Onte 1869: Falando de Casares no Club Faro de Vigo

R.Grobas. Club Faro

R.Grobas. Club Faro

Resultou moi interesante o retrato que de Carlos Casares perfilamos no serán de onte no Club Faro de Vigo. Moi lonxe dos ditirambos haxiográficos e tópicos tan ao uso nestes días do 17, Gustavo Adolfo Garrido, Iolanda Galanes e Hakam Casares foron capaces de ofrecer unha imaxe desmitificadora dun Casares moi próximo que entusiasmou aos asistentes.

O seu amigo Gustavo Garrido foi capaz de sintetizar a obra e vida de Casares en tres marcas e cinco presenzas decisivas. «As marcas da sinxeleza da forma da escrita, onde non hai atrancos para o lector; a vida como principal tema literario e a importancia da morte. As presenzas convertidas en encrucilladas foron, a primeira, coñecer a Risco en 1959; a segunda, a Piñeiro en 1962, no primeiro ano de universidade; a terceira, a Kristina Berg en 1971; a cuarta, a relación con Torrente nos anos oitenta en Baiona e a quinta, a escritura xornalística, que en 1992 pasou de ser esporádica a diaria, o que lle deu un coñecemento enorme, moi superior ao que acadaran até entón as edicións dos seus libros.»

A profesora Iolanda Galanes fixo o retrato literario de Casares, dende os seus inicios como poeta, compartindo a antoloxía publicada en La Habana en 1970 con outros poetas da súa xeración, pasando polo carácter innovador de calquera da sobras narrativas, até o feito de ser o primeiro escritor galego que contou con axente literaria, Mercedes Casasnovas, o que lle permitiu ser un autor traducido ao castelán, inglés, catalán, éuscaro, italiano, alemán, francés, bretón, ruso, ucraíno. «A obra de Casares non acabou, continúa sendo traducida e interesa, como demostra as publicación recentes de traducións de Ilustrísima ao francés e ao inglés», sinalou Galanes, antes de salientar a importancia da tarefa de Casares como «embaixador de todos nós».

Hakam Casares, o fillo maior de Carlos, contou a vida do seu pai en apenas un cuarto de hora de forma tan brillante como emocionante. Lembrou o primeiro contacto de Carlos co galego en 1941 cando na parroquia de Lamas, en Xinzo, gozou da experiencia da narración popular, o pasatempo principal da época. «O avó Pacó, mestre que lle deu a primeira instrución, era tamén un gran narrador. En cada unha das súas intervencións pretendía facer un relato, o que se convertiu nunha tradición familiar». «Logo marchou ao seminario de Ourense, onde entra en contacto coa cultura, alí había unha biblioteca, moitas cousas para aprender, tanto como lector como escritor. No seminario leu a súa primeira redacción, algo decisivo para el, a pesar de ser apenas un exercicio de clase, e ali fixo o seu primeiro periódico El Averno, cunha tirada dun só exemplar. Cansouse e regresou a Xinzo onde preparou por libre o acceso á Universidade. En Xinzo entrou en contacto co bibliotecario que chegou a deixarlle a chave da biblioteca.»

Seguiu Hakam relatando que en Compostela o seu pai comezou escribindo poesía, pero «pola influencia de Piñeiro abandonouna decontado, xa que consideraba estaba máis dotado para a narrativa». «Pouco despois coñeceu a Kristina. Foi todo unha casualidade. Ela era mariñeira e tiña a idea de dar unha volta ao mundo en barco de vela. Despois de abandonar a viaxe en Inglaterra, quería coller na Coruña outro barco sueco que a levase a América. Encontráronse nun tren de Ourense a Santiago, no que ela viña de Bilbao. O barco nunca apareceu. Casaron seis semanas despois. E a el mudoulle a forma de ver a vida. Suecia era un país aberto, tolerante, onde había igualdade e non había guerra desde hai catrocentos anos. Todo aquilo fíxolle ver a situación política de forma moi distinta.»

Hakam rematou o seu relato lembrando o paso fugar de Carlos pola política, de 1981 a 1985, «onde participou nalgúns consensos importantes como foron os da redacción da Lei de Normalización Lingüística e a creación do Consello da Cultura Galega. A el o que lle gustaba era escribir e tiña, ademais, uncompromiso grande coa editorial Galaxia.». «Lembro ao meu pai traballando todos os días. Daba a imaxe que lle gustaba a intranscedencia e o lecer, pero traballaba moito. Detrás da sinxeleza formal dos seus textos, había un gran traballo».

