Onte 15: Todos somos Troy Davis

Troy Davis foi executado no estado de Xeorxia tras padecer durante VINTE ANOS a tortura de permanecer no corredor da morte. Desta volta non houbo aprazamento, a pesar da existencia de fundadas dúbidas sobre a súa culpabilidade, tras a negativa do Tribunal Supremo de paralizar a execución. De nada servíu que os seus defensores presentasen media hora antes da hora prevista unha petición para que fose reconsiderada a execución. Este home de raza negra de 42 anos, que deica o seu derradeiro salaio se proclamou inocente dunha acusación de asasinato dun policía de raza branca, terá o número 1.269 desa lista estatística dos homocidios legais acontecidos nos EE.UU. desque se reinstaurou en 1976 a pena de morte, unha medida apoiada hoxe por unha maioría da poboación estadounidense. Nin a campaña de Amnistía Internacional nin as solicitudes do Vaticano e da Unión Europea nin sequera o editorial do influínte The New York Times solicitando a abolición da pena de morte foron capaces de contrarrestar diante dos xuíces as testemuñas dos familiares da vítima que reclamaban a execución de Troy para «facer dunha vez xustiza». A mediodía, AI informou que tras esta execución legal quedan máis de 3.200 persoas nos EE.UU. nos corredores da morte, así como 17.000 condenados a pena capital en todo o mundo. Non podemos permanecer impasibles. A pena de morte é un castigo inhumano e innecesario, a negación máis extrema dos dereitos humanos; o dereito á vida e o dereito de toda persoa a non ser sometida a penas crueis e degradantes. A pena de morte é un castigo irreversible e irrevocable que de forma inevitable se cobra vítimas inocentes xa que a xustiza en ningún lugar do mundo pode ser considerada infalible. A loita contra esta lacra debe continuar. Cada un de nós, como lembra a campaña de AI, somos Troy Davis.

Actualización: uns minutos despois de publicar esta anotación, coñezo a noticia dunha nova execución, a de Derrick Mason, un home de raza negra, no estado de Alabama por medio de inxección letal. Nas últimas vinte e catro horas, tres persoas executadas nos Estados Unidos.

Dylan 70

Hoxe o mundo celebra o setenta aniversario do gran Bob Dylan, unha das figuras cimeiras da cultura do noso tempo. Hoxe é bo día para desvelar que Vicente Araguas anda a traducir para o galego unha escolma das súas cancións que pretendemos publicar nos vindeiros meses. Agardo que sexa outro fito para a lingua e edición galegas.

Entre o cento de cancións que podemos escoller para celebrar este aniversario facémolo con «Knocking on Heaven’s Door», a canción que en 1973 escribira e interpretara para a banda sonora de Pat Garret & Billy the Kid, a pelicula de Sam Peckinpah. Deste tema, quizais un dos mellores da historia da música popular, fixéronse ducias de versións, algunhas logradísimas homenaxes a Dylan e a súa teima de non desistir na procura da esperanza. Paréceme particularmente dramática, melancólica e marabillosa esta versión do propio Dylan de 1995 con evidentes toques jazzísticos. Gosto, tamén, desta versión de Clapton ou destoutra; aínda que tampouco está nada mal esta menos coñecida, de Phil Collins (longuísima, oito minutos) e a de Mark Knopfler. No entanto, entre todas as versións, incluída as de U2, a de Pink Floyd, Marley ou a famosísima de Guns N Roses, quedo coa de Avril Lavigne e este vídeo que gravou para denunciar o masacre de Isarael sobre o pobo palestino en Gaza.

A chamada «lei de convivencia»

No artigo da semana de Faro de Vigo analizo os contidos e a orientación política da chamada «lei de convivencia e participación da comunidade educativa« (cuxo texto completo pode baixarse en pdf aquí).

Aproveitando o acougo das vacacións de Nadal o conselleiro de Educación presentou o borrador do anteproxecto de Lei de convivencia e participación da comunidade educativa. Un texto que para o Goberno Galego ten por finalidades “acadar e manter un clima de convivencia” nos centros escolares, dignificar a profesión docente, proporcionándolle protección xurídica adecuada ás súas funcións, e corresponsabilizar aos pais e nais nesta tarefa coma un dos seus principais deberes en relación coa educación dos seus fillos. Obxectivos, sen dúbida, que comparten todos os membros das comunidades educativas, tanto polo feito de que a aprendizaxe da convivencia constitúe a esencia de todos os procesos educativos, sexan familiares ou escolares, como pola importancia fulcral que para o desenvolvemento con aproveitamento da actividade educativa ten o noble oficio de mestre, non sempre suficientemente recoñecido e valorado polo conxunto da sociedade.

Dende a exposición de motivos, a lei amosa a súa preocupación pola gravidade dos fenómenos de “mala convivencia” nos centros educativos, con especial atención aos de acoso e ciberacoso escolar, presentados como “unha nova cotiá nos últimos tempos”. Fenómenos de abordaxe educativa complexa para os que se pretende atopar saída elaborando un plan de convivencia, considerando ao profesorado como autoridade pública e obrigando a participar aos pais e nais nos procedementos de corrección disciplinaria. A consideración dos docentes, recollida das leis aprobadas nas comunidades de Madrid e Valencia, apenas supón asumir o principio da presunción de veracidade das súas afirmacións realizadas nun eventual procedemento sancionador aberto a un alumno. Outrosí sucede co recoñecemento da facultade para “requisar obxectos, produtos ou substancias perigosas ou prohibidas polas normas do centro…”. O mesmo poderíamos dicir da responsabilidade outorgada aos departamentos de orientación de elaborar un “programa de habilidades sociais” dirixido ao alumnado que incorra de forma reiterada en condutas disrutivas; da posibilidade de regular o vestiario do alumnado que se deixa á autonomía do centro, ou comunicar as incidencias aos pais e nais por Internet. Solucións que sabemos dunha ou doutra maneira se veñen ensaiando por parte do profesorado e das comunidades escolares dende hai ben tempo.

Porén, nin o enfoque nin as medidas desta lei apuntan cara a orixe da maior parte dos conflitos existentes nos centros educativos. Non podemos agochar que moitos destes problemas teñen a súa cerna na masificación dalgúns centros de Secundaria e na ausencia de medios e recursos para abordar a súa diversidade. Non se poderá mellorar a convivencia nestes centros, se non se baixa a ratio de profesorado/alumnado, se non se contan con desdobres en determinadas materias, se non existe profesorado de apoio, se non se establecen programas de mediación para abordar os conflitos ou se non se xenera no centro unha dinámica na que a disciplina democrática ocupe un lugar destacado. Cre sinceramente alguén que coñeza o funcionamento dun centro educativo que a consideración do profesorado como autoridade pública solucionará os problemas que suscita a integración de minorías ou de alumnado con comportamentos disrutivos? O sistema previsto de correccións (outro eufemismo) abondará para resolver este tipo de conflitos educativos? Non sería máis realista asumir que a autoridade e prestixio social do profesorado se consegue coa lexitimidade proporcionada polo apoio do conxunto da súa comunidade educativa e polo recoñecemento do resto sociedade?

Con todo, non nos enganemos, nin o acoso escolar nin os conflitos disciplinarios son a razón de ser desta chamada “lei de convivencia”, senón o da regulación da participación directa dos pais e nais, á que se lle dedica un capítulo específico. Un procedemento artellado coa intención de “solicitar as preferencias individuais ou colectivas” sobre aspectos da programación xeral do ensino, até agora competencia da Administración educativa e dos órganos colexiados, fose do claustro do profesorado ou do consello escolar. Un mecanismo xurídico destinado, sen dúbida, a avalar á consulta prevista no “Decreto de Plurilingüismo” e superar algúns dos atrancos que lle puidese ocasionar o ditame do Consello Consultivo e mesmo a xurisprudencia do Tribunal Constitucional (STC 337/1994) contraria á elección de lingua por parte dos pais. En definitiva, en época preelectoral, como xa sucedera hai dous anos, ás portas das eleccións autonómicas, o Partido Popular de Galicia volve axitar as augas do conflito do emprego do idioma no sistema educativo. Unha extraña forma de entender a convivencia nun ámbito onde son imprescindibles as maiores doses de acordo e sutileza.

WikiRebels

Un moi interesante documental da televisión sueca sobre o fenómeno de WikiLeaks. Está subtitulado en castelán e dura case unha hora (para activar os subtítulos, preme sobre CC). Paga a pena.

Moitas grazas a La Huella Digital.

«WikiLeaks e a transparencia pública»

No artigo da semana de Faro de Vigo abordo a cuestión de WikiLeaks e as implicacións que lle vexo no que atinxe á neutralidade da rede e os ciberdereitos dos cibercidadáns.

WikiLeaks e os dereitos dos cibercidadáns

A verdade é que non seguín con moita atención as primeiras filtracións de WikiLeaks referidas ás guerras de Irak e Afganistán. Porén, tras o Cablegate do Departamento de Estado e tras a detención preventiva de Julian Assange, o asunto tenme conmocionado. Máis alá do contido dalgúns cables que ispen a figuras como Zapatero, que pasou de retirar as tropas en Irak a ofrecer aos EE.UU o aumento da súa presenza militar e colaborar activamente para que non se procesasen aos asasinos de Couso, o que realmente desacouga deste conflito é o desprezo olímpico que sobre o dereito de información dos cidadáns manteñen os diversos «gobernos democráticos» (co de Obama na cabeza do león), que consideran a Assange como o seu inimigo público e as súas actuacións como unha ataque á comunidade internacional. Até agora criamos que o dereito de acceso á información outorgábanos o dereito a saber que facían os nosos gobernos, tanto a nivel interno como cando nos representaban a nivel internacional; criamos que os límites destes dereitos apenas consistían en respectar a seguridade dos estados e os dereitos á privacidade das persoas. O conflito de WikiLeaks demostra a nosa total inxenuidade. Nin os estados nin os políticos están dispostos a asumir o nivel de transparencia ao que obriga a sociedade cibercomunicada, eles aínda teñen moito que agochar. Aí está o cerne desta deboura entre a liberdade dixital e os poderes convencionais.

A vergonza pública na que quedan algúns políticos, tras a lectura dos textos de WikiLeaks, non é un dano grave para os seus estados, nin afecta a súa seguridade, como pretenden facernos crer, senón que pon en evidencia as carencias e feblezas destas persoas, ao tempo que amosa unha forma moi determinada de entender a política e mesmo as relacións diplomáticas entre os estados. A esta altura do século XXI, os intereses dos estados soberanos non poden ser outros que os da súa cidadanía, que ten dereito a coñecer o que se di e o que se defende no seu nome. Os crimes de WikiLeaks non son ter filtrado estas informacións, senón os crimes que estas informacións revelan, como poden ser o caso Couso, as torturas desveladas en Guantánamo ou o apoio dos EE.UU ao golpe de estado de Honduras.

O conflito de WikiLeaks, ademais, remítenos á cuestión fundamental de como é posible asegurar a autonomía, a liberdade e a neutralidade da rede nunha situación, como ten sinalado Juan Varela, extremadamente paradóxica: «cando Internet e as redes sociais transformáronse no novo espazo público da democracia, os datos e a actividade dos usuarios están cada vez máis privatizados en mans de grandes empresas». Este conflito aberto (non sabemos onde pode levarnos) obriga a defender e conquistar os ciberdereitos dos cibercidadáns diante das grandes e poderosos servizos de Internet (todos estadounidenses), dende a nube de Google (disposta a asumir as presións do Goberno chinés), o comercio de Amazon, as plataformas de pagamento ou as empresas de telefonía que ofrecen a conectividade en cada un dos estados. Os cidadáns temos dereitos a controlar o acceso aos datos da nosa identidade dixital, mais tamén a acceder e utilizar libremente os nosos datos.

Non teño dúbidas que estamos vivindo a primeira revolta viral na rede a prol da liberdade e neutralidade de circulación da información. De como se resolva o conflito vai depender moito o futuro de Internet.

Recomendamos moi vivamente a tradución que Filipe Díez fixo no seu blog da anotación do blogueiro galego Suso Baleato (o primeiro pioneiro da rede en Galicia) sobre «Como neutralizar ataques DNS contra WikiLeaks».

«Stairs» e outras pezas contra a violencia machista

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/l7HqwAleUQg" width="740" height="448" wmode="transparent" /]

«Milleiros de mulleres caen polas escaleiras todos os días. Acreditas? Detén a violencia doméstica. Fala con nós.»

Impresionante vídeo alemán que reflite a violencia contra as mulleres.

Estoutra peza e estoutra e tantas máis son igualmente interesantes nesta loita.

Vía Trafegando ronseis (gran traballo o que neste eido, como tantos outros, está facendo este blog). Beizóns.

Cidades amigas da infancia

No artigo da semana, ao fío da celebración do Día Mundial da Infancia, reflexiono sobre a situación da Infancia e sobre o modelo de Cidades amigas da infancia que propón UNICEF.

