O reto da igualdade

No artigo da semana en Faro de Vigo comento a experiencia do Observatorio da Mariña pola Igualdade, que obtivo o Premio da Crítica Galicia 2016 na modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas:

obaervatorio

Os últimos Premios da Crítica Galicia, outorgados hai dez días pola entidade presidida polo editor Bieito Ledo dende hai catro décadas, foron os da igualdade, tanto pola composición dos xurados das súas oito modalidades, correspondentes aos diversos eidos da cultura, como polos recoñecementos que recibiron a escritora e profesora María do Cebreiro, o equipo de investigadoras en literatura infantil e xuvenil dirixido por Blanca Roig, a cantante, compositora e produtora Uxía, a actriz e directora María Barcala do Teatro Atlántico e as compoñentes do Observatorio da Mariña pola Igualdade.

Cada unha destas creadoras, investigadoras, artistas e activistas premiadas, como salientou na súa intervención na cerimonia Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, protagoniza o esforzo das miles de mulleres que en Galicia traballan nos diversos sectores da nosa industria cultural e creativa, un labor inxustamente agochado e silenciado por un sistema que, a pesar dos chamamentos a prol da visibilización das mulleres, continúa sendo masculino e ás veces machista.

De todos os premios da crítica deste ano, probablemente foi o da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, outorgado ao Observatorio da Mariña pola Igualdade, o que máis afondou no chamamento explícito a promover a igualdade real entre homes e mulleres de todas as xeracións e en todos os ámbitos da vida social. Un merecidísimo recoñecemento para unha asociación feminista integrada por mulleres das diversas localidades da Mariña lucense que se xuntan para acadar a igualdade social entre homes e mulleres, superando a discriminación por razóns de sexo.

Dende hai case unha década este grupo pretende xerar conciencia crítica e activar a participación das mulleres na transformación social que supón un proxecto de igualdade. Un movemento integrador, capaz de dinamitar calquera tipo de conformismo, que pretende mobilizar a todas as mulleres dispostas a traballar pola igualdade de xénero participando en actividades e campañas, xerando iniciativas novidosas ou presentando as denuncias necesarias, tendo sempre en conta as particularidades da situación social de mulleres e homes da comarca e os seus problemas e necesidades específicas.

Ademais de velar pola aplicación do principio de igualdade de xénero no conxunto das accións e políticas que se desenvolvan na comarca, o Observatorio da Mariña organiza cursos, charlas, obradoiros fotográficos, vídeo fórum de temática feminista nos centros educativos e cívicos da comarca, así como diversas actividades alternativas que pretenden contribuír a transformar, dende o eido local, unha sociedade patriarcal nunha sociedade igualitaria. Así participa cada ano no Ribadeo Tapeo, no que nos 55 bares participantes reparten 140.000 panos de mesa nos que está impreso o lema “desTAPA a igualdade”.

O Observatorio publicou o seu trivial feminista, unha versión coeducativa do coñecido xogo de preguntas e respostas, ou unha unidade didáctica sobre Antía Cal, a pedagoga de Muras, fundadora do vigués colexio Rosalía de Castro, á que rendeu unha homenaxe o pasado ano. Como particular interese ten a publicación da súa “Axenda Feminista”, sempre de coidada e moi fermosa edición, coa que cada ano o Observatorio pretende visibilizar o esforzo das mulleres galegas nos diversos campos da creación: en 2011 ás esquecidas da nosa historia, en 2012 ás músicas, en 2013 ás escritoras, en 2014 ás teatreiras, en 2015 ás poetas, en 2016 ás científicas…

Xaora, o Observatorio mantén unha denuncia teimosa da violencia machista, procurando que toda a sociedade se posicione en contra de todas as manifestacións de discriminación machista, dos que os asasinatos de mulleres constituén o caso máis extremo. O Observatorio denuncia os recortes persoais e sociais que se produciron nos últimos anos para loitar contra o feminicidio e contra a discriminación, consciente de que a solución á violencia machista, como tanto se ten repetido este 25 de novembro, está tanto no fomento dos valores coeducativos e da educación en igualdade, como en introducir na axenda pública utilizada polas administracións e os medios de comunicación a procura da igualdade como unha prioridade política e social. Eis un reto que a todas convoca.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *