Onte 607: O libro dos amigos de Carlos Casares

Transcorridos apenas once anos do pasamento de Carlos Casares, o escritor Rafael Laso xuntou nun volume as testemuñas de trinta e tres amigos do autor de Vento ferido. Un libro que constitúe tamén unha primeira achega biográfica á traxectoria vital e literaria de Casares, ao tempo que un álbum fotografico con instantáneas moi simpáticas e agarimosas do escritor de Xinzo. Laso tivo a deferencia de convidarme a participar no libro con esta entrevista:

1. Como vías a CC (como escritor, como persoa)? 

–Lembro a Carlos Casares con moitas saudades. Carlos foi un compañeiro editor, co que compartín xuntanzas, proxectos, viaxes, xantares e moitas horas de conversa; mais Carlos tamén foi para min un autor de referencia como lector, ao que seguín, libro a libro, dende 1975, artigo a artigo, día a dia. Carlos foi sempre un referente.

2. Que faceta de CC destacarías?

–Carlos foi un narrador nato que posuía unha curiosidade vital permanente. Utilizou os soportes da narración oral, onde foi un xigante, como os dos diversos xéneros narrativos, fose os de rexistro longo, como a novela, como os máis breves, que empregaba decota nos seus artigos diarios. Esa curiosidade levouno a interesarse por todas as novidades, especialmente as tecnolóxicas, das que foi un adiantado na cultura galega. Casares cría que unha lingua e cultura de dimensión reducida coma a nosa tiña na innovación tecnolóxica a súa mellor oportunidade de futuro. Moitas veces teño pensado canto celebraría fitos da cultura dixital que non coñeceu como a aparición dos blogs (dos que foi pioneiro sen sabelo) e das utilidades hipertextuais e multimodais como youtube, a popularización dos e-books, a disrupción que supuxeron os teléfonos e taboíñas dixitais ou a transmisión por streaming de actos nas instalacións do Consello da Cultura Galega, institución que contribuíu a modernizar durante os anos nos que foi o seu presidente.

3. Que calidades destacarías na súa escrita?

–Fose nas historias breves sobre as miudallas autobiográficas do cotián vivido ou lembrado, escritas a correr no despacho ou no aeroporto, mais coa fluidez, a claridade e a retranca dos seus relatos orais de cafetaría, Carlos sempre achegaba unha faísca de luz, un fulgor que irradiaba sentido no coñecemento da alma humana. Outrosí tamén é o meu Casares preferido o dos relatos de “Vento ferido” e “Os escuros soños de Clío”, mesmo o dos medidísimos textos de literatura infantil como “A galiña azul” ou “As laranxas máis laranxas” o do narrador depurado que consigue unha prosa transparente, afastada de calquera grandilocuencia que vai directa ao corazón do lectorado.

4. Se tiveses que escoller unha soa, con cal das súas obras te quedarías? Por que?

–A pesar de que non me gustan moito este tipo de eleccións, probablemente quedaría por unha razón afectiva con «Vento ferido», xa que foi un dos primeiros libros galegos que eu lin.

5. Que cres que lle debe a cultura galega a CC?

–Carlos foi home que pretendeu forxar acordos básicos, algo moi valioso par a cultura galega, do que hoxe carecemos. Iso foi unha das súas achegas significativas. Tamén o foi o seu espírito innovador e prospectivo, como o seu compromiso e interese pola proxección internacional da nosa lingua e literatura.

6. Se che fose posible, que lle preguntarías hoxe a CC?

–Preguntaríalle onde mercou o teclado que incorporou ao seu Ipad.

A foto de grupo tomouna Xurxo Lobato o 11 de novembro de 2001, o día que asinamos con Santiago Rey o contrato para a publicación da Biblioteca 120. Entre os nove editores galegos que participamos naquel extraordinario proxecto figuraban Carlos Casares e Isaac Díaz Pardo. A miña lembranza para eles dous. A foto da maqueta ferroviaria (unha das paixóns de Carlos) é de Guillermo Cameselle (xullo de 1995).