O sábado conmemorouse a data na que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a “Declaración Universal dos Dereitos do Neno” en 1959 e a “Convención sobre Dereitos do Neno” en 1989, o único tratado de dereitos humanos aprobado con carácter vinculante por todos os países do mundo, coa excepción dos Estados Unidos e Somalia. Unha data, o 20-N, fixada como “Día Universal dos nenos e nenas”. Dende que a Asemblea Xeral da ONU recomendará, xa en 1954, que os seus membros creasen un “Día Universal da Infancia”, esta xornada dedicouse a divulgar os dereitos da Infancia e a promover o benestar dos nenos e nenas. No entanto, dende 2000, tras a aprobación por parte dos líderes mundiais dos “Oito obxectivos de desenvolvemento do Milenio”, algo así como “os obxectivos que debería acadar a humanidade até 2015”, a data tomou un novo pulo xa que seis destes obxectivos incumben directamente á infancia: dende a redución á metade da pobreza estrema e da fame, pasando por reducir a mortalidade infantil, promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller, combatir o VIH/SIDA e outras doenzas, até a consecución do ensino primario universal para todos os nenos do planeta antes de 2015.

É indubidable que ao longo destes últimos cincuenta anos producíronse avances para a Infancia no mundo, porén a situación continúa a ser abonda desoladora, como amosan as denuncias realizadas estes días por Nacións Unidas e diversas ONGs: 300.000 mil nenos son empregados como soldados, aínda son millóns os afectados por conflitos armados que os expoñen á violencia e lles arrebatan a súa inocencia; máis de 100 millóns son os nenos que non asisten á escola primaria; 9 millóns os que morren antes dos cinco anos por mor de deficiencias sanitarias e 2 millóns os infectados de VIH; 215 millóns os que traballan para sobrevivir, dos cales 80 millóns fanno na rúa; 14 millóns de nenas son nais antes dos dezanove anos, 120.000 nenas son utilizadas como escravas sexuais, ademais de continuar as lacras da venda de menores, a prostitución e a pornografía infantil. Unha situación indignante que afecta a países do mal chamado Terceiro Mundo, mais que non pode agochar as dificultades da nosa propia sociedade, incrementadas polo impacto da crise económica que aumenta a desigualdade sobre a infancia.

As conclusións do informe de UNICEF sobre a “Infancia en España 2010-2011” non pode ser máis desacougantes: case dous millóns de nenos están en risco de pobreza relativa, o que quere dicir que viven en fogares que teñen uns ingresos inferiores ao 60% da media (a maioría familias numerosas ou monoparentais en situación de desemprego ou emprego precario); un dato alarmante que sitúa á España á cola dos 27 países da Unión Europea, só superada por Rumanía, Bulgaria, Letonia e Italia. Como alarmante continúa sendo a violación dos dereitos da infancia por parte dalgunhas televisións privadas, a situación de desamparo dos nenos inmigrantes ou que a porcentaxe de abandono e fracaso escolar dos nosos menores, a pesar das continúas reformas educativas, duplique ao da media europea. Por incrible que pareza nun país onde semella que os máis pequenos teñen todos os caprichos, a España quédalle moito por facer no eido das políticas sobre a infancia e a familia, nas que inviste apenas o 0,7% do PIB, a cifra máis baixa da UE (xunto a de Grecia), moi lonxe da media europea do 2,3%. Neste período de crise, que semella vai ser longo e duro, é preciso –como solicitan UNICEF e outras ONGs– que a infancia pase a ser unha prioridade das politicas sociais.

Ábrese un desafío para os partidos políticos que nas próximas eleccións municipais deberían asumir compromisos concretos sobre os dereitos da infancia, na liña do programa “Cidades amigas da infancia” concibido por UNICEF para pular e aplicar a Convención de Dereitos da Infancia no eido local. Este programa de espírito municipalista, asume a necesidade de que cada concello conte co seu Plan de Infancia Municipal, o seu Consello Municipal de Infancia e un orzamento específico destinado ás actividades e programas municipais dirixidas aos nenos e nenas. As Cidades Amigas da Infancia, hoxe máis de medio centenar en todo o Estado, –mapa na que até o momento en Galicia só participan de forma moi incipiente os concellos da Coruña e Caldas de Reis–, constitúen unha rede que concibe as políticas municipais de infancia de xeito transversal, xa que afectan a boa parte das concellarías e servizos municipais dende o Urbanismo (parques infantís e espazos de lecer), Educación (comedores escolares, bolsas, escolas infantís, servizos da cidade educadora), Cultura (bibliotecas), Servizos Sociais ou Deportes. Vigo, cidade pioneira da rede de cidades educadoras, non debería quedar fóra de tan interesante programa.

Boneca branca, boneca preta

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/XyilexcWbSE" width="740" height="448" wmode="transparent" /]
Preparando o artigo de mañá sobre «As cidades amigas da infancia» e o «Día Mundial da Infancia», non podo deixar de subir este impresionante documento sobre os prexuízos raciais que arrastran os picariños pretos. Dá moito que pensar.
Atopeino no Fb, grazas Iolanda.