Mantecón, pintor xeómetra

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro a figura do pintor Francisco Mantecón con motivo da súa antolóxica no Marco.

Francisco Mantecón_foto MagarDespois de catorce anos do falecemento de Francisco Mantecón, a pasada semana foi inaugurada no Marco a primeira antolóxica da súa obra pictórica. Comisariada por Alberto González Alegre e Ángel Cerviño, dous grandes coñecedores da obra do pintor e deseñador gráfico vigués de espírito renacentista, a mostra ocupa toda a planta baixa do museo de Príncipe recollendo con grande fidelidade o seu espírito transgresor e racionalista. As noventa obras, correspondentes á produción das décadas dos oitenta e noventa, nas que está presente unha calculada exploración xeométrica, foron organizadas con moi bo criterio polos comisarios por secuencias e ritmos gráficos de cor, a xeito dunha peza jazzística. A pesar da súa aparente frialdade, a rotundidade e limpeza primixenia da proposta expositiva deixounos unha fonda pegada emotiva.

É ben coñecido en Vigo que Mantecón compartiu as súas actividades artísticas co seu labor docente no Instituto da Guía como profesor de debuxo. Con menos de vinte anos, participaba nas exposicións colectivas ao aire libre da Praza da Princesa, onde expoñían sen criterios previos de carácter xeracional nin estilísticos outros pintores vigueses, como Lodeiro, Xavier Pousa, Xosé Guillermo, Armando Guerra, Antón Patiño, Ánxel Huete ou Manolo Moldes, cos que “Mantecas” (así era coñecido polas súas amizades) axiña empataría. Despois de celebrar a súa primeira mostra individual na sala de exposicións da Caixa de Aforros, hoxe desaparecida, situada nas galerías Durán, marchou a Barcelona a estudar na Escola Superior de Belas Artes Sant Jordi, onde profundizou no coñecemento do fenómeno abstractivo e dos seus procesos históricos e no desenvolvemento da súa destreza debuxística, que serían decisivas no desenvolvemento da súa obra futura. Cando volveu a Vigo, a comezos dos oitenta, se integrou no grupo “Atlántica” creando unha obra pictórica singular, afastada de calquera espontaneísmo e expresionismo á moda daquela, constituíndo en palabras do comisario Ángel Cerviño “un verso libre da xeración Atlántica”.

A pictórica de Mantecón enlazou coa corrente do formalismo soviético, cando aquí estaba oculta até a caída do Muro. A abstracción conceptual, empregando técnicas sinxelas sobre papel, levouno a xogar coas formas e cos matices da cor, coas transformacións xeométricas, desmembrando planos, xogando coa percepción e coa espacialidade. Velaí a esencia da pictórica manteconiana presente no Marco: ofrecer unha arte meditada, lenta, silenciosa, esencial, simple, produto dunha reflexión permanente sobre o papel do creador, sobre o espazo e sobre as capacidades perceptivas do espectador. O de Mantecón é un abstraccionismo xeométrico onde “a regra corrixe a emoción”, escollendo unha frase de Georges Braque da que el se apropiou, onde todo ten forma e onde toda forma ten significado. Como sinalou o poeta Ramiro Fonte, “toda a obra de Mantecón está guiada por esa necesidade de tirar lastre, de desfacerse de contidos accesorios para propor unha poética de síntese”. Eis a esencia presente na mostra do Marco.

Esta mesma concepción levou a Mantecón a interesarse, a comezos dos anos oitenta, polo deseño gráfico, desenvolvendo un traballo continuado no eido do deseño de libros, da cartelaría, do deseño de anagramas, logotipos e da imaxe corporativa de entidades públicas e privadas. Outra actividade artística hercúlea, que os comisarios decidiron deixar fóra desta antolóxica, por merecer unha futura abordaxe monográfica. Debemos a Mantecón moitos elementos desta nosa segunda natureza urbana: as etiquetas das botellas de Terras Gaudas, empresa que convoca anualmente un concurso internacional de deseño gráfico na súa memoria; algúns packs de conservas Alfageme, as fachadas de Frinova e de Adega das Airas, ou o logotipo do Metropol do Areal. Este traballo comercial non lle impediu realizar o deseño, cunha vontade cívica e comprometida e sempre de esquerdas, da cartelaría de organizacións políticas e sindicais. A súa elegancia impregnou o deseño das coleccións de todo o sector editorial galego. Colaborou con Manuel Janeiro nos deseños de Galaxia; deseñou coleccións para Edicións do Cumio, Sotelo Blanco, Ir Indo edicións e Xerais. Realizou o deseño base de revistas como “A Trabe de Ouro”, o “Anuario de Estudios Literarios Galegos” ou do libro colectivo “Construír a paz. Cultura para a paz” (Xerais, 1996), un dos froitos máis logrados da súa concepción do deseño editorial, conseguindo un libro limpo, case diáfano, onde brilla o texto sobre a simplicidade da elección tipográfica.

Recomendo visitar esta exposición na que se lembra un dos artistas vigueses máis importantes do século XX. Sen dúbida, será unha das máis importantes do ano en Vigo.

Onte 1223: Lara, un editor

jose_manuel_lara1O que máis me interesou do que lin sobre o pasamento de José Manuel Lara foi a necrolóxica que publicou onte Juan Cruz: «Era un editor, punto. Un editor é algúen que se distingue por saber a que hora pode espertar a un autor, e a que hora, ademais, ha de apagar un incendio. O incendio, no mundo editorial, que é un mundo de cabaleiros, e no seu caso de moi cabaleiros, sempre se atenúa coa boa educación da diplomacia». José Manuel Lara conseguiu internacionalizar a editorial Planeta até convertila nun grupo editorial de referencia en Europa e Latinoamérica. Sabía do seu interese pola lectura (un hábito e unha querenza que comprobei non comparten todos os editores internacionais da súa clase) e do seu profundo respecto polos autores, o que probablemente encaixaba pouco coa súa imaxe de tabeirón conservador das finanzas e dos medios de comunicación. Porén, era un editor, exercía coma tal e sentíase orgulloso da profesión. Merece o meu maior respecto.

Onte 1220: «Dáte ao lote» na Biblioteca Agora

A Biblioteca Agora da Coruña puxo en marcha unha iniciativa moi orixinal para promover o préstamo dos seus fondos entre o público adulto. Trátase de «Dáte ao lote», unha proposta de 26 lotes de materiais diversos (libro, cedés, documentos…) relacionados entre sí polo tema, por trasladar unha idea ou polo enfoque co que abordan unha mesma cuestión. Así, por poñer un exemplo, o lote 17 artéllase sobre a lembranza dun momento de esperanza e rebeldía no que en Portugal semellou posible construír a terra da fraternidade. Nunha mochila moi xeitosa de tea reúnense un libro, Resistencia de Rosa Aneiros; un disco, Cantigas do Maio de José Afonso; e un documental, 25 de avril: a revolução dos cravos do Instituto Camoens. Un programa de préstamo bibliotecario que asume o carácter transversal e multisoporte da lectura actual. Interesante experiencia.

U-la biblioteca de Vigo?

No artigo da semana en Faro de Vigo reclamo que se retome o proxecto da construción en Vigo dunha biblioteca pública do estado e propoño que se estude a posibilidade de ubicala no edificio da Metalúrxica.

vancouverDende hai dúas décadas, diversos sectores cidadáns levamos reclamando a construción dunha biblioteca pública do estado en Vigo. Consideramos imprescindible contar con esta infraestrutura cultural e informativa básica, existente xa en todas as capitais de provincia e noutras grandes cidades, como Santiago de Compostela, que paliase de vez as carencias bibliotecarias viguesas, ao tempo que servise de nodo referencial para a creación dunha auténtica rede bibliotecaria que facilitase á poboación metropolitana o acceso en igualdade a todo tipo de información (textual, sonora ou audiovisual) e a toda clase de soporte documental (impreso, dixitalizado ou en liña).

