Onte 2147: Entrevista en «Biosbardia»

Agradezo a Manuel Veiga a súa xenerosidade para recoller en Biosbardia seis horas de conversas nas que falamos de ensino, edición, lectura e política. Queda para o arquivo do blog.

Manuel Veiga Taboada.

Naceu en Vigo en 1959. É o maior de seis irmáns. O seu avó paterno era un emigrante zamorano de preto de Toro. A súa avoa Maruxa, e despois a súa nai, traballaron vendendo froitas e legumes na praza do Progreso. Empezou a vida laboral sendo mestre e ten previsto acabala da mesma forma, a pedagoxía sempre foi unha das súas inquietudes. Entre medias traballou 28 anos na editorial Xerais, os últimos 24 como director. A súa actividade, intensa e bastante diversificada –hoxe é presidente da Fundación Luzes e secretario dos Premios da Crítica–, levouno a ser un dos principais referentes da cultura galega. Unha escolma dos seus artigos en Faro foi publicada en 2019 co título Vigo, puro milagre. Velaquí o resumo de seis horas de conversa, distribuídas en cinco sesións, que tiveron lugar na cafetaría do Museo de Arte Contemporánea (Marco) de Vigo. Manuel Bragado fala, por primeira vez, da súa saída da editorial, dá repaso á súa militancia cultural e política e di o que lle gustaría para o futuro.

A súa é unha vida de editor, pero comezou como mestre.

O meu primeiro emprego foi en Vivas, unha academia da rúa do Príncipe, en Vigo. Foron tres meses de 1983. O 23 de febreiro produciuse a expropiación de Rumasa, cando Miguel Boyer era ministro e Felipe González, presidente. A directora da academia pasou por todas as clases dicindo: “Niñas, acaba de llegar el comunismo a España”. Eu entrara naquela academia en teoría como psicopedagogo, pero daba clase de lingua española. Outro día, a directora paroume nas escaleiras e díxome: “Mire como va vestido, van mejor los albañiles”. Na Semana Santa decidín preparar as oposicións de Preescolar. Púxenme a chapar e díxenlle a dona Remedios Vivas que marchaba. Montoume un cristo. Aprobei co número un. Sempre fun moi vehemente cando me comprometía con algo. Por certo, era a primeira vez que se convocaban e a primeira vez que se lles permitía aos homes dar clases de preescolar.

Antes tivera na facultade algúns profesores moi progresistas.

Herminio Barreiro e Antón Costa Rico foron os meus mestres. Eu son da xeración ERGA que tiña oitenta afiliados na facultade de Filosofía e Ciencias da Educación. Barreiro daba Historia da Educación. Os alumnos de primeiro xa iamos ás súas clases aínda que non nos correspondía. Tiñámoslle devoción. Costa, que debía ter 24 ou 25 anos, estaba relacionado co movemento pedagóxico Freinet. Aquilo chamábase Movemento da Escola Popular Galega. Os meus dous credos foron a galeguización educativa e a renovación pedagóxica. Na facultade coñecín a Rafael Ojea, a Suso Jares, a Xosé Manuel Cid, a Mariló Candedo…

Foi fundador de Nova Escola Galega.

E o seu presidente do 86 ao 88.

E fixo tamén o percorrido clásico dos mestres por varias escolas…

A primeira en Budiño, no Porriño, despois estiven sete anos nunha unitaria da parroquia de Camos, en Nigrán. En medio pasei un ano en Bande, que era onde tiña o destino definitivo a miña muller. Ese tempo de Bande foi inesquecíbel.

Por que?

Aprendín moitísimo. Non tiña a experiencia dun lugar así. No café de Benita estaba sempre o alcalde, Amador de Celis, que era de Vitorino [Núñez, fundador de Centristas de Galicia e antecesor dos Baltar], estaba o da Caixa, os médicos que viñan de Ourense… Alí coñecín a Elixio Rodríguez [autor de Matádeo mañá]. Dixéronme que ía chegar un galeguista de México, de conversa moi interesante. Coñecino da man de José, un crego galeguista tamén. Eu non ía á igrexa, pero con aquel cura pasei moitas horas. En Bande dei clase de EXB e tiven de alumna, en oitavo, a Ana Belén, era boa estudante, pero foi o meu maior fracaso como pedagogo [Risos. Ana Belén Vázquez é na actualidade deputada polo PP no Congreso, de verbo moi acendido]. Despois volvín coa praza definitiva para a miña escoliña de Nigrán.

E despois xa veu Xerais.

Foi un pouco casual. Chegoume pola vía da Revista Galega de Educación, o meu primeiro proxecto importante. Como era o membro do Consello de Redacción que vivía máis preto da editorial, encargábame de facer o seguimento de cada número. Así, no 86, coñecín o equipo de Xerais de Luís Mariño, a Xosé Manuel Crego, Celia Torres, Siro Iglesias… A min chamábanme “o da revista”. Xerais publicábaa porque quería que a súa liña educativa, que levaban Agustín Fernández Paz e Xosé Lastra, fose o máis coherente posíbel. Nun momento de relanzamento buscamos un director para ela e pensamos en Vítor Freixanes, pero tivo un accidente de tráfico. No verán do 90, sendo xa Freixanes o director da editorial, faloume de incorporarme ao equipo para levar a parte educativa. Era o momento da Logse, unha oportunidade para as editoriais porque había que renovar todos os libros. Díxenlle que non, pero en setembro volve insistir, dime que vai marchar Xela Arias e que necesitan ampliar o persoal de edición. E así entrei no oficio, de forma un pouco fortuíta, e aqueles dous primeiros anos convertéronse en 28.

Tamén militaba.

Aquela década está vinculada a Esquerda Galega, partido do que formei parte desde que se formou, no 1980, até que se disolveu, xa como PSG-EG, no 92. Fun «camilista» [por Camilo Nogueira] ao longo de todo ese tempo. É unha familia e unha comunidade de afectos da que me sinto corresponsábel, nos acertos e nos erros.

Despois volvemos a iso. Pero agora quería saber algo máis da experiencia en Bande.

En febreiro do 89 fomos ao antroido de Laza, ao de Xinzo e ao de Verín, onde coincidimos con Xabier Docampo e María Xesús Bello. Quedamos impresionados, era brutal, nada sofisticado. Nestes trinta anos a cultura popular refinouse moito, destilouse. Iso tamén é unha conquista colectiva. Había carrozas tiradas por vacas, obscenidade, homes vestidos de muller con compresas manchadas. Lembro a visita que nos fixeron o músico Henrique Macías e María Justel, moi amigos nosos. Teño unhas fotos de Macías no Monte do Viso que identifico cos seus momentos de ledicia, el que vivía tan atormentado e que tivo un final tan abrupto. Tamén lembro o avance do encoro de Lindoso, foi tremendo cando desapareceu a aldea de Aceredo. Hai unha curta impresionante do fillo de Antón Avilés de Taramancos sobre iso. Durante un tempo vivimos en Celanova. Pasei alí a folga de mestres do 87 que durou 31 días. Alí escribín o borrador do que foi o «Manifesto da Escola Pública Galega».

Que máis lembranzas ten dos tempos de ERGA na facultade?

Xosé Miranda e Bieito Iglesias eran os comandantes, os que dirixían. ERGA foi unha escola política e sentimental que nos marcou moito. Eu entrara no galeguismo en agosto do 1975, con Henrique del Bosque, compañeiro de colexio e co meu amigo do corazón Xosé Luís Nieto Pereira, Pelos. Aos 14 anos foramos xuntos á Universidade Laboral da Coruña. Alí estaban Xosé Manuel Pazos, que era galeguista, e Antón Lama Pereira, do Partido Comunista, e un grande educador que nos abriu o mundo do teatro, do cine e dos libros. Empecei a ler moito e a falar en galego. Cando volvín nas vacacións, a familia quedou asombrada. En agosto do 75 asistimos a un curso de galego do ILG na Escola de Mestría de Torrecedeira que impartía Carme Panero. Ademais de Del Bosque e Pelos había un tipo que se chamaba Antón Reixa. A nosa xeración intentouno: ERGA, aquel primeiro BNPG, a ANPG. No verán do 77 formei parte dos expulsados de ERGA, nunha xuntanza na Asociación Cultural de Vigo. Uns foron con Xosé Luís Méndez Ferrín e outros fomos con Camilo Nogueira. Sobre todo, o importante foi a autoorganización. As transformacións sempre son colectivas e as salvacións  individuais. Esa xeración xa non está na política.

Algúns si, Jorquera, Néstor Rego…

Si, certo. Francisco Jorquera, Rego, Manolo Barreiro, Lourenzo F. Prieto e outros, como o meu irmán Eduardo, forman parte dunha gran xeración da facultade de Historia.

A experiencia como profesor foille útil no mundo editorial?

O que lle dá sentido á miña vida profesional nas dúas etapas é o interese pola lectura e a escritura. A lectura como competencia clave que permite ser cidadán. Como profesor de Infantil estaba especializado en grafomotricidade, que é a combinación de movementos que se acaba transformando en texto. Eu como lector nunca fun sistemático, lía de todo e iso contaxiou a miña forma de editar. Nunca fun dunha escola senón máis ben ecléctico, que é o que precisaba Xerais e o sector até o seu momento máis álxido que foi no 2008. A partir de aí foi especializándose. Sempre entendín que non toda lectura é estritamente literaria.

Que quere dicir?

Hai edición literaria e outra que é unha lectura necesaria para todos os públicos. A literatura é para un sector afeccionado á arte. Non todo cidadán ten que ler a William Faulkner, pero todo o mundo debe entender un prospecto ou un formulario para ser atendido.

Que peso tiña o libro de texto daquela en Xerais?

O texto facturaba case o 40%, era o que permitía desenvolver un catálogo xeneralista. Foi a grande idea de Xulián Maure, deseñar unha empresa cunha proposta educativa propia e un modelo de educación comprensiva. Daquela era un mercado en moito crecemento. O tronco da editora era o texto, o que permitía crear as outras coleccións: a infantil e xuvenil que daba beneficio, a literaria que era a máis vistosa e a que daba identidade, aínda que en rendementos non era a mellor; despois viña un caixón de xastre que incluía os dicionarios que chegaron a facturar o 10% e que tamén crearon marca. Por último estaban os libros de cociña, as axendas, etc.

“O lector literario hai que formalo, con flexibilidade e deixando que cada quen siga o seu itinerario persoal”

Dixo antes que o momento máis álxido foi o 2008. Que pasou despois?

Caeu a parte educativa, a consecuencia da implantación do modelo de libro de préstamo. Os libros, en vez de venderse cada curso, pasan a venderse cada catro ou cada seis. No 2008 facturamos seis millóns de euros. No 2009-2010 pouco máis de tres. A partir de aí houbo que resistir, cun esforzo moi grande por parte do persoal e da empresa. O decreto de plurilingüismo de Feixoo tamén nos afectou. Facturabamos 200 mil euros cos libros de matemáticas e, da noite para a mañá, desapareceron. Pode que non semelle moito pero equivale a vender dez mil exemplares dunha novela. Co decreto tamén se reduciu o uso do galego na educación infantil. A nosa presenza entre ese alumnado pasou do 20 ao 5%. Dos 22 mil escolarizados a esa idade, uns catro ou cinco mil usaban o galego. Co decreto pasaron a mil e agora aínda son menos. Pero, ademais do préstamo e do decreto, estivo o ámbito dixital co servizo que agora proporciona directamente a consellaría a través de Edixgal. Foi unha reconversión moi difícil e coincidindo en plena crise global. Foron anos moi malos para todo o sector. Como presidente da Asociación Galega de Editores tiven que loitar en moitos despachos. Un alto cargo da Xunta chegou a dicirme que había que acabar coa burbulla editorial galega e cos altos salarios dalgúns directivos. Unha tolería.

Con todo, o mundo dixital está aí.

Eu sempre quixen hibridar o dixital co texto. Empecei o blog no 2005 precisamente para aprender e para ensaiar a escritura hipertextual. E con iso volvo á miña preocupación de sempre pola escritura. Pero esa reconversión sucedeu tamén con outros produtos como os dicionarios. Agora as referencias son o da Academia e o de Rinoceronte, os dous dixitais. Pero boa parte do traballo de minaría anterior fixémolo nós en Xerais, e o ILG por suposto. Nunca fomos capaces de facer rendíbeis os dicionarios dixitais. A consulta na internet, na lectura global, tende ao gratuíto. Aínda que non sucede con todo, por exemplo non ocorre no ramo da medicina ou no xurídico, onde hai que pagar polas bases de datos. Este problema tamén o ten a edición en castelán: tamén Planeta, Random e as independentes. É un problema global.

Tamén se fala moito da crise das librarías.

Para as librarías a facturación do texto aínda era máis importante, se cadra chegaba ao 80%. E se as librarías van mal ou van a menos iso tamén lle afecta á distribución do libro literario. O sistema literario galego sempre pensou que era autosuficiente, que chegaba co talento dos creadores e para min iso é máis complexo. Inflúe a distribución, que se reduciu, cada vez hai menos puntos de venda. Agora colocar douscentos exemplares non é fácil. Podemos chegar ao modelo de ter unha libraría boa, moi bonita, pero só nas cidades. E para o demais está Amazon. Resistímonos a Amazon pero agora é probabelmente o segundo cliente da editorial. O primeiro lugar ocúpao Arnoia, unha das mellores distribuidoras de España, da que as editoras galegas podemos estar ben orgullosas.

E queda outro grillón, o dos medios e as redes.

A prensa é fundamental para informar das novidades e despois está a mediación das bibliotecarias e do profesorado. Sen un traballo sistemático aí non é posíbel a edición literaria. Agora as redes sociais están creando confusión porque se xuntan críticos literarios, académicos e afeccionados que comentan as súas lecturas. Sempre se di que o importante é a visibilidade, pero a mediación ten tamén un aspecto formativo. Uns críticos son máis fiábeis ca outros. Por certo que os mellores lectores da crítica sempre son os editores. De min poderanse dicir moitas cousas, pero non que polemizase cun crítico. En 28 anos nunca o fixen. Sempre os respectei e teñen dito verdadeiras barbaridades sobre os nosos libros. Cando sacamos a colección Fóra de xogo, n’A Nosa Terra titularon: “Chega o lixo á literatura galega” ou algo así. E iso que era unha colección pensada e preparada por xente con moito criterio. Pero hoxe entendo ese recibimento porque abrimos unha liña de literatura de fronteira entre o literario e o produto de lectura. Agora a colección leva 200 títulos e máis dun millón de exemplares vendidos e cónstame que contribuíu a formar xa dúas xeracións de lectores literarios. Igual que se fala da xeración Xabarín, podíase falar da xeración Fóra de xogo. Aí están Sombra cazadora, de Suso de Toro, Cando petan na porta pola noite, de Xavier P. Docampo ou Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, da que se levan vendidos máis de cen mil exemplares. Son tres libros recomendados pero tamén tres libros literarios. O lector literario hai que formalo, con flexibilidade por suposto e deixando que cada quen siga o seu itinerario persoal. Ledicia Costas, María Reimóndez, Antonio Manuel Fraga, Antía Yáñez ou Andrea Maceiras foron lectoras ávidas desa colección.

Había daquela xente formada para editar?

En Galicia, todos os editores da miña xeración fomos autodidactas. O traballo compartíase coas empresas de fotocomposición. No 90 chegou a autoedición, grazas aos ordenadores. O editor pasou a encargarse de todo o proceso de creación editorial. Custounos algo máis o cambio ao libro electrónico, pero tamén o conseguimos a partir do 2011.

Cantos orixinais recibiades?

Arredor de 200 algúns anos. Todos os días chegaba algo no correo. A miña primeira valoración era intuitiva. En base a ela facía tres grupos: os manuscritos que lle pasaba a outros lectores da editorial, os que, seguindo o meu olfacto, levaba para a casa e os que ían ser devoltos. Estes últimos nunca os valorei, sempre quixen ser cortés, aínda que é certo que ás veces demorábame. A dispersión é unha das características do traballo de editor. Ultimamente lía en pdf e sígoo facendo cos amigos que me envían orixinais.

Supoño que ao principio o galego non era moi bo.

Foi un proceso colectivo de alfabetización. Agora case non hai orixinais con faltas de ortografía.

Asistiu a moitas reunións fóra de Galiza, tanto do grupo Anaya coma doutro tipo. Como se ve a literatura galega desde fóra?

Con moitos prexuízos.

De que clase?

De ser unha literatura menor. O sistema literario español foi moi severo co noso. Aínda custa moito que os nosos autores e autoras sexan traducidos. Tampouco funcionou o transvase ao catalán ou ao éuscaro. Máis alá do ámbito infantil ou xuvenil hai poucas traducións, tamén pasa no sentido inverso. Eu tenteino, con Bernardo Atxaga, Quim Monzó ou Sergi Pàmies, pero quedou no inicio.

Os libros de Ferrín ou Carlos Casares tiveron sempre moi pouca presenza no mercado en castelán.

Con Ferrín tentámolo e foron saíndo, con interrupcións.

Casares, a pesar de ir sempre aos encontros de Verines…

Si, si. A todos lles custou traballo. Igual que custa que os autores galegos saian nos suplementos da prensa de Madrid. Falta empatía. Eu creo que é unha cuestión política. En Madrid miran con receo. E as editoras españolas de Barcelona, como Planeta ou Anagrama, participan dese prexuízo. Sufrín moitas decepcións presentando libros nosos e suxerindo a súa tradución. Creo que é tamén por unha falta de estratexia pola nosa parte, para presentármonos no mundo sen pasar polo funil de Madrid e Barcelona. Sempre defendín a creación dunha oficina da literatura galega, como teñen Irlanda ou Islandia. Certo que eles teñen Estado, pero Islandia é dez veces máis pequena ca Galicia e está presente coas súas editoras e os seus autores nas feiras internacionais. Teñen axudas públicas. Nós tamén as temos pero son insuficientes. Creo que sería bo contar cunha oficina mixta pública-privada. A literatura forma parte do mercado global e hai que entrar aí, aínda que estea moi focalizado. Haberá que buscar unha estratexia de complementariedade, de xogo nas marxes ou de procura de aliados.

“Co bipartito, a axuda ás bibliotecas para compra de libros pasou a 1,2 millóns de euros. Agora anda entre os 150.000 e os 200.000 euros”

Co bipartito houbo o intento de crear o Instituto da Cultura Galega Rosalía de Castro, parecido ao Etxepare que teñen os vascos ou ao Ramón Llull dos cataláns.

A proposta naceu nun bo momento. Uns anos antes, no 2002-2003, as mobilizacións do Prestige subiran o noso nivel de autoestima colectiva. Ademais, houbo acordos unánimes no parlamento, como o do Plan Xeral de Normalización Lingüística, no 2004, con Manuel Fraga, ou a Lei do Libro, do 2007, con Emilio Pérez Touriño. O documento foi obra dunha comisión transversal na que participamos persoas do sector do libro e da cultura e técnicos da administración. A súa función sería coordinar a presenza da nosa lingua e cultura no mundo. Iso incluía o cine, a música, as artes escénicas, a tradución e exportación de libros, etc. Era unha proposta ambiciosa.

Por que fracasou?

Politicamente tiña moito calado. Tratábase de promover a cultura galega como tal, diferenciada. Foi retirado na última versión que presentou Ánxela Bugallo. Na miña opinión, a parte socialista non o asumiu pola súa transcendencia. Era un proxecto galeguista que axudaba a construír país. Con todo, houbo outros elementos da política do libro que si se asumiron. O 2008 foi o ano record de facturación editorial. Con Bugallo, a axuda ás bibliotecas para compra de libros pasou a 1.200.000 euros. Agora con Alberte Núñez Feixoo anda entre os 150.000 e 200.000.

Como ve o papel da prensa galega en castelán?

Os medios en castelán son subsidiarios dos poderes públicos, autonómicos ou locais. Dentro diso hai logros importantes, como a biblioteca de literatura galega da Voz que coordinamos Tucho Calvo, Casares e mais eu. Agradézolle tamén moito a Faro que me publicase en galego durante os últimos 23 anos, igual que escribe Ferrín dúas veces por semana. E hai suplementos como o Táboa Redonda de El Progreso que están a renovar moito o discurso literario. Eu trato de ser positivo, aínda que en Galiza ser positivo non chega.

Polo que leva contado, dá a impresión de que a crise do 2008 está na base da súa saída de Xerais?

Si, completamente. A miña saída deriva do esgotamento do modelo de edición comprensiva, a que abrangue todos os ámbitos e se dirixe a todos os públicos. Tamén da perda de liderado dentro do equipo editorial e de apoio da dirección do grupo. Até a miña saída, no 2018, foron dez anos de sufrimento, de perda de facturación, aínda que non de emprego nin de retribucións. Non poder seguir foi unha decepción persoal, pero talvez resultou o mellor para o proxecto. Entrei na edición de forma fortuíta e agora volvín ao traballo educativo de forma natural. Non tentei crear outro proxecto porque a miña orixinalidade, despois de catro mil libros editados, estaba completada, pero a ollada de editor non se perde, por iso sigo presentándome como editor e mestre. Por outro lado, na miña biografía, estes 28 anos en Xerais son os que máis me marcaron. Foi un agasallo que me proporcionou a vida.

Fala de falta de apoio do grupo editorial. Foi debida só á situación económica?

Foron anos con algunhas perdas que iamos levando. Pero no 2016 o colectivo Recortes Cero pediume que asinase un manifesto en contra do recortes e pola formación dun goberno progresista. Fíxeno. Iso causou enfado na dirección de Anaya e a partir de aí percibín inmediatamente unha clara falta de apoio e de confianza.

Xerais sufriu despois tamén importantes recortes, pero puido continuar.

Todos os directores que tivo até agora lle deron continuidade a ese catálogo xeneralista. Iso para min é o máis relevante da empresa. Vontade comercial cuns profesionais comprometidos cun proxecto de construción nacional. Esa é a nosa contribución. Por outra parte, a continuidade é fundamental. Eu herdei a axenda de Xela Arias, con centos de nomes que aínda estaban en fichas de papel. Eses contactos foron para min importantísimos.

Referiuse antes á mirada do editor. En que consiste?

Externamente é ver se o que les o podes converter nun libro. Internamente é a curiosidade e a paixón por saber. Tamén é o intento de procurar a beleza e de facer que o libro sexa un obxecto que se pode usar. Non me gustan os libros pegados. Admiro os que están ben impresos, cosidos en fío vexetal, os encadernados en rústica, os de lombos redondeados. A ollada do editor é de fondo e de forma. E tamén consiste en pensar no longo prazo, hoxe estamos moi condicionados polo inmediato. O libro é o pan da cultura. Non hai cultura sen unha industria do libro potente ou eu, polo menos, non a coñezo. Aínda que é certo que a industria do libro perdeu peso fronte aos videoxogos. Xa hai máis xogadores ca lectores.

Pero son comparábeis?

É a industria do entretemento. Cando se fan números sobre a industria do entretemento inclúese o audiovisual e os videoxogos que hoxe son a parte que máis factura. Pero creo que hai que diferenciar as artes. E tamén ter en conta a hibridación. Por exemplo, as artes plásticas e a literatura sempre estiveron unidas, a través da novela gráfica, o cinema de animación. Agora a hibridación prodúcese a través da pantalla.

Vigo é unha das súas grandes preocupacións, como se pode ver polos artigos de Faro. Como valoras a política cultural de Abel Caballero?

Hai quen di que non a ten, eu penso que si. Comezou a acuñarse arredor do conflito do Marco. Trátase do que o concelleiro Abel Losada, nas súas respostas a Faro de Vigo chama “cultura sen complexos”. No caso do Marco non se trata de facer exposicións de arte contemporánea “que non entende ninguén”, senón de ofrecer “o que lle gusta á xente”. O primeiro concelleiro de cultura de Caballero, Cayetano Rodríguez, xa o expresara en dúas ideas: “Vigo non necesita bibliotecas” e “Vigo ten demasiados museos e moi caros”. Desde aquelas abríronse algunhas bibliotecas, pero sen libros “para que os rapaces estuden”, o que tamén é necesario, e foron pechando, non de iure, pero si de feito, os museos, aínda que por ventura o Marco recuperouse algo. Despois está a cultura como espectáculo, patrimonializada pola alcaldía. Todos os pregóns dáos o alcalde que tamén fala antes dos concertos. As iniciativas de base foron desaparecendo porque non querían ser tuteladas, senón apoiadas. Desapareceu o festival de música clásica, o de jazz, o de artes escénicas. Foise convertendo na cultura do terraceo [polos concertos na terraza do Mar de Vigo]. Non lles importa que a Fundación Contemporánea sitúe a Vigo no lugar 26 entre as cidades do Estado por actividades culturais. A Coruña está no 19 e Santiago entre os 15 primeiros. Ningún dos cinco feitos culturais máis importantes de Galiza ten lugar en Vigo. A alternativa é ese desleixo sen complexos e terceirizar a cidade, dicindo que se beneficia o turismo, con esa invención do mito natalicio das luces que ninguén cre. Aí está a creación silenciosa dunha rede de pisos turísticos polo centro.

E vostede como ve a cidade?

Eu penso que o Vigo do século XX envasou conservas, fixo barcos, coches e libros. Esa é a tradición coa que se enfronta agora. Este ano temos unha data moi relevante, o 50º aniversario das folgas do 1972. Alí naceu o que se chamou “Vigo obreiro”, cando estas palabras tiñan unha eufonía e un orgullo. Esta é unha cidade industrial, fabril, do metal. E despois está a cidade do automóbil, un sector fráxil neste momento no mundo, debido á entrada do coche eléctrico. A sombra de Detroit está aí. E se deixamos de facer coches, cando xa case deixamos de facer barcos, quedamos só cos turistas do Nadal? E conste que hai que asumir que unha parte da terceirización é inevitábel.

“Teríame gustado ter participación na política municipal de Vigo”

Tivo algunha vez a idea de ser candidato a alcalde?

Cando falou comigo Anxo Quintana para me ofrecer esa posibilidade valoreino e teríame gustado. Eu son moi municipalista e gustaríame ter experimentado algunha participación. Naquel momento non puido ser. A organización local do BNG tiña mellores candidatos ou quizais outras figuras suscitaron maior consenso. E agora, como pasa coa edición, esa posibilidade xa quedou atrás, pertence a outra fase da miña vida.

Antes, co PSG-EG, xa tivera participación.

Forxeime no municipalismo naquel equipo de Xesús Costas que, no 1992, participou na primeira coalición de nacionalistas co PSOE de Carlos Príncipe. Estiven naquela noite de negociacións moi recordada. Pero ao tempo estaba no mundo da edición e esta pulsión foi máis forte. O meu primeiro artigo en Faro, no 83, trataba sobre municipios e educación.

Os seus artigos de Faro, máis ca artigos parecen pequenos ensaios ben documentados e tinguidos de afecto, nos que se albisca un proxecto de cidade.

E un espírito didáctico. Gustaríame que os meus textos se puidesen compartir nunha aula de secundaria. Varios deles foron usados xa en exames de selectividade. A xente máis que opinión busca munición. Eu non apunto, pero dou datos. Respecto ao afecto, si, pretendo que a miña voz sexa empática e asertiva, que contaxie outras persoas. Pero claro que despois de case 1.200 artigos semanais é imposíbel non repetirse. Fixen ademais case 300 crónicas de fútbol e uns 200 sobre educación. No blog levo publicados seis mil artigos.

O seu blog Brétemas foi moi seguido, converteuse nunha referencia.

Débollo a Xabier Cid que, no 2004, me falou do seu, As túas balas. Eu seguía o de Fran Alonso, Cabrafanada. Decateime de que necesitaba aprender o formato. Despois encontrei un socio, Santiago Jaureguizar. O 4 de xaneiro de 2005 el abriu o del, Facendo amigos, e eu o meu. O de Brétemas era un nome que usaba cando estaba en ERGA, no 76. Fun aprendendo a escritura hipertextual e foi un momento marabilloso, o do Blogomillo. Estaban os blogs de Manuel Gago, María Yáñez, Martín Pawley, Marcos Calveiro, Aduaneiros sen fronteiras… Agora en Twitter gústame compartir os contidos doutros. A cultura necesita de máis afecto e xenerosidade. Temos aínda moito que medrar e moito público que seducir. O tipo de soporte e de medio determina a voz, o lector é distinto. A voz máis próxima é a do blog, síntome menos mediatizado. Para min funciona ademais como arquivo, grazas á clasificación por etiquetas, temas, datas, etc. Foi o cambio do texto para o hipertexto.

Podía dicir algo máis sobre a política cultural de Feixoo?

A cultural e a lingüística. Feixoo mantén unha política feroz na lingua, sobre todo no educativo. E respecto ao propiamente cultural, a súa política é inane, máis se a comparamos co tempo de Fraga e sobre todo do bipartito, que foi un período de expansión. Feixoo fixo baixar varios chanzos todos os sectores, tanto no estado de ánimo coma na asistencia de público coma na presenza internacional. Certo que coincidiu coa crise, pero el sempre foi moi conformista. Fixéronse moitos recortes que nunca se recuperaron. Aí coinciden Feixoo e Caballero. Non teñen relación de confianza cos creadores, nin participan dos seus éxitos. Hai premios nacionais que nin foron felicitados por Feixoo. Iso cónstame. Non ten confianza nas propias posibilidades de Galiza nin da nosa cultura. Teñen o prexuízo de que a cultura é unha expresión do nacionalismo. Non a senten como propia, coma se os éxitos de Tanxugueiras ou de Chévere en Madrid, poñamos por caso, non fose éxitos dos seus compatriotas, máis alá dalgún chío discreto.

Poderíase falar dunha política específica para o caso de Manuel Baltar en Ourense?

Baltar ten outros prexuízos. Non son eses anteollos de Feixoo. Non ten problemas para colaborar con quen sexa, se iso o axuda a manterse no poder. É o que lle pasa co alcalde de Ourense Gonzalo Pérez Jácome. Tampouco Miguel Santalices [presidente do Parlamento] ten os mesmos comportamentos nin os mesmos lentes ca Román Rodríguez [conselleiro de cultura].

O PSG-EG anticipou moitas ideas do nacionalismo. Por que non puido seguir? En que fallou?

Os que nos formamos aí encarnamos outra maneira de entender o nacionalismo. Non tan diferente da do Bloque, pero si creo que nos anticipamos nalgúns casos, por exemplo nos pactos co PSOE. Vigo, con Nogueira, foi o primeiro lugar onde o nacionalismo asinou un pacto de orzamentos co PSOE e despois, no 92, formamos un goberno tripartito. Eu daquela era o secretario político local. O PSG-EG fixo sempre política de goberno, con moitas iniciativas que logo o Bloque asumiu. Tamén vimos a necesidade de participar en políticas estratéxicas. Nós sempre fomos de longo alcance, o que ás veces nos recriminaban. Pero iso significa políticas como a Lei de Normalización ou conceptos novos daquela como o de participación cidadá, áreas metropolitanas, políticas estratéxicas en urbanismo, territorio, eixo atlántico, dentro dun marco de política europeísta que o BNG foi aceptando progresivamente. Tamén cometemos erros gordos, como pensar que había espazo para outra forza nacionalista. Pero foi unha escola moi valiosa, da que conservo moitos amigos. Cando se decidiu entrar no BNG, eu e mais outros abandonamos a política partidaria, aínda que seguimos contribuíndo ao proxecto nacional desde as nosas posicións. Hai compañeiros que continúan animando iniciativas como Nova Escola Galega, na que eu participo e que xa ten 40 anos. Outros están no sindicalismo nacionalista, no municipalismo ou no mundo da cultura. A referencia de Nogueira aínda non foi suficientemente valorada. É un dos grandes líderes nacionalistas do século XX e foi o primeiro que representou a Galiza contemporánea en Europa. Aparentemente inxenuo, pero sempre lúcido e entusiasta, moi teimudo. É fillo, coma Xosé Manuel Beiras, dun galeguista da República. É a xeración de enlace co Partido Galeguista. Os pais de Beiras e Nogueira eran persoas discretas porque estiveron atados por todas as limitacións da época.

O BNG pasou por maos momentos, por que o PSG-EG non foi capaz de hexemonizar o nacionalismo?

Por falta de recursos organizativos. Pivotou demasiado nunha figura, pero fallou a xeografía. En Vigo chegamos a ter, a finais dos 90, máis dun millar de afiliados, pero foi un caso concreto. Nesta cuestión é modélico o Bloque que, xunto co PP, ocupa todo o territorio. Outra inxenuidade nosa, creo, foi darlle excesivo peso á política institucional. E tamén estaba a imposibilidade de que con ese modelo lográsemos presenza en Madrid. Só as fórmulas amplas e transversais poden ter éxito aí. Aventuro para os próximos anos unha minoría galega en Madrid e quixera un goberno en Galiza arredor do nacionalismo. Para iso necesítanse acordos amplos e unha cultura nacionalista máis acolledora e menos sectaria por parte de todos. Iso é o que me gustaría.

“A produción lexislativa en Galicia é baixísima”

Como ve a política galega en xeral?

Cánsame moito o modelo de Feixoo. Fíxome aborrecer a axenda política, que utiliza a Radio Galega, de constante enfrontamento institucional co goberno de España e con Caballero. Tamén é patente a incapacidade dos socialistas para ofrecer un proxecto para todos os galegos. Vexo con máis simpatía a ampliación de horizontes do BNG e gustaríame que incluíse os non nacionalistas que defenden un proxecto de autogoberno para Galiza. Boto de menos os debates máis programáticos dos 90, na época de Fraga. A oposición daba alternativas sectoriais. Agora o goberno galego ten unha produción lexislativa baixísima. Hai que volver ás políticas sectoriais, a dar alternativas aos anos de conformismo de Feixoo. Non é fácil porque os medios están moi controlados. Resulta difícil abrir a súa axenda a outros temas. É o gran papel que ten a oposición por diante.

Seguirá habendo polémica con Vigo?

Vigo é moi mal entendida en Galiza e Galiza mal entendida en Vigo. Se hai algo que me doe é ver o discurso antigalego de Caballero, porque iso cala coma a choiva e vainos desprendendo desa relación. Para os galeguistas do 1931 Vigo era a Barcelona do Atlántico. O proxecto de Antonio Palacios prevía instalar no Castro o Palacio Rexional e na cúpula un planetario para enxergar as estrelas. Era un mito galeguista. A gran manifestación pola Autonomía de decembro do 1977 foi en Vigo. Vigo foi o motor da Galiza urbana do século XX. E en Vigo estaba a variedade de todas as Galizas, a mariñeira, a aldeá e a cosmopolita. Non é localismo, senón o papel de Vigo dentro do proxecto nacional galego e temo que se deturpe ou que se perda.

