Victoria Diehl

Entre a xeración de novos fotógrafos galegos formada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, ademais do meu admirado Fran Herbello, sempre me gustou o traballo da coruñesa Victoria Diehl. O seu libro Vida e morte das estatuas seméllame impresionante; outrosí sucede coa serie O corpo vulnerable, traballos nos que realiza unha revisión moi orixinal do patetismo da escultura barroca italiana.
Hoxe levei a alegría do día cando Victoria me confirmou que acepta o encargo de preparar a imaxe de cuberta d’ A cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil.

Arte con libros

O escultor australiano Nicholas Jones fai estas pezas a partir de libros. Os libros impresos, ademais de para ser lidos, poden ser transofrmados e moldeados como arxila?
Vía Alessandro Martins. A quen lle interese esta utilidade pode consultar outras anotacións sobre “arte con libros“.

Todos con Laxeiro

Onte acudimos ao chamado do escritor Carlos Reigosa e do pintor Antón Lamazares para asistir aos actos da homenaxe a Laxeiro en Lalín con motivo do centenario do seu nacemento. Sen dúbida, a xornada foi un éxito para os organizadores, xa que conseguiron unha completa presenza institucional de todas as administracións e dos tres partidos parlamentarios (a imaxe daquela mesa quedará para a historia) e unha numerosa presenza de pintores, escritores, xornalistas e editores, unidos todos pola admiración á figura xenial do pintor de Donramiro.
Primeiro celebrouse no Auditorio a homenaxe literaria e musical, logo un xantar de irmandade no Pazo de Bendoiro, onde o noso admirado poeta Carlos Oroza recibiu o premio anual que concede a viguesa Fundación Laxeiro. O concello de Lalín tivo o acerto de editar con motivo da homenaxe un facsímile do “Cuaderno de Arte Gallego” que José Ruibal lle dedicara a Laxeiro en 1951 e publicara en Pontevedra a editorial Benito Soto.
O acto da homenaxe, moi ben conducido por Reigosa, foi inusualmente interesante, pola calidade das intervencións dos nove participantes e polo magnífico peche musical de Xosé Manuel Budiño e Uxía Senlle (o seu himno azoriano “Quen mata a morte son eu” conseguiu emocionar ao auditorio dunha forma estremecedora). Abriuno Reigosa sinalando que a intención da homenaxe era reivindicar que os pintores galegos, coma Laxeiro, como tamén os escritores de noso, ocupen o lugar que lles corresponde tanto a nivel español como universal. Lamazares comezou unha intervención formidable trasladando unha mensaxe de adhesión de Leopoldo Nóvoa e sinalando que Laxeiro “o meu mestre, era a memoria da entraña da Terra”, para rematar coa lectura dun “poema ao xeu xeito” (magnífico!) no que reiteraba a imaxe de “Laxeiro unicornio único! / Ai, Laxeiro, bandido!”.
Continuou a quenda coas intervencións do pintor e crítico Luís Caruncho relatando unha memorable anécdota e de Isaac Díaz Pardo que falou das relacións entre Castelao e Laxeiro, artistas que compartían unha mesma cosmovisión do “do noso ser doce e macizo, resistente, coma a nosa arte románica, como somos os galegos”. Despois interveu de forma maxistral Ramón Villares que comezou contextualizando a figura do homenaxeado dentro da xeración do SEG ou “xeración inoportuna”, salientando que Laxeiro (como outros pintores coetáneos) souberon arraigarse na terra con vocación universal. Rematou Villares afirmando que “Laxeiro foi o pintor do trasmundo, do que está detras da apariencia, que explica o que non pode a racionalidade. A súa pintura do lusco e fusco é a expresión de sentido da xente do común”.
Mediado o acto (que duro máis de dúas horas), comezaron as catro intervencións institucionais. Primeiro foi a do alcalde José Crespo, moi satisfeito de que Laxeiro fose o punto de unión de todos no quilómetro cero de Galicia, mais aínda cando “Laxeiro é a mellor representación da ideosincrasia de Lalín: ser humildes e ao mesmo tempo sentirnos orgullosos do noso”. Despois chegou a de Rafael Louzán, presidente da Deputación, que salientou o que fixera a institución provincial apoiando a Laxeiro (foi becado en varias ocasións, o que lle permitiu a súa primeira estadía en París) e fixo unha interesante proposta de declarar o 23-F como “Día da Arte Galega”.

A intervención da conselleira de Cultura Ánxela Bugallo foi, con gran diferenza, a mellor dos catro parlamentos institucionais. Nun ton lírico moi ben manexado, comezou a conselleira recordando unhas declaracións que fixera Laxeiro en 1974 (“son apenas un gran de area da pintura galega”) para salientar que aquel gran se transformara nunha grande duna. Tras recordar o esforzo que se está realizando para editar o proxecto do catálogo definitivo da obra do pintor, rematou o seu discurso empregando a metáfora do granito como mellor expresión da importancia da obra laxeiriá: “o cuarzo como a forza, o feldespato como amalgama, a mica como o brillo”. Pechou as intervencións, o ministro César Antonio Molina cun discurso longuísimo (entendo que fóra do contexto do resto das intervencións) no que fixo un detallado estudo da obra do homenaxeado a quen definiu como “memoria permanente da Galicia estética”.
No xantar, xa noutro ton menos solemne, tivemos oportunidade de parolar con bos amigos e gozar dun señor cocido, como sabemos lle prestaba ao bo de Laxeiro. Volveremos, con seguridade, sobre a figura de Laxeiro, xa que neste ano están previstas outras importantes iniciativas (exposicións e publicación do catálogo completo da obra en tres volumes).

Actualización (25-02-2008): recomendo a crónica de Perfecto Conde.