Un proxecto que despois de tirapuxas políticas quedou recollido en diversos orzamentos xerais do estado, tanto dos gobernos de Zapatero coma de Rajoy, mais que decaeu pola imposibilidade dos responsables do concello de Vigo de ofrecer un espazo municipal para ubicala. Despois de terse barallado diversas posibilidades, dende algunha das plantas baleiras do Auditorio Mar de Vigo até a propia Escola de Artes e Oficios, o alcalde Abel Caballero expresou de cando en vez a súa convicción de que a Panificadora sería o espazo ideal para construír a que debera ser a primeira biblioteca viguesa. Porén, non é segredo ningún que a recuperación para o espazo público da nosa catedral industrial e laica é un proxecto moi difícil nas circunstancias políticas e económicas actuais, polo que moito tememos que de seguir así as cousas a biblioteca pública do estado na Panificadora quedará en auga de castañas.

Xaora, esta imposibilidade (arrastrada dende hai unha década) de ofrecer unha ubicación para unha gran biblioteca pública, que sería construída con fondos estatais e xestionada despois pola Xunta de Galicia no marco da súa rede de bibliotecas nodais, expresa o dramático fracaso da política cultural dos poderes públicos en Vigo, tanto do concello coma da Xunta e do Goberno do Estado, incapaces de artellar acordos mínimos sobre as infraestruturas culturais esenciais da área metropolitana, sexa a rede de bibliotecas e arquivos como a rede de museos (eis o caso do Marco), cuxas portas permanecen abertas cada día de auténtica milagre, sometidas a unha precariedade orzamentaria asfixiante. Ningunha das administracións públicas que operan en Vigo, nin o Concello nin a Deputación nin a Xunta nin o Goberno, como ningún dos seus líderes, consideran que as políticas culturais formen parte das súas prioridades estratéxicas e, polo tanto, teñan peso nos seus orzamentos. Semella que para os responsables destas administracións as políticas culturais e de promoción da lingua galega carecen de importancia na axenda electoral, xa que probablemente son consideradas como propias de culturetas e xente aborrecida, especies doutro tempo en inevitable devalo.

Porén, noutras moitas cidades do mundo, estas políticas culturais públicas, sobre todo as relacionadas coa lectura, son consideradas como esenciais na proposta municipalista. É un feito que as modernas bibliotecas públicas estanse convertindo nos espazos públicos máis intensamente utilizados en cada comunidade local, consideradas como portos seguros para a convivencia interxeracional e a educación permanente. Máis aínda cando no marco do actual proceso de hibridación da lectura, o futuro das bibliotecas aparece máis vinculado ao seu carácter de centro comunitario interxeracional facilitador do acceso e alfabetización dixital que coa conservación e préstamo de libros impresos, até agora parte esencial do ADN das bibliotecas. Concibida así, a biblioteca é un espazo hibridado, no que conviven soportes analóxicos e accesos dixitais, central en cada comunidade local como lugar de encontro, sendo o bibliotecario un promotor comunitario especializado en facilitar á cidadanía o acceso á información.

Neste novo contexto, onde a biblioteca pública asume centralidade como espazo comunitario, moito pagaría a pena que antes das eleccións municipais se recuperase o proxecto da biblioteca pública do estado para Vigo. Sobre todo cando semella posible atopar unha ubicación axeitada no espazo da Metalúrxica, na rúa García Barbón, onde a Tesourería da Seguridade Social anunciou o seu proxecto de construír as súas novas oficinas. Non sería posible que a Tesourería ocupase as plantas do Hospital Xeral da súa propiedade, que nuns meses quedarán baleiras, cedendo a Metalúrxica para construír a biblioteca que a área metropolitana de Vigo precisa? Unha posibilidade que de ser viable dende o punto de vista técnico e urbanístico requiriría apenas dun acordo político interinstitucional entre o goberno municipal de Vigo e o do Estado. Queremos ou non unha gran biblioteca para Vigo?

Onte 1211: Homes e mulleres de Dionisio Tasende

Chego case cun ano de atraso ao catálogo De homes… e mulleres que recolle as fotografías de Dionisio Tasende que se expuseron no Museo de Belas Artes da Coruña. Membro da xeración de fotógrafos amadores coruñeses dos anos 50, como Schmidt de las Heras e Veiga Roel, Tasende obtivo premios en salóns internacionais, sendo homenaxeado en 1986 pola Fedération Internationatle de l’ Art Photographique. Feirantas, rosqueilleiras, aloitadores, tratantes, muiñeiros, zapateiros, oleiros, panadeiros, palilleiras, labregos, obreiros, boteiros, mariñeiros, redeiras, maquinistas, mergulladores, queixeiras ou monxas protagonizan este libro fermoso, unha auténtica golosina visual, mais tamén un documento moi representativo do que foi aquela Galicia popular, labrega e mariñeira, que comezou a desaparecer nas décadas de 1960 e 1970. Contable de profesión, Tasende concentrou o seu interese sobre as persoas, homes e mulleres, fotografadas case sempre en situacións cotiáns, nas faenas agrícolas, mariñeiras ou artesáns, nas festas ou nas romaxes. Algunhas son fotografías que sería imposible realizar hoxe, xa que esas actividades e oficios xa desapareceron. A de Tasende é outra figura da nosa historia cultural que merece ser recuperada do esquecemento.

Onte 1210: As bibliotecas, centros comunitarios

de6ddaadb55c556fbd07d5b68111326bEsta anotación do blog Bibliotecas 2029 é moi clarificadora sobre cal será, probablemente, o futuro das bibliotecas, máis vinculado co seu carácter de centros comunitarios facilitadores do acceso e alfabetización dixital que coa conservación e préstamo de libros impresos, até agora parte esencial do seu ADN. Concibida así, a biblioteca é un espazo hibridado, no que conviven soportes analóxicos e accesos dixitais, central en cada comunidade local como lugar de encontro, sendo o bibliotecario un promotor comunitario especializado en facilitar á cidadanía o acceso á información. Para profundizar nesta análise contextualizada en experiencias de éxito dalgunhas grandes bibliotecas urbanas aconsello ir á fonte da anotación, o artigo de Rosie Spinks, «The Future of Libraries Has Littel to Do with Books».

Onte 1209: «O como é o que conta», artigos de Pepe Barro

o_como_e_o_que_conta

Aproveitei as horas de lectura de onte para mergullarme nas páxinas d’ O como é o que conta, unha colectánea de trinta artigos sobre o deseño, a cultura e a imaxe da cultura do noso admirado Pepe Barro. Unha edición moi reducida, apenas cen exemplares, que Pepe preparou o pasado nadal para agarimar as súas amizades, probablemente, coa intención de poñer en valor o deseño gráfico nestes tempos de crise, confusión e tanto tira para diante. Eis a importancia do título, O como é o que conta, que salienta o valor engadido e o carácter de actividade creativa e artística do deseño. Particular interese teñen no libro varias achegas á historia do deseño gráfico do libro galego e a recuperación do texto de «Quid», un artigo precioso no que Xosé Luís Méndez Ferrín defende que «a comunicación visual convertiuse nun factor de primeira importancia na vida moderna».

Pepe Barro pertence ao grupo fundacional do deseño gráfico galego contemporáneo, aquel que chantou as súas raíces sobre a tradición de Castelao e Luís Seoane, logo desenvolvida en Sargadelos por Isaac Díaz Pardo. Barro leva catro décadas ofrecendo os seus servizos, a súa investigación e a súa reflexión á comunicación gráfica galega. Comezou en 1977 preparando o deseño do semanario A Nosa Terra. Consolidou o seu traballo como membros dos ateliers que mantivo primeiro como BC&D (Pepe Barro, Chichi Campos e Xosé Díaz) e despois como Grupo Revisión Deseño (Pepe Barro, Xosé Díaz, Xosé Salgado e Lía Santana), onde desenvolveu moitos dos proxectos gráficos de Xerais ou traballos tan emblemáticos como os das caixas de ovos de Pazo Vilane até a camisola da selección galega de fútbol.

