Onte 2126: Xela Arias tradutora, catálogo actualizado

Tiven onte a fortuna de participar como moderador da mesa redonda Letra a letra con Xela Arias. Colaboración e tradución, organizada pola Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Hora e media intensa da primeira homenaxe á #XelaAriasTradutora na que participaron tres tradutoras que colaboraron con ela hai trinta anos, Lidia Iglesias Izquierdo, co-autora da versión galega d’ As bruxas de Roald Dhal, e Débora Ramonde e Rafael Ferradáns, co-autores da versión galega de Dublineses de James Joyce. Un achegamento, que tamén constituíu unha primeira homenaxe da propia facultade, da que Xela Arias foi alumna de Filoloxía Hispánica en 1991, a unha tradutora dun catálogo de 35 títulos traducidos ao galego, pioneiro e moi significativo, no que se inclúen títulos de poesía, novela, relato, literatura infantil e xuvenil e cómic anosados dende linguas como o castelán e portugués, inglés, francés e italiano.

Un catálogo autoral iniciado e rematado polos poetas Carlos Oroza e Charles Baudelaire, no que figuran autores e autoras como Angela Carter, Alice Vieira, Gloria Pampillo, Gianni Rodari, Juan Farias, Jorge Amado ou Camilo Castelo Branco; ou obras como O Quixote, O derradeiro dos mohicanos ou Drácula. Un traballo de tradución premiado pola Sociedade da Lingua Portuguesa, polo Ramón Cabanillas e polo Plácido Castro postumamente. Un traballo autodidacta como tradutora literaria que Xela Arias iniciou cando en Galicia non existían os actuais estudos de tradución e interpretación, coa precariedade que iso supoñía, por riba nun momento de fixación da norma ortográfica e de inicio da modernización e profesionalización do sector editorial galego.

Un esforzo de Xela Arias por incorporar ao catálogo do libro galego títulos intrnacionais de prestixio, que como sinalou cando lle foi concedido o premio da Sciedade da Língua Portuguesa, poñían en valor á propia lingua e operaban como acicate da creación na lingua propia. Xaora, abonda lembrar as cifras desta fantasía: en 1991 editáronse en galego 597 títulos dos que 125 foron traducións, case o 21 %, cifras que en 2008 e 2009 chegaron a multiplicarse por catro, e hoxe despois da crise apenas constitúen o dobre, mesmo a pesar de contar con dous selos especializados en tradución. Xela Arias foi unha participante moi destacada neste proxecto na súa dupla condición de editora de Xerais e tradutora. Labor para o que contou coa colaboración doutras tradutoras pioneiras, como Lidia Iglesias, Débora Ramonde, Rafael Ferradáns ou María Xesús Lameiro.

Pódese acceder ao catálogo en pdf que preparamos con motivo desta intervención de obra traducida por Xela Arias, tanto como tradutora literaria para o galego e tradutora técnica para o castelán. Repárese que sendo un documento aberto inclúe algunhas traducións que até agora non aparecían nas bibliografías de Xela Arias.

A miña gratitude ás profesoras Ana Luna e María Reimóndez e ao profesor Alberto Álvarez Lugrís, argalleiros desta primeira homenaxe a #XelaArias2021

Onte 2124: «Cobiza», a novela de ciencia ficción de Reimóndez

Dende a súa primeira novela, O caderno de bitácora (Positivas, 2004), María Reimóndez non volvera utilizar os recursos narrativos ofrecidos polo xénero da ciencia ficción para deitar unha ollada de grande angular sobre o presente. Faino agora na novela Cobiza (Xerais, 2021), Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual de xénero 2020, coa intención de abordar o proceso de construción do sexo e do xénero, as identidades e orientacións sexuais no marco das pandemias provocadas polo colapso ambiental do planeta e o seu quecemento global. Temas abordados nunha complexa e logradísima trama de ciencia ficción feminista e ecoloxista que se desenvolve tras a Gran Desconexión (GD), catástrofe planetaria debida a un fallo técnico provocado pola sobrecarga  eléctrica que as persoas pobres provocaron na rede de conexión dixital disposta para o avance tecnolóxico; en definitiva, bens e servizos da tecnoloxía dixital, da ciencia e da intelixencia concibidos só para aquelas persoas que puidesen pagalos.

Cobiza relata a peripecia da travesía oceánica de Dandara, Tassi e Seh-Dong, seres doutra caste, creados dende a materia vexetal das resinas, concibidos para vivir centos de anos sen dor nin doenzas ningunhas, cuxa existencia ficara oculta para o mundo, como concibira Luz a súa creadora, coa intención de que a humanidade volvese a súa esencia máis  primixenia. Escrita no período de pandemia, aborda algunha das cuestións esenciais do tempo presente como o valor da ciencia e a tecnoloxía, a escravitude sexual, a explotación dos ventres de alugueiro, a natalidade obrigada nos países empobrecidos… Un formidable negocio para unha corporación internacional, a poderosa Life Corps, capaz de proporcionar a solución (a vacina) para cada pandemia, mais que non ten outra orientación que a proporcionada pola cobiza, un monstro de rostro cambiante orientado a obter o máximo beneficio. Unha reflexión que na novela amplíase sobre o carácter da reprodución, a incomunicación e as posibilidades de colaboración, adquirindo unha dimensión moral xa que a cooperación e o coidado son dous requisitos básicos para a vida dos seres humanos.

Cuestión central na trama da novela, como é adoito neste xénero da ficción científica, é a descrición da organización dunha sociedade dividida entre os Recunchos e as Capitais (onde se fala a lingua única e só se preservou a onomástica das linguas propias), na que todo esta baixo o control do Sistema de Vixiancia Mundial (SVM) e onde cada persoa, seres humanos, seres híbridos e seres metálicos (os androides que traballan como «técnicos») están controladas e non poden saír dos límites permitidos para cada unha delas. Como tamén son fulcrais a abordaxe das cuestións ambientais, nun planeta onde os oceános foron ocupados polos plásticos, os animais salvaxes practicamente desapareceron e a alimentación é homoxénea e compacta, presentada por pastillas.

Con todo, a cerna de Cobiza está na esculca de María Reimóndez sobre o propio concepto do humano, sen divisións binarias e clasificacións establecidas pola anatomía. Que valor ten ter pene ou vaxina?  Que significa ser muller? Podemos ser o que desexemos? É posible desenvolver seres completos sen os vicios dos humanos? Onde queda o papel dos afectos?  Que alcance vai ter a Intelixencia Artificial (AI)? Reflexións sobre identidade e orientación sexuais, como sobre o futuro do planeta doente, na que autora despois de douascentas páxinas sen tregua, propón sementar a esperanza dun mundo novo.

Novela de ciencia ficción importantísima para a literatura galega, polo seu diálogo con clásicos contemporáneos, como O conto da criada de Margaret Atwood (2019 Irmás Cartoné), mais tamén decisiva no catálogo cada vez máis diversificado e amplo dunha autora esencial da literatura galega actual. Outra proeza literaria de Reimóndez que aventuro como un dos libros de excelencia deste novo ano. Recomendo non perdelo.

Onte 2121: «Os paxaros e outros poemas» de Daniel Salgado

Pelexando e retorcendo a linguaxe, no seu libro máis recente, Os paxaros e outros poemas (Xerais 2021), Daniel Salgado ofrece unha visión transversal sobre a natureza nun momento político de retracción (ou derrota provisional) «no que clase obreira se desintegra impasíbel». O autor de Éxodo (Xerais 2006) e  Dos tempos sombrizos (Xerais 2013) reune agora  trinta poema escritos entre 2015 e 2019 dirixindo a súa ollada sobre a lama e a beleza, sobre os horizontes borrados e as marxes dunha natureza humanizada no precipicio do colapso. Baixo a apariencia dun catálogo de aves urbanas, Salgado ofrece algúns dos poemas máis memorables da súa escrita de espírito materialista. Velaí «Oración», que abre o libro, «A lavandeira e a dúbida» ou os tres incluídos na Coda, «Sobre a moral», «Sobre a liberdade» e «Sobre a linguaxe», onde topamos con versos tan logrados: “Nin as flores máis brancas impiden a dura realidade / Nin o significado se nos revela en cada abrocho”.

Libro de poemas importante, inzado de intertextualidades poéticas, cinematográficas, musicais e  políticas, propón ao lectorado esculcar nas marxes e nas pregaduras da historia para afrontar medos e derrotas nun tempo onde a natureza foi completamente colonizada pola historia. A pesar de que é consciente de que “non seremos libres / mentres haxa quen padeza”, de que “a insurrección volve adiarse” e mesmo de que “os xustos sempre ceden” (verso demoledor), Daniel Salgado deixa neste mapa de sombras e manchas unha fenda para o valor do poema e da propia linguaxe. “Tendemos a esquecer / que calquera dobra do idioma agocha vermes. / E así e todo porfiamos”. Un libro moi interesante. Recomendo vivamente.

Onte 2119: «Un século, un día…», primeira páxina poética de Xela Arias

Seguindo o fío que deixou Valentín Arias na súa biobliografía de Xela Arias, revisei onte devagariño a hemeroteca d’ A Nosa Terra de 1982, até que din co que considero, até agora, a primeira páxina poética publicada pola autora viguesa. Titulada como «Un século, un ano, un día, un nada…», dividida en catro partes e ilustrada polo pintor Xosé Guillermo, o texto de Xela Arias compón ao xeito fanzine (propio de comezos da década de 1980) unha fermosa páxina ilustrada para a sección Guieiro (de creación poética e narrativa) do número 178 do semanario nacionalista, de 26 de febreiro a 4 de marzo de 1982.

Xela Arias inicia a colaboración con Xosé Guillermo, responsable da capa e do deseño dos interiores do seu primeiro libro Denuncia do equilibrio, así como dun dos retratos máis logrados da escritora.

Transcribimos o texto do poema:

«Un século, un día, un minuto, un nada…»

Soio
Soio
Soio
Morrer morto
Nas rodas do tranvía
Soio
Suicidio
De formigón
Nas entrañas da técnica
Soio
Canto de neve
Desvanecendo ideas
Soio

Chove
Mesto e miudo

As gotas chaman á porta das herbas

Unha anduriña di que ten fame
Un home di que ten presa

Chove
e o tempo vaise mollando.

A luz do sol
entra pola ventana
a esbarar
a rir
é fuxir?
ou será chegar?
Soio sei que dende logo
rir e esbarar.

ti
eu
il
e soio somos un,
neve no firmamento que nos engole
eu
il
ti
e soio somos un,
longo camiño de estrelas
curto tempo-reló de área
il
ti
eu
e soio somos un,
a buscar outro e outro
pra ser un máis grande

Xela (poemas) e Xosé Guillermo (debuxos)

Publicado en A Nosa Terra nº 178, Do 26 de febreiro ao 4 de marzo de 1982

Onte 2118: «Interna» de Oriana Méndez


Escrito durante o período de confinamento estrito, Interna, o libro de poemas de Oriana Méndez, gañador do Premio AFundación 2020, é unha viaxe, un tránsito polos territorios propios e máis descoñecidos da perda, ese fondo sen fondo onde se esculcan as sombras e os fantasmas dos medos e da propia morte, «na fatiga íntima, na defnitiva / da que non se volve nin distinto». Un libro que representa este tempo incerto de peche cara o interior que estamos vivindo, tamén un período depurativo de extinción, no que a poeta viguesa entre as vésperas negras anticipa un chío tenue de esperanza nas portas dunha cidade que ingresa no tempo do resío. Unha escrita sonámbula, cualifica Daniel Salgado en poderoso limiar, diría eu, tamén, devastadora, núa, íntima, dolorida. Un libro que manca, que obriga, que interna no lector. Valiosa tamén é a instalación do gran Ramón Trigo ao fío da presentación de tan excelente poemario. Beizóns, admirada Oriana.

Onte 2117: «A nosa Negra» de Harriet E. Wilson

Lin de dúas sentadas A nosa Negra (Hugin e Munin 2020), a novela de Harriet E. Wilson anosada dende o inglés ao galego por María Reimóndez. Unha oportuna edición dun orixinal publicado en 1859, que chega quince anos despois de que o fixera en castelán na castellonense editorial Ellago do noso admirado editor Francisco Villegas Belmonte, falecido prematuramente hai case tres anos.

Adoptando as convencións da novela sentimental e do relato de escravas, A nosa Negra mestura con acerto a autobiografía coa ficción coa intención de denunciar en 1859 (no debate sobre a abolición) a escravitude da poboación negra dos estados sureños, mais tamén o racismo, o maltrato, o abuso, a pobreza e a hipocrisia relixiosa  que padecían as mulleres negras libres que vivían nas cidades do norte, como a propia autora da novela, unha das primeiras escrita por unha afroamericana.

Magnífica é a tradución literaria da escritora María Reimóndez, capaz de facer chegar con fidelidade e enxebreza o rexistro dun texto marcado pola súa época, así como contextualizar as súas referencias literarias de forma didáctica e atractiva para o lectorado. Como parabéns merece Hugin e Munin por rescatar para a nosa lingua un texto referencial sobre as orixes do racismo, que non perdeu nin actualidade nin interese, continuando así a construción dun catálogo traducido de excelencia que supera os setenta títulos.

Onte 2116: #XelaArias2021

Desde o día de aninovo veño publicando diariamente no perfil de Twitter chíos e fíos arredor da figura e da obra de Xela Arias coa intención de contribuír a dinamizar a celebración do vindeiro 17 de maio. Utilizando o cancelo #XelaArias2021 e o espírito colaborativo da rede pretendo ir perfilando durante uns meses unha sinxela biografía virtual con apoio fotográfico, videográfico e musical da escritora viguesa, así como unha escolma da súa obra poética, sobre todo da que permaneceu dispersa en xornais e revistas, reunida pola profesora María Xesús Nogueira na súa magnífica edición Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004).

