Campo do Fragoso CXLVI
O empate fronte Osasuna foi un excelente resultado para o Celta. Tras unha primeira media hora terrible, cando puido recibir unha goleada escandalosa, na que enmudecimos cos seus infames erros defensivos, por ventura compensados polos despistes atacantes dos navarros, o equipo de Luis Enrique conseguiu acougar aquel tremendo temporal. Primeiro, obtivo a igualada, grazas a unha xenialidade imprevisible de Augusto, que improvisou un gol dun centroxute dende a dereita que semellaba escasamente perigoso. Despois, deu un paso adiante e foi adormecendo durante unha hora o xogo, até facer recuar aos navarros no seu ímpeto, ofrecendo un fútbol práctico, mais aborrecible e insípido para os seus propios seareiros.
Como sucede decote, Luis Enrique introduciu novidades no seu cadro inicial, na súa rolda de trocos de tan dubidosa eficacia. Nesta oportunidade recuperou a Orellana para a banda esquerda, deixou no banco a Nolito e a Álex López, xunto ao sancionado Charles, un dos mellores goleiros (con cinco caroliños) do equipo esta media tempada. Coa excepción da motivación que isto supuxo para Krohn Dehli, esta mudanza non mellorou o funcionamento dun equipo que saíu a velas vir. No primeiro cuarto de hora, o Osasuna pasou por riba do Celta coma unha ciclóxenese das que falan agora os meteorólogos. Polo acontecido na lameira durante eses minutos, os dianteiros vermellóns estragaron catro goles feitos, nunha noite na que agoiramos se cocía un desastre moi considerable para Luis Enrique. Un trebón que por fortuna para os nosos amainou grazas a unha faísca dese talento (intermitente) que posúen en ataque, o máis esperanzador dos seus valores.
Durante os noventa minutos vimos a un Celta con escasa fluidez, incoherente no relato do seu xogo, confuso e descompensado. Non foi nunca un equipo gañador ou que expresase vontade de selo. Con todo, a horrible primeira media hora, quizais a peor de toda a media tempada, puxo en evidencia o principal problema do equipo, as súas enormes carencias defensivas, dende a posición das súas catro pezas, pasando pola escasa coordinación entre ambos os dous centrais, os buratos abertos polas subidas dos laterais, a baixa intensidade nas marcas e axudas, até a inseguridade para defender por riba saques de recanto e outras accións a balón parado. Neste partido, coma noutros anteriores, foi inevitable lembrar a Andrés Túñez, un central da canteira xa formado, feito e dereito, con experiencia internacional, excluído polo adestrador sen explicar nunca razóns do seu criterio técnico.
Este cuarto empate dos de Luis Enrique en Balaídos xa chove sobre mollado. De vinte e sete puntos xogados, o Celta obtivo sete (só unha vitoria, diante do Almería), apenas o 25,92 %, unha porcentaxe que o sitúa como un dos peores locais da categoría. Non foron mellores, tampouco, os resultados obtidos cos equipos da súa liga, xa que perdeu co Elxe, Raio, Valladolid, o que é un motivo de importante preocupación. Por ventura, os resultados melloraron cando os celestes foron visitantes, grazas ás tres vitorias en campos andaluces, que axudan a maquillar unha media tempada mediocre, até agora, con cifras por baixo das que obtivo a pasada de Paco Herrera.
Tras o turrón, chegará para o Celta e para o seu adestrador a hora da verdade. Teño a impresión que para manter a categoría este cadro de xogadores, tan xusto no seu número de efectivos coma nas súas posibilidades, require reforzos nas tres liñas. Coma son necesarias mudanzas na actitude e comportamento dun adestrador que aínda non conseguiu atopar nin cadro nin esquema de seu nin consolidar a indispensable confianza e simpatía dos seguidores celestes.