A edición galega actual ten unha débeda de recoñecemento co traballo que Barro e os socios dos seus ateliers fixeron para a modernización do libro galego como produto gráfico. Un labor que compartiron con outros deseñadores gráficos do seu tempo como Francisco Mantecón, Manuel Janeiro, Uqui Permiu, Francisco Vizoso, Fausto Isorna, Miguel Vigo ou Doñate. Grazas a todos eles no libro galego tamén o como é o que conta.

Onte 1205: Volven os premios

O calendario do novo ano vai enchéndose amodiño de compromisos. Ademais de ir concretando os actos do primeiro lanzamento de novidades, nos últimos días coñecín o que serán algunhas das datas dos premios literarios 2015. O venres 13 de marzo celebrarase en Pontevedra «A Noite da Edición», na que os membros da Asociación Galega de Editores daremos a coñecer os nosos premios aos mellores libros editados en 2014. O sábado 28 de marzo serán os Irmandade do Libro da Federación de Libreiros. Tamén antes do 31 de marzo, farase público o ditame da XVIIª edición do Premio de Narrativa Ánxel Fole do concello de Lugo. O sábado 6 de xuño, os Premios Xerais, dos que onte publicamos as bases das súas tres modalidades, Merlín de literatura infantil, Jules Verne de literatura xuvenil e Xerais de de novela. E mesmo xa coñecemos que o xantar dos Premios da Crítica Galicia celebrarase desta volta o 7 de novembro e o Culturgal do 4 ao 6 de decembro. Agardemos que sexa un ano de colleita cultural excelente.

Onte 1204: Monumento a Martín Codax

Vindel1-205x300vindel2-198x300Recibín onte na caixa de correo a comunicación do grupo Pertenza de Vigo, constituído o pasado ano para a defensa da identidade galega, informándome da súa proposta de erguer en Vigo un monumento ao poeta Martín Codax con motivo do centenario da descuberta do «Pergamiño Vindel» e da publicación das seis cantigas do cantor do mar de Vigo.

Un proxecto que recupera aqueloutro, que xa fixera hai catro décadas o editor e cronista da cidade de Vigo Xosé María Álvarez Blázquez, de quen o 5 de febreiro celebraremos o centenario do seu nacemento, de gravar en pedra os textos universais de Martín Codax coa intención de sensibilizar a cidadanía viguesa sobre unha das proezas que a humanidade realizou na nosa lingua. Mágoa que ata o momento, e pasado xa o ano do centenario do Vindel, ningunha das nosas administracións nin das institucións culturais públicas, nin da Xunta nin da deputación de Pontevedra nin do concello de Vigo, máis alá dalgunha fotografía de circunstancias acometese un proxecto conmemorativo coma o proposto por Pertenza.

Xaora, entendo que ademais do monumento a Martín Codax sería acaído solicitar á Pierpont Morgan Library de Nova York, onde se garda nunha cámara acoirazada dos seus sotos o «Pergamiño Vindel», a súa cesión para expoñelo de forma itinerante por Galicia, comezando pola cidade de Vigo. Como non sería disparate ningún estudar as posibilidades da súa adquisición para que peza tan fulcral da literatura galega pasase a formar parte do patrimonio galego. Apoiamos ao grupo Pertenza no seu proxecto no que deberían participar todos os poderes públicos que operan en Vigo.

Perfil lector

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre os datos do Barómetro do CIs do mes de decembro sobre a lectura e as preferencias culturais.

lectura_13-01-2015A publicación do barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) do pasado mes de decembro achega, entre outros temas sobre os que foron consultadas 2.447 persoas de 49 provincias, datos valiosos para coñecer o perfil lector e as preferencias culturais da sociedade española actual, sometida ás dificultades dunha situación económica mala ou moi mala para o 82 % das persoas preguntadas e inmersa nas incertezas provocadas polo tránsito entre os modelos de comunicación cultural impresa e dixital.

