Gran tiburón branco
Eis o magnífico booktrailer do Gran tiburón branco, o novo libro de Samuel Solleiro que Xerais publicará no vindeiro mes de xullo.
Eis o magnífico booktrailer do Gran tiburón branco, o novo libro de Samuel Solleiro que Xerais publicará no vindeiro mes de xullo.
Presentamos Castelao na Unión Soviética en 1938, o libro no que don Xesús Alonso Montero defende o filocomunismo e prosovietismo de Castelao durante a Guerra Civil. Como xa é adoito nas súas presentacións, o Profesor ditou unha conferencia sobre os principais contidos do libro. Comezou relatando a viaxe que realizou o rianxeiro, acompañado da súa dona e durante vinte e seis días, a tres repúblicas da Unión Soviética, formando parte dunha delegación plural que representaba á España leal. Logo, analizou os dous textos principais incluídos no libro: a entrevista preparada por Luís Soto para a revista Nueva Galicia –para don Xesús escrita polo propio Castelao– e a carta ao seu amigo Rodolfo Prada, que achega interesantes matices para comprender o seu esquerdismo durante este período. O carácter táctico da colaboración do Partido Galeguista coa Frente Popular, coa intención de acadar a Autonomía, estratexia na que acreditaban Castelao e Bóveda, e a influencia da teorización de Stalin no concepto de nación acuñado en Sempre en Galiza foron outros dos temas principais abordados con afán didáctico por Alonso Montero na súa clarificadora intervención.
O salón de actos da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Compostela quedou pequeno para acoller aos aistentes á presentación d’ As meigas de Lupa, a primeira novela xuvenil de María Solar. Magnífica foi a lectura que realizou Xurxo Ayán que comezou definindo a obra como «un libro de servizo público» para lembrar despois a importancia de contar con relatos en galego sobre feitos protohistóricos galegos, algo que non existía hai 25 anos cando el era un lector novo. O arqueólogo salientou que o libro de María Solar «pon faciana ao noso pasado, xa que mesturando cultura e mito sabemos como se vivía aquí hai dous mil anos. A literatura e o relato histórico científico que realizamos os arqueólogos son o mesmo relato». Rematou Ayán reiterando «o carácter de servizo público deste relato de lectura sinxela e engaiolante, mais de construción narrativa complexa» e lembrando unha frase que Álvaro Cunqueiro pronunciou no seu discurso de entrada na RAG: «Temos futuro se seguimos crendo en tesouros, ananos e meigas». María Solar comezou o seu discurso confesando que «estaba condenada a escribir este libro, xa que foi educada entre mitos e lendas que lle contaba a súa nai. «Quixen transmitir esa riqueza tremenda da tradición». Referiuse logo a xénese da obra e o esforzo de documentación na reconstrución minuciosa da vida nos castros. Rematou referíndose a que non sabía se existiu ou non a Raíña Lupa, mais si que »estaba acreditado que daquela existiu unha muller de poder». Pechou a presentación Fran Pérez «Narf» que interpretou a «Nana de Ze Mambico». Fermoso serán de comezo de verán.
Levounos case tres horas percorrer entre a babuxa o camiño entre Vigo e Viveiro. Foi un fermoso e moi concorrido serán poético no que presentamos, cunto a Marica Campo, Un niño no xardín, o quinto libro de poemas para nenos de Xoán Neira. Foi emocionante a intervención do autor que confesou ser moi rilkiano xa que «quedei abrazado a infancia para sempre e marcado pola natureza». Neira definiu o seu poemario como «un libro ecolóxico» e recomendou a súa lectura que permite «deterse nas pequenas cousas que a vida diaria non deixa tempo a ollar». A escritora Marica Campo comezou anunciando que «a poesía non debe faltar na equipaxe da vida. É tan necesaria coma o pan de cada día. É un pracer. Contrarresta a violencia e ensínanos a sentir cos outros». Logo defendeu a importancia educativa da poesía xa que «achega claves para entender a realidade, sendo necesaria para a comprensión do mundo e de nós mesmos, sen esquecer que contribúe a aprender a soñar, o obxectivo principal da educación». Marica dedicou a última parte do seu parlamento a glosar Un niño no xardín, unha mostra da mellor poesía infantil arredor dos reinos da natureza. Definiu o libro como «puro ecoloxismo» e abeizoou ao autor polo resultado emocional que provocan os seus poemas.
Despois de varios meses de intensa e concienciuda edición, chegaron os primeiros exemplares de Atl, a obra de Manuel Lourenzo González gañadora da XXIX edición do Premio Blanco Amor de novela. Este fermoso volume de 540 páxinas e encadernación acartonada contén un texto no que se propón un novo achegamento á Atlántida, o continente perdido, dende perspectivas que van dende a historia e o mito, até a crónica e a fábula. Esta é unha engaiolante novela de acción, de lectura moi áxil e entretida, mais tamén unha coidadísima e complexa obra de ficción científica na tradición das mellores obras do xénero. Unha distopía que retrata de forma minuciosa e verosímil outra sociedade posible, na que se lle outorga moita importancia á política, ao desenvolvemento tecnolóxico postdixital, á ciencia e o coñecemento, a relación coa natureza, así como as formas de vida cotián, nas que existen escasas posibilidades para a iniciativa persoal. Revísanse así, os grandes temas da condición humana e da organización social nun espazo, que o autor sitúa «nalgún mar do noso interior máis profundo», e nun tempo futuro que pode ser calquera nese continente perdido. Neste momento de desconcerto e desacougo sobre o futuro, a reflexión que Atl propón sobre a deriva dunha sociedade futura é de enrome interese. Sen dúbida, Atl é unha novela importante na traxectoria solidísima do autor, froito dunha década de traballo, mais tamén creo que marcará un fito na narrativa galega do século XXI. Parabéns!!!
Gustoume moito que as páxinas deportivas de Faro (sempre excelentes) sinalasen no pasamento de Manuel Fernández «Paíño» a súa condición de futbolista lector e rebelde. Efectivamente, o goleiro de San Paio de Navia, de quen nos falaba con saudades meu pai, pichichi que foi en primeira división co Celta (no 48) e co Madrid (no 52), sempre tivo que navegar a contracorrente pola súa condición de fillo de republicáns. A pesar de ser unha figura indiscutible, un home gol nato dunha afouteza temeraria, capaz de pelexar con aquelas defensas temibles, só puido participar na selección española en tres ocasións, xa que naqueles anos do medo foi identificado como o «futbolista rojo». Non foi convocado para participar no mundial de 1950, quizais por que non contaba coa certificación de «cojones y españolía» reclamadas polos responsables deportivos do réxime. Mesmo Arriba criticouno por ser lector dos novelistas rusos: «Que se puede esperar de un futbolista que lee a Tolstoi y a Dostoievski», preguntábase retoricamente o xornal de Falanxe. Paíño, un alcuño que facía referencia a máis cativa ave mariñeira, confesou nunha das súas últimas entrevistas, que como lector amaba a Ramón Cabanillas e Ernest Hemingwy, o que demostra as moi vellas relacións entre o mellor fútbol e a literatura. Upa, Paíño, grande!!!
«Como puido tanto un home só» foron as palabras coas que Rexina Vega iniciou a emocionante homenaxe a Valentín Arias. Un serán no que se lembrou a unha persoa que Beiras definiu como de «enteireza enorme, de afouteza extraordinaria e de xenerosidade sen límites». Unha persoa extraordinaria, para Víctor Freixanes «un esteo», para o seu fillo Lois «un home ordenado que traballou arreo porque quería mellorar Galicia». Nas miñas palabras salientei a súa importante relación con Xerais, sobre todo na etapa fundacional da editorial, o seu carácter de «patriarca dos tradutores galegos» e o seu carácter de «home de país» que desenvolveu un labor polifacético, actividades todas nas que se entregou cunha xenerosidade incesante, unha discreción superlativa e unha dispoñibilidade permanente para o abrazo e a axuda máis fraternal con todos aqueles que compartían ansias e vieiros. Foi o de Valentín Arias, pois, un labor de alicerce e soporte esencial sen o que non poderíamos entender o pulo da cultura textual en galego do noso tempo. Home de elegancia natural e trato agarimeiro forxou acordos en positivo alí onde se precisaba a súa presenza. Mais e sobre todo, Valentín Arias exerceu como mestre no sentido máis amplo desta palabra sagrada. Ben merecería que a cidade na que viviu durante corenta anos o lembrase co nome dunha rúa onde rezase «Tradutor e mestre Valentín Arias». Con todos os nosos abrazos para Amparo, os seus fillos e oito netos.
Marcos Pérez Pena pediume que en apenas trinta segundos expresase as razóns polas que Agustín Fernández Paz merece unha Homenaxe Nacional. Non hai dúbida que aos membros da Cerna de Prolingua –a promotora desta iniciativa civil aberta a todos os amigos e amigas, admiradores e admiradoras do escritor– moveunos o afecto e o desexo de expresar agarimo por quen tanto fixo polos proxectos colectivos a prol da dignidade da lingua e pola galeguización e renovación pedagóxica da escola nosa. Unha homenaxe, tamén, de estrita xustiza a unha persoa que representa unha extraordinaria dimensión moral. Durante case catro décadas, tanto nos proxectos colectivos nos que participou (dende Adarra e MCEPG, pasando polo Colectivo Avantar e Nova Escola Galega, até Prolingua), como no traballo profesional que desenvolveu como ensinante (na Coruña, Gernika, Mugardos e Vigo, até a súa xubilación), Agustín foi motor infatigable, referente de honestidade e racionalidade, así como de compromiso insubornable coas súas conviccións pedagóxicas, democráticas e galeguistas. E se a isto non abondase, como escritor foi capaz de desenvolver en case vinte e cinco anos unha obra narrativa de calidade, moi coidada, diversa e sempre engaiolante para o lectorado de todas as idades. Agustín é hoxe un dos escritores que conta con máis lectores e lectoras en galego, mais tamén con moitos seguidores nas outras comunidades onde foron traducidos a maior parte dos seus libros, sobre todo en Cataluña e Valencia. A Homenaxe Nacional do 30 será unha oportunidade para expresarlle a este mestre a nosa gratitude por tanto e tanto que lle debemos.
Morreu Ray Bradbury, o grande escritor dos libros viventes, do que tivemos a fortuna de editar en galego, traducidos por Magdalena Fernández Pérez, dúas das súas novelas mçais memorables, Crónicas marcianas e Fahrenheit 451. Un autor que defendeu o poder da lectura e a ledicia da escritura, concebidas coma unha celebración e un pracer, mais tamén coma unha conquista colectiva. Foi, ademais, como el recoñeceu no magnífico prefacio da edición inglesa de 1993 de Fahrenheit 451, o autor do século XX que máis poemas, ensaios, relatos, pezas teatrais e novelas creou sobre bibliotecas, bibliotecarios ou autores. No seu pasamento recupero un de tantos fragmentos da súa obra que me teñen impresionado:
O meu avó dicía que cando alguén morre sempre debe deixar algo atrás. Un neno, un libro, un cadro, unha casa, unha parede ou un par de zapatos feitos por el mesmo. Ou un xardín, por exemplo. Algo onde deixar a túa pegada, para que a alma teña un sitio onde ir cando morras. Así, a xente mirará esa árbores ou esa flor e ti estarás alí, dicía o meu avó. Tanto ten o que fagas, dicía tamén, con tal de que cambies algo de como era ao principio e o transformes noutra cousa parecida a ti. A diferenza entre algúen que simplemente sega o céspede e un xardineiro auténtico está no toque persoal. A obra de quen sega o céspede pasará desapercibida; a do xardineiro permanecerá alí toda a vida. Fahrenheit 451
Si,Bradbury foi un xardineiro das palabras.
As primeiras xuntanzas dos xurados dos Premios Xerais 2012, impedíronme participar no fermoso acto organizado pola RAG nos coruñeses xardíns de san Carlos para presentar «A volta ás Letras en cincuenta días». 50 deseñadores e 50 autores crearon 50 carteis nos que se homenaxea a cada un dos escritores que protagonizaron o 17 de maio, dende a primeira edición do Día das letras Galegas en 1963. Unha iniciativa artística excepcional promovida pola RAG, que Ferrín está transformando tamén en factoría creativa, apoiada en man común polas asociacións profesionais e empresariais de deseñadores gráficos, escritores, artes gráficas, editores, libreiros e bibliotecarios. Os carteis, que foron publicados o 17 de maio nun suplemento de Faro de Vigo, están sendo enviados estes días ás librarías, bibliotecas e centros de ensino secundario. Unha marabilla!
As 50 pezas poden baixarse en pdf aquí (ollo 9,2 megas), como tamén o libro conmemorativo, Todas as Letras, editado pola RAG con motivo dos 50 anos das Letras.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