Algo máis?

Non falamos de Xabier P. Docampo e de Agustín Fernández Paz. Non tocamos as moitas perdas destes anos.

Onte 2017: Gala do libro galego 2019

Onte na Gala do Libro Galego recibín por estas Bretemas o premio ao Proxecto literario na rede. Recoñecíase así a traxectoria de escritura do blog nacido o 3 de xaneiro de 2005 coa intención de ensaiar a escritura hipertextual e facer crónica do meu traballo de edición. Un premio que agradecín o mellor que souben ao xurado e ás tres entidades do sector do libro convocantes (AEL, AGE e FLG) polo aliciente que esta altura supón apostar polos blogs como portos seguros e continuar así co ritmo desta escritura hipertextual, cando se impuxo a banalidade e  cotilleo nalgunhas redes sociais como Facebook. Un premio que confeso recollín tamén con moito pudor, sobre todo pola decepción que podía supoñer paras as outras candidaturas finalistas (Biosbardia, Galicia Encantada, Kalandraka TV e ogalego.eu), ás que admiro e considero merecedoras tamén do recoñecemento, como polo feito de que sei que todos os éxitos son sempre froito dun esforzo colectivo e os fracasos, as perdas ou os erros responsabilidade de quen os comete.

Esa é a razón pola que quixen lembrar nas miñas palabras de gratitude ás iniciativas pioneiras dos blogs en Galicia, aquelas nacidas entre os anos 2003 e 2004, anteriores ao fenómeno bautizado como blogomillo. Co risco de esquecer algunha, polo que expreso desculpas, citei, en primeiro lugar, a Pedro Silva Goretoxo, creador De mares, portos e portas, o primeiro blog da plataforma Blogaliza que desenvolveu con tanta xenerosidade, para despois facelo co Capítulo 0 de Manuel Gago, Dias estranhos de Martín Pawley (Óscar Sánchez), Todo Nada de María Yáñez, Cabrafanada de Fran Alonso, e rematar con As túas balas, o blog de Cesare (Xabier Cid), que coñecín no transcurso dunhas xornadas de literatura galega na Universidade de Cáceres en novembro de 2004, que me levaron a ensaiar pouco despois a escritura blog.

Rematei a miña intervención lembrando a afouteza do mestre Xabier P. DoCampo que na pasada edición da Gala do Libro Galego, na que foi a súa derradeira intervención, tras recoller o premio ao mellor libro de narrativa por A nena do abrigo de astracán, reclamou con todo a enerxía que xa lle faltaba a dignidade que merece o sector editorial en lingua galega. Unha petición que fixen miña 365 días despois para expresar logo o meu desexo de poder anunciar algún día en Brétemas que por fin Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia, recibira no seu despacho ás presidencias das entidades convocantes desta gala, como unha mostra de afecto e recoñecemento do sector do libro, o que non fixo ao longa da década do seu goberno, a pesar das solicitudes dos sectores profesionais do libro e da tradición trazada por todas as presidencias anteriores.

A gala conducida co bo tino pola nosa admirada Iria Pinheiro e acompañada musicalmente polo ritmo feminista de Habelas Hainas, amosou a situación de certo conformismo do sector ao tempo que a maior diversidade dos axentes editoriais. Polo que a min me tocou máis de preto aledáronme os dous premios recibidos por obras publicadas por Xerais, Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte de Emilio Xosé Insua e Xurxo Martínez na categoría de Ensaio e Investigación e O puño e a letra de Yolanda Castaño no de Libro de banda deseñada. Como tamén moito celebrei o que recibiu a revista Luzes pola súa traxectoria de Xornalismo cultural. As intervencións de dúas responsables do proxecto Luzes, Valeria Pereira e Ana Luisa Bouzas, reclamando o cumprimento do estatuto de da CRTVG e apoiando ao colectivo Defende a Galega foron os mellores minutos da velada. Como tamén me emocionaron as palabras do meu mestre Antón Costa Rico, o director da Biblioteca de Pedagoxía de Kalandraka editora, premiada como a mellor Iniciativa bibliográfica, con quen regresamos a Vigo satisfeitos e compartindo as experiencias dun tempo renovado de escola.

Xaora, pareceume unha oportunidade perdida para a xenerosidade a intervención de José Manuel Pinal Rodríguez, director xeral de centros e recursos humanos da Consellaría de Educación que recolleu en solitario o premio á traxectoria de Iniciativa cultural e fomento da lectura outorgado con todo merecemento á Asesoría de Bibliotecas Escolares. Botamos en falta no seu discurso algunha referencia ás profesionais, que veñen traballando na asesoría dende 2003, como tamén aos milleiros de profesoras, mestras, alumnos e alumnas protagonistas desta experiencia excepcional de innovación que se desenvolve xa en máis de 655 centros públicos e 22 concertados do ensino universitario do país.

Rematada  cerimonia, gustei do rebumbio que o ditame suscitou en Twitter, a rede na que máis participo, sobre todo pola magnífica e aguda crónica que foi facendo Jaureguizar, a quen lembrei que comezou o seu Facendo amigos o mesmo día que o facía Brétemas, como polos chíos de amizades moi entusiastas. En todo caso, beizón para todas aquelas persoas que nestas horas me fixeron chegar os seus parabéns e afectos polas diversas canles do caso. Brétemas intentará continuar con azos renovados despois de tan excelente e agarimoso serán.

Onte 1998: O éxito de Culturgal

Órgullame o éxito rotundo do Culturgal 2018, unha feira que, despois de once edicións,  é o escaparate principal das novidades da produción cultural galega. Un éxito colectivo ao que non son alleas nin a teimosa continuidade da feira en Pontevedra  durante a primeira fin de semana de decembro nin o modelo de organizar un evento mancomunado entre os diversos sectores das industrias culturais contando co financiamento privado dos organizadores, dos públicos e das administracións públicas (de distinta cor política). Unha auténtica cuadratura do círculo trazada coa habelencia e o rigor de  Xosé Aldea e do seu equipo de profesionais (case corenta persoas) capaces de artellar unha programación cada vez máis variada e sorprendente, ao tempo de ofrecer unha maior calidade nos servizos de organización e comunicación para os expositores e os públicos á altura dos estándares europeos máis esixentes. Culturgal é cada ano a inxección de autoestima e entusiasmo necesarios para os sectores da industria cultural galega, como a da edición, a da música, a das escénicas ou da xestión cultural, que continúan contra vento e marea producindo, comunicando e ampliando o perímetro dos seus públicos.

Ben sei que os responsables de Culturgal non poden acomodarse e teñen que darlle outra volta a algún enfoque da programación, como dar entrada a algunha outra expresión das industriais culturais actuais (estou pensando na produción dixital en todas as súas expresións creativas), como xa se fixera hai unhas cantas edicións coas Artes Plásticas, hoxe consolidadas como outro dos referentes da feira. Mais iso sei que é peccata minuta para un equipo de profesionais da xestión cultural que demostran que en Galicia tamén é posible desenvolver proxectos culturais de excelencia, inclusivos, participativos, plurais, estratéxicos, á altura dos retos dun tempo de hibridación e incerteza. Eis reside o éxito de Culturgal que enxerga as datas do 29 e 30 de novembro e do 1 de decembro de 2019 para convocarnos a unha nova xeira. Beizóns a Aldea, grande facedor desta trabe de ouro, e ao todo seu cadro, persoas as que tanto quero. Parabéns a Víctor López, presidente da Asociación Culturgal, por termar tan responsablemente (nun ano difícil) do proxecto común, dunha fantasía compartida por todos os sectores da nosa industria cultural.

Onte 1981: Pregón da Feira do Libro de Vigo

Onte tiven a honra de pronunciar o pregón da Feira do Libro de Vigo, un dos maiores orgullos dos que gocei na miña vida de editor. Xaora, puiden comprobar, outra vez máis, o escaso interese institucional do acto para os responsables do concello de Vigo.

Deixo o texto en pdf no que homenaxeo ao editor vigués Eugenio Barrientos «Tetilla», fundador da proeza que foi a editorial Cíes de literatura popular, e reclamo dignidade para o libro galego como sector estratéxico para Galicia. Un texto, homenaxe ao mestre Xabier DoCampo, no que tamén reflexiono sobre o valor actual do libro e da lectura e no que propoño a recuperación do proxecto de Vigo llegit, como festival internacional do libro de Vigo. Agradezo o agarimo das persoas amigas que me acompañaron nesta xornada coa que sei pecho unha etapa profesional na que pretendín defender a edición en galego como un piar para o futuro da nosa lingua e da nosa cultura.

Texto do pregón en pdf.

A lei zombi do libro

No artigo de Luzes reflexiono sobre A lei do libro e da lectura de 2006 ao fío da xornada organizada a pasada semana no Consello da Cultura Galega:

Na xornada organizada polo polo Consello da Cultura Galega para avaliar unha década da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia, Carlos Amoedo, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, cualificouna de «lei zombi, irrelevante, que camiña sen vida e que non achega nada substantivo ás políticas públicas da cultura en Galicia». Responsable da preparación do anteproxecto desta lei para ser presentada no Parlamento de Galicia, onde sería aprobada por unanimidade, na súa calidade de Secretario xeral técnico da Consellaría de Cultura do goberno bipartito, foi a de Amoedo unha das voces autorizadas que durante a xornada miraron atrás utilizando o retrovisor e reclamaron a actualización dos contidos da lei do libro no marco dunhas políticas públicas integrais para o sector cultural e especificamente para o do libro e da lectura en galego.

Xaora, foi a presentación do informe Datos da edición en Galicia (2006-2016), elaborado polo Observatorio da Cultura Galega o que acendeu todos os pilotos vermellos sobre a precariedade da situación do sector dende a aprobación da lei. Un diagnóstico que o responsable do Observatorio, Hokam Casares, resumiu en catro tendencias: descenso importante do volume de produción de exemplares impresos e aumento dos editados en formato dixital; mantemento á baixa do número de títulos editados en galego, que supoñen a metade dos editados en Galicia; diminución severa do consumo de libros non de texto; resultados negativos dos balances das empresas do sector, tanto editoras, librarías como empresas de artes gráficas, a maioría delas en números vermellos ao longo da década.

Unha situación crítica, á que os diversos gobernos de Núñez Feijoo deron as costas, xa que a partir de 2009 se reduciron o conxunto das achegas ao sector do libro e da lectura nun 50 %, porcentaxe que Carlos Amoedo estimou no 70 % (pasando dos 7,5 millóns de euros de 2009 aos 2,30 millóns de euros do orzamento deste 2018), chegando até o 82 % no caso da partida anual de compra de novidades editoriais en galego para bibliotecas públicas. Un diagnóstico dramático avalado polas intervencións na xornada dos representantes das editoras, librarías e autoras que denunciaron a renuncia da Consellaría de Cultura a contar cun nivel de gasto acorde coas necesidades dun sector á intemperie que a lei considera estratéxico para Galicia.

O fracaso da lei do libro e da lectura de 2006 (como do plan de lectura a ela asociado), elaborada co consenso e o entusiasmo (inxenuo) do sector (proceso que na xornada reconstruíron con detalle Xavier Senín e Cristina Novoa, secretarios do grupo de traballo), reforzado polo consenso da propia cámara galega, obriga a repensar a propia estratexia do sector en Galicia, sometido ademais a retos tan complexos como os da hibridación dixital, a concentración da distribución e a banalización da cultura do libro incorporada ao sector da industria global do lecer. Como obriga a reconsiderar o papel deste tipo de «leis promesa», tamén palabras certeiras de Amoedo, sen instrumentos  xurídicos e sen reservas orzamentarias que aseguren a súa posta en vigor, mais aínda cando os compromisos adquiridos polo Gobierno de España coas políticas de consolidación fiscal obrigarán a continuar reducindo os gastos en educación e cultura. Ou noutras palabras, sen un compromiso político e social moi firme e amplo será moi difícil parar a tendencia esmorecente do sector da edición galega que, a pesar de todo, continúa sendo a primeira das nosas industrias culturais.

Moi lonxe de renderse, o sector galego do libro e da lectura esixe estes días a recuperación da lei e do seu espírito de consenso e corresponsabilidade para deseñar actuacións urxentes e imprescindibles que eviten o seu colapso. Medidas que pasan por acordar cos actuais responsables da Consellaría de Educación e Cultura un novo marco arredor das políticas de gratitude e dixitalización do libro escolar (no período autonómico o piar sobre o que se alicerzou a viabilidade do sector da libraría de proximidade e dunha boa parte das editoras), do incremento da dotación bibliotecaria e da proxección internacional do libro e da literatura galega, con atención preferente ao apoio á participación do sector nas feiras profesionais e á tradución a outras linguas. Marco que obrigaría á Consellaría de Cultura e Educación, como ao propio presidente Feijoo (que continúa sen recibir aos responsables do sector) a asumir un incremento plurianual do seu nivel de gasto nun sector sen o que non é posible falar de Galicia como país e como cultura con lingua de seu. Pasar de ser unha lei zombi, rara e decorativa a unha lei activadora do sector profesional do libro e da lectura é un reto que aínda podería ser afrontado no que queda desta lexislatura de abafante conformismo.

Necesitamos unha oficina do libro

No artigo da semana en Luzes propoño a creación dunha Oficina do Libro:

A renuncia da Consellaría de Cultura a continuar co proceso de contratación dos espazos oficiais da Xunta de Galicia en catro feiras internacionais do libro, as acordadas coa Asociación Galega de Editoras (AGE), abriu o debate sobre cal debe ser o modelo de promoción do libro, da literatura e da propia lingua galega no mundo. Máis alá da desafortunada decisión unilateral do secretario xeral técnico da Consellaría de Cultura, que pretende ampararse nun presunto desinterese da AGE, o que a todas luces é falso, como manifestou o presidente do gremio das editoras Xosé Ballesteros, esta anulación da presenza da institución galega nas feiras de Boloña, Barcelona, Frankfurt e Guadalajara (México) do ano 2018 evidencia tanto a ausencia dun modelo estratéxico para a proxección internacional do sector do libro e da edición en Galicia como a incapacidade dos responsables do actual goberno para manter abertas canles de diálogo institucional fluído coa asociación de editoras e co resto de asociacións profesionais do libro, xa que tampouco é segredo ningún que algo semellante puidese suceder como saída á crise das feiras do libro de Galicia, organizadas dende hai décadas pola Federación de Librarías de Galicia co apoio da administración autonómica.

É un feito innegable que as editoras galegas levan participando nas feiras internacionias do libro antes que o fixera a Xunta de Galicia, sendo conselleiro de Cultura Alfredo Conde (polo tanto, a partir de 1987). Como tamén o é que membros da AGE, como algunhas das súas empresas asociadas, estarán presentes na vindeira feira do libro de Boloña, a celebrar do 26 ao 30 de marzo, con espazos propios pagados cos seus fondos, consolidando así a súa participación neste encontro fulcral para o libro infantil e xuvenil, subsector no que as editoras galegas contan cunha presenza máis que digna. Como é innegable a disposición que sempre mantiveron as distintas directivas da AGE, entidade que representa ao 95 % das editoras do país, para establecer espazos de diálogo e colaboración permanente coa Consellaría de Cultura e Educación fose para artellar unha participación profesional conxunta nestes eventos internacionais ou fose no deseño dun modelo de promoción exterior para, non o esquezamos, o primeiro sector estratéxico da nosa industrial cultural, como recoñece a Lei do libro e da lectura de 2006.

Para recuperar este proxecto de promoción internacional en clave de país, como leva reclamado o sector profesional da edición dende hai unha década, tanto dende as editoras como dende as asociacións de autores e autoras (AELG, Pen Club, AGPI), é imprescindible que o actual equipo cultural de Feijoo recoñeza, sequera por unha vez, o valor estratéxico do sector e a súa disposición de traballar man con man coas editoras, abandonando actitudes paternalistas ou cesaristas, incompatibles co noso tempo. Apenas un requisito para abordar, devagariño e con actitude aberta, o deseño dunha estratexia compartida que permitise fomentar de forma sistemática o comercio exterior do libro galego e a exportación de textos da nosa creación literaria e de traballo da nosa produción gráfica, con atención preferente ás comunidades lusófonas e do arco atlántico.

Desbotada polo momento a creación do Instituto Rosalía de Castro de promoción da lingua e literatura galega, cuxas razóns algún día debería explicar Ánxela Bugallo, a conselleira de Cultura que presentou a versión definitiva da Lei do libro e da lectura de 2006, a experiencia exitosa do euscaldún Instituto Etxepare e do catalán Ramón Llull, aconsella contar, canto menos, cunha Oficina (reivindicando o nome das antigas “oficinas de impresión”) de xestión de promoción da literatura e do libro galego no mundo. Unha entidade de xestión pública, con participación do sector privado, que a semellanza de modelos de éxito como os do Ireland Literature Exchange ou a dos editores de Québec, tivese como obxectivo facer visible a oferta editorial galega no seu conxunto, promover o coñecemento dos seus creadores (autores e autoras, mais tamén, ilustradores e ilustradoras) e das axudas públicas existentes para a súa tradución e edición, organizar e ampliar a presenza institucional e profesional nunha ducia de feiras internacionais do libro, así como manter actualizada ao longo de todo o ano a información dixital sobre o libro e a literatura galegas. Tarefas nas que podería contar, sen dúbida, coa colaboración da rede de centros de estudos galegos existentes no mundo, a maior parte deles de carácter universitario.

Se queremos dar pasos firmes para que os nosos libros e os nosos autores e autoras teñan presenza na edición internacional, cada vez máis hibridada e aparentemente máis homoxénea, aínda que cada vez máis disposta a asumir a diversidade, a excelencia e a orixinalidade (como ven sucedendo no sector audiovisual), é imprescindible contar cunha estratexia de país, unha única folla de rota compartida pola Xunta de Galicia e polas editoras e asociacións de autores, como cunha ferramenta (a que bautizamos aquí como “Oficina do libro”) que a xestione con criterios profesionais independentes. O demais é continuar enredándonos na abafante lameira do curtopracismo electoralista que tanto incomoda e por riba non leva a ningures.

 

O libro galego á intemperie

Dedico o artigo semanal de Luzes á situación do sector editorial en Galicia:

Pasada unha década da aprobación da Lei do Libro e da Lectura de Galicia o sector do libro quedou á intemperie, abrigado pola forza dos seus lectores e lectoras e sostido pola súa dependencia do sector educativo. Pouco queda xa das intencións acuñadas nunha lei magnífica, pioneira en España, forxada co consenso do sector e dos grupos parlamentarios durante o derradeiro goberno Fraga e aprobada (con algúns recortes significativos, como o do Instituto Rosalía de Castro para a difusión da lingua e cultura e galegas no mundo) polo goberno de coalición de Touriño. Unha lei derrogada de facto polo goberno de Feijoo e coa que os seus tres conselleiros de Cultura (Varela, Vázquez e Rodríguez) nunca se sentiron identificados, a pesar de que o seu cumprimento fose reclamando de forma insistente polo sector como espazo de encontro institucional e de apoio profesional ao seu proceso de dixitalización e proxección internacional.

Un desinterese do equipo cultural de Feijoo pola lei de 2006 que podemos entender tanto pola súa concepción avanzada da lectura como unha competencia a desenvolver por toda a cidadanía, independentemente de cal fose a súa idade, como e sobre todo pola consideración explícita da lectura en galego e do propio sector editorial como un dos alicerces para a lingua galega, seguindo as recomendacións do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, aqueloutro espazo de consenso erradicado polos gobernos de Feijoo, sobre todo dende a aprobación do decreto para o plurilingüismo de maio de 2010, a peza angular das políticas de retroceso para a lingua e para a lectura en galego.

Neste contexto adverso de retroceso das políticas públicas de lectura e de fomento da lingua, o sector do libro galego afrontou de forma heroica o seu proceso de hibridación e mudanza, sometido á tormenta perfecta da dixitalización dos seus soportes e formatos, da devaluación do seu mercado imposta pola crise económica e polas políticas públicas de consolidación fiscal, como da banalización da cultura, inserida a nivel mundial no sector do lecer, coa complexidade que iso supón para artellar unha oferta editorial atractiva para públicos diversos.

Os datos da súa admirable resistencia en solitario falan por si sós. Mentres de 2007 a 2015 o sector do libro perdía en España o 27,70 % da súa facturación (mil millóns de euros), en Galicia facíao nun 12,73 %, mantendo o libro galego o seu nivel de vendas (arredor dos vinte millóns de euros), a pesar de que reduciu o seu número de títulos nun 15,00 % e o de exemplares producidos nun 31,36 %. Retroceso intensificado no período 2010-2015, que coincide cos gobernos de Feijoo, no que os títulos editados en Galicia se reduciron á metade, sobre todo os impresos en lingua galega (-58,34%), expresando a forte incidencia da hibridación dixital que neste período supuxo xa o vinte por cento da oferta do sector. Cifras ás que non son alleas as diminucións dos fondos da Xunta de Galicia para a edición en galego, referidos a compra de novidades editoriais para bibliotecas públicas, axudas á edición de materiais didácticos e subvencións a tradución. Recortes dunha media do 80 %, si leron ben, do oitenta por cento, que pasaron de supoñer en 2007 o 11,61% sobre a facturación do sector ao 2,29 % en 2015. O mito do editorial como un sector hipersubvencionado pola Xunta foise a pique.

Unha situación precarizada do libro galego na que cómpre recoñecer a existencia nesta última década de espazos alternativos de esperanza, como o das bibliotecas, sobre todo do programa de bibliotecas escolares da Consellaría de Educación, e a dinamización que supuxeron iniciativas como Culturgal, O Salón do libro de Pontevedra, asociacións de voluntariado como Espazo Lectura ou o activismo teimoso dalgunhas librarías e editoras para visibilizar as novidades, que expresan as posibilidades de recompoñer espazos de encontro dos poderes públicos (Xunta, pero tamén dos concellos e deputacións) cos sectores profesionais do libro e da lectura (editoras, librarías, autoras, bibliotecarias e lectoras) para deseñar e activar políticas de fomento da lectura.

No entanto, tamén hai datos inquedantes, como os publicados sobre índices de lectura, nos que Galicia volve situarse por debaixo da media española na lectura de libros en tempo libre, sendo a comunidade autónoma menos lectora das do norte da península. Como tampouco convida ao optimismo o desinterese do goberno de Feijoo (o único presidente que nunca quixo recibir á directiva das editoras galegas) por reconsiderar as súas políticas de apoio ao libro galego (neste 2018 as axudas non aumentaron) e para contar co criterio da Asociación Galega de Editoras, presidida por Xosé Ballesteros, no deseño da proxección internacional do libro editado en Galicia e na mellora da súa presenza nas feiras internacionais de Boloña, Líber, Frankfurt e Guadalajara, que este 2018 non contarán para a nosa vergonza con espazo do goberno galego. Como decepcionante é a ausencia de información sobre os contidos da anunciada Estratexia da Cultura Galega 2021, elaborada por trinta expertos, que se propón como folla de ruta dos vindeiros anos, e da que os profesionais do sector do libro a esta altura nada sabemos.

 

Hai futuro para a edición infantil e xuvenil en galego

No número de decembro de Tempos Novos publico este artigo sobre a situación da edición infantil e xuvenil en galego:

Os datos da Panorámica de la edición española de libros 2016, o informe máis recente elaborado cos datos da oficina do ISBN, acenden o piloto de emerxencia para a edición galega: o número de inscripcións continúa retrocedendo un 13,10 % con respecto ás do ano anterior, acadando apenas as 1.211, o que supón una merma do 52,39 % das publicadas en 2010. En apenas seis anos, o libro galego publica case a metade que antes ofrecía. Un retroceso interanual nesta caso que aínda resulta máis acusado para o libro impreso en galego (14,44 %), fenómeno que non sucede nin na edición en éuscaro, que medra un espectacular 34,50 %, nin na catalá nin na castelán que se incrementan arredor do sete por cento. Non hai dúbida que a edición do libro galego, cada vez máis hibridada no formato (o 31,54 % da nova oferta de 2016 foi dixital), vive o peor momento das últimas tres décadas. Datos alarmantes traducidos nun S.O.S., emitido periodicamente polas asociacións profesionais de editoras e librarías, que non recibe apenas resposta por parte da Xunta de Galicia, que dende 2009 rebaixou os fondos públicos destinados ao sector nun 80 %, mais tamén escaso interese dos grupos da oposición. Deixou de formar parte o libro e a lectura da axenda política galega da Autonomía?

Aínda que neste contexto adverso poida resultar estraño, a crise do noso sector coincide con outro momento de fulgor e proxección da literatura infantil e xuvenil galega, tanto no que atinxe a cantidade, calidade e diversidade da súa oferta como á proxección fóra do país da nosa creación. Eis, Poemar o mar (Xerais 2016), o recente Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de Antonio García Teijeiro, o primeiro para un libro de poemas galegos, o segundo premio galego para as tres últimas edicións deste premio, considerado o máximo recoñecemento dos poderes públicos para a creación literaria. Eis, tamén, A balada dos unicornios (Xerais 2018), o novo Premio Lazarillo de literatura xuvenil (convocado nas catro linguas oficiais) de Ledicia Costas, autora que conta con milleiros de lectores e lectoras para as súas obras escritas en galego e publicadas e recoñecidas en castelán, catalán ou coreano.