Etiquetas:

"A neve do tempo"

Hoxe presentamos en Ourense A neve do tempo, un fermoso libro de arte froito da colaboración entre o escritor Alberto Pascual e o pintor José Antonio Ocaña. Para o crítico Juan Carlos García Alía, ambos os dous autores “forxaron un valioso libro de artista por cuxas páxinas despregan un fermoso espazo dual e equilibrado co que, a propósito do amor, a terra, a vida e a morte, as dúbidas, encamiñan ao lector ao goce analóxico de dúas artes orixinais que, en lugar de contrapoñeerse, se dan a man: os sentidos poemas de Pascual, e as suxestivas pinturas de Ocaña realizadas con lapis de cor, acrílico e impresións dixitais”. “A xa vedraña relación pintura-poesía, que clava as súas raíces na antigüidade, coas noticias reveladas por Simonides de Ceos (V a.C), Aristóteles (IV a.C.) ou Plutarco (II y I a.C.), patentadas na ut pictura poesis de Horacio (I a.C.); a inflexión do Laooconte de Lessing (1776), e a subseguiente ambivalencia sobre os límites interartísticos argumentadas durante séculos posteriores (Gombrich, Winesatt, Mitchell, etc.), renace nesta orixinal composición na que, como albisca Alfonso Palomares, o prologuista, lonxe do típico libro no que se ilustran uns poemas ou se rima a partir dunha iconografía, Ocaña e Pascual concatenan linguaxes autónomas nas que xurde harmonicamente un mesmo sentir nesta creación. Os propios artistas veñen conferir que este traballo, realizado de manera independente por cada un, conflúe ao xeito dunha percepción do visible e o sensible a través dunha vertente xánica –pintura e poesía–, cal virtual ambivalencia, mais cunha soa moeda: albiscar un retrinco de arte no que entre dúas verbas se desangra A neve do tempo.

Etiquetas:

"Fóra do sagrado"

Grazas a Marcos podemos coñecer na rede os grandes murais de Xoán Carlos e Xosé Luís de Dios sobre o perfil vigués que constitúen o fondo dos recitais de Fóra de sagrado de Anxo Angueira. Espectaculares, a verdade!

Finou Xaime Quessada

O pasamento do pintor e escritor Xaime Quessada entristece este fin de ano. Un dos máis importantes artistas galegos de sempre, o máis picassiano da xeración dos “artistiñas” ourensáns do Volter –un creador xenial, culto, xeneroso, combativo e desmesurado– Xaime abordou todas as linguaxes da pintura contemporánea, dende o realismo máxico inicial até a expresión cubista e non figurativa dos seus últimos traballos.
Como escritor son para min salientables tres das súas obras: Cuentos crueles, Lucenza e El recristo de Baraña, a alucinada novela de certo carácter autobiográfico, reeditada hai poucos anos (a primeira edición fora censurada) por Nova Galicia, a editorial galega de Carlos del Pulgar que máis se preocupou de divulgar a obra do pintor ourensán. Nova Galicia publicou ademais Quessada. Arte e liberdade, dous fermosos volumes (un dos premios do Ministerio de Cultura aos libros mellor editados de 2004) preparados por José Gómez Alén, que constitúen seguramente o mellor documento bibliográfico para coñecer a súa traxectoria humana, política e artística.
Como homenaxe a Xaime reproducimos a cuberta do máis recente libro de Xesús Alonso Montero onde se reproduce un dos seus murais guerniquianos, en homenaxe ao Sindicato Nacional das CC.OO. de Galicia, que nos autorizou a publicar de forma gratuita. Achegamos as nosas condolencias á súa dona Chus Blanco e aos seus irmáns Fernando e Antonio.
Actualización (04-01-2008): Necrolóxica de X.L. Méndez Ferrín.

Etiquetas:

"Vigo por Magar III"

Hoxe, acompañados polo alcalde Abel Caballero, presentamos Vigo por Magar III, un novo volume da serie de Magar, o fotógrafo da vida viguesa das últimas catro décadas.
Magar ofrece neste terceiro volume da súa celebradísima serie «Vigo por Magar», iniciada en 2002, outras trescentas instantáneas, panorámicas e retratos que contribúen a enriquecer a reconstrución da historia viguesa das últimas catro décadas. Empregando as mellores posibilidades que ofrecen as ferramentas do fotoxornalismo, Magar ofrece unha viaxe emocionante, entrañable e comprometida polos avatares dunha cidade hiperdinámica que durante este período remudou a súa fasquía e ampliou o seu perímetro converténdose no corazón da Galicia urbana contemporánea. Trescentos cartaces en branco e negro que densifican a memoria próxima de tres xeracións de vigueses e viguesas. No libro amósase o esforzo desta «cidade puro milagre», a dos obreiros nas factorías de Barreras e Citröen, a das pescantinas do Berbés, mais tamén a cidade que na rúa reclama os seus dereitos. Nin a presenza dunha longa galería de familias, alcaldes, concelleiros, empresarios, bancarios, comerciantes, xornalistas, médicos, empregados, escritores, músicos, escolares, taxistas, bombeiros, policías municipais, funcionarios, peñas de amigos ou de xentes de máis posibles. Nin se oculta a importancia do deporte nunha comunidade con vontade de cidade olímpica, sexan os fondistas do Celta, os regatistas de esnais e traíñas, os balonmanistas do Vulcano, os futbolistas modestos do Peñasco ou os derbis do Celta co Pontevedra. Este novo «Vigo por Magar»provoca, como os dous libros anteriores, un recordo compartido que non é pasado nin peza de museo para nostálxicos saudosos. Un libro vivificador e vigorizante para activar a memoria propia ou familiar da cidade que ten a fortuna de ser homenaxeada pola cámara de Magar.

Etiquetas: