidade denunciando este escándalo e defendendo ao colectivo de opositores que até agora non tiña nin sindicato que piase por eles. Non teño dúbidas de que estas oposicións trucadas foron máis unha descarada regularización de interinos ca un sistema fiable de acceso igualitario e transparente á función docente. Temo que, ademais, van contribuír ben pouco a mellorar a calidade da nosa educación. Desta volta a Consellaría de Educación e os responsables dos sindicatos do ensino erraron primando intereses corporativos. Unha mágoa!
Volta ás aulas
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Educación/por bretemasNo artigo da semana reflexiono sobre as tres grandes novidades do curso escolar iniciado estes días: o comezo da implantación dos curículums LOE de Primaria e Secundaria, o novo decreto de uso e promoción do galego e a creación da rede de “Galescolas“. Desta volta son optimista.
A alfabetización na era dixital
/en Educación, Lectura, Literacidade, Slideshare/por bretemasUn himno de todos
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Educación, Polémicas, Política, Vídeos/por bretemas
No artigo da semana volvo sobre a polémica do himno.
Himno galego: o ridículo de "El Mundo"
/en Educación, Polémicas, Política/por bretemasO máis sorprendente do caso non é a intención claramente denigratoria que o periódico de Pedro J. acomete cara un dos símbolos nacionais de Galicia (e por extenso co pobo galego), senón a paupérrima argumentación e documentación (tradución ao castelán do texto de Pondal, incluída) que utiliza, absolutamente impropia dun chamado “xornal de referencia”.
A lamentable anotación non merecería máis comentario se non fose outro síntoma da ferocidade que esta prensa capitalina (ou esa inefable rede de blogs proRajoy, que meten medo!) está disposta a despregar co nacionalismo galego, ás portas das vindeiras Eleccións Xerais. Ben sería que por coherencia o propio Mariano saíse ao paso da anotación e solicitase unha rectificación ao seu benquerido PJ, xa que o actual presidente do PP é corresponsable da Lei de Símbolos de Galicia, aprobada (por unanimidade) en 1984 polo Parlamento Galego do que el daquela formaba parte. De non facelo, poderiamos chegar a pensar que Rajoy defende sen rubor ese “nacionalismo excluínte” que para El Mundo expresa o himno dun tal “Arturo Pondal”.
O máis pavero do asunto é que as palabras de Quintana foron ben sensatas e moi prudentes. Claro que a celebración do centenario do himno (o vindeiro 20 de decembro) merece ser salientada polo Goberno, polo Parlamento e polo conxunto da sociedade galega! Como tamén o desexo de Quintana (que todos compartimos) de que todos os escolares realmente aprendan o himno, mais aínda cando o coñecemento dos símbolos de Galicia está recollido como un dos contidos dos currículums de todas as etapas educativas non universitarias (mesmo dende a Educación Infantil). Quintana non propuxo nada que xa non estivese establecido na nosa lexislación educativa. Mágoa que os redactores anónimos de El Mundo non tivesen a paciencia e o rigor de comprobalo!
Mudanzas no Bacharelato II
/en Educación/por bretemasNa anotación anterior quedaron pendentes algunhas novidades que paga a pena reseñar:
- Incorpórase a “Literatura Universal” como materia da modalidade de Humanidades (antes era optativa) e da vía de Artes escénicas.
- Desaparece a materia de “Mecánica” da modalidade de Ciencias e Tecnoloxía.
- Nas materias optativas, competencia da CC.AA., ábrese a posibilidade cursar unha materia das de modalidade, ao tempo que se pretende favorecer dalgunha maneira á “2ª Lingua estranxeira” e as “Tecnoloxías da Información e da Comunicación”.
- Nos currículums de cada unha das materias non haberá referencia (como sucede no resto das etapas educativas) ás competencias básicas.
- Haberá posibilidade de cursar o Bacharelato a distancia (competencia das CC.AA.), abríndose a posibilidade de que o alumnado curse por este sistema algunha das materias de modalidade que, por falta dun número de alumnos suficientes, non se imparta no seu centro.