As cifras do subsector da literatura infantil e xuvenil galega merecen ser coñecidas. Segundo o estudo do Comercio Interior del Libro de 2016, elaborado cos datos achegados polas editoras o número de títulos supuxo o 35,90 % dos publicados polo sector, porén constitúe o 27,90 % dos exemplares fabricados e o 25,40 % da facturación. Ou noutras palabras, o libro infantil e xuvenil en galego conforma un mercado interior superior aos cinco millóns de euros, una cantidade importante, como tamén o é que un de cada tres libros editados en galego e un de cada catro vendidos nas nosas librarías sexa considerado coas etiquetas “infantil” ou “xuvenil”. Consideracións que compriría completar co peso crecente deste subsector da edición galega no Comercio Exterior do Libro (un dato que descoñecemos), sobre todo pola oferta de álbum ilustrado que achega Kalandraka e as súas diversas filiais internacionais. Cifras que amosan a resistencia da literatura infantil e xuvenil galega no entorno da hibridación, así como a súa importancia, xunto coa edición do libro de educativo (suman o 76,60 % da facturación), para o conxunto do noso sector. Un fenómeno que caracteriza á edición galega ao longo das tres últimas décadas, que comparten tamén a realizada en catalán e en éuscaro.

A boa saúde da edición de literatura infantil e xuvenil non pode agochar o reto de preservar a diversidade e a singularidade dos contidos da súa oferta, desafío que comparte coas editoras doutras linguas da contorna europea, ameazadas polos efectos da  hibridación dixital e da homoxeinización audiovisual sobre os comportamentos do lectorado en formación. Como tampouco pode descartar os efectos que sobre o propio sector está ocasionando a perda acelerada de falantes iniciais do idioma galego, xa que semella moi difícil que poida ser viable a edición vizosa nunha lingua que resulte allea ou estranxeira para a maioría dos seus potenciais lectores ou lectoras, mesmo a pesar de que poidan contar con competencia lectora pasiva.

Como tamén a nosa edición de literatura infantil e xuvenil debe afrontar o desafío que formula tanto a ampliación da súa oferta dixital, até agora máis reducida ca no eido da narrativa para persoas adultas, como do seu nivel de interacción, esencial para continuar prendendo no lectorado novo. Como é obrigado abrir o catálogo do sector máis decididamente nos territorios da chamada “non ficción”, sobre todo de contidos de divulgación científica e humanística, como reclaman de forma insistente dende as bibliotecas escolares (por certo, de funcionamento modélico, no caso galego). Sen esquecer, a necesidade de contar neste eido, a pesar da consolida presenza internacional das editoras de álbum, cunha estratexia de proxección internacional, compartida por pola Xunta de Galicia e o sector privado, que facilite a tradución dos nosos autores e autoras máis alá das viaxes illadas dalgúns ás feiras de Boloña ou Guadalajara.

Retos no contexto da hibridación editorial internacional que cómpre continuar abordando coas doses elevadas de autoestima e innovación coas que traballou sempre este subsector, quizais o máis dinámico e cosmopolita da edición en galego. Hai futuro para a lix galega!

Onte 1935: Culturgal 2017, un culturdez

Tras case unha semana moi intensa de traballo, o domingo rematou o Culturgal 2017, a décima edición da Feira das Industrias Culturais. Os organizadores quedamos satisfeitos xa que os públicos volveron acudir de forma masiva ao Pazo da Cultura de Pontevedra, a pesar de que percibimos unha lixeira diminución da participación, sobre todo na tarde do sábado. Lembraremos este Culturgal pola mudanza da nosa imaxe corporativa (un acerto rotundo do mestre Pepe Barro), pola participación institucional de Portugal, que pretendemos se consolide en futuras edicións, como polo éxito tan rotundo e inagardado do novo espazo de Arte Contemporánea, onde se celebrou na tarde do domingo un acto en lembranza do pintor Manuel Moldes.

Sei que tamén lembremos este Culturgal 2017 polas asinaturas interminables da cantora Ses e da escritora Ledicia Costas, que convocaron a centos de persoas, así como o éxito dos diversos «photo call» distribuídos pola feira, un fenómeno ao que tampouco foi allea a importante proxección de Culturgal nas redes sociais. Como tamén foron un éxito as actividades profesionais do venres, tanto as organizadas por Escena Galega, AGEM e a Asociación Galega de Xestores Culturais, que abren un vieiro a explorar por outros gremios. Como foi un acerto celebrar o domingo o Día Internacional da Descapacidade, expresando a vontade de Culturgal de apostar pola cultura inclusiva como outro dos seus eixos transversais nos que afondar no futuro.

Non teño dúbidas que Culturgal está consolidado como espazo de mediación entre creadores, empresas, administracións e públicos das industrias culturais en Galicia e en galego. Xaora, como levo expresado cada ano, este modelo comeza a expresar algunhas debilidades que obrigan a repensar tanto o seu programa de actividades como o seu modelo de xestión e financiamento. E entre estas feblezas para min a principal é o seu reducido financiamento, insuficiente para manter con dignidade un evento da fasquía do actual, o que obrigará na vindeira edición a reconsiderar as achegas corresponsables de cada unha das administracións públicas participantes como a procurar no patrocinio publicitario das empresas privadas unha vía para incrementar os ingresos.

Como tamén é unha febleza do Culturgal actual as súas dificultades para incorporar de forma máis potente e atractiva a cultura dixital, tanto na organización de actividades como na propia comunicación cos seus públicos, sobre todo o adolescente e xuvenil, hoxe moi afastados da feira. Outrosí sucede coa excesiva dependencia de Culturgal da rexión urbana Compostela-Vigo, o que obriga aos organizadores a procurar fórmulas de integración territorial dunha feira que naceu con vontade inequivocamente galega no que atinxe a procedencia xeográfica de expositores e dos seus públicos.

Despois de catro anos, sei que vou lembrar cun chisco de saudade este Culturgal 2017 como o derradeiro no que fun presidente dun proxecto mancomunado tanto na súa concepción como na execución. Hoxe a miña gratitude é maior para o medio cento de profesionais que fixeron, unha vez máis, posible a fantasía de Culturgal, dende Xosé Aldea, o director do equipo, Cecilia Carballido e Arancha Estévez, responsables de Produción e Comunicación, até Antón Sobral e Paula Caballeiro, comisarios do espazo de Arte Contemporánea. En todo caso, expreso as miñas desculpas polos erros que puideramos ter cometido e os meus parabéns a todas e cada unha das persoas que achegaron o seu pulo de orgullo e entusiasmo para facer deste un auténtico Culturdez (roubándolle a palabra ao admirado Ramón Rozas). Longa vida a Culturgal!!!

Onte 1889: Avance do Comercio Interior do Libro 2016

Nishan_AkgulianO avance de datos do Estudio de Comercio Interior del Libro 2016 publicado onte pola Federación de Gremios de Editores de España, a pesar do seu carácter incompleto e de non achegar apenas datos de edición por linguas, amosa unha lixeira recuperación do sector tanto no número de títulos publicados, que se incrementa nun 1,6 %, como na facturación, que despois de case unha década de devalo, sobe un 2,7 % (2.317,20 millóns de €). Con todo, os datos expresan que o número de exemplares impresos continúa diminuíndo, consolidando unha caída de case un 20 % no último lustro, e tanto a facturación como o número de exemplares vendidos aínda está lonxe da acadada no ano 2012, supoñendo unha diminución do 23,1 % (a prezos constantes 34,1 %), con respecto á do ano 2006.

No que atinxe a edición privada en Galicia e en galego os datos achegados por este avance son moi escasos. En todo caso expresan que en 2016 o número de títulos en galego (1.859) incrementouse nun 4,1 %, mais tendo en conta que non todos se editan en Galicia. Como tamén, a partir das porcentaxes do avance podemos estimar que a facturación das editoras galegas foi de 25,49 millóns de euros, o que supón unha diminución do 4,38 % con respecto a 2015, na que facturaron 26,66 millóns. Cifras que poden contextualizarse neste cadro, que elaboramos para unha intervención no Consello da Cultura Galega sobre a evolución do sector de 2003 a 2015.

Considero tamén salientables deste avance a resistencia que amosan tanto as librarías como as cadeas de librarías como canles principais da venda de libros (un 52,7 % da facturación de todo o sector) como a conitnuidade da crise do libro de peto, que nos últimos cinco anos reduciu practicamente á metade o seu volume de edición e facturación. Como non me deixa de chamar a atención que no actual proceso de hibridación, a pesar do incremento do número de títulos dixitais, diminuíse nun 2,8 % o número de exemplares vendidos neste formato, cuxa facturación de 117,19 millóns de € supoñen o 5,05 % da do sector, un incremento de 1,5 % con respecto a 2015, aínda que unha lixeira diminución da cota de hibridación, que nese ano foi do 5,11 %.

Datos que non son nin moito menos para botar foguetes sobre a recuperación do sector editorial, e moito menos en Galicia. No entanto, este primeiro repunte de facturación nos últimos cinco anos, como a capacidade de resistencia das librarias e a ralentización do proceso de hibridación dixital, son cuestións a ter moi en conta nas previsións do futuro do sector editorial.