Onte 1787: 22,60 euros por habitante

promocion_lecturaA noticia publicada onte pola delegación galega de Europa Press non deixa moitas dúbidas: o investimento da Xunta de Galicia en Cultura foi en 2014 de 22,60 euros por habitante, cifra que sitúa a Galicia á cola das Comunidades Autónomas, detrás de Euskadi (55,80 €), Extremadura (35,50 €) ou Cataluña (33,10 €), aínda que mellor ca Andalucía (19,30 €) e Madrid (12,60 €). Datos tirados do Anuario de Estadísticas Culturales 2016 sobre o financiamento e o gasto público e privado en Cultura, publicado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, que poñen en evidencia que durante o período 2010 a 2014 (coincidindo con gobernos de Alberto Núñez Feijoo) o investimento en Cultura (onde están incluídas as partidas de Política Lingüística) baixou en Galicia un 44,00 %, un severísimo recorte, que tantas veces temos denunciado. Xaora, o completísimo informe achega moitos outros datos, como o do gasto privado anual por persoa, onde tampouco saímos mellor parados, xa que se en 2015 foi en Galicia de 235,00 euros, estamos por debaixo de Euskadi (320,00 €), onde continúa a experiencia de incentivación do consumo cultural por medio do Bono Cultura, Cataluña (320,80 €) e Madrid (299,40 €), aínda que por riba de Extremadura (152,60 €) e Andalucía (208,30€). Co tempo preciso para desmiuzar 388 páxinas de datos desagregaremos os que corresponden ao investimento en pol´ticas de lectura e gasto na compra de libros.

O reto da igualdade

No artigo da semana en Faro de Vigo comento a experiencia do Observatorio da Mariña pola Igualdade, que obtivo o Premio da Crítica Galicia 2016 na modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas:

obaervatorio

Os últimos Premios da Crítica Galicia, outorgados hai dez días pola entidade presidida polo editor Bieito Ledo dende hai catro décadas, foron os da igualdade, tanto pola composición dos xurados das súas oito modalidades, correspondentes aos diversos eidos da cultura, como polos recoñecementos que recibiron a escritora e profesora María do Cebreiro, o equipo de investigadoras en literatura infantil e xuvenil dirixido por Blanca Roig, a cantante, compositora e produtora Uxía, a actriz e directora María Barcala do Teatro Atlántico e as compoñentes do Observatorio da Mariña pola Igualdade.

Cada unha destas creadoras, investigadoras, artistas e activistas premiadas, como salientou na súa intervención na cerimonia Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, protagoniza o esforzo das miles de mulleres que en Galicia traballan nos diversos sectores da nosa industria cultural e creativa, un labor inxustamente agochado e silenciado por un sistema que, a pesar dos chamamentos a prol da visibilización das mulleres, continúa sendo masculino e ás veces machista.

De todos os premios da crítica deste ano, probablemente foi o da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, outorgado ao Observatorio da Mariña pola Igualdade, o que máis afondou no chamamento explícito a promover a igualdade real entre homes e mulleres de todas as xeracións e en todos os ámbitos da vida social. Un merecidísimo recoñecemento para unha asociación feminista integrada por mulleres das diversas localidades da Mariña lucense que se xuntan para acadar a igualdade social entre homes e mulleres, superando a discriminación por razóns de sexo.

Dende hai case unha década este grupo pretende xerar conciencia crítica e activar a participación das mulleres na transformación social que supón un proxecto de igualdade. Un movemento integrador, capaz de dinamitar calquera tipo de conformismo, que pretende mobilizar a todas as mulleres dispostas a traballar pola igualdade de xénero participando en actividades e campañas, xerando iniciativas novidosas ou presentando as denuncias necesarias, tendo sempre en conta as particularidades da situación social de mulleres e homes da comarca e os seus problemas e necesidades específicas.

Ademais de velar pola aplicación do principio de igualdade de xénero no conxunto das accións e políticas que se desenvolvan na comarca, o Observatorio da Mariña organiza cursos, charlas, obradoiros fotográficos, vídeo fórum de temática feminista nos centros educativos e cívicos da comarca, así como diversas actividades alternativas que pretenden contribuír a transformar, dende o eido local, unha sociedade patriarcal nunha sociedade igualitaria. Así participa cada ano no Ribadeo Tapeo, no que nos 55 bares participantes reparten 140.000 panos de mesa nos que está impreso o lema “desTAPA a igualdade”.

O Observatorio publicou o seu trivial feminista, unha versión coeducativa do coñecido xogo de preguntas e respostas, ou unha unidade didáctica sobre Antía Cal, a pedagoga de Muras, fundadora do vigués colexio Rosalía de Castro, á que rendeu unha homenaxe o pasado ano. Como particular interese ten a publicación da súa “Axenda Feminista”, sempre de coidada e moi fermosa edición, coa que cada ano o Observatorio pretende visibilizar o esforzo das mulleres galegas nos diversos campos da creación: en 2011 ás esquecidas da nosa historia, en 2012 ás músicas, en 2013 ás escritoras, en 2014 ás teatreiras, en 2015 ás poetas, en 2016 ás científicas…

Xaora, o Observatorio mantén unha denuncia teimosa da violencia machista, procurando que toda a sociedade se posicione en contra de todas as manifestacións de discriminación machista, dos que os asasinatos de mulleres constituén o caso máis extremo. O Observatorio denuncia os recortes persoais e sociais que se produciron nos últimos anos para loitar contra o feminicidio e contra a discriminación, consciente de que a solución á violencia machista, como tanto se ten repetido este 25 de novembro, está tanto no fomento dos valores coeducativos e da educación en igualdade, como en introducir na axenda pública utilizada polas administracións e os medios de comunicación a procura da igualdade como unha prioridade política e social. Eis un reto que a todas convoca.

Onte 1782: “Mensaxe dende o silenzo” de Licalaterna

LicalaternaA poesía de Celso Emilio Ferreiro continúa sendo fonte orixinal para a música galega. Comprobeino, outra vez, como membro do xurado do 1º Premio Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados, unha iniciativa con certa semellanza á que Lluis Llach tivo coa obra do poeta Miquel i Marti Pol, no que participaron trinta e dúas cancións, moi diversas nos xéneros e estilos musicais, mais en xeral dun excelente nivel de calidade. Entre todas elas resultou gañadora a presentada polo grupo Licalaterna, formado por Andrea Souto e Óscar Iglesias, que traballou sobre “Mensaxe dende o silenzo“, un dos poemas d’ O soño sulagado. Este premio promovido dende a iniciativa privada pola FUNCEF, dotado con 3.000 euros, será entregado no Culturgal o sábado 3 de decembro, ás 11:30.

Parabéns a Licalaterna por tan magnifica proposta musical e audiovisual e a FUNCEF polo seu teimoso labor de promoción da obra de Celso Emilio Ferreiro.

Onte 1781: Premios da Crítica Galicia pola igualdade

pcrit2016071

Non hai dúbida que os Premios da Crítica Galicia ditaminados onte foron os da igualdade, tanto polos recoñecementos que recibiron María do Cebreiro, o equipo de investigadoras en literatura infantil e xuvenil dirixido por Blanca Roig, Uxía, María Barcala do Teatro Atlántico e o Observatorio da Mariña pola Igualdade, como pola composición tamén dos xurados que os outorgaron. Cada unha destas creadoras, investigadoras, artistas e activistas onte premiadas protagoniza o esforzo teimudo das mulleres que traballan na nosa creación e industrai cultural, tantas veces agochadas e silenciadas por un sistema aínda moi patriarcal e masculino. Agardo que os premios ditaminados onte, que recoñeceron tamén o traballo do fotógrago Gabriel Tizón, do cineasta anticapitalista Alberte Pagán e dos Artesáns da Pesca de Ribeira, abran de vez o vieiro da igualdade que tanto precisamos na cultura galega.

Onte 1779: Culturgal 2016, comunidade e futuro

Culturgal_2016_Presentacion_01

Baixo o lema «Cultura, comunidade e futuro» presentamos onte a programación do Culturgal 2016, que do 2 ao 4 de decembro se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra. A novena edición dunha feira das industrias culturais galegas que pretende continuar sendo un espazo de encontro e mediación dos diversos sectores empresariais da cultura galegas coas institucións e os seus públicos.

Culturgal_2016_01Sabemos que en cada ano conflúen en Culturgal as ideas, os proxectos, os produtos, os servizos, mais tamén as arelas e os soños das empresas, das entidades e dos profesionais dos sectores do libro e da lectura, da música, das artes escénicas, do cine e das artes audiovisuais, das artes plásticas, da artesanía e da cultura popular, da xestión cultural, de internet e das novas tecnoloxías, do fomento da lingua e da cultura galegas… Culturgal convértese así para todas estas persoas, colectivos e entidades públicas e privadas nun espazo confortable e novidoso onde a creatividade galega se presenta como unha comunidade aberta, fraterna, diversa e plural, capaz de contaxiar entusiasmo e orgullo colectivo pola súa oferta, ao tempo que polo porxecto que de forma colectiva e corresponsable enxerga o futuro. Hoxe Culturgal é unha manifestación do orgullo galego contemporáneo, expresado por máis de quince mil persoas, cento cincuenta empresas, cinco asociacións profesionais e catro administracións públicas..

Na web de Culturgal pode consultarse un programa de cento cincuenta actividades destinadas a diversos públicos, dende o infantil e familiar ao especializado e profesional, que nesta edición adquire protagonismo na xornada inaugural. O concerto inaugural de SonDeSeu o venres, o de Budiño o sábado, celebrando o vinte aniversario de Paralaia; o de María Fumaça o domingo, presentando o seu terceiro traballo e a exposición «Pegadas na terra», na que dezaoito artistas dialogan sobre as relacións da natureza e territorio, completan un programa concibido para contribuír a construír comunidade e futuro para a nosa cultura. Lembrando a Narf en Culturgal «somos dunha tribo que acredita no futuro».

 

Onte 1777: Chus Pato académica

A elección de Chus Pato como membro da Real Academia Galega recoñece a extraordinaria traxectoria literaria da poeta ourensá, contribuíndo ademais ao proceso de normalización da institución. A incorporación da autora de Hordas de escritura e Charentón, unida á recente de Marilar Aleixandre, debería abrir definitivamente a porta da Galega a outras autoras, entre as que non debe faltar a de María Xosé Queizán, ao tempo que de certa maneira reequilibra o peso dos grupos de afinidade existentes en Tabernas. A entrada de Chus Pato, autora probablemente dun dos proxectos poéticos máis renovadores, singulares e transgresores do período de entre séculos, poeta traducida e premiada, achegará un discurso novo e anticonformista que moito precisa hoxe a RAG. Ás portas da finalización na vindeira priemavera do mandato na presidencia de Xesús Alonso Montero, aventuro que podería ser substituído por unha das académicas, o que afondaría nas mudanzas esperanzadoras que as incorporacións de Pato e Aleixandre expresan. Beizón a Chus Pato, por tan merecente elección!

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1769: Día da biblioteca

dia_da_bibliotecaFermoso  o texto que escribiu Ledicia Costas para o Día da biblioteca, celebrado onte. Un texto inzado de imaxes luminosas sobre os libros que habitan nas bibliotecas (aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns grises), mais tamén sobre as persoas que os custodian (seres con antenas xiratorias, cerebros milliométricos que memorizan títulos). Un texto, ilustrado por Elena Odriozola, que propón o Día da biblioteca coma unha xornada de festa (un día de confeti e pompas de xabón), un día grande para as lectoras de todas as idades. Parabéns a todas as persoas que traballan no mundo das bibliotecas.

Mulleres do silencio

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo  á exposición do Marco comisariada por Rosario Sarmiento dedicada a artistas plásticas galegas do século XX.

20140402_111726

Gustei moito da exposición “Mulleres do silencio. De Maruja Mallo a Ángela de la Cruz” coa que o Marco inaugurou o venres a súa tempada de outono. Unha mostra de produción propia do museo de arte contemporánea de Vigo, comisariada por Rosario Sarmiento, que reúne un cento de obras de 21 artistas galegas, pintoras e escultoras de diversas xeracións dende as pioneiras das primeiras décadas do século XX, Maruja Mallo e Julia Minguillón, até ás máis recente da década de 1990, como Almudena Fernández Fariña e Tatiana Medal, formadas xa na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, que supón unha revisión e actualización daqueloutra referencial, “A arte inexistente”, que a mesma comisaria coidara para o Auditorio de Galicia en 1995. Unha exposición de inequívoco espírito didáctico, froito dun concienciudo traballo de investigación documental e de colaboración con institucións públicas e coleccionistas privados, concibida coas intencións de propoñer un relato alternativo da nosa historia da arte e desvelar ao grande público o protagonismo e a achega decisiva (e até agora tan oculta e prexuizada) das artistas galegas do século XX.