40 anos dos Premios da Crítica Galicia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do corenta aniversario dos Premios da Crítica Galicia:

PCG_40_ANOSNo serán do martes 16 de maio de 1978 celebrouse no Hotel Samil Praia a cea na que se outorgaron os primeiros Premios da Crítica Galicia. Dende entón e de forma ininterrompida, estes premios recoñeceron cada ano a excelencia e a relevancia dos traballos máis destacados nos diversos ámbitos e disciplinas da creación cultural e da investigación galega (literatura, investigación, música, artes plásticas, escénicas, cine, gastronomía e iniciativas culturais e científicas). Concibidos antes do inicio do proceso autonómico, cando non fora recoñecido o autogoberno galego nin oficializado o uso público e educativo da lingua de noso, os Premios da Crítica Galicia asumiron o protagonismo e a responsabilidade da sociedade civil na tarefa de visibilizar, prestixiar e popularizar o labor dos creadores galegos (“escritores, artistas e intelectuais”) que traballaban “en condicións moitas veces heroicas, á contra e caladamente, case no anonimato”, como figuraba nas intencións recollidas no manifesto fundacional publicado polos organizadores.

Nacidos no buligar daquel Vigo inquedo e estrepitoso de finais dos setenta, coincidente en boa medida coa primeira corporación democrática presidida por Manuel Soto e coa primeira reconversión industrial (un piquete de traballadores de Ascón dirixiuse aos participantes naquela primeira cea), estes premios xermolaron no activismo dos integrantes da xunta directiva do Círculo Ourensán-Vigués (COV), unha sociedade recreativa, non estritamente cultural, que desenvolvía un amplísimo programa de dinamización cultural galeguista con especial incidencia na celebración do 17 de maio, Día das Letras Galegas. Emociona lembrar hoxe que os Premios da Crítica Galicia (bautizados nos primeiros borradores como “Premios Martín Codax da Crítica en Galicia”) naceron apenas como unha iniciativa máis, incluída no programa da “Semana das Letras Galegas” organizada polo COV, do que ademais formaban parte a “Romaría das Letras Galegas”, celebrada en Castrelos (o domingo 14), as representacións de catro grupos teatrais nos locais das asociacións veciñais, así como unha mesa redonda sobre “A cultura galega nunha nova circunstancia política”, na que coordinados por Xesús Alonso Montero interviron X.L. Méndez Ferrín, Ramón Akal, Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé Fortes Bouzán e Luís Álvarez Pousa.

Dende aquela proeza de 1978, repetida noutras edicións, os Premios da Crítica Galicia conseguiron acuñar devagariño un modelo de “traballo aberto, racional e colectivo pola cultura galega, integrador de amplos sectores da cidade para que a cultura non sexa un elemento pasivo nin discriminador”. Un modelo de activismo cultural, alicerzado sobre as trabes do pluralismo, a integración e a independencia dos poderes públicos, capaz de reinventarse en varias ocasións ao longo de catro décadas e de manter un diálogo permanente coa creacióne coa industria cultural, que ao longo deste periodo se foi desenvolvendo con tanta vontade como enormes dificultades para os seus emprendedores. Un traballo heroico ao que non foi alleo o entusiasmo, a teimosía e a afouteza do editor Bieito Ledo, alma mater tanto daquel proxecto fundacional, como presidente do Círculo Ourensán Vigués, como dos actuais Premios da Crítica Galicia, que neste ano ditaminarán a súa cuadraséxima edición o vindeiro 4 de novembro. Unha iniciativa exitosa, na medida que estes premios foron capaces de convertirse nun indicador fundamental da boa saúde (a pesar dos atrancos e dos pasos adiante e atrás) da cultura galega nos seus diferentes eidos, para o que foi decisiva a achega xenerosa e corresponsable do criterio do milleiro de persoas participantes nos xurados das súas oito modalidades.

O vindeiro sábado, 20 de maio, ás 12:00 horas no Auditorio de Afundación da rúa Policarpo Sanz 26, os Premios da Crítica Galicia celebrarán o seu corenta aniversario con todas as persoas que desexen acudir. Estrearase un documental de corenta e cinco minutos de Televisión de Galicia, no que se reconstrúe o relato cultural destas catro décadas, ademais de contar como colofón coa actuación excepcional do gaiteiro Carlos Núñez. Un acto para celebrar este éxito colectivo da sociedade civil viguesa, logo por ventura extendido ao resto do país, tanto pola súa teimosa continuidade, capaz de crear unha nova tradición, como pola súa capacidade de apertura, innovación e integración. Xaora, tamén será unha oportunidade para abordar o futuro tan incerto para a nosa lingua e enxergar con esperanza os retos dunha cultura, que non é allea aos procesos actuais de hibridación dixital nin aos perigos de homoxenización cultural.

Onte 1864: O retroceso da edición en galego

5901ae8f01e58-ztiew

O novo retroceso do número de títulos editados en galego en 2016 é tan agardado como explicable. O remate da implantación dos libros de texto da LOMCE en 2º e 4º de ESO e 2º de BAC, así como a rebaixa da produción do libro electrónico, xustificada pola merma do entusiasmo polo formato epub, explican estes novos datos catastróficos. Factores que continuarán afectando ao longo deste 2017 e que, moito me temo, agoiran un retroceso histórico para a estatística do ISBN en lingua galega deste ano, que acadaría o seu peor resultado nas dúas últimas décadas. Non teño dúbida de que este é un problema específico do sector do libro galego (a edición no resto das linguas oficiais medrou e mesmo lixeiramente a edición en Galicia no seu conxunto), feito ao que non é alleo a súa dependencia do subsector do libro de texto, que vén achegando arredor do 40% da súa facturación e o 20% do seu número de títulos, mais cuxo peso, por moi diversas razóns, diminuirá nos próximos exercicios.

No eido da edición literaria e infantil, o que podemos chamar a edición cultural, o sector mantén as súas cifras, a pesar de que vive totalmente a intemperie, por utilizar un eufemismo, ao abeiro dos avatares do mercado e da competencia coa edición española. As cifras falan por si soas: en 2017 o sector do libro galego contará apenas con 200.000 euros da Consellaría de Cultura para dotar de novidades en galego as bibliotecas municipais. Cifra que supón apenas o 1% da facturación anual do sector (arredor de 20 millóns de euros) e, con respeto a idéntica partida de hai dez anos, un recorte do 84 %.

Porcentaxes inauditas en calquera outro sector económico considerado estratéxico (como establece a vixente Lei do Libro e da Lectura de 2006) que expresan unha evidencia: para os diversos gobernos de Alberto Núñez Feijoo o sector do libro en galego é pouco máis que un bonsai ornamental para exhibir en acontecementos como a Feira do Libro de Buenos Aires e para citar en efemérides rituais como o 17 de maio. Picada o que estes gobernos consideraron «burbulla editorial», aos editores se nos ofrece periodicamente o engado da redacción dese plan da cultura galega (cuxo obxectivo sería abordar tamén as feblezas do noso sector), que aparece e desaparece dende hai anos dos discursos dos responsables culturais do goberno.

Xaora, os teimosos editores galegos continuamos editando tanto como permiten os recursos do noso cativo mercado, intentando facelo o máis atractivo e visible posible. Confeso que en case tres décadas de profesión nunca coñecín un activismo literario tan intenso e estenso como o actual, protagonizado tanto polos autores e autoras como polas editoras e librarías en centos e centos de presentacións, lecturas, asinaturas e referencias nas redes sociais. Un activismo de resistencia que tamén conta e que non aparece nas estatísticas do ISBN. Ampliar a comunidade de lectoras e lectores en galego continúa sendo unha das prioridades do sector, como a da reclamar de todos os poderes públicos que non eludan a súa responsabilidade sobre as políticas de lectura e fomento da lingua galega.

Calidade da noite

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á problemática da contaminación luminosa, ao fío da creación de Calidade da noite, o foro galego portugués polo fomento do patrimonio natural e cultural nocturno.

Vigo_noite

Na actualidade só de forma moi excepcional é posible contemplar dende unha cidade como Vigo un ceo nocturno estrelado. Impídeo o emprego abusivo da luz artificial que provoca un aumento do brillo da atmosfera e, como consecuencia, o incremento do brillo do fondo do ceo e a desaparición da nosa vista dos obxectos celestes que, como a Vía Láctea, forman a paisaxe nocturna que acompaña a humanidade desde as súas orixes. Bautizado como contaminación luminosa, este fenómeno que afecta como un veleno tan sutil como inocuo ao 99 % das poboacións de Estados Unidos e Europa e ao 80% do resto do mundo, que viven baixo ceos nocturnos contaminados de luz, ten efectos moi nocivos. Sobre o  futuro do planeta, na medida que supón un desbaratamento de consumo enerxético e un incremento das emisións de CO2, con inevitables consecuencias sobre o cambio climático. Perigosos para saúde dos propios individuos, xa que altera o seu reloxo biolóxico e modifica a secreción de melatonina, provocando problemas de insomnio e posibles desordes cognitivas e emocionais. Daniños sobre o equilibrio do medio natural, das súas especies, dos seus hábitats e paisaxes, ameazadas pola ruptura do ciclo natural de luz e escuridade.

Abonda con gozar da experiencia extraordinaria e inesquecible de vivir unha noite estrelada nas illas de Cíes e Ons para comprender como un ceo estrelado se ofrece dende a antigüidade como a maior biblioteca do mundo.  Sabemos que as estrelas guiaron durante séculos a navegantes e exploradores e que a noite posúe luz propia que orientou aos seres humanos de todas as épocas e xeografías. O escritor Agustín Fernández Paz lembrou en novelas memorables como Desde unha estrela distante (2013) ou Lúa do Senegal (2009) que por riba das procedencias xeográficas como dos valados que pretenden separarnos todos os seres humanos compartimos idéntico ceo estrelado e un mesmo corno da lúa onde prender os nosos degoiros. Un ceo que dende hai un milenio orientou aos peregrinos camiñantes por Europa e que hoxe auxilia aos refuxiados das guerras esquecidas do continente africano ou das de Siria e Iraq. Os seres humanos común temos o ceo, reescribindo o verso de Celso Emilio Ferreiro,

E por ventura tanto é así que a contemplación do ceo estrelado debe ser recoñecido como un dereito inalienable da humanidade, equiparable ao resto dos dereitos ambientais, sociais e culturais, como propón a histórica Declaración da Palma de 20 de abril de 2007, asinada por representantes da UNESCO e doutras axenciais científicas internacionais. A visión da luz das estrelas foi ao longo da historia, e deberá continuar sendo, unha inspiración para todos os seres humanos, como a súa observación representou un elemento esencial para o desenvolvemento cultural e científico de todas as civilizacións. Declaración da Palma asumida na súa integridade e de forma unánime polo Parlamento de Galicia na súa declaración institucional de 29 de setembro de 2015,  que reclama o control da contaminación luminosa en todo o territorio galego, a protección da saúde dos cidadáns e dos ecosistemas nocturnos,  así como o acceso ao ceo estrelado e a incorporación da Astronomía e dos valores científicos e culturais asociados a ela na actividade educativa.

O noso país non é alleo a esta mancha de luz nocturna que impide a visión das estrelas. Para Salvador Bará, coordinador do laboratorio de contaminación luminosa da Universidade de Santiago, en Galicia desbaldimos o 30 % da luz artificial nocturna dirixíndoa cara o ceo ou a puntos mortos. Un verquido de luz que se intensifica en cidades como Vigo, que conta con 45.000 puntos de luz, o que supuxo no ano 2015 unha factura de consumo eléctrico de 2,5 millóns de euros, unha cantidade anual importante, a pesar dos aforros obtidos pola posta en marcha do plan de eficiencia enerxética e de renovación da rede de alumeado público con lámpadas LED.

E a cerna desta deboura, segundo “Calidade da noite”, o Foro galego-portugués polo fomento do patrimonio cultural e ambiental nocturno, recentemente constituído por colectivos e persoas preocupadas pola contaminación luminosa, estaría en que os nosos concellos asumisen os principios dun uso responsable da luz artificial. Do que se trata é de iluminar onde sexa necesario e facelo sen derramar luz en espazos adxacentes nin enviar luz cara o ceo. Iluminar cando se precise, sen ter a luz permanente acendida, e facelo co nivel de intensidade e co espectro (cor) adecuados, sinalados polos especialistas. En definitiva, á hora de establecer as políticas de iluminación pública, os concellos, ademais dos criterios de eficiencia enerxética, deben asumir os de redución da contaminación luminosa.

Onte 1853: Víctor presidente

Academia_Galega_28-03-2017

A elección de Víctor Freixanes como presidente da Academia debería abrir un período de relanzamento da institución de Tabernas. A experiencia de xestión empresarial de Freixanes, a súa capacidade de comunicación e o seu compromiso inquebrantable coa patria da lingua son razóns abondas para confiar nun proxecto que deberá enfrontar retos complexos. O primeiro, asumir a situación dramática da lingua galega e contribuír ao desenvolvemento dunha alternativa ao vixente decreto de plurilingüismo que, asegurando a adquisición da dobre competencia de todo o alumnado ao remate do ensino obrigatorio, sexa capaz de forxar un amplo consenso social e político. O segundo, consolidar o carácter académico da institución, coa publicación da nova Gramática e co desenvolvmento de novos estudos sobre a produción literaria galega dos séculos XX e XXI. E o terceiro, quizais o máis determinante para o éxito do proxecto, recuperar o diálogo a nivel interno, mais tamén coa sociedade civil, con especial incidencia co asociacionismo e co mundo empresarial. O resultado da votación de onte expresa que o novo presidente conta co apoio dunha maioría ampla no plenario, anque tamén que continúa aberta unha fenda cun sector significativo, aquel que durante as presidencias de Barreiro e Ferrín termou dos proxectos da Academia (como o Portal das palabras, o dicionario en liña ou a comunicación dixital) máis exitosos e valorados pola sociedade. Como tamén será un reto para Freixanes continuar feminizando a institución e pluralizando a procedencia das súas incorporacións, até agora moi debedoras de dinámicas que veñen de moi lonxe. En definitiva, non vai ser doado para Víctor Freixanes transformar a Real Academia Galega nesa factoría de ideas e plataforma de encontro que tanto precisa o país. En todo caso, sei que Víctor e o seu equipo vai intentar darlle a volta ao carpín con toda a súa intelixencia e traballosa teimosía. Os meus parabéns e mellores desexos dun venturoso desempeño.

Rúas para o escritor Álvaro Cunqueiro

Ao fío da polémica suscitada en Madrid, publico hoxe no Faro de Vigo un artigo sobre as rúas do escritor Álvaro Cunqueiro:

Calle_Alvaro_Cunqueiro_Madrid

Felizmente Álvaro Cunqueiro continuará formando parte do rueiro de Madrid. A rúa co seu nome, situada preto do barrio do Pilar, como as bautizadas como Rosalía de Castro, Islas Cíes ou Monforte de Lemos, seguirá sendo testemuña de galeguidade na zona norte da capital. Supérase así unha polémica absurda provocada hai case dous anos cando o nome do xenial escritor de Mondoñedo foi incluído entre os que o equipo de goberno do Ayuntamiento de Madrid estudaba retirar do seu rueiro, en cumprimento do artigo 15 da Lei da Memoria Histórica. Evítase así un delirante “cunqueiricidio”, que nunca debeu producirse, nin sequera no papel, xa que as razóns de que o seu nome fose incorporado ao rueiro madrileño obedeceron aos seus méritos literarios e non ao seu comportamento político, vinculado ao franquismo, tras os primeiros anos do alzamento militar e até o seu regreso a súa vila natal en 1947.

Ninguén discute hoxe en Galicia a simpatía e agarimo que concita a figura literaria de don Álvaro, cuxo nome (como o do poeta Celso Emilio Ferreiro ou da escritora Rosalía de Castro) aparece con fachenda inzado aquí e acolá o país enteiro. En Vigo, o autor de “Merlín e familia” (1955) honra co seu nome o novo hospital do Sergas en Valadares e dende hai décadas un dos institutos de Secundaria de Coia. O seu nome forma parte do rueiro de todas as sete grandes cidades galegas e da maioría das outras pequenas cidades e vilas do país. En todas elas réndese homenaxe a quen foi un escritor memorable, tanto como poeta, narrador, autor dramático e excepcional columnista de “El envés”, pezas publicadas en “Faro de Vigo”, xornal que dirixiu de 1964 a 1970.

Rúas para o escritor Álvaro Cunqueiro de quen herdamos a confianza esperanzosa de traballar a man tenta e a man común para que a nosa lingua continúe florecendo mil primaveras máis. O feliz trasacordo do goberno de Manuela Carmena obedece a idénticas razóns: lembrar e recoñecer ao escritor e humanista galego. Longa memoria para don Álvaro nas rúas co seu nome!

Vigo e a cultura contemporánea

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á desparición do Festival ALT de artes escénicas no marco da actual política cultural en Vigo:

antes_metralla_matarile_alt_vigo

A pasada fin de semana celebrouse a derradeira edición de ALT, o festival alternativo das artes escénicas de Vigo, que dende 2002 desenvolveuse na nosa cidade. Reducido nesta edición a seis actuacións, este ALT 2017, bautizado como “FinALT”, ofreceu no Marco os catro espectáculos integrados no “ALT procrea en feminino”, programa de apoio ás creadoras galegas da AGADIC, onde se presentou “bailarina”, o traballo da catalá Sonia Gómez, reinterpretado pola galega Begoña Cuquejo na súa peza “bailarina hipnótica”, ademais das performances “sujeto visible – sujeto invisible” de Masu Fajardo e “Wakefield Poole” de Celeste González. Un programa escénico que se completou no auditorio do concello co espectáculo de Matarile Teatro “antes de la metralla” e no Instituto Camoens co espazo gastronómico “La cuina furtiva, chegado dende Valencia.

Organizado pola asociación Noescafé Teatro e nacido cando en Vigo non existía nin o Teatro Ensalle (2003) da rúa Chile nin fora creada a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD, 2005), o festival ALT apostou cada ano por traer as propostas máis innovadoras da danza e teatro contemporáneos. Máis de duascentas compañías e medio milleiro de artistas participaron nestes dezaseis anos nunha programación que se desenvolveu en instalacións culturais como o Marco ou o Auditorio Municipal, mais tamén nos espazos públicos transformados en escena, dende escaparates de comercios, rúas e prazas até hoteis, a lonxa ou os propios vitrasas. Sempre coa intención, segundo palabras de Lola Correa, a súa directora, de ofrecer “un festival de corte alternativo en pleno século XXI, onde cómpre seguir experimentando, exhibindo, invadindo os terreos desolados dos escenarios polos menos contestatarios para enchelos de irreverencia, que é a fin de contas o lugar onde deben estar os/as artistas”.

Segundo os seus responsables, o festival ALT vese obrigado a despedirse pola falta de apoio económico do seu principal patrocinador, o concello de Vigo, cuxa achega diminuíu de forma traumática nas últimas edicións, dende os 60.000 euros dispoñibles en 2012 aos 10.000 da última edición, cantidade á que se sumaban no orzamento as achegas aínda moito máis cativas da Xunta de Galicia, da Universidade de Vigo e da propia asociación organizadora, ademais dos ingresos por taquilla daqueles espectáculos de pagamento. Unha redución que provoca finalmente o colapso económico do festival e obriga aos organizadores, a pesar do seu voluntarismo entusiasta e de contar cun público incondicional, a abandonar a organización do festival ou a procurarlle unha sede alternativa. Redución orzamentaria que non é allea, tampouco, ao contexto de recortes do sector das artes escénicas que de 2009 a 2015 diminuíu en Galicia os seus orzamentos nun 70 % inviabilizando a actividade dun sector xa de por si moi precarizado, onde apenas o 6 % dos seus integrantes pode vivir do seu traballo.

O ALT engádese a esa longa lista de festivais e eventos culturais vigueses desaparecidos nos últimos anos, dende a inesquecible Fotobienal ao Vigo a Escena, dende o Festiclown ao Vigo Transforma. Como esoutra lista de festivais en perigo de desaparición como o Sinsal de novas músicas, o Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea ou o Imaxina Sons de jazz, que cada ano emiten o seu desesperado s.o.s. Citas todas elas de referencia, nacidas dende a cerna da creación cultural, xestionadas con poucos cartos e cos criterios de calidade e independencia como sinais de identidade. Eventos que proxectan a Vigo no panorama internacional como referente das diversas expresións das artes contemporáneas, afastados dos modelos de espectacularización da industria cultural e do lecer, que sabemos tan efémeros como anodinos.

Cómpre atallar este devalo cultural tan desacougante. Vigo precisa definir de vez o seu modelo cultural estratéxico no marco metropolitano, que oriente a medio e longo prazo as programacións de eventos e o funcionamento das súas redes de bibliotecas, museos e centros culturais. Un modelo onde as expresións da cultura contemporánea, como o ALT ou a Fotobienal, teñan recoñecido o seu peso e a súa viabilidade. Como é imprescindible que as persoas, empresas e institutcións vencelladas á creación, difusión e xestión cultural expresen con liberdade e independencia a súa opinión e orienten nun Consello Municipal de Cultura un proxecto asumido de forma corresponsable polas diversas administracións con competencias na cultura viguesa (Concello, Universidade, Deputación, Xunta e Goberno de España). De non facelo con urxencia e con esa altura de miras, Vigo corre o risco de caer na irrelevancia cultural.

Onte 1844: James Rhodes en Compostela

rhodes_compostela_09-03-2016

«Boas noites, galegos», foron as primeiras palabras que James Rhodes pronunciou no seu concerto de onte no Pazo de Congresos de Compostela, ás que seguiron as súas desculpas polo Brexit e a súa declaración de animadversión a Donald Trump. Un adianto do que sería o ton dun concerto onde o londiniense trufou as súas interpretacións virtuosas de fragmentos de Bach (marabilloso o adagio do concerto número 3), Beethoven e Chopin coas súas intervencións orais nas que reivindicou o papel da música como salvadora das vidas e a posibilidade de que todas as persoas con vontade puidésemos ser pianistas, Antes da apoteose ritual das catro derradeiras pezas, foi a interpretación de «Chaconne», a peza de Bach, o momento máis intenso dun concerto cuxa escenografía e pulsión respondía máis ás convencións do pop cas da música clásica.

O pianista, autor de dous libros de éxito, o famoso Instrumental. Memorias de música, medicina e locura e o máis recente Toca el piano: interpreta a Bach en seis semanas, demostrou que na cultura contemporánea as expresións do creador son cada vez máis híbridas  e transversais. Un pianista clásico en vaqueiros e camiseta negra, reivindicando en Compostela a Chopin, interpretando a Bach e Beethoven, monologando en inglés diante dun milleiro de galegos, asinando despois centos (si centos) de exemplares da súa autobiografía publicada en castelán, onde dá conta dos abusos sufridos na infanciaa, deume moito que pensar na viaxe de regreso a Vigo.

Grazas a Ángeles Feijoo pola foto.

Onte 1838: O Vindel vai a Vigo

1280px-Martim_Codax_Cantigas_de_Amigo-1024x742

Merece os maiores parabéns o acordo da Universidade de Vigo e da Consellaría de Cultura que permitirá expoñer o Pergamiño Vindel no Museo do Mar de Alcabre entre outubro de 2017 e marzo de 2018. Péchase así, felizmente, a xestión iniciada pola Asociación Cultural Pertenza de Vigo que solicitou á Pierpont Morgan Library de Nova York a cesión temporal para a súa exposición en Vigo da que é unha das primeiras pezas do patrimonio literario galego e icona da cidade e da ría de Martín Codax. Unha exposición e un programa de actividades literarias, musicais e artísticas que convertirá a Vigo durante uns meses en capital literaria da lusofonía, ademais de importante atracción do turismo cultural portugués. Mágoa que o o concello de Vigo renunciase a participar nun fito histórico para Galicia e para a propia cidade. Apenas outra doa perdida máis no triste devalo cultural dunha cidade deitada nos brazos do conformismo cesarista. Beizón para os responsables da Universidade de Vigo e da Consellaría de Cultura pola súa xenerosa colaboración interinstitucional, unha cultura de acordos que tanto precisamos en Vigo.

Onte 1831: Manuel Lourenzo Honoris Causa da ESAD de Galicia

Manuel_Lourenzo-ESAD_15-02-2017

Foi unha honra ser convidado pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia para facer a laudatio de Manuel Lourenzo no día no que foi investido coa mención honorífica de Profesor Honoris Causa deste centro público de educación teatral. Un acto moi emocionante no que moito aprendimos do mestre do teatro galego, unha das figuras actuais de referencia da cultura galega contemporánea.

Non é doado resumir a intervención de case unha hora de Manuel Lourenzo, falando, entrando e saíndo da escena, contando e cantando. Un discurso inesquecible tanto polo dito como pola forma de expresalo (recomendo ollar a galería de fotos tirada no acto). Definiuse Lourenzo como «un traballador do teatro» e lembrou unha pintada que vira pola mañán á saída de casa: «Calla y compra»: «Quero entender a sociedade na que vivo, saber como é. Esta frase é un retrato perfecto. Nós seguimos comprando, mentres continúa a fragmentación da nosa lingua, un proceso que non cría que se fose producir de forma tan rápida. Reparástedes en que a maioría dos nomes actuais dos rapaces son bisílabos, Hugo, Daniel? Repárastedes que nas aldeas dise “Chao” e xa está todo dito. Esta inmobilidade do pensamento choca coa literatura. Cando fun interno á Coruña comprei Hamlet, na miña vila só vendían tebeos, non había literatura. E lin aquel Hamlet á luz da lanterna, case ás escuras.»

Lembrou Lourenzo os seus primeiros contactos coa linguaxe teatral: «A primeira referencia que tiven foron esas compañías móbiles que chegaban a miña vila para representar Genoveva de Brabante e nalgunha zarzuela na que participei na casa do cura. Logo na Coruña comecei con Pancho Pillado facendo algunhas gamberradas». «Na Sociedade da Gaiteira vin a un señor que falaba cos brazos abertos e namoroume, Ramón Otero Pedrayo. Oín unha lingua que aínda non sabía escribir ben. Daquela era difícil para un rapaz escribir con soltura sen medo a meter a pata. Naquela conferencia había xente da rúa entusiasmada, a pesar de que quizais non entedese todo. Outra vez fun a unha conferencia de Cunqueiro sobre a metáfora na asociación de artistas. Cunqueiro falaba situándose por riba do resto, cunha certa solemnidade. Era un desvergonzado. Gardo del un artigo sobre a invasión viquinga no que recordo falaba de que na zona de Riotorto quedara un viquingo lanceado baixo un carballo, estaba desolado por aquel camiño polo que non pasaba ninguén, xa que non podía dicir as súas últimas palabras para incorporalas á saga; aprendín que non se pode morrer sen deixar memoria e gardar a nosa palabra».

Pasou depois Manuel Lourenzo a falar do seu contacto co teatro independente: «En 1970 contactamos con Los Goliardos, que representaban con moito éxito Historias del desdichado Juan de Buenalma con textos de López de Rueda. Angel Facio, o director, era home de ideoloxía libertaria, tiña moita graza. Eles foron o noso modelo de itinerancia. Co Teatro Circo comezamos a ir a Asturias e a calquera outro lugar de España onde eramos recibidos como irmáns. Esa maneira de excitar a imaxinación do público obrigábanos a traballar moito. Mesmo chegou a haber unha certa trasposición do teatro independente cara o teatro comercial. Despois veu a profesionalización, chegaron as subvencións dándolle importancia a elementos externos como a iluminación e a escenografía, que eu non uso.»

«Hoxe o corpo pídeme máis guerra. Co tempo os actores simplifican o seu traballo, precisamos claridade e simplicidade, afinación física e vogal. O teatro é gritos nunha praza, cans nunha praza. Chegas a unha praza, onde a xente se reúne, e chamas a atención sobre o que che pasou, ti es a máscara.» «Eu quixera dicirvos que aquel teatro foi autoxestionado por asociacións que nos contrataban por ser militantes da lingua, logo tiñamos a posibilidade de ir a Portugal. Aquel teatro autoxestionado pasou a ser protexido. Houbo xente que se aproveitou e non achegou moito ao noso teatro. Sempre lembro unha frase que dixo Schiller: “o día que haxa teatro alemán haberá nación alemá”. Cada cidade creaba o seu teatro e aquel lugar era un espazo de encontro, unha forma de ver os seus retratos e as súas liviandades. Convidaba aos espectadores a tomar parte e deixalos falar».

«Tocoume unha época de teatro moi politizado, que pasou a ser moi interesado e pouco politizado. Por haches ou por bes comezou un desinterese por crear estruturas máis fortes. Nos anos 80 e nos comezos dos 90 houbo fracasos do teatro independente en Madrid e Barcelona. Eu cerrei con el cando creei o Clube de Teatro Elsinor, a aventura sigue en pé, facendo o teatro que queremos, introducindo un pouquiño de alegría nas vidas. Descubrín que ser actor era marabilloso por que inventaba o espazo. Vino a través dos alumnos de CasaHamlet, sendo actor estás inventando a túa propia máscara, o espazo somos nós e sóbranos de todo».

Rematou Manuel Lourenzo referíndose a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia: «Quero agradecer a creación desta institución e teño que agradecerllo a Manuel Vieites que tivo a insistencia necesaria para crear este proxecto. Este é un lugar onde acudir».

O texto da miña intervención pode lerse en pdf aquí.