Onte 531: Biografía de referencia

Na presentación en Couceiro, a crítica Chus Nogueira cualificou Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro como «un libro excepcional, a biografía de referencia sobre Celso Emilio Ferreiro». Para Nogueira no libro de Ramón Nicolás «sorprenden a magnitude, a amplitude e rigor dun traballo que o converten nun libro de referencia». “Que hai de extraordinario nesta biografía?” preguntouse Nogueira. «Paixón, honestidade, elegancia e delicadeza para abordar cuestións biográficas, vontade de estilo e unha estrutura coral, polifónica na que tanto podemos ler a voz do investigador, do propio Celso, as voces autorizadas convocadas e a voz dun narrador que se vai interpolando e que nos achega ao que poderiamos considerar como “unha biografía novelada” moi atractiva». Concluíu Nogueira salientando que eran estes «textos moi fermosos que levan a un man a man entre o biógrafo e o biografado, entre o investigador e o narrador, reforzando a inmersión no universo Celso Emilio, harmonizando dúas técnicas do relato biográfico aparentemente enfrontadas». Foi a de Chus Nogueira unha presentación magnífica, modélica pola súa claridade didáctica e profundidade crítica!

Onte 413: Na Casa dos Poetas

Dixo Celso Emilio Ferreiro que «Celanova ten a dimensión exacta para ser andada». No serán chuvoso de onte puidémolo comprobar, antes de participar na presentación do libro de Ramón Nicolás Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro na Casa dos Poetas da Fundación Curros Enríquez. Antonio Piñeiro foi o agarimeiro anfitrión co que percorremos as salas todas dunha das casas museo máis xeitosas, dinámicas e visitadas do país. Ademais dos tesouros currosianos alí expostos, coroa poética incluída, a Casa dos Poetas garda no seu segundo andar, onde está instalada a biblioteca, outras pezas de enorme interese. Na galería está unha instalación espectacular que ningún visitante debe perder: «Redes Escarlata contra Maquieiro» de María Estarán, Xoaquina Silva, Xosé Carlos de Dios e Oriana Méndez. Nestes meses é tamén obrigada a visita ás saliñas de homenaxe ao celanovés César Moreiras («Spock» ou «Cesarito»), un dos fundadores do Frente Comixario e un dos pioneiros da banda deseñada galega. Falecido apenas aos vinte e nove anos, Moreiras foi un polifacético artistas urbanos dos oitenta, músico (membro de «Última adevertencia»), xornalista (correspondente en Celanova de La Región), fancineiro e comiqueiro. Gustáronme moito as súas planas axedrezadas e xeométricas, case sempre en branco en negro, como as da da súa particular homenaxe a Longa noite de pedra, o libro publicado por Celso Emilio no mesmo ano que naceu Moreiras. Eis as coincidencias da providencia laica. Esta humilde exposición de Moreiras merece ser divulgada e coñecida.

Imaxe destacada: «Redes Escarlata contra Maquieiro» de María Estarán, Xoaquina Silva, Xosé Carlos de Dios e Oriana Méndez

Onte 349:«Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro»

Case coincidindo co cincuenta aniversario da publicación de Longa noite de pedra, chegaron os exemplares de control de calidade da agardadísima biografía de Celso Emilio Ferreiro preparada por Ramón Nicolás. Probablemente esta biografía monumental, froito dun traballo de investigación moi concienciudo e demorado, constitúa un dos maiores acontecementos do exitoso Ano Celso Emilio. Do excelente traballo do meu admirado Moncho Nicolás, do que sei se falará devagariño nas vindeiras semanas quixera adiantar e salientar neste adral apenas tres cuestións. Primeira: a amplitude do relato e a diversidade dos milleiros de fontes documentais e orais consultadas debuxan un perfil moi completo do autor de Onde o mundo se chama Celanova. Esta será, sen dúbida, durante moito tempo a biografía de referencia sobre Celso Emilio. Segunda: a integración de parte do epistolario de Ferreiro, até agora completamente inédito, achega numerosas novidades biográficas escritas en primeira persoa, ao tempo que clarifica episodios até agora polémicos. Terceira: o magnífico pulo narrativo de Ramón Nicolás, mesmo a súa vontade de estilo inequívoca, tanto nos capítulos de investigación como naqueloutros «ficcionados», fan engaiolante e amenísima a lectura dun libro que supera as seiscentas páxinas. Esta biografía literaria de Nicolás, como a de Barreiro sobre Murguía ou a de Rodríguez sobre Rosalía, amosan o pulo, tamén en galego, dun dos xéneros narrativos preferidos hoxe entre o lectorado literario. Recomendo todas as tres moi vivamente.