Como sinala a comisaria no seu texto curatorial é un feito que a historia da arte occidental favoreceu o protagonismo do creador masculino, “excluíndo ás mulleres dos principais movementos artísticos”, até preguntarnos, como fixo Linda Nochlin nos seus estudos sobre arte e xénero, por que non houbo ao longo da historia grandes mulleres artistas? Inexistencia de mulleres na historia da arte (coas excepcións coñecidas de pintoras como Artemisia Gentileschi, Tamara de Lempicka ou Frida Kahlo, por poñer algúns exemplos), mais tamén na historia da literatura, da música e do cine, que non son consecuencia da súa natureza, senón do papel que ao longo da historia se lle asignou ás mulleres nas artes relegándoas a seres pasivos. Un agochamento e unha desigualdade que, a pesar dos logros acadados polo movemento feminista nas últimas décadas e da maior presenza das mulleres nas facultades de Belas Artes (onde son clara maioría e obteñen os mellores resultados académicos), aínda pervive, xa que “o recoñecemento artístico feminino segue sendo minoritario con respecto ao dos homes”. As mulleres nas artes continúan traballando nunha posición claramente secundaria. Dous datos contundentes: en España só o 20% das exposicións individuais están protagonizadas por mulleres; e en Galicia a participación feminina en mostras colectivas está entre o 17% e o 30%.

Desvelar este silencio ao que foron e son sometidas as mulleres artistas galegas, amosar a riqueza e a diversidade de tanto que permaneceu agochado, restaurar ausencias e focalizar protagonismos, son fíos condutores da proposta expositiva preparada por Rosario Sarmiento. Un percorrido xeracional que se inicia coa achega das pioneiras e onde se poden ver no mesmo patio para emoción do visitante dous dos cadros máis emblemáticos da pintura galega do século XX, “Muller con cabra” (1927) de Maruja Mallo e “A escola de Doloriñas” (1941) de Julia Minguillón. Interese que no decae nos espazos dedicados ás artistas da posguerra e do exilio, onde, entre outras, se presentan a figuración inxenuísta e popular de María Antonia Dans, o expresionismo dramático de Mercedes Ruibal (estremecedor o cadro dedicado a Allende), o neofigurativismo intimista de Mª Victoria de la Fuente, o construtivismo cromático de Beatriz Rey, as colaxes abstractas de Fina Mantiñán e as cerámicas innovadoras de Elena Colmeiro.

Ocupan a galería central algunhas das obras emblemáticas de Menchu Lamas, entre elas “Árbore de dúas cabezas” (1985), “Peixes” (1981) e “Secuencia ascensional” (1997), representando o pulo de transformación radical que supuxo a obra da única muller do grupo Atlántica. Grandes formatos que dialogan coas cerámicas de María Xosé Díaz e coas pezas policilíndricas manuscritas de Soledad Penalta. Espírito de renovación moi presente no patio dedicado á obra de Rosalía Pazo, Berta Cáccamo e Ángela de la Cruz, e tamén na sala anexa onde Mónica Alonso presenta a súa instalación “Angustia” (unha das mellores experiencias para o visitante da mostra), catro das artistas fulcrais do período de entre séculos en permanente proceso de investigación plástica.

Complétase tan interesante exposición coas vitrinas onde se reúnen documentos de prensa e catálogos que completan o relato sobre a recepción da obra de cada unha das artistas, onde é doado identificar o silencio e os prexuízos que sufriron. Experiencia de desvelamento que os visitantes máis curiosos poden continuar no espazo anexo do mesmo museo onde a cineasta viguesa Xisela Franco presenta “Interior, exterior, durante”, peza que nos convida a contemplar o tempo dende a temporalidade propia.

Onte 1766: “Os libros arden mal” de Manuel Rivas, mellor obra da narrativa galega da década

Premio_Mondoñedo_10_16-10-2016

XG00084101Coincidindo coas San Lucas, Manuel Rivas recibiu onte o Premio Mondoñedo 10 que entre seis finalistas recoñece Os libros arden mal como a mellor obra da narrativa galega da década (2006-2015). Un galardón outorgado por un xurado formado por representantes das diversas institucións e entidades das nosas letras (Academia Galega, Consello da Cultura Galega, AELG, Pen Clube, AGE, Federación de librarías, entre outras) que pretende contribuír a fixar a memoria da nosa produción literaria e cultural nos diversos eidos, neste caso a narrativa. Un premio que recoñece unha obra traducida a diversas linguas europeas, considerada como excepcional e aclamada de forma entusiasta en todos os países como unha das novelas máis importantes do século XXI. Este premio para Os libros arden mal supón, ademais, unha oportunidade magnífica para volver sobre unha novela monumental, onde se atopa o adn literario de Manuel Rivas. Parabéns, Manolo!