En definitiva, semella que as mudanzas que se abren no novo Bacharelato LOE son escasas e están orientadas por unha banda a recuperar o modelo curricular LOXSE (suprimido pola contrarreforma conservadora de Aznar, do chamado “Decreto de Humanidades” que modificou os contidos da Historia e da Filosofía) e por outra a adaptalo aos requerimentos da nova Reforma Universitaria de carácter europeo (introdución da materia de “Ciencias do mundo contemporáneo” e reorganización das materias das modalidades). Haberá que agardar a estudar o contidos dos currículums das materias para saber se isto será realmente posible. Con todo, creo que hoxe os problemas da Educación en España non están nesta etapa terminal, senón nas dúas anteriores (Primaria e ESO), onde faltan aínda recursos (humanos e materiais) e onde sobra fraxilidade curricular para o tratamento da diversidade.
Mudanzas no Bacharelato I
/en Educación/por bretemasOnte participei nunha longa sesión de traballo na que representantes da Alta Inspección do Ministerio de Educación e Ciencia presentaron a un numeroso grupo de editores educativos as características principais dos novos currículums e da ordenación do Bacharelato que entrará en vigor a partir do curso 2008/2009.
A idea principal coa que quedei foi a intención das autoridades educativas, responsables da elaboración das ensinanzas mínimas, de deseñar un modelo de Bacharelato máis flexible e dútil e con menor carga propedéutica que o actual. Deséñase tres modalidades (“Ciencias Sociais e Humanidades”, “Ciencias e Tecnoloxía” e “Artes”, está con dúas vías, a actual de “Artes plásticas e deseño”, e unha nova, de “Artes escénicas, música e danza”). Ábrese, ademais, a posibilidade de que as CC.AA. poidan establecer novas vías nas dúas primeiras posibilidades.
Con respecto ás materias comúns das tres modalidades establécese unha nova: “Ciencias para o mundo contemporáneo”, coa finalidade de aumentar a formación científica sobre cuestións que teñan relevancia para todos o alumnado, que será, previsiblemente, impartida en 1º por profesorado das áreas de Bioloxía e Xeoloxía ou de Física e Química. Outras mudanzas nas materias comúns son a nova definición e contidos para a “Filosofía I e II” (desdobrada tamén en dúas materias: “Filosofía e Cidadanía” de 1º e “Historia da Filosofía” de 2º); o novo currículum para a “Historia” de 2º (pasará a denominarse “Historia de España”, e recuperará o currículum LOXSE, contidos do século XIX e XX); así como a desaparición de “Sociedade, Cultura e Relixión”, como alternativa a aqueles alumnos que non cursen “Relixión”. Con respecto ao ensino das linguas oficiais organízase o currículum en base a tres bloques: “Variedade dos discursos e tratamento da información”, “O discurso literario” (concibido o estudo da historia da literatura ao servizo do texto literario) e “O coñecemento da lingua”. Nas CC.AA. con lingua propia ábrese a posibilidade de traballo de estruturas lingüísticas comúns, feito que non pode supoñer a diminución do número de horas dedicado á Lengua española.
Con respecto á valoración das aprendizaxes establécese a posibilidade de que os alumnos que suspendan máis de catro materias en 1º repitan o curso completo e os que que suspendan entre 3 e 4 as repitan matriculándose doutras tantas de 2º. Nas cualificacións non poderá haber cero e desaparece o Libro escolar de Bacharelato que será substituído por un documento en papel con garantías de seguridade. Así mesmo, preténdese deseñar unha Proba de Selectividade vencellada coas cinco áreas de coñecemento de Boloña de xeito que só unha das materias propias da modalidade condicione a proba. En todo caso, os responsables do Ministerio recalcaron a súa intención de que esta proba fose menos determinante do que é ata agora.
Os blogs na escola
/en Blogs, Educación, Literacidade/por bretemasMoi recomendable este número de Vieiros na escola sobre o uso educativo dos blogs. Coa implantación da nova reforma curricular e a necesidade do desenvolvmento da competencia dixital, producirase o estoupido do fenómeno dos blogs escolares. Unha boa oportunidade para reflexionar sobre a utilidade do soporte e o traballo sobre a literacidade electrónica e crítica da que tantas veces temos aquí falado.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.
- Lar20 de Novembro de 2024 - 10:22 a.m.
- Festa do cabazo19 de Novembro de 2024 - 9:45 a.m.
- Pregón da festa do cabazo17 de Novembro de 2024 - 9:02 p.m.
- Xigantes da lectura13 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.