Ademais, considero útil que baixo este cancelo #XelaArias2021 se poidan ir etiquetando os recursos didácticos (impresos, dixitais, audiovisuais) que vaian aparecendo nos vindeiros meses, así como visibilizando as actividades e iniciativas xelísticas. Insisto no espírito colaborativo dunha proposta concibida como tarefa compartida. Roubándolle un verso esencial a Xela, propoño que fagamos «a espiral continua, sinuosa, delicada e interminable…»

Onte 2115: Entrevista a Tita Fernández Paz


Xulio Villarino, sobriño de Agustín Fernández Paz, fíxome chegar este documento de grande interese literario, a conversa (doce minutos) entre Tita Fernández Paz e a súa neta Aldara sobre a orixe da pulsión literaria do mestre Agustín.

Tita explica o interese literario de Agustín por nacer nunha familia moi lectora, de carpinteiros e músicos, que contaba con tres estantes de libros mercados polo pai. Desvela que os tres irmáns, tanto a ela como a Agustín e a Luis, o que morreria no seminario, gustáballes ler na cama nos cuartos da bufarda da casa, atapando as rendixas para ppoder ler até as dúas da mañá.

Como confesa Tita que na súa casa se contaban aínda moitos contos arredor da lareira, como era o caso da Capadora, unha muller maior que ía polas casas e contaba historias de medo. Tita atribúe ao mestre don Félix das escolas públicas a insistencia a Agustín para que escribira e lera.

Con respecto ao período de formación de Agustín, Tita recoñece que ao seu irmán non lle gustaba a Peritaxe que cursara na Universidade Laboral de Xixón e que despois de rematala díxolle ao pai que quería facerse mestre.

Un documento interesante para o arquivo sobre a figura humana e literaria de Agustín. Grazas a Tita e a Aldara.

Onte 2114: Entrevista na revista «A movida»

A xornalista Tamara Novoa tivo a deferencia de facerme esta entrevista para a revista cultural mensual A Movida. Co pretexto da publicación de Vigo, puro milagre, Tamara soubo tirarme da lingua e falei de como concibo o papel do editor en lingua galega, da miña relación cos autores e autoras, da situación cultural da cidade de Vigo e do futuro da lingua galega, entre outras. Queda no blog como arquivo. Mil grazas a Tamara polo seu interese e traballo na transcrición como o autor das fotos no miradoiro do Paseo de Afonso.

Onte 2112: «Illa decepción» de Berta Dávila

Como sucedeu en 2020, comezo o ano lendo a nova novela de Berta Dávila, Illa decepción (Galaxia 2020). E como me acontecera con aquela Carrusel (Galaxia 2019), unha peza de ourivaría literaria de beleza hipnótica, volvín quedar rendido diante doutra novela memorable, termo que lle gustaba utilizar a Agustín Fernández Paz cando un libro lle prestaba moito, moito. En efecto, nesta Illa decepción Berta Dávila afonda na súa estratexia autoficcional, desta volta quizais dun xeito máis amable e optimista, para abordar temáticas que xa lle son propias na súa obra literaria como a influencia dos espazos (aquí as súas casas como moradas) na conformación das identidades e memorias emocionais e familiares ou as posibilidades do artefacto novela como o soporte máis eficaz dunha creación superadora das convencións da ficción narrativa ou da composición poética. Novela de autoficción, pois, poética e metaliteraria, que amosa a madurez plena dunha autora que se supera en cada entrega.

Formalmente, Dávila constrúe esta novela curta (recunca no Premio Repsol) como díptico de dous relatos longos («Algunhas casas» e «Illa decepción»), ensamblados no urdime dunha mesma voz narradora marabillosa que percute no lectorado pola súa claridade, precisión e fluidez. Eis, na calidez e honestidade desa primeira persoa, para o mestre Agustín a peza clave de calquera narración que adopte esa voz, quizais radique o imán desta prosa engaiolante, penetrante que predispón ao lector ou á lectora a gozar dunha experiencia nas que as pulsións do real, sexa vivido, lembrado ou imaxinado, e do distópico xogan no mesmo terreo.

Nun texto, insisto en cualificalo de memorable, prendín emocionalmente con algunhas escenas e situacións literarias extraordinarias, dificilmente esquecibles, que converten a cada lector ou lectora en protagonista do que está lendo. Velaí a xestión da morte do avó, as vidas recreadas a partir das postais mercadas en Marsella, o abandono da casa de verán e o reparto do enxoval, as experiencias de mudanza, a utilización paródica dos videoxogos (ollo coa illa Fortnite!), o encontro a cegas na herboristería, o valor dos obxectos (marabillosa a homenaxe á ebanistería!) para construír a memoria da paisaxe… E moitas outras que, canto menos no meu caso, aconsellan unha nova lectura máis devagariño, na que atopar novos matices e gozar de detalles e enlaces afectivos. Parabenicémonos os lectores e lectoras da actual narrativa galega por contar cada ano con textos da autora compostelá tan interesantes como esta Illa decepción. Recomendabilísima. Beizóns, Berta Dávila!