Onte 1763: “Nunca paraíso” e a reivindicación da necesidade do teatro de Manuel Lourenzo

Xabier Docampo e Manuel Lourenzo.

As coincidencias atribuibles á providencia laica levaron onte a que a presentación na FNAC da Coruña de Nunca paraíso, o libro no que Manuel Lourenzo reuniu unha parte do teatro breve que escribiu nas últimas catro décadas, coincidise coa nova do pasamento de Darío Fo e coa sorprendente concesión do Nobel a Bod Dylan. Dúas noticias ás que se referiu o escritor Xabier DoCampo nunha intervención moi fermosa na que defendeu o papel esencial do teatro na formación do lector litearario e gabou como se merece a figura do mestre Manuel Lourenzo. Un serán memorable no que estiveron moi presentes algúns dos textos do autor do Valadouro incluídos en Nunca paraíso, ao comezo coa súa interpretación dunha parte do monólogo “Antes da función” e no remate coa de dúas actrices de Elsinor Teatro da peza “Zanzíbar”.

Xabier Docampo comezou lembrando que coñecía a Manuel Lourenzo dende hai cincuenta anos e afirmando que “Manuel Lourenzo é o gran mestre do teatro galego”. “Mestre de actores, directores, dramaturgos e de estudosos do noso teatro. Mais tamén da creación dun discurso dramático, da obra e do oficio dramatúrxico. Manolo deixou unha impronta que se recoñece nas persoas que educou teatralmente. Como tamén é mestre no sentido pedagóxico, é un pedagogo do teatro, creou unha esocla de teatro, camiñou a carón dos que estaba tutelando e aprendendo”. “A edición deste libro onde se recollen trinta e nove pezas de teatro breve é un recoñecemento de que Manuel Lourenzo estivo alimentando de textos ao teatro galego durante máis de catro décadas. Un libro no que hai teatro, textos que teñen por obxecto a formación de lectores e lectoras de textos dramáticos. Ten por iso un carácter moi importante. O teatral estáno interior do espectador ou do lector, xa que a lectura fai o texto propio do lector. No caso das pezas de Nunca paraíso son todas elas das que implican completamente aos que as apreenden”.

A seguir DoCampo foi debullando comentarios sobre algunhas das pezas do libro que máis lle impactaron nas que se abordan temas principais como a soidade e a propia reflexión sobre o teatro, “que é o mesmo que falar da propia vida”. Rematou Xabier salientando que “ningunha das pezas do libro a viu representada pero acabo de ter o pracer de lelas”. “Este é un libro que elimina prexuízos sobre a lectura de textos dramáticos. A lectura de teatro é que a obra suceda en nós, que nos implique, aí está a verdadeira lectura, a que non sigue dicindo cousas de nós mesmos, como sucede en Nunca paraíso“.

XG00260101Comezou Manuel Lourenzo confesando que non era mérito ningún ter tantas pezas inéditas, “xa que non sei vivir sen o teatro, é a forma activa de vivir a vida, continúo escribindo e participando todos os anos nalgún certame, polo que se van acumulando pezas no escritorio”. “A finalidade do teatro é a escena, pero estamos nun país que aínda ten moitísimas deficiencias, tamén no eido teatral. Todos sabemos que estamos facendo teatro como se pode. Todos sabemos que e moi difícil contar con máis de tres actores. En Galicia desgraciadamente o teatro non se fai visible. E isto é grave xa que un país que non se pode expresar teatralmente non existe como tal. Non pode haber pobo ou nación sen teatro que represente todas as aventuras humanas nin xente que as exprese e que as crítica. Unha nación que non poida ter teatro, que non poida ter unha praza pública para expresarse e para debater as grandes controversias humanas, non existe como tal. En definitiva, sen teatro non hai país”. Rematou Lourenzo expresando a súa confianza no teatro.