Día Mundial da Infancia

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Dhl49BITiOk" width="740" height="448" wmode="transparent" /]
Moi recomendables son os recursos que Trafegando ronseis recompilou para este 20-N, Día Mundial da Infancia.

1 de 200

No artigo da semana de Faro de Vigo presento a iniciativa de Implicadas no Desenvolvemento e reflexiono arredor do Pacto Galego contra a Pobreza, asinado polos tres grupos parlamentarios coa Coordinadora Galega de ONG polo desenvolvemento.

De Amnistía Internacional: Dedicado aos «Ordenados»

Velaí o verdadeiro rostro do racismo. Como me ten dito un grande amigo que me recomendou este vídeo impresionante de Amnistía Internacional, se fixeran unha versión galega, terían que engadir: “y a los que hablan gallego, lejos!”.

Vía Trafegando ronseis.

Locutorio Khewal

O locutorio Khewal estivo na rúa Elduayen, fronte as escaleiras que dan acceso á Ferrería. A comezos do ano 2000 foi o primeiro que se montou en Vigo para inmigrantes. Un local pequeno, apenas vinte metros cadrados, no recanto onde noutrora estiveran ubicadas, nun quiosco modernista, «Mi bebé», «La Rosa de Oro» (unha mercería moi ben surtida que lle facía a competencia a «la Favorita») e a churrería «La Vallisoletana», a que inventou os churros de pico que vendían en cucuruchos do Faro. Ao locutorio –«khewal» significa «sorte», na lingua wolof, que falan os senegaleses– acudían, especialmente os domingos pola tarde, os inmigrantes procedentes de Senegal, Ghana, Nixeria, Angola, Perú, Colombia ou Ecuador.

Moitos dos vigueses que traballaron en Hamburgo, Zurich ou Xenevra lembrarán os locutorios dende os que eles chamaban, en contadas ocasións e con grande esforzo económico, á familia que aquí agardaba. O locutorio Khewal non era moi diferente daqueles que pisaban os emigrantes galegos dos setenta: tres cabinas telefónicas diminutas, onde non cabe sequera un tallo nin unha cadeira, presididas por unha fotocopia dos prefixos telefónicos do mundo e por un moderno tarifador dixital que, a pesar da «tarifa plana», marca inexorable o tempo da despedida. Un fax público, unha fotocopiadora e unha oficina da Wester Union (que xa utilizaba Anais Nin, como conta nun dos seus diarios) para enviar ou recibir cartos en todo o mundo, sen necesidade de tarxeta de crédito ou conta bancaria, completan os servizos que se ofrecen nestes establecementos pensados para os inmigrantes. Paradoxicamente, nestes tempos da telefonía móbil, proliferan estes locutorios da telefonía tradicional; son verdadeiros espazos de encontro onde matan saudades as persoas que tentan entre nós de inventar novas vidas como mariñeiros, vendedores ambulantes de chilindradas, traballadoras do servizo doméstico ou  peóns ocasionais daqueles traballos que aquí, a pesar dos 260.000 desempregados e da Gran Recesión, ninguén quere.

Léopold Sédar Senghor, o poeta que foi presidente da República do Senegal até a súa renuncia voluntaria en 1980, autor de poemarios formidables como Cánticos de sombra ou Hostias negras expresou nas Cartas da invernada as súas saudades da  estación das chuvias na súa terra natal que comeza en xuño para rematar na segunda quincena de outubro. Aquela invernada, que evocou poeticamente Senghor como «iuiubos que rezuman fragrancias, enchidos do zunido de abellas solares», son as saudades que esta tarde (do chamado por nós e pola nosa mercadotecnia «día da nai») identifiquei volvendo para casa nas olladas duns emigrantes mozos que agardaban a súa quenda á porta do agora ciberlocutorio que funciona no local do pioneiro Khewal de Elduayen. As súas olladas deitaban «fragrancias enchidas de suor e salitre».

«A pobreza é a inxustiza»

No artigo da semana reflexiono, a raíz da Festa «Un Día para a Esperanza» de Intermón-Oxfam, sobre a necesidade de reaccionar sobre a actual situación de fame, pobreza e inxustiza no planeta. Outra ollada é posible.

«Un Día para a Esperanza 2010»

A crise económica  e o cambio climático castigan especialmente as poboacións pobres. Calcúlase que hoxe xa hai máis de 1.400 millóns de persoas  que sobreviven con menos de 1 euro ao día. O 70% son mulleres. Imaxinades cómo é a vida dunha familia que ten que comer, pagar pola educación e a asistencia médica con só 30 euros ao mes? E aí vai outra pregunta: Como o consegue?

Cada minuto, 100 persoas afúndense na pobreza. Mais… que pasaría se, cada minuto, outras 100 persoas se sumasen á solidariedade? Que poderíamos mudar o mundo! Axudádenos!

En repetidas ocasións, o presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, comprometeuse a mellorar a situación dos países empobrecidos. Agora que ocupa a presidencia de quenda da Unión Europea ten a oportunidade e a responsabilidade de buscar solucións eficaces para acabar coa pobreza.

Por iso, hoxe, dende aquí, queremos que nos axudedes a pedirllo. Queremos que, dende a Unión Europea se impulse un plan de rescate dos Obxectivos de Desenvovemento do Milenio, con medidas concretas para chegar ao 0,7, erradicar a fame, e lograr o acceso á saúde e educación para todo o mundo.

En Intermón Oxfam sabemos que os cambios son posibles. Traballando pola XUSTIZA podemos mellorar moitas vidas. E iso é posible grazas ao apoio de persoas como as que estades aquí. Persoas comprometidas e coherentes, que, a pesar da crise, contra vento e marea, seguides ao noso carón, sementando esperanza.

Pero para mudar o mundo temos que ser máis. Axúdanos a que a presidencia española da Unión Europea loite de verdade contra a pobreza. Asinade a nosa petición a Zapatero e sumemos solidaridade. PORQUE HOXE, TODOS XUNTOS, PODEMOS LOGRAR GRANDES CAMBIOS.

Moitas grazas!

Texto do Manifesto que lerei hoxe, á partir das 13:00 horas, na Praza da Princesa de Vigo no seo das actividades da festa da solidariedade «Un Día para a Esperanza» organizada por Intermon Oxfam.

«As alarmas do caso Garzón»

No artigo da semana abordo o caso Garzón e as dúas alarmas que entendo acende: a imposición de límites penais á interpretación xudicial, podería comprometer gravemente o noso Estado de Dereito e a independencia xudicial; a indefensión na que poden quedar os dereitos das familias das vítimas dos crimes de lesa humanidade cometidos polo franquismo a raíz do golpe de estado de xullo de 1936 contra a legalidade constitucional republicana. As máis de 140.000 vítimas existentes no censo de desaparecidas do franquismo perdidas por camiños e cunetas reclaman verdade, xustiza e reparación.

Sobre os dereitos humanos

O meu amigo Celso López Pazos, presidente da Asemblea Republicana de Vigo, publica hoxe en Faro de Vigo un interesantísimo artigo sobre os dereitos humanos no Estado Vaticano. Recomendo a súa lectura vivamente.