O primeiro que chamou a miña atención foi o dato do 65 % da poboación lectora de libros, situado xa bastante preto do 70 % da media europea (Islandia acada o 85 %) e lixeiramente por riba do 63 % do último dos estudos sobre hábitos de lectura e compra de libros da poboación maior de 14 anos, publicado pola Federación de Gremios de Editores de España a comezos de 2013. A pesar de que un 35 % das persoas consultadas polo CIS confesen que non len nunca ou case nunca un libro, hai pola contra un 29,3 % de cidadáns que len todos os días, como hai un 69,1 % que len decote os xornais, e un 82 % que len textos longos en Internet (webs, blogs ou redes sociais), porcentaxes elevadas que demostran que o hábito lector comeza a chantar raíces na nosa sociedade.

A lectura como actividade cultural interesa a un 61,7 % dos cidadáns consultados, porcentaxe só superada pola música (73,4 %) e polo cine (67,8 %). Como tamén é moi salientable que para o 61,6 % das persoas lectoras a distración e o goce sexan as razóns principais polas que dedican tempo á lectura, sendo o 23, 4 % as que len por estar máis informadas ou mellorar a súa cultura e o 15 % as que o fan obrigadas, sexa por razóns de estudo ou de traballo. Cifras desmitificadoras que sitúan o perfil lector actual no terreo das actividades de lecer e que quizais expliquen as razóns polas que a novela, e os seus diversos subxéneros (histórica, negra, romántica…), é o xénero preferido para o 72,4 % das persoas que se declaran lectoras. O que parece coherente co feito de que a elección do libro de lectura corresponde nun 58,4 % a un criterio personal, aínda que un 27,1 % confesa seguir as recomendacións de familiares e amizades, sendo para o 64 % dos enquisados o tema do libro o seu criterio principal de escolla.

Retrato do perfil lector que se completa con outro dato non menos relevante: o 91 % das persoas lectoras escollen a súa casa como o seu espazo preferido de lectura, e xa noutro rango moi inferior no traballo e nos transportes públicos, o que redunda no carácter da lectura como actividade cotián vencellada ao ámbito familiar e ás actividades que se realizan no tempo de descanso. O que quizais explique que só o 28,6 % recoñeza ter visitado nalgunha ocasión a biblioteca pública no último ano, mesmo a pesar da relevancia que estas institucións culturais están tendo na dinamización da lectura nas comunidades locais.

Outro dato significativo deste barómetro do CIS é a estimación de 8,6 como o número de libros lidos en España por habitante e ano, unha cifra que queda moi lonxe da doutros estados europeos con maior febre lectora como Finlandia (47), Islandia (40), Noruega (18) ou Alemaña (15). Como tamén é sorprendente que só o 50 % das persoas consultadas mercase algún libro no último ano, sendo 5,96 a cifra media de libros mercados por habitante e ano. Como non deixa de semellar chamativo que o 41,8 % das enquisadas declare que utilizou un libro como agasallo nalgunha ocasión.

No entorno actual de tránsito entre os soportes do libro impreso e dixital, é salientable que o 80 % das persoas lectoras expresen a súa preferencia polo libro impreso, o 11,1 % polo electrónico, e o 8,7 % utilice ambos os dous formatos, sendo o 22,70 % os que recoñecen contar na súa casa cun e-reader e o 38,7 % cunha “tableta”. Xaora, a porcentaxe aumenta no caso da lectura dixital dos xornais até o 28,2 % e até o 33 % o das persoas que consideran que no futuro o electrónico será o principal soporte de lectura, aínda que un 42 % cren que convivirán os libros analóxicos e os dixitais. Datos que convén relacionar co feito de que o 77 % das persoas consultadas recoñece conectarse todos os días a Internet sexa polo seu ordenador ou teléfono móbil. Comportamentos que expresan a consolidación da hibridación da lectura, como denominamos á coexistencia de soportes impresos e electrónicos, aínda que o modelo dixital se continúe concibindo polos lectores máis como un futuro inevitable ca como unha realidade en transformación.

En definitiva, o barómetro do CIS presenta un perfil lector que vincula á lectura coas actividades culturais de lecer, como a música e o cine, sometidas todas á fraxilidade dun modelo que no caso do sector do libro aínda está moi lixeiramente hibridado. Mágoa que non contemos cun estudo galego no que se teña en conta a lectura na nosa lingua.