Estatua de Oroza nas Avenidas

Unha das formas máis interesantes de afondar na calidade de vida dunha cidade e na súa autoestima para coidarse é mirar para as esculturas e murais instalados no espazo público. Algunhas desas pezas pasaron a ser iconas representativas da cidade. Pensemos no caso de Vigo no Sireno de Francisco Leiro na Porta do Sol ou nos Cabalos de Oliveira na Praza de España, que representan o Vigo de entre séculos, consolidado como capital urbana de Galicia. Patrimonio escultórico público vigués compartido, na maior parte das veces creado con intención conmemorativa, inventariado por Mercedes Bangueses Álvarez, actual presidenta do Instituto de Estudios Vigueses, en dous libros tan fermosos no visual como engaiolantes no literario: Catálogo. Bustos. Monumentos conmemorativos e placas de Vigo (IEV, 2022) e Escultura pública en Vigo (IEV 2025). Senllas obras que contribúen a poñer en valor este patrimonio, ao tempo que propoñen un paseo urbano cheo de pezas dispostas para o abraio da veciñanza e das visitantes. Miradas que, lendo a Bangueses, poden ser de temas tan diversas e sorprendentes, tan incitantes que conviden a novos paseos con propósitos específicos.

Velaí foi o meu caso co conxunto escultórico de Manuel Buciños, instalado na zona urbanizada onde durante décadas estivo a factoría Refrey en Bouzas, resignificado polo escultor de Carballedo nun sorprendente «Encontro imaxinario» entre Valle Inclán, Otero Pedrayo, Cunqueiro e Saramago, que convida a confrontar cada peza coas nosas lecturas. Un espazo literario creado polas esculturas, que conforman un xeito de estar e de ollar a cidade propia, tamén de presentala as visitantes. Noutras palabras, o Vigo literario non está constituído só por libros, bibliotecas e librarías, as esculturas e murais de temática lectora e literaria, por extenso monumentos e placas conmemorativas, achegan interesantes coincidencias que ofrecen a posibilidade de artellalas como itinerario. E no caso vigués, hai cerca de cincuenta pezas relacionadas co Vigo literario, concibido en toda a súa diversidade. Dende o monumento de Manuel Curros Enríquez, de Lorenzo Coullat Varela, promovido pola sociedade La Oliva, presidida por Manuel Gómez Román, e sufragado por subscrición popular, para ser instalado na Alameda en 1911, que sufriu as vicisitudes da ditadura, que en 1965 o agochou no Castro, baixo aquel espantallo do restaurante El Castillo. Pasando pola escultura do vendedor de xornais Manuel de Castro (2013) da rúa do Príncipe, feita polo xa falecido Jandro, membro do colectivo Nautilus, expoliada decote, que remite á necesidade de que a conservación deste patrimonio sexa compartida pola cidadanía e defendida polo concello. Até instalación máis recente, a de Domingo Villar (2024) nun dos bancos da Alameda, feita por Pedro Dobao, que convita a parolar co autor de Ollos de auga.

Un patrimonio literario de pedra ou bronce, onde están presentes todas as épocas da nosa literatura e tamén a evolución das formas arquitectónicas e escultóricas dos séculos XX e XXI. Eis a de Martín Códax e os trobeiros do mar de Vigo, no monumento de 1967 no Castro, unha pedra procedente de Monteferro, desgastada pola erosión do mar, a placa do Paseo do Cronista Álvarez Blázquez ou o monumento de Quessada (2006) no miradoiro (en perigo!) do Paseo de Afonso, a carón da Oliveira, en diálogo os tres co Pergamiño Vindel (1914), alfaia do noso patrimonio literario e musical. A dos Galeóns de Rande (1967) do arquitecto Desiderio Pernas, que no miradoiro do Castro dialoga co libro La escuadra de plata (1935) do cronista Rodríguez Elías. E a estatua de Rosalía de Castro (1995) de Armando E. Martínez en diálogo cos Cantares Gallegos impresos por Compañel no prelo da rúa Real nº 21. Ou, claro está, a escultura de Jules Verne de José Molares en diálogo co capítulo VIII de Vinte e mil leguas de viaxe baixo os mares.

Neste contexto vén ao fío a proposta da Asociación Évame Oroza de instalar nos xardíns da Laxe unha escultura en bronce de corpo enteiro de Carlos Oroza, que está finalizando Sergio Portela ecserá sufragada a tres partes, entre Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e a subscrición popular. Carlos Oroza, o noso poeta peripatético, autor de grandes poemas, como «Évame» e «América», editados con agarimo e precisión pola editorial Elvira de Xavier Romero, caligrafou cos seu pés un camiñar demorado por un Vigo insatisfeito, vangardista e demorado, coma tamén foi o seu poema oral. Oroza tras pasear a súa derrota, procurando a inocencia, a grinalda e o poema, fixo do paseo conversa e abrazo, lección moral e reflexión política intensa e fugaz. Merece que a súa palabra atope a súa forma en bronce. Merece formar parte do selecto catálogo de autores e autoras do Vigo literario en granito ou bronce.

Publicado en Faro de Vigo 20/09/2026

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *